Escollín
o orixinal de Brueghel “O Vello” que inspirou o último debuxo citado,
simplemente porque ten máis cegos; aínda que tamén para “fardar” de
cosmopolita, que agora está moi ben visto; non vaia ser que alguén me poida
acusar de chauvinismo. Castelao coñeceu, no Louvre, unha copia do
mesmo, realizada por Brueghel “O Novo” e colou unha estampa do óleo no seu
“Diario, 1921”.O tema tirouno o pintor flamengo dunha parábola de
Cristo na que acusaba os fariseos de ser cegos que guían outros
cegos; pero se un cego guía outro cego, os dous caerán nun pozo.
Abundan,
nestes tempos farisaicos, persoas, en especial entre as elites financeiras e
políticas, as culturais hai tempo que non pintan nada, que non queren ver
e, xa se sabe... non hai peor cego que o que non quere ver.
O
primeiro cego da ringleira camiña dando tropezóns e ameza con guindar con todos
no fondo do pozo. A Alemaña merkeliana insiste en desintegrar a Unión Europea.
Coa política de recortes, que os gregos ameazan con estouparlle nos fociños,
pero sobre todo co sometemento á política imperial.
A
cegueira non deixa ver que Europa está en guerra, nun escenario ben máis
perigoso que o balcánico dos anos noventa do pasado século. Na última fronteira
rusa. Repasemos. Despois da integración de España na OTAN (1982) o mapa militar
europeo evolucionou deste xeito: en 1999 incorporáronse á alianza militar:
Hungría, Polonia e a República Checa; en 2004: Bulgaria, Eslovaquia, Eslovenia,
Estonia, Letonia, Lituania e Romanía; en 2009: Croacia e Albania. Xeorxia xa
aprobou a incorporación en 2008, Macedonia só agarda unha cesión de Atenas na
cuestión do nome. Nese mesmo ano foi presentada en Bruxelas a solicitude de
adhesión da Ucraína que deberá ser sometida a referendo.
A
Rusia de Putin hai tempo que deixou de ser o apampado oso de Ieltsin e
recuperou o voar da aguia imperial. O oso ameaza con espernexar e daquela o
mundo pode tremer. Así aconteceu na historia contemporánea europea.
Necesítase
algo máis que uns cantos obuses para debilitar a Rusia. Nese labor
puxéronse en marcha tres mecanismos: as sancións económicas; un
goberno satélite en Kiev e a guerra de propaganda. As sancións son máis ou
menos coñecidas; entre elas a redución do prezo do petróleo que afecta de modo
decisivo ás exportacións rusas, unha das súas máis importantes fontes de
financiamento, e de paso créalles serias dificultades aos países hostís
(Venezuela e Irán), mentres a potencia imperial protexe a familia Saud, a máis
odiada en Oriente Medio, a cambio de manter a solvencia dos petrodólares sen os
que o dólar colapsaría como reserva internacional e con el a economía do país
coa maior débeda, e absolutamente impagable, do mundo que son os Estados
Unidos.
A
actual ministra de Finanzas en Kiev é unha cidadá norteamericana, ex-
funcionaria do departamento de Estado que obtivo a cidadanía ucraína uns días
antes de asumir a carteira ministerial e ata daquela presidía varias empresas
norteamericanas creadas para actuar na Ucraína.
Os
grandes medios e os seus xornalistas están sendo premidos para difundir todo o
que lexitime a provocación occidental e ocultar o que a cuestione. “Provocar a
Rusia é unha temeridade”, afirmou o vello raposo Henry Kissinger. Os grandes
medios non recolleron as súas palabras.
Alemaña
non quere ceder ante Grecia polo que sucedería en Portugal, España, Irlanda,
Italia... EE UU, coa complicidade da UE, ameaza a Rusia para mandarlle avisos a
China... e a outros. Oriente Medio e o norte de África estoupando polas
esquinas, Turquía ameazante. Imaxinan un ruso de Ministro de Finanzas en Atenas?,
ou os alemáns sen gas para cocer as salchichas?
Os
falsos cegos non queren ver.
* A Peneira, segunda
quincena de febreiro de 2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario