Nesta nova sesión de “Libros con tapas” na tapería “O Cuco" (Pza. Paradela, Gondomar) estará con nós o autor, Bieito Alonso, e máis o director da editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, e o historiador Carlos Méixome. A presentación desenvolverase o mércores día 2 de outubro entre as 19.30 e as 20.30h.
A historia de Frank López —Francisco López García (1885-1967), natural de Bemantes, Miño— non é unha historia común, nin sequera dende os parámetros lexibles en que se moveron os anarquistas de orixe galega nos Estados Unidos. Mais, como escribir sobre alguén que apenas existe? Aínda así, pode resultar de interese a historia dun simple individuo para explicar a traxectoria transnacional dun movemento, como o dos anarquistas galegos, e peninsulares, que, localizado nos Estados Unidos, tamén estendeu os seus brazos pola súa contorna xeográfica, nunha sorte de intercambio propagandístico, financeiro e axitador que o mantivo vivo e vixente durante os primeiros trinta anos do século XX.
Bieito Alonso ofrécenos
en Inimigos ás portas. Frank López e o anarquismo global un
material de extraordinario interese que nos achega a unha desas moitas persoas,
nadas en Galicia, que desenvolveron un papel singular nalgún dos acontecementos
históricos máis relevantes do primeiro terzo do século pasado, como por exemplo
dirixente do Comité de axuda a causa de Sacco e Vanzzeti.