O rapto de Europa. Bronce de Xoan Oliveira |
Foron dúas premonicións. A
primeira, o venres. Unha amiga moi especial convidoume a xantar con motivo do
seu aniversario; ao entrar no restaurante baionés soaba o syrtáki, a danza de
Zorba, creada, en 1964, por Mikis Teodorakis. Un dos seus moitos éxitos. Anos
máis tarde, na metade dos oitenta, puiden escoitalo, en directo, asombrado, no
pavillón vigués de Castrelos, dirixindo un espectacular e numeroso grupo de
músicos, voces e coros suecos interpretando o Canto General de
Pablo Neruda. Ficaron para sempre na memoria as poderosas voces de Maria
Farandouri e de Petros Pandis e o numeroso coro, de entre o cal, erguidas por
mans nórdicas, emerxeu, como faro salvador, a bandeira
galega iluminada cunha estrela vermella no momento máis intenso do
concerto, xa cara ao final. A moitos quedounos gravada a imaxe daquel xigantón
de guedellas ensarilladas, vestido de pantalón e camisa preta, partisano
contra o réxime de Metaxas, os fascistas e os nazis; deputado da
esquerda; na clandestinidade contra a “ditadura dos coroneis”, detido, torturado, desterrado,
exiliado. Tras a caída dos “coroneis”, ministro nunha singular alianza contra o
PASOK, entre o centro dereita e os comunistas do KKE. Nos últimos
anos encabezou múltiples manifestacións contra o goberno heleno, as políticas
de austeridade e a troika; de moitas delas tivo que ser retirado
polo perigo que supuñan para a súa avanzada idade os gases
lacrimóxenos que guindaba a policía sobre as cabeceiras das manifestacións.
Por
certo que aquel concerto de Teodorakis como outro de Llach foran organizados
polo nacionalismo activo na cidade.
Hoxe,
domingo, 25 de xaneiro de 2015, pola mañá, como non podía ir votar pola Syriza,
fun dar unha volta polo que un día foi o magnifico areal de Samil e, segunda
premonición, os ollos batéronme, sen querer, cunha rotonda. Vigo e as súas rotondas!!!.
Esta ocupada polo bronce que representa unha muller cabalgando, non
podía ser doutro xeito ao ser o seu autor o finado Juan Oliveira, sobre un
touro e portando unha bandeira. A moza, de orixe fenicia, fora raptada por Zeus
mudado en touro branco, segundo a mitoloxía, ou polos minoicos, segundo
Herodoto. En calquera caso foi pousar a Creta e dicíanlle Europa. Como vemos
dende tempos recuados o asunto dos marcos entre Europa e Asia non estiveron moi
claros. Máis claro é que o que entendemos por cultura europea ou occidental
nace na Grecia arcaica e dun xeito evidente no período clásico e helenístico.
Somos europeos porque somos gregos. Collémoslles case todo, menos a relixión, e
así nos foi. O seu máximo deus era quen de transmutarse no que fose para
conseguir a muller que desexaba a pesar dos enfados de Hera. E agora a darlle
voltas ao pecado.
Somos
herdeiros daquela Grecia orixe de case todo, entre outras cousas do teatro e da
democracia. O amigo e compañeiro, profesor Fernando Pérez-Lozao traduciume hai
algún tempo un anaquiño da Suplicantes de Eurípides (339-463).
O Heraldo pregunta polo rei para anunciarlle a mensaxe de Creonte que goberna o
país de Cadmo (por certo irmán de Europa e fundador de Tebas). Teseo
respóndelle:
En primeiro lugar, deches comezo
en falso ao teu xuízo, estranxeiro
ao buscar aquí un rei: pois non é
gobernada
por un único home a cidade, senón
que é libre.
O pobo é o único soberano por
sucesivas quendas
anuais, e non se concede ao rico
o máis importante, senón que o
pobre ten igualdade.
E aínda máis adiante Teseo volve
replicarlle ao Heraldo do rei Creonte:
Nada hai máis adverso para un
estado que un rei
porque, en primeiro lugar, non
hai leis comúns,
e goberna un só, administrando a
lei el mesmo
para si mesmo: e isto de ningún
xeito é equitativo.
Ao estar escritas as leis, tanto
o débil
como o rico teñen igualdade de
dereitos (...)
Así
que con estas premonicións Grecia tiña que gañar para que poida existir unha
Europa democrática e social. Alexis Tsipras dicía, o 15 de maio de 2013 en
Zagreb, nun debate con Salovj Žižek e o mozo croata Srećko Horvat, que non
estaba tan seguro de chegar a ser primeiro ministro pero o que “si sei é que se
iso chegase a ocorrer nada sería igual nin en Grecia, nin na Unión Europea”.
Žižek vai máis alá ao afirmar que “o combate que Syriza está a librar é o
combate pola alma de Europa” e a alma é para o filósofo esloveno “a
idea do igualitarismo radical, da democracia radical, do feminismo etc...” e
non do imperialismo, do colonialismo e da escravitude. Conclúe Žižek
“porque se Syriza gaña e fai determinadas cousas, iso suporá o punto final de
determinadas visións conservadoras europeas”.
Tsipras
rexeitou tan pronto soubo que sería primeiro ministro o memorando e isto vai
levar a fortes tensións na UE. Pretende lograr apoios entre os países do sur, e
non só do sur, para convocar un Cumio Europeo dobre a débeda pública semellante
ao que tivera lugar en Londres en 1953 onde se lle cancelou o 60% da débeda a
Alemaña e aprobouse unha moratoria para o resto da débeda que estaba vinculada
ao crecemento da economía. E conclúe Tsipras: “Esta é a solución europea, a
solución que seguro non vai fallar. E se non é así, Europa non ten futuro”.
No
mesmo libro[1] do
que tirei as referencias anteriores recóllese un artigo do provocador filósofo
esloveno que titulou “Necesitamos unha Margaret Thatcher da esquerda”. ¿Pode
ser Tsipras o líder necesario para o novo ciclo que deixe atrás o que Krugman
denominou a “gran diverxencia” entre os ingresos dos máis ricos e os dos
traballadores?
Entre
nós, cando menos, tivo momentos de fugaz éxito. Todos (IU, Anova, BNG, Podemos)
apuraron a amosar os seus retratos co agora primeiro ministro grego. Só eran
fotos, infortunadamente. A lección política aínda non a aprenderon.
Grecia é a esperanza de Europa.
[1]Horvat,
S. e Žižek, S.: El sur pide la palabra, Los libros del lince,
Barcelona 2014; con prólogo de Alexis Tsipras
Ningún comentario:
Publicar un comentario