xoves, agosto 16, 2018

Máis nomes de cidades*


Referinme en colaboracións anteriores  a diversas mudanzas no nome de cidades ou vilas, polo que poderiamos chamar “exceso de historia”´. Hai uns días referiámonos a San Petersburgo ou Istambul. Tamén podería ser este o caso da cidade de Tsaristsyn, onde se xuntan o río Tsaritsa e o Volga; así denominada durante catrocentos anos.

Seica o nome de río, e da cidade, provén do tártaro; de “sary su” que se podería traducir como “auga amarela”. Debía ser a a súa cor natural; aínda que pola historia acaeríalle mellor "auga vermella”. As matarifadas que se fixeron nas súas beiras foron tamén excesivas.

A primeira de soa foi baixo o reinado do segundo dos Romanov, Aleixo I, cando se “fixou” aos servos á terra, permitiuse a súa persecución durante 15 anos e autorizouse a súa venda ou cesión. Os motíns estendéronse por todas as Rusias, pero esta area foi o centro da revolta encabezada por Stiepán Razin, quen proclamou a República cosaca e aboliu a escravitude. Entre cosacos e boiardos tinguiron de vermello os dous ríos. Cento e pico de anos despois (1773) os cosacos do Don volvéronse erguer contra o imperio, agora encabezado por Catarina A Grande e o sangue volveu empapar a terra.

Cento e poucos anos máis tarde os exércitos de cores asolaron as terras chás entre Don e Volga. O negro dos anarco-comunistas; o branco da aristocracia, menxeviques e outros; o verde dos campesiños e aliados e o vermello dos bolxeviques. A terrible guerra civil endureceu os corazóns e a cidade mudou de nome para homenaxear o conquistador da cidade, Stalin.

Non tiveron moito tempo para reconstruíla. Neste enclave estratéxico concentráronse as forzas do exercito vermello para deter o avance das tropas alemás, italianas e romanesas. A batalla de Stalingrado pasa por ser unha das máis terribles e prolongadas da historia, iniciouse o 21 de agosto de 1942 e rematou o 2 de febreiro de 1943. O 90% da cidade eran ruínas, sobre dous millóns de mortos ficaron na “cidade heroica”. O 29 de novembro de 1943  Winston Churchill, en presenza de Franklin D. Roosevelt, fíxolle entrega a Stalin da longa espada gravada e engalanada de xoias que o rei Xurxo VI mandou forxar en homenaxe aos defensores da cidade, entre os que acadou sona o francotirador Vasili Záitsev que Jude Law popularizou no filme de Jean-Jacques Annaud, Enemy at the Gates.

Os libros de historia, a literatura, o cine, os videos-xogos manteñen vivo o nome de Stalingrado, aínda que só se denominou así entre 1925 e 1961. Tras a desestalinización trocáronlle o nome polo de Volvogrado, a cidade do Volga. Durante os anos oitenta do pasado século houbo certos intentos de retornar ao nome heroico; mesmo na actualidade hai un ruxe-ruxe fundado en que polo mundo adiante a xente sabe ben onde é Stalingrado, pero non tanto que a cidade presidida pola estatua da Nai-Patria se chame Volvogrado.

O que non deixou foi de azoutala o vento da guerra en forma de atentados suicidas en 2013.

Publicado en Novas do Eixo Atlántico, agosto 2018

Ningún comentario:

Publicar un comentario