Levo uns días con gran peso
entre as mans e enorme fartura no espírito. Dígoo porque ando ás voltas coas
1.331 páxinas do primeiro tomo da biografía de Castelao coa que Miguel Anxo
Seixas agasallou as xentes da nación ferida. A cousa non fica aí, pois a
editora (Galaxia) e mais o autor anúnciannos dous volumes máis que atenderán as
dúas últimas décadas do rianxeiro, que para os agoniados, coma min, pola nación
esvaradía, son os de máis interese, os de maior intervención política. O primeiro
dos que virá, que é o segundo tomo, abranguerá de 1930 a 1940, isto é, dende os
albores do Partido Galeguista ata a derrota da República democrática na guerra
de España. O derradeiro volume tratará dos deambulares no exilio, persoal e
político, dos meses de ministro en París e de acollida bonaerense na pretensión
de asistir a respiración da nación. Haberá que agardar pois a súa publicación
pois o traballo está feito en forma de
tese de doutoramento presentada no seu día na universidade compostelá.
O primeiro volume da
biografía do construtor de nación, supoño que nos dous que agardan Seixas
seguirá o mesmo modelo, é unha especie de anuario no que se vai debullando a
vida do biografado dende o nacemento, 1886, ata 1930. É evidente que tantas
páxinas non se enchen con datos referidos ao protagonista, a súa familia e mesmo o amplo
circulo de amizades de quen dende novo tivo unha intensa vida social, polo que
Seixas nos ofrece, de paso, un retrato da sociedade galega, das súas clases
sociais, das súas elites intelectuais e mesmo breves historias contemporáneas
dos “locus amoenus” castelaoistas a comezar por Rianxo, a Pampa e Pontevedra; todo
a través dun denodado esforzo de desentrañamento documental e unha excelente e
minuciosa recuperación hemerográfica que non só deixa manifestas as habilidades
historiográficas do autor senón os anos, de vinte fálase, que o biógrafo leva escavichando na
vida, obra e tempo do biografado.
Como é evidente foi nestes primeiros
44 anos da vida de Castelao cando se forxou a personalidade de quen rematará
por se converter no gran mito da construción nacional. Vida curta que non puido
poñer o ramo á súa obra. “Xa estamos fartos de arqueólogos, agora fannos falta
arquitectos”, escribiu no artigo en 1918. Aí estaba a xurdir o Castelao
construtor da nación. O prendido do pesado e potente motor diésel ou os
primeiros pasos do lento boi pousón capaces de turrar da nación con constancia
e sen diletantismos. No mesmo ano 1918 aquel home que participara da política
conservadora do maurismo, da visión dunha Galicia reflectida nas páxinas reaccionarias
de Vida Gallega, “renego da miña
primeira mocidade”, escribiu, afástase do tradicionalismo para afirmar que
“cómpre que as nosas xentes non vexan a política no noso ideal, inda que, dende
logo o noso ideal é político” ou para preguntarse se cando chegue o bolxevismo
este o fará en galego ou para comprender as reticencias do vello anarquista
cando lle reclama o voto ou cando “optimista enxebre”, así titulou o artigo, confía
tanto na medra xeométrica do movemento galeguista como na galeguización das
cidades, “traballo doado”, onde florecerá a cultura galega. A esta altura
Castelao está xa ben afastado tanto do conservadorismo como do tradicionalismo sendo
capaz de propoñer o diálogo coas ideoloxías máis avanzadas no social e coas
poboacións urbanas consideradas por moitos galeguistas como a anti-nación.
Castelao non foi o máis
brillante intelectual da súa xeración, nin un gran pintor, senón un excelente
caricaturista e creador dun estilo, particular, identificable, baixo o lema “As
palabras han ser contadas e ben pensadas”. Non era nin o torrente oteriano, nin
o requintado espírito risquiano, nin procedía da fidalguía minorada;
senón que é un modelo ideal de compromiso, de honestidade e entrega que ollou,
intuíu, elaborou, un proxecto galeguista que o empurrou a abandonar o seu
proxecto vital de artista para converterse no dirixente político da nación
galega, no mito, por riba de Rosalía, e transmitirnos o traballo cumprido, sen ter a satisfacción
de ver a obra rematada. Logrou, xunto con todo o galeguismo progresista, a grande
obra do país, conseguir o estatuto de Galicia, sabendo dialogar, pactar e
renunciar para acadalo. Logrouno e deixóunolo.
E as elites políticas
galegas cando puideron usar o trebello, ben é certo que con décadas en hibernación, que eles construíran non souberon que facer
con el. Uns porque xa non crían no instrumento, tras décadas de violenta obsesión
unitarista, e moito menos no modelo de honestidade a el asociado. Tampouco as
elites nacionalistas, enmarañadas na dialéctica da transición e nas ideoloxías
universais do momento souberon deseñar un proxecto propio que continuase a
obra. Infelizmente coido que seguen, ás probas me remito, sen ter claro o
proxecto: acadar unha maioría para construír o pais, coas alianzas necesarias,
dende o goberno que Castelao e os seus nos legaron.
E o bacallau? Unha anécdota.
Como vía tan pouco, para camiñar pola rúa apoiaba a man sobre o ombro da súa
muller Virxinia e esta presentábase: “Aquí veño co bacallau de Escocia”. Aquel
reconstituínte do que tan pouco gorentabamos os rapaces da miña xeración. E que
tanto ben lle faría hoxe ao país.
*Publicado
en A Nova Peneira, xuño 2019
Ningún comentario:
Publicar un comentario