luns, maio 04, 2026

Árbore arriba. Memoria das orixes

 

 


  Este venres 8 de maio, ás 20h. na Biblioteca Municipal de Nigrán estaremos, xunto con Juan González, alcalde de Nigrán, acompañando ao noso amigo Xosé María "Pepe" Álvarez Cáccamo para presentar a súa última publicación Árbore arriba. Memoria das orixes (Alvarellos, 2026).

    A memoria familiar, a partir do feito traumático do asasinato, en 1936, do seu avó Darío Álvarez Limeses, é un dos eixes da creación literaria de Pepe, tanto na súa intensa e extensa obra poética como narrativa como en Memoria de poeta (Galaxia, 2006), Tempo do pai (Galaxia, 2008) e dun xeito indirecto na novela As últimas galerías (Galaxia, 2015).

    Talvez con esta última achega, gabeando pola arbore da súa estirpe  ata as pólas dos seus oito bisavós e bisavoas, culmine este proxecto literario tan persoal. Pepe, de xeración en xeración, vai tecendo o relato das singulares peripecias vitais dos devanceiros apelidados Cáccamo, Ambrosino, Frieben, Zimmmermann, Blázquez, Ballester, Álvarez e Limeses, a carón das fotografías que os identifican.

    Por se tedes vagar para acompañarnos neste percorrido por unha das familias, os Álvarez, de permanente vocación literaria, cando menos dende mediados do século XIX.


luns, abril 27, 2026

Trouxemos o Avieiro a Gondomar

 


E estivemos ben acompañado, polo editor, Xosé Manuel Soutullo e  Gonzalo Navaza, autor do limiar. Beizón.


Agradecido a tantos amigos e amigas que nos acompañaron e en especial aos que aguantaron de pé.



Os amigos de ollomolaudiovisual.com tiveron a xentileza de deixar constancia fotográfica e audiovisual do acto.

Para os que queiran saber que é o Avieiro ou de que vai o libro, e teñan tempo, déixovos o enlace https://youtu.be/7IPRvWqb10s

 

Foi no Cuco, na Paradela de Gondomar.



sábado, abril 18, 2026

Casás-Código Cupim

 



O próximo martes 21 de abril, ás 19:00h no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO) na rúa do Príncipe terá lugar a presentación do libro do amigo artista Fernando Casás no que participara tamén o noso amigo Xosé María Álvarez Cáccamo.

É un conxunto de 50 poemas de sustentados nunha obra do artista Código Cupim, composta por unha serie de placas de madeira resultado dun longo proceso de matinación e elaboración entre 1965 e 1987.

Déixovos o programa do acto por si é do voso interese.



martes, abril 14, 2026

No corazón do Avieiro

 


         


Esta mañá achegámonos á casa do concello do Carballiño para informar á prensa da presentación publica de Polo Avieiro de don Emilia. Será no casino do Carballiño o próximo xoves 16 de abril, día de feira, ás 20h. e estaremos magnificamente acompañados por Xosé Manuel Soutullo, director da editorial Galaxia; Gonzalo Navaza, autor do limiar e o carballiñés de nación Felipe-Senén López ademais do alcalde Paco Fumega.

         Tirounos a foto, xunto a Diego Fernández, concelleiro de Cultura, o amigo Felipe Gallego.

         Déixovos dous enlaces coa nova. Na da Cope, pódese escoitar unha breve entrevista.

         Por se vos presta. Graciñas.

https://badalnovas.com/2026/04/14/carlos-meixome-recupera-a-memoria-historica-do-carballino-en-polo-avieiro-de-dona-emilia/

https://copecarballino.es/novas/carlos-meixome-publica-polo-avieiro-de-dona-emilia-un-libro-que-nos-leva-o-carballino-dos-anos


luns, abril 06, 2026

Gonzalo Navaza conversa con Xosé Mª Álvarez Cáccamo e Xavier R. Baixeras

 



   O venres dez de abril, ás 20h. na Aula de Cultura Ponte de Rosas do Instituto de Estudos Miñoráns (Avda. da Feira 10 baixo, Gondomar)os poetas Xosé Mª Álvarez Cáccamo e Xavier Rodríguez Baixeras conversarán co profesor Gonzalo Navaza sobre as súas  antoloxías poéticas bilingües, publicadas pola editorial Dilema: Memoria. Poesía selecta 1981-2023, de Baixeras e Catro décadas. Poesía 1983-2023 de Cáccamo que, ao tempo recitarán algúns textos.



luns, febreiro 23, 2026

Crónicas transatlánticas. De cinza e sal. Presentación na Biblioteca de Nigrán o xoves 26 de febreiro

 


    Galicia é territorio de emigración. Nigrán tamén, mesmo de éxito, o máis salientábel  o de Manuel Lemos, outros triunfadores que axudaron xenerosos en dotar ao Val de Miñor de educación selecta na "Escuelas da Unión Hispano-americana Pro Valle Miñor" e tamén de, moitos máis aínda, esquecidos. A maioría deles procuraron na identidade territorial galega, nos centros galegos como o noso do Val de Miñor, os necesarios apoios e as precisas relacións sociais. Mais houbo outros emigrantes galegos que procuraron apoios e relacións na identidade de clase proletaria, en moitas ocasións como afiliados, creadores e dirixentes de sindicatos obreiros ao longo de todo o continente americano.

    En cubrir este oco na investigación da emigración galega centrase o xa delongado traballo historiográfico de Bieito Alonso do que nos achega unha atinada síntese nestas Crónicas trasatlánticas. De cinza e sal (Laiovento, 2025).

Para descubrir este oco nos estudos migratorios galegos, do outro, o da muller na emigración, aínda nada sabemos, estará con nós o autor na Biblioteca Municipal o xoves 26 de febreiro ás 19h. acompañado polos tamén historiadores Carlos Méixome e Juan González.

Estas son historias de emigrantes. Crónicas de emigrantes,  traballadores apenas cualificados que exerceron a súa ocupación laboral en condicións de grande dureza, en ámbitos de explotación e discriminación. Eran traballadores marítimos. E, máis do que nos puidera parecer, algúns deles tamén exerceron como sindicalistas, como verdadeiros líderes sociais desa clase de traballadores desposuídos e abandonados. E, por suposto, a súa memoria permaneceu oculta. Tan oculta como era a existencia dos fogueiros, sempre entalados por baixo da cuberta, como homes-máquina que acompasaban o seu ritmo vital coa cadencia das caldeiras, dos motores e das ordes que viñan de enriba.

    Agardámosvos por si vos presta

 

 

Obra de Fernando Casás no colectiva do Museo Gaiás

 

O amigo Fernando Casás participa na exposición colectiva "As estacións do ano na arte galega séculos XX e XXI" coa obra "Unha re-lectura de Planta 06 / Couve Galega". Achego o convite da inauguración por se alguén desexa asistir e sobre todo a nova para aquelas persoas que desexen acudir a exposición do Museo Centro Gaiás entre o 26 de febreiro e o 6 de setembro de 2026.

https://mail.google.com/mail/u/0?ui=2&ik=a00fbfd55a&attid=0.1&permmsgid=msg-f:1857857089088787171&th=19c86f2dde9412e3&view=att&zw&disp=inline