![]() |
“El grito”
Hermenegildo Sosa
Óleo sobre tela
130x90
|
Chamoume a atención o óleo que
ilustra estas liñas. O autor, Hemenegildo Sosa, un pintor nacido (1946) no
estado de Tlaxcala, no corazón do México insurxente que nos narrara John Reed1 antes de relatarnos os dez días que
abalaron o mundo. Sosa é un paisaxista recoñecido, en principio afastado do
expresionismo de Munch de quen tomou o icónico título.
Observen a vella raposeira en
tétrica, escura e deserta paisaxe; horrible, deforme, coas cuncas baleiras,
emitindo un berro, non de angustia, como na célebre obra do expresionista
noruegués, senón un brado ameazante, coa desdentada boca aberta coma un
histrión; cos raios solares partidos, o lume apagado e o libro das leis
desaparecido.
Daquel emblema que sufragou a
Francia republicana para agasallar a nova nación no primeiro centenario da súa
independencia o pintor elaborou un símbolo da permanente deturpación da
democracia americana. Un zombi ameazante, apouvigante, coercitivo, bruante,
destrutor... “A vella matrona co seu “ice cream cone” na man”, escribiu
Castelao, xa non pretende seducir con ofertas de consumo, con promesas de
reprodución das forzas produtivas; agora o imperialismo é un parasito
depredador que persegue saquear os recursos naturais, ata o seu exterminio, e
os mercados periféricos, para soster as taxas de ganancia.
Barack Obama berrega un
“Decreto Executivo” no que considera que a situación en Venezuela, incluída a
do Goberno, “constitúe unha ameaza inusual e extraordinaria para a seguridade
nacional e a política exterior dos Estados Unidos”. Onde están os mísiles,
avións de combate, buques de guerra, forzas especiais, axentes secretos ou
bases militares venezolanos? Todo isto teno o goberno de Washington no Caribe.
Quen ameaza a quen?
Non hai moito segredo no
asunto. A vella meiga chuchona quere seguir zugando das submisas parentas do
sur. Os EE UU mercan sesenta de cada cen barrís de petróleo que consomen. Non é
o mesmo que o subministro veña dende o Medio Oriente, a mes e medio de
distancia, que dende Venezuela, a só catro ou cinco días. McCain, o candidato
republicano fronte a Obama en 2008 e actual senador, díxoo hai algún tempo
(febreiro, 2014): “EE UU debe enviar tropas de inmediato a Venezuela. Debemos
garantir o fluxo do petróleo” (http://www.critica.com.pa/mundo/317969).
Non deberían enganarse as
persoas con criterio. O que vén acontecendo non é máis cá creación dun
escenario para lanzar unha agresión militar despois do fracaso de reiteradas
tentativas golpistas e outras accións desestabilizadoras, nun perigoso marco
que algúns analistas denominan “guerra global” que neste recén rematado mes de
marzo deu un salto cualitativo. As ameazas a Venezuela, o xogo subterráneo no
Brasil, as manobras militares en países fronteirizos de Rusia, a guerra na
Ucraína, a presenza militar no Mar Negro, súmanse ás vellas guerras imperiais
no Iraq e no Afganistán e ás novas de Siria, despois de dar unha volta por
Libia. É a militarización do neoliberalismo.
Ninguén fala disto? Será cousa
de apocalípticos? O Papa Francisco advirte que vivimos unha terceira guerra
mundial combatida “por partes”
As tácticas experimentadas no
73 en Chile, destripadas por Naomi Klein2
en 2007, póñense en marcha unha vez máis. Venezuela convértese nunha ditadura
(aínda que o chavismo gañase 18 das 19 consultas electorais, supervisadas por
organismos internacionais con personalidades como Jimmy Carter); nun país sen
liberdade de prensa (aínda que o 80% dos medios estean en mans privadas, da
oligarquía venezolana, que conta ademais cos medios de comunicación de maior
difusión de Colombia, Arxentina, España ou EE UU); no que Maduro encarcera
opositores (aínda que isto sucedese por pretenderen derribar o goberno de forma
violenta); e nun un país abondoso en petróleo pero que carece de alimentos
(como se non houbese manobras para baixar os prezos do cru, provocar a escaseza
de alimentos ou produtos de primeira necesidade, volvemos ao Chile de Allende).
Pola contra temos que esquecer
que dende o comezo do século a pobreza pasou do 49% ao 27%; a desnutrición do
13,5% ao 5%; o desemprego do 16% ao 7%; que Venezuela ficou libre de
analfabetismo e é o segundo país de América Latina en número de universitarios
no que millóns de persoas, que antes eran só indios, fixéronse “visibles”.
Podemos
simpatizar máis ou menos cos xestos ou dicires de Chavez ou de Maduro; podemos
pensar que un e o outro son uns bufóns; podemos discrepar do seu modelo
educativo; podemos non entender a súa política internacional... pero non seguir
admitindo ameazas, medias verdades, mentiras descaradas, ás veces co único
basto fin de desgastar posicións políticas de esquerda.
A firme posición internacional
tanto dos aliados máis comprometidos de Venezuela, agrupados na ALBA (Bolivia,
Cuba, Dominica, Ecuador, Granada e Nicaragua), como da UNASUR e sobre todo de
China e Rusia fixeron recuar a administración norteamericana que dous días
despois, a través dunha funcionaria, pretendía aclarar o decreto presidencial.
Que a delirante paisaxe soñada
por Sosa non se estenda baixo os pasos da vella meiga chuchona.
1Xornalista norteamericano autor de “México insurxente”,
sobre a revolución mexicana (1910), e de “Dez días que abalaron o mundo”, sobre
a revolución rusa de outubro de 1917. O seu foi un xornalismo a pé de obra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario