O carballo do quinteiro / A. Castelao /
Período 1922/1929 / 38x55,50 cm. / Sala permanente. Museo de Pontevedra |
Tamén entre nós hai variedades de quercus, o común, o cerquiño, o albar, o caxigo, nos últimos tempos o americano... en fin, a sobreira dos nosos vales oceánico-mediterráneos, ¡un día ollei o sobreiral do Arnego dende un curuto de corvo!, é do mesmo xénero ao igual que a aciñeira, a cuxa sombra, dunha “que já não sabia a idade”, xurou, o Zeca, ter por compañeira a vontade de Grândola, terra da fraternidade, a verba ou verbo do que tanto gustaba o carballo dobre que era Francisco Carballo Carballo.
Nin
Paco, nin Francisco, para nós era “O Carballo”, só “ O Carballo”, que acollía a
todos, como o carballo do quinteiro de Castelao. Con quen sempre podías contar:
para presidir a Cultural ou Promocións Culturais, para un ciclo de conferencias
de historia ou botar un mitin, para a conversa privada, para a reflexión
ideolóxica ou para que nos representase como colectivo...
Vén de deixar un oco na memoria das persoas e da
nación. Finou en Salamanca o pasado 29 de novembro. Foi soterrado en Asadur,
onde nacera en 1925. Mente analítica, sintética, conceptual, brillante,
contundente, provocadora... Xesto acolledor, de sorriso permanente e espontánea
gargallada. Así era o crente, cristián e paúl que quixo que o incinerasen, a
súa última provocación.
Regresei
a algúns dos seus libros e por riba de todos ás súas conversas con Santiago
Prol e Xan Carballa, publicadas a comezos do 2002.
Entresaco:
“Hoxe o socialismo histórico e o comunismo fracasaron
pero a inspiración non. Hai que crear unha alternativa a ese capitalismo
salvaxe e pódese chamar socialismo. Non temos ningunha experiencia mundial,
temos o fracaso histórico das formas que adoptou, tanto a comunista como a
socialdemócrata, na que queda unha levísima esperanza. Pero non nas formas que
adopta a terceira vía, a terceira esquerda, o liberalismo libertario... puro
artificio lingüístico. Hai que crear unha alternativa seria de igualdade, de
paz, que estaba nos pensamentos filosóficos con Marx e despois de Marx(...) Ás
veces escribo que o nacionalismo galego debe reelaborar esas cuestións, porque
a socialdemocracia non é satisfactoria. (p. 77)”
“Para min é determinante a decisión de Bóveda e
Castelao para darlle a Galiza unha capacidade de autodeterminarse. Outros non
aceptan a autodeterminación. Pensaban en mellorar Galiza, facela parte do
suxeito España e mandar dentro dese suxeito político cunha parte alícuota. Para
Castelao e Bóveda Galiza é suxeito per se, ten que andar por si. Esa era a
diferenza, e esa segue sendo en certo sentido. Os que din “somos unha nación, temos que dende Nós poñernos ao día, estamos conectados
xeográfica e historicamente cun mundo nos que nos interesa apoiar e estar
apoiados”, e outros din: “somos parte dun conxunto no que nos movemos,
el é o sol e nós os satélites”. ( p. 145)”
“Penso que unha nación pode exercer a súa soberanía
nun estado que abrangue varias nacións e en formas supraestatais (...) O
nacionalismo como praxe política pode convivir con formas diferentes da
independentista. O nacionalismo non leva sempre á reivindicación dun estado
propio (p. 156)”
“(...) o
proceso de avance dos grupos subalternos ten que aproveitar todas as
oportunidades de facerse con espazos fronte á hexemonía do poder. ( p. 159)”
No
acto de recoñecemento que organizou o concello de Maceda o pasado 27 de
decembro Xavier Vence lembrou unha frase, moi do Carballo, directa, concluínte:
“Sobra ortodoxia e falta ortopraxe”.
Como cando o coñecín, hai trinta é cinco anos, a expresión política da nación cidadá sofre unha profunda crise, por erradas decisións políticas e pola fragmentación, ás veces cainita. Cómpre o tino e sabedoría de varios Carballos para recompoñer a expresión política da nación. Non temos moito tempo.
Como cando o coñecín, hai trinta é cinco anos, a expresión política da nación cidadá sofre unha profunda crise, por erradas decisións políticas e pola fragmentación, ás veces cainita. Cómpre o tino e sabedoría de varios Carballos para recompoñer a expresión política da nación. Non temos moito tempo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario