Resumo:
Xabier Alonso Salgueiro, un mozo dunha aldea dos arrabaldes vigueses que con 16
anos, na segunda metade da década dos sesenta do pasado século, comezou a
traballar no estaleiro vigués de Barreras. Alí fraguou a súa conciencia
antifranquista, democrática e de esquerdas. Incorpórase a CC OO e ao PCG. En
1971 préndeno nunha manifestación portando unha bandeira galega. Na
reelaboración imaxinada do movemento obreiro nacionalista converterase no “mozo
da bandeira”. Torturado e encarcerado, posteriormente readmitido no estaleiro,
falecerá nun tráxico accidente laboral. Na segunda metade dos anos setenta e na
década dos oitenta desenvolverá unha intensa actividade social e municipal no
seu concello natal, Gondomar, que deixará unha forte pegada.
Abstract
Xabier Alonso Salgueiro, a boy from a place near Vigo,
began to work in Barreras, one of
Vigo’s shipyards, between 1965
and 1970, when he was 16. There he forged his anti-Francoist, democratic
and leftist awareness. He joined CCOO
and PCG. In 1971 he is arrested by the
police during a demonstration carrying
a Galician flag. In the imagined re-elaboration of the nationalist
workers movement, he had become “the boy of the flag”. He was tortured and imprisoned, and, later, reinstated into the
shipyard. Finally he died in a tragic labour accident. In the second half of
the ‘70s and in the ‘80s he developed an intense social and municipal activity
in his municipality of birth, Gondomar, where he left a long lasting
impression.
1.-
O roxo de Regodauga
Javier Alonso Salgueiro. O mozo de bandeira |
É
moi probábel que nunca ouvise falar de Joaquín Miguez Ledo[1],
presidente do sindicato de oficios varios de Gondomar, fusilado o 24 de outubro
de 1936, ás catro da tarde, contra as tapias do cemiterio vigués de Pereiró. Ata é posíbel que non tivese noticia de
Cribeiro ou Fraiz[2], os
mestres afiliados ao Partido Comunista en 1932; o segundo, tamén tráxica, e especialmente
dramática, vítima dos militares sublevados. Ao mellor escoitou falar en
palabras baixas dos Nove[3]
que mataran en Baredo ou quizais sabía que algo lles pasara aos seus co-parroquianos
Abilio Araúxo e Manuel de Lucinda[4].
Non
era daquela xeración aniquilada; nada sabía da esperanza da República, nin das
loitas agrarias e obreiras anteriores, mais, como moitos outros mozos da súa
idade, foi o seu continuador, choutando por riba dunha xeración intermedia
premida polo terror dun réxime enchoupado en sangue ata dous meses antes da
morte do ditador e mesmo despois do seu soterramento glorioso na cripta de
Cuelgamuros.
Cando
veu ao mundo, no verán de 1951, na gondomaresa parroquia de Chaín, o Val Miñor,
agás algún cativo espazo costeiro reservado para o turismo familiar dos
beneficiados ou acomodados ao réxime, era un territorio de subsistencia aldeá, de
periferia urbana no que se conxugaba a tenza dunha vaca, cun chisco de millo,
unhas poucas patacas, uns cabazos de viño, unha hortiña e algúns animais miúdos,
coa procura dun traballo nos serradoiros, nas panaderías,
no arranxo de estradas, na construción, nun taller na cidade ou, con sorte,
andando o tempo, nunha empresa do naval ou na Citroën.
Naquel
Chaín de prolongada miseria posbélica, de illamento internacional, coa espita de América aberta pero a de Europa
aínda pechada, nacía, Javier, o segundo dos catro fillos de Alcira e Guillermo.
Compartían o cativo fogar cos campos de labor e as amplitudes montesías, botándolle unha man á
nai, xogando ao fútbol na estrada, bañándose na levada e agochando os segredos nos
escondedoiros do monte.
Javier,
“Sito”, “o roxo de Regodagua”, un rapaz como os demais, un pouco traste, que
gustaba das festas, de falar coas mozas e de, a algunhas, escribirlles poesías
con letra dereitiña e limpa.
Xunto
ao seu irmán maior, Manolo, troupeleaba camiño de Gondomar para pillar o
tranvía ata Nigrán onde andaban a preparar o “ingreso” no bacharelato. En maio
de 1964 superouno, segundo certificou o secretario do Instituto de Vigo, Rufo
Pérez González. Os irmáns prepararon o curso “por libre” e examináronse ante un
tribunal presidido por Luis Curiel. Para moitos bachareis da contorna viguesa estes
dous profesores converteríanse en míticas referencias.
2.-
Unha nova xeración
Cinco
anos antes de nacer Sito, Winston Churchill acuñara a expresión “iron curtain”;
tres anos antes Eva Perón lexitimara internacionalmente o franquismo; dous anos
despois de vir ao mundo o noso protagonista creouse a OTAN e mentres daba as
súas primeiras carreiras polas encostas cara ao Galiñeiro constituíase o Pacto
de Varsovia. O mundo divido en dous bloques. O franquismo respiraba. En 1959 o
réxime dos sublevados era redimido polas potencias occidentais. Eisenhover
visitaba a Franco en Madrid e o Plan de Estabilización incorporaba a España ao
capitalismo vixiado dende Washington.
O
réxime precisaba divisas. Na primeira década de Sito, a dos cincuenta do pasado
século, o camiño de América aliviara a presión demográfica e amortecera as tensións sociais. No comezo dos sesenta
expándese o benestar pola Europa Occidental, tamén na banda oriental do
continente, é a “idade dourada”, a época de maior crecemento da economía
mundial. A fortaleza das moedas europeas dotábaas dun grande atractivo tanto
para o réxime como para as familias necesitadas. Europa converteuse no novo
destino migratorio.
Alá
foi o pai, como tantos. El para Rotterdam. Non estivo moito tempo, pouco máis
de tres anos. Os floríns de cada nómina representaban unha pequena fortuna: mellorar
a casa, aforrar para unha necesidade, mercar algunha terra... A empresa municipal da cidade holandesa na
que traballou Guillermo concedía axudas para os fillos en idade escolar. E a Manolo
e a Sito, a contragusto seu, enviáronos internos ao Colexio Menor “Calvo
Sotelo” de Ourense para estudar “por oficial”
no Instituto de Ourense. O Colexio Menor era unha residencia estudantil ben
considerada, impulsada e dirixida pola “Frente de Juventudes”. Xa que logo
“Cara al sol”, “Montañas nevadas”, izar e arriar bandeira, disciplina
cuarteleira, formación do espírito nacional. Alá foron os irmáns Alonso
Salgueiro en setembro de 1965. A aventura rematou con cadanseu bacará.
Xabier
abandona os estudos e non os retomará ata despois de incorporarse a Barreras. No
estaleiro nacía un mozo novo e o saber, o descubrir, o coñecer, as lecturas, o
contraste de opinións ían formado o aprendiz
nunha gran factoría, residente nunha aldea, consciente dos sacrificios paternos,
adolescente sufridor e beneficiario da emigración, inquedo, reflexivo, activo e
semellante como outros rapaces que na altura aprendían o oficio no naval ou na
automoción. Matricúlase na quenda nocturna no instituto vigués, hoxe coñecido
como Santa Irene; supera o segundo e terceiro curso do bacharelato elemental.
En setembro de 1970, faino de cuarto curso, máis non chegará a rematalo. A súa
vida coñecerá unha reviravolta absoluta.
3.-
O rubio de Barreras. As relacións
laborais no corporativismo autoritario e paternalista.
O
contraste entre o mundo rural e o mundo urbano[5]
queda ben reflectido na substitución do apelativo de Xabier. Deixou de ser “o
roxo” para pasar a ser “ o rubio”. O
troco mesmo afectou ao espazo vital de referencia. Deixou de ser “de Regodagua”
e pasou a ser “de Barreras”. O cambio foi tan profundo que agás os compañeiros
infantís máis próximos poucos lembran que de cativo lle chamaban pola forma
propia galega. Mesmo é probable que por mor do seu compromiso político
posterior o abandono do alcume físico máis xenuíno puidese estar relacionado co
disimulo ante a acepción ideolóxica do mesmo.
Con
menos de 17 anos, Xabier, representado polo seu pai Guillermo asina o seu primeiro
contrato de aprendiz de caldeireiro-trazador cunha retribución inicial de
sesenta pesetas día en xornadas de 8 horas e por catro anos, en “Hijos de J.
Barreras”, a empresa á que quedaría unido de por vida. Era o 3 de maio de 1968.
O
paternalismo presidía as relacións laborais no franquismo. O réxime consideraba
os obreiros, e a xente en xeral, como individuos aos que cumpría protexer, como
rapaces aos que era preciso indicar o camiño para que non se estragasen como ocorrera
nos anos republicanos. Sendo ademais aprendices o paternalismo chegaba ao
delirio. Naquelas datas nesta caste de documentos incluíanse consideracións
como esta:
“... Contrato de
aprendizaje, que se basa en el respeto, consideración y obediencia del aprendiz
hacia el maestro o patrono, quien a su vez deberá conducirse para con el como
un buen padre de familia... Por su parte el aprendiz guardará obediencia y
respeto al empresario en todo momento, y principalmente, en lo relativo a la
instrucción que recibe.”[6]
O
réxime franquista, no eido laboral, e noutros, seguía empregando a orixinaria
terminoloxía corporativo-fascista. O contrato establecía cláusulas como:
“Quinta.- El empresario o maestro se obliga a
vigilar al aprendiz y prevenir sus extravíos con el celo de un buen padre de
familia, dando cuenta a sus padres o encargados, cuando así lo crea
conveniente, de cuantas faltas observare, y obligatoriamente, en caso de
accidente o enfermedad.
Por su parte el aprendiz
guardará obediencia y respeto al empresario en todo momento, y principalmente,
en lo relativo a la instrucción que recibe.”
O
inmobilismo franquista fica manifesto se observamos que os compromisos que
adquiren, empresario e aprendiz, derivan dunha orde ministerial de 20 de abril
de 1942. Vinte seis anos despois a sociedade era ben diferente á dos tempos da vitoriosa
exaltación do fascismo, da famélica
posguerra de España e da traxedia da guerra europea e mundial. Unha nova
xeración incorporábase ao traballo produtivo e intuía, mesmo desexaba, un
cambio social que non sabía como ía producirse mais si que ela sería protagonista
desas mudanzas.
O
papel termaba do que lle poñían, e sobre el escribíanse cousas que tiramos, ao
igual que as anteriores, do contrato de Xabier:
“Empresario
a) A conceder la
autorización necesaria para que el aprendiz pueda acudir durante una hora
semanal a las actividades que el Frente de Juventudes le señale y en la hora
que previamente disponga dicha organización...
c) A conceder un permiso
anual y retribuido de veinte días laborables al aprendiz contratado que señale
nominalmente el Frente de Juventudes con un mes de antelación...
El aprendiz
a) A acudir puntualmente al
trabajo y a todos los actos y servicios que le sean señalados por el Frente de
Juventudes, los días y horas que previamente se le indiquen.
b) A que le sean descontadas
por la Empresa dos horas de su haber ordinario en el caso de faltar a los actos
o conferencias indicadas.
c) A disfrutar anualmente de
un permiso de veinte días laborables retribuídos, cuando haya de asistir a los
campamentos, viajes, etc., que organice el Frente de Juventudes.”
Ao
ano seguinte a dirección felicítao e promóveo a aprendiz de segundo ano con
nova retribución. O mesmo acontecerá ao ano seguinte. Finalmente incorpórase ao
cadro de persoal. Barreras estaba no seu
esplendor.
Fundada,
contra o remate do século XIX, pola viúva
e os fillos do “catalán” José Barreras Casellas, ao decidir, ante o forte
desenvolvemento das súas empresas pesqueiras, construír os seus propios barcos.
O primeiro estaleiro estaba no Areal, mais o éxito dos vapores para o cerco da
sardiña e moi especialmente o de “tipo Vigo” converteron o estaleiro nunha
referencia na construción naval. Por cuestión de espazo por mor dos trocos
tecnolóxicos (maior tonelaxe, construción en aceiro, buques-tanque, motores diésel,
bacallaeiros, caldeiras, estruturas metálicas...) trasladárono, en 1918, a
Coia.
Superada
a crise dos anos trinta (crac do 29,
mudanzas na pesca, guerra de
España e posguerra), na década dos
cincuenta o estaleiro era nunha das
principais empresas manufactureiras galegas impulsada pola construción dos
bacallaeiros de Terranova. Na década seguinte os conxeladores segundo o modelo
Pescanova e os atuneiros sinalaran o período álxido da construción naval. Cando Xabier entra de aprendiz, o estaleiro
conta con 1.800 empregados.
4.
O rapaz da aldea que virou a rebelde
Matinei
moito antes de cualificar a Xabier como rebelde, en especial pola súa idade.
Podía entenderse mal a expresión e vincular rebeldía con xuventude como unha
hollywudiense insubordinación sen causa ou como un desacougo porque o mundo así
o fixera, como na popular canción de gran éxito o mesmo ano no que foi detido,
torturado e encarcerado. Xabier non tiña nada que ver con frivolidades adolescentes.
Pola contra a súa curta vida é unha rotunda expresión dun “homme révolté”
plenamente camusiano, da rebeldía persoal entendida como revolta social.
“¿Qué
es un hombre rebelde? Un hombre que dice que no. Pero si se niega, no renuncia:
es además un hombre que dice que sí dende su primer movimiento. Un esclavo, que
ha recibido órdenes durante toda su vida, juzga de pronto inaceptable una nueva
orden. ¿Cuál es el contenido de ese "no"?
Significa,
por ejemplo, "las cosas han durado demasiado", "hasta ahora, sí;
en adelante, no", "vais demasiado lejos", y también "hay un
límite que no pasaréis". En suma, ese "no" afirma la existencia
de una frontera. (...) La rebelión va acompañada de la sensación de tener uno
mismo, de alguna manera y en alguna parte, razón. (...) De cierta manera opone
al orden que le oprime una especie de derecho a no ser oprimido (...)”[7]
Aínda
que non coñecese a obra do Nobel francés, publicada o mesmo ano do seu
nacemento, a súa actitude vital identifícase co rebelde camusiano ou co
descrito por Barea[8] e afástase
dun atormentado James Dean ou da sensibleira Jeannette.
Cando
e onde comezaron “a virárselle as ideas” a Sito, o “roxo de Regodagua” ata
converterse en Xabier, o “rubio de Barreras”? Cando a conciencia “en si” dun
neno labrego ou mellor “rururbano” mutado en proletario, en aprendiz de
metalúrxico do naval virou en conciencia “para si”?
Neses
primeiros anos de aprendiz achegouse aos ideais de xustiza social, de defensa
dos traballadores, de liberdades políticas, e, por riba de todo, de mellora das
condicións de vida dos seus, da súa xente, do que na terminoloxía da época se
denominaban “clases populares”, obreiros,
labregos, mariñeiros, traballadores en xeral. Nun momento, finais dos sesenta,
no que reivindicación social e política eran inseparables xa que o réxime
franquista non permitía a máis mínima diferenza entre unha e a outra xa que as
unificaba baixo a represión.
Menos
de tres anos antes de que Xabier asinase o seu primeiro contrato de aprendizaxe
constituírase en Barreras a primeira Comisión Obreira: Manolo Xaniño, Adolfo Varela, Andrade, os irmáns Sueiro,
Manel Fernández...[9] A
participación nas eleccións a enlace sindical, a crise do franquismo, o
desenvolvemento económico, a incerteza futura, a inminente morte do ditador... pairaban sobre
a mente da xente, dun xeito especial sobre a dos traballadores das grandes
empresas e dos rapaces novos con todo o mundo por diante. Xabier non tardou en
vincularse á Comisión Obreira de Barreras
e ás Xuventudes Comunistas.
Pouco
antes de entrar a traballar no estaleiro, en 1967, o almirante Carrero Blanco
asumía a vicepresidencia do goberno e exercía de facto como primeiro ministro
cun proxecto “continuísta”. Dous anos despois, 1969, Juan Carlos de Borbón era
nomeado sucesor á Xefatura do Estado a título de Rei prestando xuramento de
lealdade a Franco e aos principios do “Movimiento Nacional”.
Mais
o réxime xa non era monolítico. O caso Matesa
e a crise de goberno que orixinou visualizou dous xeitos,
enfrontados, de procurar a continuidade
do réxime: os falanxistas, partidarios de pecharse na burocracia estatal e na
represión policial, e os pragmáticos, que apostaban por adaptar o réxime
ás demandas do capitalismo español e
internacional e que fose a prosperidade
económica quen permitise a continuidade do réxime.
Pero
tamén os movementos opositores eran cada vez máis fortes: as constantes
mobilizacións estudantís e as folgas nos
grandes centros fabrís dábanlle unha nova dimensión á loita antifranquista.
Despedidos, expedientes, persecución, cargas da Policía Armada (os grises),
detención e tortura da policía política (a temida social), condenas de cárcere
polo Tribunal de Orde Publica (TOP), exilio... aceleraban o bucle:
acción-represión-acción.
En
1970, Franco tiña 78 anos e párkinson, o seu deterioro era evidente. Xabier, con
menos de vinte, levaba tres anos
traballando en Barreras. Cara ao remate
de ano o réxime tería que resolver o que se denominou “proceso de Burgos” no
que se axuizaban, a través dun consello
de guerra, 16 membros de ETA. O procedemento militar contra os mozos
nacionalistas pretendía coutar a insurrección vasca cunha demostración de
forza, cun proceso exemplar no que se xulgasen, condenasen e mesmo executasen os
militantes, e disuadir posibles seguidores. Tanto antes do proceso como durante
o desenvolvemento do mesmo o réxime cometeu erros de vulto e facilitou a
concertación da oposición.
Dous
días antes do comezo do xuízo, ETA secuestrou o cónsul honorario de Alemaña en Donostia unindo
a súa sorte á dos procesados, dándolle así unha dimensión internacional ao
proceso que o réxime non agardaba.
A
estratexia da defensa, formada por avogados relacionados co nacionalismo vasco de
esquerda (Castells, Bandrés, Letamendia) pero tamén coa esquerda española, Solé
Barberá (PSUC-PCE), Peces Barba (PSOE), converteu cada xornada do xuízo nunha
alegación contra o réxime. A esta sumouse a actitude da xerarquía católica (dous
dos procesados eran curas) en especial a dos bispos de Donostia e Bilbo.
A
petición de nove penas de morte e os moitos anos de cárcere solicitados
xeneralizaron as folgas e manifestacións e en todo o Estado, con especial
intensidade no País Vasco, a pesar de que se declarou o “estado de excepción”.
As manifestacións nas principais capitais europeas e as presións diplomáticas,
incluído o Vaticano, sementaron as dúbidas entre a, como comentamos, dividida
elite franquista preocupada tanto por consolidar as relacións económicas co
mundo occidental, como temerosa pola sensación de debilidade que se podía transmitir de non cumprírense as
sentencias ditadas e ratificadas pola cúpula militar.
O
réxime promoveu grandes mobilizacións de apoio ao exército e a Franco. O
ditador interpretou o éxito das mesmas como unha lexitimación da súa autoridade
e manobrou para conceder o indulto das penas de morte. O réxime, e Franco en
particular, cedía ás presións. Iso si, ben conscientes de que o facían. No lustro seguinte, con Franco vivo, e nos
dous anos posteriores a súa morte, o réxime endureceu a represión sen tremerlle
o pulso, como puxo de manifesto cos fusilamentos de Puig Antich, o do mozo
vigués, antigo alumno do instituto Santa Irene como Xabier, Baena Alonso, e
catro compañeiros, o 27 de setembro de 1975.
A
tensión social chegou ao máximo naquelas últimas xornadas do ano inicial da
década dos setenta. Xabier viviu con intensidade aqueles días de arriscadas
mobilizacións baixo a ameaza permanente da represión agrandada ao promulgarse o
“estado de excepción”. Sabémolo porque na sentenza[10]
na que o condenan escribiron:
“Que el citado procesado, en
diferentes ocasiones, cuyo número no ha sido exactamente concretado, en el
transcurso de los meses de Enero y Febrero de mil novecientos setenta y uno,
difundió, arrojando al suelo por las distintas dependencia de la factoría Hijos
de J. Barreras S.A. de Vigo, abundantes hojas ciclostiladas, tamaño cuartillas,
suscritas por las denominadas Comisiones Obreras de Vigo, entidad patrocinada
por el Partido Comunista de España en cuyos textos, que conocía el procesado,
se insertan frases del siguiente tenor: Frente a las grandes acciones de lucha
llevadas a cabo para salvar la vida de los jóvenes patriotas vascos… el régimen
se vió totalmente cercado por las repulsa nacional. Con el proceso de Burgos la
dictadura pretendía dar un paso atrás, sólo la lucha del pueblo sentó en el
banquillo de los acusados al Régimen. Son detenidos, encarcelados y torturados
por luchar contra la política antiobrera del franquismo. Fuerte es la represión
por la que estamos pasando los trabajadores. Unidad hacia el paro total. Firmes
y unidos en el paro. No a la injusticias que nos niegan el derecho al trabajo.
Con nuestra lucha unida al
resto de los pueblos de España, hemos salvado la vida de los seis patriotas
vascos; fue la acción firme la que evitó que los asesinatos se llevaran a cabo.
¡Viva la huelga general Obrera!”
Aproveitándose da dialéctica de bloques característica da
“guerra fría” o réxime alcumaba a todas
as persoas que se lle opoñían, de forma xenérica, como “comunistas”. Era
evidente o simplificador obxectivo: o franquismo era occidente; a oposición, os seguidores de Moscova. Sendo
certo que as persoas máis comprometidas na loita antifranquista se reclamaban
desta ideoloxía non o era menos que a diversidade era maior do que pensaba o
réxime, cando menos a partir da segunda metade da década dos sesenta. Por outra
banda, o Partido Comunista de España
(PCE), e entre nós, dende 1968, o PCG, era o
partido que posuía a máis ampla base social, o mellor organizado, o de
maiores recursos e o que contaban cunha militancia mellor formada entre as
forzas opositoras ata o punto de que, entre os antifranquistas, chamábaselle simplemente
o “partido”, fosen ou non membros do mesmo. Tamén en Galicia e mesmo en Vigo,
cidade onde había máis diversidade na esquerda antifascista, naquela altura,
era así.
Xabier,
a través da Comisión Obreira de Barreras, comezou a relacionase con membros das
Xuventudes Comunistas, organización xuvenil do PC. Ao longo de 1970 e 1971 unha
parte significativa organización xuvenil viguesa comezou a marcar distancias co
discurso oficial do partido. Estas tensións non se daban nin exclusivamente en
Galicia, nin en Vigo en particular, pero é nesta cidade onde van adquirir uns
trazos e dimensións especiais tanto para o desenvolvemento do movemento
antifranquista dos anos setenta como da acción sindical e política
contemporánea en toda Galicia.
A
invasión de Checoslovaquia, 1968, polas tropas do Pacto de Varsovia concitou a condena
de moitos partidos comunistas occidentais e o progresivo afastamento das
directrices do PC da Unión Soviética. Este foi o caso do denominado
“eurocomunismo” auspiciado polos máximos dirixente do PCF (Marchais), PCI
(Berlinguer) e PCE (Carrillo). No caso español as tensións internas adquirían
unha dimensión especial ao tratarse dun país que continuaba baixo unha prolongada
ditadura. Dende Moscova auspiciáronse diversas roturas internas, entre outras a
encabezada por Enrique Lister.
Entre
a mocidade antifranquista algunhas destas criticas á liña oficial do PCE foron tomando audiencia. Dun xeito
xenérico criticábase o que se consideraba cesión por parte do “partido” ante os
intereses da burguesía e o abandono das reivindicacións obreiras e as tradicións
socialistas. De forma concreta as críticas centrábanse na formulación da
chamada política de Reconciliación Nacional[11]
e o seu corolario do “Pacto pola Liberdade”, as diverxencias tomaban corpo ao
debater o deseño do que o “partido” denominada Folga Xeral Política, se esta se
produciría a partir dun conflito fabril
ou sectorial local e se estendería como unha “mancha de aceite” por todo España
ou ben se se produciría tras un “decreto”, isto é, a través dunha convocatoria
política xeral. Pero sobre todo na forma
de coordinar os movementos obreiros da
factoría e a toma de decisións que afectasen ao conxunto do movemento.[12]
Mais
o debate tomaba unha virulencia especial cando se cuestionaba a tese da Folga
Xeral Política e se propoñían levantamentos máis ou menos insurreccionais.
Xorden
así unha enchente de grupos, moitos de escasa proxección temporal. En Galicia,
de xeito especial en Vigo, estas criticas tiveron especial acollida e víronse agrandadas
polo debate sobre o carácter e a profundidade da reivindicación dos dereitos
nacionais galegos. Debate, este último,
sobre o que pairaba o camiño que tomaran os mozos de ETA, inspirados polos movementos anti-imperialistas africanos e a revolución cubana. A influencia
do grupo armado vasco acadará o cumio da súa influencia ao poñer o réxime
contra as cordas, por segunda vez, tras o
proceso de Burgos coa voadura do “sucesor” Carrero Blanco, en decembro de 1973.
5.-
Organización Obreira (O.O.)
Neste
ambiente antifranquista, de vellez do ditador, de cambio social, de
transformación das mentalidades e formas de vida, de organización sindical
e política, de reivindicación da nación
galega, de debate ideolóxico e, por riba de todo, de ilusión polo remate da
ditadura, na cidade da oliveira, naceu unha organización de curta vida, pero de
longa proxección, cando menos no aspecto simbólico, denominada Organización
Obreira (O O). A maioría, ou quizais a totalidade, dos seus integrantes eran, ou foran, membros das Xuventudes
Comunistas.
Todas
as fontes tanto orais como escritas consultadas confirman a participación de Xabier en Organización
Obreira así como o seu posterior retorno ao PCG, percorrendo este camiño na
compaña do seu grande amigo Xosé Cameselle, un dos irmáns Merrellos, quen moitos
anos despois sería, ata a súa fatal enfermidade, secretario da comarca de Vigo
de CC OO. Tanto X.L. Méndez Ferrín[13] como Antón García confirman a relación de Xabier coa O O.
Relación que, por forza, tivo que ser limitada, non só pola escasa duración da
mesma senón porque a maior parte dese tempo Xabier pasouno na mili ou na cadea.
Aínda
así para Antón García non só non fica dúbida da relación de Xabier con
Organización Obreira senón que afirma que foi este quen, aínda que diriamos sen
voluntariedade manifesta, denominou o grupo. Dinos Antón García, nos ambientes
antifranquistas dos anos setenta coñecido como Antón de Barreras, que :
“Disque
un día na discusión dunha octavilla, seica redactada por Javier, na que se
chamaba á folga xeral insurreccional e que iría asinada como CC OO, cousa coa
que non concordaba a dirección das mesmas, solucionaron o problema eliminando
as dúas primeiras letras e ficando O O, é dicir, Organización Obreira”[14].
Trataríase,
pois, segundo o militante, na altura, do Movemento Comunista, dunha actividade
paralela e organizada que pretendía unha posición máis combativa por parte das
CC OO e do PCG. Lembra que á súa chegada de Madrid, onde residía, enviado,
xunto a outras tres persoas, para estender a súa organización política en
Galicia, estableceu varios contactos con militantes da esquerda, entre eles con
Xabier. Nunha primeira ocasión en solitario e que na segunda, se a memoria non
o engana, presentoulle a Hierro Chomón, quen anos despois sería un dos GRAPO
máis coñecidos.
As
lembranzas de Antón de Barreras están agochadas en datas imprecisas polo que
descoñecemos con exactitude a intervención de Xabier na formación de O O, pois
á vez dos escasos datos, todos baseados no recordo, que manexamos sobre esta
organización, está o feito, xa comentado, de que tras a detención, un ano antes da data
de constitución máis ou menos formal de O O, veu a mili, o xuízo e despois o
cárcere. Proceso que rematou no verán de 1974, case ao tempo da disolución, ou
máis ben desintegración de O O.
Segundo
diversas fontes a OO constituíse en abril de 1972, aínda que outras confirman
unha actividade paralela a CC OO e ás Xuventudes Comunistas dende outubro de
1971. Nesa altura Xabier está no servizo militar ao que se incorpora en
setembro de 1971 e do que se licencia en febreiro de 1973. En abril dese ano
ingresou na prisión da que non sairá ata o verán de 1974. Xa que logo a súa
actividade orgánica tivo que ser moi escasa, reducido ao mes de permiso na mili
e aos ous meses que estivo en liberdade entre a licenza da Mariña e a entrada
no cárcere. Segundo Ramón González Costas, Moncho de Barreras, traballador de
Barreras, de CC OO, das Xuventudes Comunistas e membro de O O, esta disólvese en
xuño de 1974, ao mesmo tempo en que Xabier sae de prisión
Non
parece pois probable que Xabier puidese participar en ningunha das reunións
claves, segundo a información de M. Mera, para o nacemento de O O. Di o
dirixente sindical vigués:
“Seria nunha xuntanza da
INTER a finais de 1971, en Vilar, no soto sen luz dunha casa na estrada que vai
de Peinador a Redondela, onde se reuniron entre outros: Waldino Varela, de
Vulcano; Xaniño; Manuel González Andrade e Ramón González Costa, de Barreras;
Xosé Anxo Garcia Méndez, de Freire; Isidro Gómez Montes e Xesús Chaves, de
Citroën; Juan Benavides, por Aunaval... (Segundo contan militantes de OO). Na
reunión houbo palabras fortes entre as duas tendéncias que xa habia daquela en
CCOO. Todo encetou cando Waldino e Benavides acusaron de divisionista a Xosé
Anxo Garcia Méndez que propuña que se debatera nas fábricas sobre o “Pacto pola
Liberdade” e a folga que estaba a preparar o PC. Os militantes de OO entendían
que folga si, pero “tomando e dirixindo a loita na rúa, dimisións de cargos
sindicais para reforzar a folga, loita á marxe dos cargos legais” (7). Xosé
Anxo espetoulles que eran uns traidores. Producíronse máis insultos e palabras
fortes e empurróns. Esta foi a ruptura real, mais non a orgánica. Aínda que, na
práctica, comezou a se facer desde aquela política afastados, por unha banda o
PCE e pola outra OO.
A ruptura definitiva
(pública) produciuse posteriormente na asemblea do Alto de San Colmado, perto
de Zamáns. Era un frío domingo pola mañá, no mes de xaneiro de 1972. Entre os
piñeiros xuntáronse perto de 120 militantes do PCE, XXCC e OO. Alí ficaron
patentes as diferenzas. Por parte da liña oficial do PCE falaron, entre outros,
Waldino, Benavides, Andrade e Vaqueriza. Intervencións que foron rebatidas
desde as filas dos que se opuñan ao “Pacto pola Liberdade”, por medio de
Hierro, Abelardo, Ramón González, Xosé Anxo, etc. Despois dun debate tenso, as
persoas críticas coa liña oficial optaron por deixar a xuntanza. Aínda seguiron
os “críticos” varias semanas máis organizados en CCOO, até que en abril quedou
artillada Organización Obreira definitivamente, aínda que a idea (ou a súa
xestión) viña desde outubro de 1971, aseguran os militantes de OO.”[15]
Unha
descritiva valoración de Organización Obreira ofrécenola o traballo de Domínguez
Cabaleiro, Gómez Alén, Lago Peñas e Santidrián Arias:
“A
OO era un actor de perfís difusos, sobre o que aínda se sabe ben pouco. Foi o resultado dunha escisión localizada na Xuventude Comunista de Galicia
(XCG) de Vigo, que tiña moitos dos seus integrantes nas CC OO Xuvenís. Pola
información dispoñible, non parece que no seu proceso de xestación participaran
militantes doutras localidades galegas, aínda que ignoramos se tiñan conexións
con outras correntes comunistas. Cunha actitude crítica con respecto á
orientación estratéxica do PCG, que se concretaba no seu rexeitamento do Pacto
pola Liberdade, estaban a favor dunha orientación máis vangardista da acción
política e sindical. De feito, chegaron a ter unha fronte armada que, por exemplo, levou adiante pequeñas accións
(ameazas, queima dalgún coche, etc.) contra traballadores considerados
confidentes da policía. A ruptura coa XCG e o PCG produciuse antes de que
estalara o conflicto de setembro de 1972. Ó pouco, o grupo desfíxose e algúns
dos seus membros acabaron integrándose noutras formacións, como a Organización
Marxista-Leninista de España (OMLE) e a UPG. O núcleo da organización formábano
unha decena de mozos (os irmáns Collazo Araújo, Hierro Chomón, Mara Simón, Gil
Araújo...) que traballaban en empresas como Barreras, Álvarez, Citroën ou
ASCON-Ríos. Dispuñan dun pequeno aparato de propaganda, co que
editaban panfletos e un boletín”.[16]
Esta visión descritiva é incompleta pois se
ben outras persoas (Méndez, Chaves, Pousada Covelo, Moncho de Barreras), tras
disolverse a OO, xunto ao grupo Galicia Socialista, promoveron o Sindicato
Obreiro Galego (SOG), predecesor da actual CIG, e algúns deles integráronse na
Unión do Pobo Galego (UPG), hai outras, como é o caso de Xabier e outros daqueles mozos, que, máis
pronto que tarde, regresaron ao PCG, e mesmo algúns deles relacionados con O O
nunca chegaron a abandonalo, como tampouco ninguén abandonou as CC OO ata tempo
despois. Por outra banda, tras os acontecementos de setembro do 72, algúns deles abandonaron por motivos persoais
o activismo político-sindical e mesmo a cidade de Vigo.
Parece
arriscado entón reducir a importancia daqueles mozos con afirmacións como: “O
mesmo cá OO, a UPG non desempeñou ningún papel relevante na coordinación e
dirección do conflito” (refírese a setembro do 72) e mesmo limitala a “Unhas
decenas de membros do PCG e das CC OO lograron que miles de traballadores
participaran nunha folga que tiña clara intencionalidade política(...)”como
afirman Cabaleiro, Alén, Lago Peñas e Santidrián.
Sendo
certo que a Comisión Obreira de fábrica era un espazo de acción político-sindical
compartido e que mesmo moitos dos activistas de O O militaban en paralelo nas
Xuventudes do PCG, ou mesmo neste, é un tanto desconsiderado non sinalar o seu papel
así como o do grupo denominado Galicia Socialista, integrado na altura na UPG, que
cando menos en Citröen tiña unha notoria incidencia. Como tamén a tiña Organización
Obreira en Barreras xa que cómpre non esquecer que a dinámica daquel 1972 de
grandes loitas na área viguesa estivo determinada por tres feitos: a
solidariedade de marzo cos obreiros ferroláns, a folga de Barreras, en maio, e
o conflito de Citröen en setembro.
“Paramos
a fabrica coa mirada” dinos en entrevista persoal[17]
Paco Lores, referíndose ao paro tras as mortes de Amador Rey e Daniel Niebla o 10 de marzo na ponte
ferrolá das Pías. Camilo Nogueira lémbrao así:
“Recordo (...) cando nos
enteiramos dos mortos, a Paco Lores avanzando por tódolos corredores da fábrica
e facendo para el só a factoría, cos contactos que tiña establecidos en tódolos
talleres. Miles de traballadores pararon en Vigo en solidariedade con Ferrol”[18]
A
unha maior pluralidade organizativa e ideolóxica apunta Camilo Nogueira cando
sinala:
“
Dentro do Partido Comunista hai que considerar a escisión que naquel momento se
está producindo para “Organización Obreira”, unha agrupación de obreiros novos
que tiña un carácter máis revolucionario. Basicamente as forzas son esas:
Partido Comunista, Organización Obreira, USO, Xuventudes Cristiás (refírese ás
XOC) e a esquerda nacionalista a través de Galicia Socialista”[19]
Por
outra banda as mobilizacións de Setembro do 72 son basicamente de carácter
antirrepresivo, pola readmisión dos despedidos de Citröen tras unha folga lanzada
polo PC en función de estratexias políticas da “mancha de aceite” conducente á Folga xeral Política, máis que como resultante
de reivindicacións propias da factoría, ou cando menos esa é a visión dun sindicalista de longa traxectoria en Citröen,
naquel momento membro da Unión Sindical Obreira (USO):
“Nesta época estabamos
reivindicando pasar da xornada laboral de 48 horas á de 44, o que nos permitía
non traballar os sábados pola tarde. Á volta das vacacións de agosto atopámonos
cunha folla de CC OO, na que facían un chamamento á folga para conseguir esta
xornada, concretando o primeiro paro para o sábado, día nove de setembro. Esta
acción no fora consultada cos restantes representantes sindicais; por esta
razón falouse con algún militante de CC OO tentando de facerlles ver que,
estando próxima a negociación do Convenio Colectivo, non tiña moito sentido
embarcarnos nunha mobilización desta envergadura. Sería nesta negociación cando
teríamos argumentos con forza para calquera acción. Non foi posible
convencelos. A decisión xa fora tomada en firma polos militantes do PC”[20]
Esta
visión é ratificada por Xesús Chaves:
“Naceu para reivindicar o
non traballar os sábados á a tarde, cando había pouco que se asinara o
convenio. Só deron arrastrado unha nave de Citröen. A represión da patronal
levou a que se decretase once despidos simultáneos. Este foi o verdadeiro
detonante do conflito...”.
Moito
máis contundente é a opinión expresada por Manuel Lima, traballador de Citröen
e membro de Galicia Socialista xa integrada na UPG:
“No ano 72 había unha
división moi grande dentro de CC OO entre o sector oficialista, do PC, cos da
Organización Obreira. O aparato do PC quere que salte un conflicto. Nós daquela
tiñamos o convencemento de que pasou o seguinte: o aparato de CC OO, o PC,
pensa que se hai algún conflito, os elementos máis radicais van ir ao caldeiro
e queda o sector oficial para negociar. Unha reivindicación que había en
Citröen era non traballar o sábado pola tarde, pero non estaba plantexado o
tema para negociar aínda. Non era esa a época prevista. O PC pola súa conta,
fixo saltar o conflicto. Foi un aborto. Despois viñeron os despidos...”[21]
Chaves,
un dos fundadores de O O afirma:
“Os
elementos máis combativos, diría que tamén máis lucidos, saíronse tanto de CC
OO como das Xuventudes comunistas e formaron Organización Obreira. Esta foi a
vangarda das loitas posteriores, nomeadamente as de 1972. Organización Obreira
naceu con afán de lanzar á sociedade alternativas nidiamente galegas. O motos
foron as Xuventudes, pero era a xente máis representativa dos estaleiros e das
grandes fábricas, por iso, na práctica, puidemos superar as alternativas do PCE
e CC OO”[22]
A
indiscutíbel hexemonía do PCG tanto en CC OO como entre o activismo sindical
non empece que tivese non só unha contestación interna senón xermolos
organizativos á marxe. Non sería pois
tan incontestábel como pode deducirse da dupla estrutura coordinadora e
directiva da que se dotou o movemento do 72 vigués. Por unha banda a
Intercomisión das CC OO que se viu moi ampliada e variado o número de integrantes
xa que “algunhas tarefas de responsabilidade (...) levárono a cabo ben veces
sindicalistas que non formaban parte do núcleo dirixente”[23].
Pola outra, que as decisións cruciais tivesen que tomarse na Asemblea Obreira
que funcionou como aglutinante que permitiu a cohesión durante as dúas semanas
do conflito e que se reunía a pesar do risco e do excesivo numero; fálase, sen
dúbida de forma esaxerada, de cerca de
cincocentos participantes nalgunha.
Referíndose ao papel de OO na folga viguesa de setembro
do 72 Méndez Ferrín afirma: “E se hai algunha avangarda nestes momentos é esta
Organización Obreira , porque soubo levar una liña asemblearia e endexamais se
despegou das bases.”[24].
Pola súa banda un dos dirixentes sindicais máis significados en Citröen, Paco
Lores, resume:
“Nós estabamos en CC OO pero moi marcados polo PC,
“coidado con estes nacionalistas”. Tamén estaba a xente das Xuventudes
Comunistas, que logo derivou na organización Obreira, despois na OMLE e no GRAPO ao final. Entre eles, que tiñan
máis forza, e nós, apoiándonos mutuamente, faciámoslle a vida imposible aos do
PC na Intersindical, a dirección local de CC OO rebasabámolos. Estes sempre
traían directrices estrambóticas de Madrid”. (...)
Non sei se no 71 ou 72 hai unhas eleccións sindicais,
ás que a UPG decide non ir porque non tiña xente. Pero nós fomos, sacamos
delegados e, entre os de O O e nós montabamos uns títeres no vertical que os
chupabamos. Cortabamos o bacallao.”[25]
As eleccións a xurado de empresa e enlaces sindicais
ás que se refire Paco Lores foron en xuño de 1971. Nesa altura Xabier xa non estaba
no estaleiro. Para o novo xurado de empresa, os dous polo colexio de
especialistas pertencen a CC OO, mentres que dos 12 enlaces en representación
do mesmo colexio, 11 son de CC OO[26],
entre eles Ramón González Costas, Moncho de Barreras, un dos fundadores de OO.
A represión de setembro-outubro de 1972 tivo graves
consecuencias sobre o movemento obreiro vigués. Manuel Lima explícao como unha
resaca: “Todos estamos cansos ou despedidos, moitos temos fillos pequenos.
Párase todo”. E Paco Lores: “A folga foi unha desfeita total. Era unha folga
que non levaba a nada, sen pés nin cabeza, sen obxectivos. Organización Obreira
queda esfarelada. Nós quedamos esfarelados. Organización Obreira entra en
contradición co PC e saen expulsados a hostias. A fronte obreira da UPG temos
negociación con eles, pero non callou a cousa.”
Na entrevista persoal a que fixemos referencia, Lores
rememora algunha conversa, con extremas medidas de seguridade, con algúns de OO,
un deles coida que era Hierro Chomón, que logo daría no GRAPO. Algúns deles
andaban xa nunha especie de “kale borroka”, concluíu.
Sobre a desfeita de OO, Ferrín infórmanos:
“Unha parte, encabezada por Manuel Pousada Covelo e
Ramón González Costas, decidiu ingresar na UPG. Pero nese momento presentase en
Vigo un tipo chamado Pío Moa, e convence a maioría destes excelentes rapaces de
que a UPG era un movemento pequeno-burgués (....) e de que tiñan que entrar nun
movemento madrileño chamado Organización marxista Leninistas de España. Boa
parte deles, felizmente non todos entran na OMLE. ¿Qué é a OMLE? É o que da
lugar ao PCE (r) e aos GRAPO. Esa é a razón pola que hai tantos no GRAPO.
Hierro Chomon ou Collazo Araújo, que estaban interesados en entrar na UPG,
foron convencidos por este Moa para apartarse de nós (...) ¿ Que foi de Pío
Moa? Agora converteuse ao fascismo e é o intelectual que está “revisando” , dende
o punto de vista anticomunista e franquista a historia da Repúblicas e da
Guerra de España”[27]
6.
O mozo da bandeira
Na
primeira metade da década dos setenta conformáronse os primeiros xermolos do
sindicalismo galego e as novas organizacións políticas nacionalistas foron
tomando corpo social, máis alá dos reducidos grupos iniciáticos da década dos
sesenta.
Nesa
configuración simbólica da comunidade nacional imaxinada vai desempeñar un
papel central Xabier, Sito, o “roxo de Regodauga”, o “rubio de Barreras”, que
engadirá un novo alcuño á súa xa longa
lista de apelativos co de “o mozo da bandeira”. Alcume xurdido da mítica, e
fermosa, reelaboración da detención de Xabier e a súa conversión en emblema do
rexurdir nacional como o fora a bandeira ergueita por Antón Villar Ponte o 14
de novembro de 1916 na primeira páxina d´A Nosa Terra, o xornal das Irmandades
da Fala. A nova bandeira xa non era levantada pola pluma dun xornalista de
mediana idade e clase acomodada, senón por unha man proletaria e xuvenil e non
dende unha mesa de redacción senón dende as rúas ocupadas pola policía da
ditadura.
Nos
ambientes nacionalistas elaborouse unha construción simbólica da nación, por
ende da nación proletaria, arredor dun
mozo que representaba tamén a xeración
que tería que poñer fin, ben ou mal, á ditadura. Foi, segundo relata Méndez Ferrín,:
“... nun día indeterminado do primeiro trimestre
de 1971. O PCE, nunha decidida aposta formal polas siglas PCG, lanzara sobre
Galicia a consigna de non pagar a Seguridade Social Agraria e convocara unha
Xornada de Loita do Pobo Galego, se non nos falla a memoria a Moncho de
Barreras e a min.”[28]
Pola
súa banda Manuel Mera na web da CIG ten sinalado outra causa impulsora da
manifestación, ou mellor “salto”, segundo a terminoloxía da época, isto é, a
ocupación por uns minutos da rúa para despois retirarse antes de que chegase a
policía. Para o sindicalista:
“A manifestación fixérase
para conmemorar a revolución de 1846 e como homenaxe a Antolín Faraldo e foi
detida unha persoa que portaba unha bandeira galega...”[29] e para
reforzar a súa afirmación cita unha entrevista con Luís Alonso Riveiro,
integrante de OO e despois dirixente do PCE(r) e dos GRAPO na que este afirma:
“E, falando de nacionalismo, lembro agora que a
primeira manifestación deste tipo que se fixo en Vigo nos últimos corenta anos
estivo preparada e convocada polas Xuventudes Comunistas, onde militaba
Abelardo Collazo e máis eu a principios desta década. A manifestación fixérase
para conmemorar a Revolución de 1846 e como homenaxe ao patriota Antolín
Faraldo”.[30]
O
pretendido nesgo nacionalista, ou galeguista, que lle podería dar á
manifestación a presenza da bandeira galega non é considerado por Antonio
Cameselle[31], un dos
máis significados dirixentes de CC OO e do PCG en Barreras xunto co seu irmán
Xosé, quen pasados os anos sería secretario deste sindicato en Vigo, ambos
coñecidos como “Os Merrellos. Emporiso a Ramón Vázquez Pazó[32],
amigo compañeiro de partido e de traballo, non lle sorprendería ese sentido ben
fose como resultado dunha decisión colectiva ou persoal de Xabier que dende moi
novo amosou unha forte conciencia galeguista como nos confirmou reiteradamente
Fita e mesmo deixou por escrito:
“... pediume formalmente ser
a súa noiva e regaloume unha tarxetiña. Dun lado levaba a bandeira galega; do
outro o himno galego. Pediume que, por favor, o aprendese, que para el era
importante... ¡unha noiva que non cantase o himno galego non podía ser!. Dentro
do seu Mini, color vermella, el cantaba e eu aprendía”[33]
Quen
se lembrou sempre daquela data foi Xabier e a súa familia, así como a policía e
o Tribunal de Orde Publica, o tristemente famoso tribunal especial político do
franquismo coñecido como TOP[34].
Na sentenza deste dise:
“que sobre las veintiuna
horas del día veintisiete de Abril de mil novecientos setenta y uno, un grupo
superior a veinte personas, sin la pertinente autorización, discurrieron
aglutinados por el Paseo de Alfonso XII de la ciudad de Vigo, dando gritos de
¡libertad¡ y arrojando a su paso unas octavillas ciclostiladas, suscritas por
Comisiones Obreras de Vigo en las que se leían frases de ¡contra la represión!
¡Viva el 1º de Mayo!”
Temos
pois tres motivacións para a manifestación-salto do 27 de abril de 1971 que
cambiaría a vida dun mozo de 20 anos. Na
práctica os tres coincidentes. Á fin e ao cabo, naquela altura, non se podía
andar facendo manifestacións por cada cousa. Polo que é posible que se berrase
contra a Cota Empresarial[35],
que se desen vivas ao 1º de maio e, ao tempo, a escolla da data respondese ao
debate, sobre o carácter nacional de Galicia[36],
aberto nas Xuventudes Comunistas viguesas. Consideramos que, segundo a
información recollida por Gómez Alén e Santidrián[37],
é moi probable que aquela manifestación estivese enmarcada dentro da
convocatoria dunha “Xornada de Loita do Pobo Galego” realizada por CC OO para o
26 de abril; que se celebrase o 27 pode explicarse a un intento de evitar a
represión policial. Era unha convocatoria abertamente política: contra a
represión facilitada pola suspensión do Art. 18 do “Fuero de los españoles”; contra
a nova Lei Sindical, a emigración, a cota empresarial e demandaba o apoio dos
estudantes, da Igrexa e dos mariñeiros. No “panfleto” dáse o nome de varios
obreiros encarcerados e dos “sociales” torturadores, no caso de Vigo: Waldo,
Mosquera e Manolito Ribera, os “Billy el
Niño”[38]locais.
Antonio
Cameselle Romero, non estivo nesa manifestación. Tampouco o seu irmán José. Fixérono
por precaución, xa que os detiveran con anterioridade e tiñan medo de que os
volvesen prender; como así ocorreu.
Dinos
Antonio que a manifestación a convocaran as Xuventudes Comunistas, no Paseo de Afonso,
como “quecemento” do 1º de maio. Tras o remate da mesma tres membros das
Xuventudes, que un ano despois participarían na formación de Organización
Obreira, achegáronse á comisaría da
policía, detrás da igrexa de Santiago de
Vigo, e prendéronlle lume a un “jeep”. Ese mesmo día detiveron a Hierro Chomón e
acusárono de ser un dos autores.
Pola
noite detiveron a Antonio e José Cameselle. Retivéronos 15 días en comisaría. O
“estado de excepción” xa se levantara en parte do territorio do Estado pero a
suspensión do artigo 18 do “Fuero” permitía prolongar a detención, sen pasar a
presenza do xuíz, de 72 dúas horas ata 15 días[39].
A policía, considerando que os irmáns Cameselle eran os dirixentes de Barreras,
detivéronos, para que non fuxisen, agardando a sacarlle a confesión a Xabier. Mais
esta non se produciu a pesar das torturas.
Antonio
Cameselle recorda que ata o tiveron que reter varios días na comisaria agardado
a mellora do seu aspecto antes de pasalo ante o xuíz.Tiña os beizos partidos,
os ollos morados e a cara inchada. O
estado físico, produto das malleiras, confírmanolo o seu amigo, compañeiro de
traballo e de partido, Ramón Vázquez Pazó. Lémbrao porque a el tamén o detiveron
algún día despois. A policía quería nomes, que en moitas ocasións nin se sabían
por empregarse "nomes de guerra" e seica Xabier o único que dixera
fora o del. Sometéronos a un careo e foi cando Ramón viu a Xabier. A Ramón
soltárono aos dous ou tres días. Peor, dinos Vázquez Pazó, sería a detención na
folga do 72. “Daquela, contáballe o avogado Martínez Randulfe a Suso de Toro[40],
ninguén admitía que cantara, pero a maior parte canta e é o normal. É moi
difícil se che dan duro (...)”
Procesos
de radicalización de non doada comprensión e de estraña concentración na cidade de Vigo poden ter
certa explicación á luz das brutalidades policiais do última quinquenio do
franquismo, en especial na feroz represión de
setembro-outubro de 1972. “O peor fora o caso de Casimiro Araújo. A
aquel tivérano catro días e bañarano en auga osixenada. De alí saíu a
radicalización dos GRAPO”, di Xoaquín López Facal, neste dialogo de varias
voces con Suso de Toro sobre Camilo Nogueira; este último engade:
“Outra das consecuencias da
represión do 72 foi a radicalización dun grupo de xente, moi especialmente
daqueles xoves revolucionarios do PCE que máis adiante tomaron a derivación do
PCE(r) e do propio GRAPO (...) Xil Araúxo, foi un rapaz traballador que estivo
detido na comisaría nos mesmos días ca min e que eu vin como pasaba por diante
da miña cela sangrando coa cara estragada. Despois atopeino tamén na cadea. E
penso moitas veces ata que punto a tortura do ano 72 non foi o elemento
determinante da vía violenta que esta xente escolleu”.
Xabier
só lle contaría á súa muller Fita as
torturas nunha ocasión, sendo mozos, na cima do Galiñeiro, nas “ghallas”, onde
gustaba ir dende que saíra do cárcere para “berrar e sentir a liberdade”. Cóntanos
ela:
“Ese
día para min foi duro... non me pasara pola cabeza que unha persoa puidese
soportar tanta dor, tanto sufrimento, tanto escarnio e, ao tempo, manterse tan
firme nas súas conviccións... E choramos, vaia se choramos....; eu escoitei, só
escoitei, teño na memoria que non era capaz de falar. Despois destas
confidencias entendín a importancia para el da bandeira e o himno galego.”[41]
Que
Xabier levaba unha bandeira, como di Ferrín: “... ao final de Elduayen, erguía
unha bandeira galega e avanzaba, como fora acordado na súa célula, desde a
oliveira simbólica da cidade cara a illa que daquela dividía alí o fluxo do
tránsito viario.” confírmanolo Alfonso Álvarez Gándara quen nos informa:
“Lembro con peculiar precisión que o
atestado policial imputaba a Xabier Salgueiro ser o portador dunha bandeira
azul izada “nun alto puntal” (isto significábao
en canto manifestante), bandeira que era “branca, dun pano asedado, e
cruzada en diagonal por unha banda verde”. Iso deu lugar a que eu tratara
de minimizar a relevancia na manifestación do portador do estandarte,
solicitando unha proba pericial a cargo da Real Academia Galega (sobre como se
entendía ser a bandeira galega). A Academia certificou que se consideraba como
tal un pano branco cruzado en diagonal por unha banda azul. Consonte a isto, eu
manifestei que a bandeira do manifestante carecía de significado político”[42]
Cal
é o motivo de que na sentenza do TOP non se faga mención á mítica bandeira
erguida polo “rubio de Barreras”?
Mesmo porque, en contra da
petición da fiscalía, o tribunal considera que: “Conjunción de elementos que delinean y perfilan la figura penal de
que viene acusado, en grado de mero partícipe, pues no se ha acreditado llevase
a cabo el procesado ningún acto en orden a la formación, desplazamiento o
dirección del grupo del que formaba parte.”
A
razón foron as habilidades xurídicas de Álvarez Gándara que baseou a defensa de
Xabier en desmontar a acusación de manifestación non pacífica en función do
argumento de que portar unha bandeira legal como a de Galicia puidese ser
considerado un acto incitador á manifestación non pacífica como argumentaba o
Ministerio Fiscal:
“... en sus conclusiones
definitivas, calificó los hechos procesales como constitutivos de los delitos
de propagandas ilegales y manifestación no pacífica .... reputando responsable
del mismo, en concepto de autor al procesado ALONSO SALGUEIRO, sin la
concurrencia de circunstancias modificativas, solicitó la imposición de las
penas de dos años y cuatro meses de prisión menor y multa de diez mil pesetas, por el primero y dos años de
igual prisión y multa de cinco mil pesetas por el segundo. Las penas
pecuniarias con los consiguientes arrestos sustitutorios, caso de insatisfacción
con las accesorias correspondientes y pago de costas.”
O
ridículo daltonismo policial e a perspicacia
do defensor conseguiron que a sentenza non puidese consideralo como “incitador”
ou “reputado responsable de manifestación no pacífica” polo:
“Que debemos CONDENAR Y
CONDENAMOS al procesado XABIER ALONSO SALGUEIRO como responsable, en concepto
de autor, de un delito de propagandas ilegales y de otro de manifestación no
pacífica a las penas de DOS AÑOS Y CUATRO MESES DE PRISIÓN MENOR Y MULTA DE
DIEZ MIL PESETAS por el primero y TRES MESES DE ARRESTO MAYOR, por el segundo. La pena pecuniaria con arresto
sustitutorios de treinta días y las privativas de libertad con sus accesorias
de suspensión de todo cargo público, profesión, oficio y derecho de sufragio
durante el tiempo de las condenas y el pago de las costas. Se decreta el comiso
del material ilícito intervenido al que se dará el destino legal.”
A
boa defensa fixo que o TOP reducise a condena por manifestación non pacífica de
dous anos a tres meses. Álvarez Gándara, o seu avogado defensor, escríbelle,
sete días despois de emitida a sentenza,
unha agarimosa carta na que lle
da conta da sentencia:
Querido amigo
El procurador me ha trasladado la sentencia dictada por el
Tribunal de Orden Público. Se te condena, como autor de un delito de propagandas
ilegales, a la pena de DOS AÑOS Y CUATRO MESES DE PRISIÓN MENOR Y MULTA DE DIEZ
MIL PESETAS y como responsable de otro delito de manifestación no pacífica, a
la pena de TRES MESES DE ARRESTO MAYOR. El Fiscal había pedido lo mismo que te
imponen por el delito de propagandas ilegales. En cambio obtenemos una
considerable rebaja en cuanto al delito de manifestación no pacífica: el Fiscal
pedía dos años y cinco mil pesetas de multa. (Lo debemos, sobre todo, al asunto
de la bandera).
La propia sentencia hace constar que la pena impuesta por el
delito de manifestación no pacífica queda extinguida por el indulto de
septiembre de 1.971.
Aunque no lo diga la sentencia, queda tambien cancelada la pena
de multa y una cuarta parte de la otra privativa de libertad. Así pues, 2 años
y cuatro meses, hacen 28 meses, menos una 4ª parte = 21 meses. De esta cifra
hay que restar cerca de 2 meses que cumpliste de prisión provisional, con lo
que quedan 19 meses.
Ahora bien, lo normal es que te permitan redimir penas por el
trabajo, con lo cual, a los 10 meses de prisión, podrás tener redimidos otros
cinco meses; es decir podrás tener cumplidos, 15 meses de aquellos 19, con lo
cual te quedaría sin cumplir una cuarta parte aproximadamente de la pena
impuesta, cuarta parte que te deben dejar cumplir (teniendo buena conducta en
el penal) en libertad condicional.
Por lo tanto espero que en 10 o 12 meses puedas cumplir toda la
condena.
Ahora, por el momento, interpongo recurso de casación ante el
Tribunal Supremo, para que no se ejecute inmediatamente la condena y puedas
terminar de una vez tu servicio militar. Por otra parte, en los varios meses
que tardará el tribunal en resolver el recurso pueden ocurrir novedades con las
que ahora no contamos, que te eximan de cumplir la condena. (...)
Efectivamente
Álvarez Gándara interpuxo recurso de casación ante o Tribunal Supremo por
“quebrantamento de forma”, xa que o Tribunal considerara impertinente a
pregunta formulada polo avogado defensor ao acusado sobre se recibira na rúa ou
nas dependencias policiais malos tratos.
Visto
o xuízo na Sala Segunda do Tribunal Supremo, o 14 de marzo de 1973, este
sentenciou que non había lugar ao recurso. Así eran as cousas.
Detido
o 27 de abril de 1971, pasou, segundo algunhas informacións, 11 días[43]
na comisaría. O réxime decretara o “estado de excepción”, dentro do permanente
estado de excepción que era o franquismo, por mor do comezo do coñecido como
proceso de Burgos contra 16 membros de ETA que se encetou o 3 de decembro e
ficou visto seis días despois; a sentenza fíxose pública tras 18 días de
deliberación do tribunal militar pero o estado excepcional prolongouse ata o
mes de xuño do ano seguinte. Ben sabemos para que aproveitaba aqueles días a policía
política, comunmente chamada social, así como os métodos empregados para obter
as confesións ao detido.
Segundo
consta na sentenza estivo detido entre o vinte e sete de abril e o dezaoito de
xuño. Xa que logo o nove de maio debeu ser trasladado ao cárcere de Vigo onde
permaneceu ata mediados de xuño, cando se levantou o estado de excepción.
Aquel
verán do 71 tivo que ser moi duro e triste para Xabier. Un mozo de vinte anos
cos paus no lombo, a humillación da tortura, expulsado do traballo,
incomprendido por familiares e veciñanza, coa policía detrás e a ameaza do que
lle podía pasar ao incorporarse á Mariña. Para as súas xentes de Chaín pasou a
ser “o comunista”, un apestado. Na súa maioría comezaron a marcar distancias
cun home condenado polo réxime e mesmo, interpretamos nós, abandonaron o alcume
natural de “roxo” para que non se confundise co, para algúns, insultante
apelativo. Ata ben avanzado en anos o “réxime da transición”, esta “mancha”
seguía presente e os contrincantes políticos empregaríana contra el en moitas
ocasións, mesmo en Chaín. A nai, Alcira,
lembra o moito que chorou e como só topou sosego cando o cura da parroquia lle
dixo “Non chore que o seu fillo nin roubou, nin matou a ninguén, só está preso
polas súas ideas”. As ideas para o cura, e para moito outros, eran tortas pero...
O
2 de setembro de 1971 colle camiño de Ferrol onde fará a instrución ata o 18 de
outubro. Logo para Cádiz, para o Arsenal de La Carraca, onde pasará a maior
parte do tempo do servizo militar agás o 5 e 6 de xullo no que estará en Madrid
para declarar ante o TOP e despois vir
para Chaín co mes de permiso. No Polígono de Tiro Janer, no Instituto
Hidrográfico da Mariña e, nos últimos tempos,
en El Rancho de la Bola, en Jerez, vai pasando o tempo ata licenciarse o
20 de febreiro de 1973. Dous días despois preséntase na Comandancia de Mariña
de Vigo.
O
“mozo da bandeira” e a súa relación con Organización Obreira conformábase como
tradición inventada na xestación do sindicalismo nacionalista e como en procesos
similares en gran medida ficticia e mesmo interesada. Tras o pretendido papel
determinante de OO nos xermolos do obreirismo nacionalista procurábase unha interesada
lexitimidade radical-resistente en diminuír ou disimular, seica por mor da súa
moderación en exceso pragmática, o grupo que en inicio procurou conxugar
nacionalismo e loita obreira denominado “Galicia Socialista”: “... o intento de
crear por primeira vez o “Sindicato Galego”. Creo que foi no 68. Intentámolo os
de “Galicia Socialista”.[44]
“Máis tarde entramos na UPG, fomos os primeiros obreiros que entramos na UPG, e
démoslle un gran impulso. A UPG entrou nas fábricas a través nosa, en Barreras,
en Citröen, nalgunha outra”.[45]
“ Despois do 72 (....) Xa dentro da UPG volvemos intentar a creación do
Sindicato Obreiro Galego. Os primeiros papeis co esquema fixémolos entre Reboiras
e mais eu”.[46]
7.-
A represión que non cesa e a loita continúa
A
nova xeira comezaba anubrada. Sen traballo e baixo a ameaza de que en calquera
momento viñesen na súa procura. O que non agardaba era o humillante espectáculo
que montaron. Dende que rematara a mili vivía na casa paterna. Todo o mundo o
sabía. Mais argallaron un despregue de gardas civís armados e arrodearon a casa
da Mineira o venres 11 de maio de 1973. Collérono, baixárono a Gondomar e
esposárono na porta do cuartel vello da Garda Civil, na praza de Urzaiz, á
argola de atar os cabalos. Alí o tiveron todo un día, ou cando menos moitas
horas, dinos Latino Rodríguez Areal, un
dos seus compañeiros na célula do Val Miñor do Partido Comunista, para que o
vise toda a xente da vila, para humillalo, para que todos soubesen que o réxime
era forte, que ninguén se lle podía arrepoñer, para vilipendialo e alcumalo do
peor que se podía ser: “comunista”. A mesma lóxica estaba detrás do fantasmal
despregue de Chaín: non fose quedar alguén na parroquia sen saber que prenderan
a Xabier “o comunista”. O réxime precisaba exhibicións de forza para
amedrentar.
Ao
día seguinte, trasládano á prisión de Vigo. Un mes despois, o 13 de xuño,
lévano ao cárcere da Coruña onde o terán ata o 10 de agosto cando o desprazarán
á vella cárcere da Parda, en Pontevedra, onde cumprirá o resto da condena ata saír
en liberdade provisional.
Calendario de Xabier no cárcere |
Había
que sobrevivir e aproveitar o tempo para a formación cultural e política, para debater, contrastar e contrapoñer ideas,
análises, mais este tamén era outro escenario na loita contra a ditadura non un
simple lugar de espera ata o cumprimento da condena. Cando preguntabamos aos
nosos informantes sobre o proceso de decantación ideolóxica de Xabier sempre
poñían Barreras como referencia; emporiso o seu compañeiro de partido Latino
Rodríguez considera que a súa enorme formación política adquiriuna na
convivencia do cárcere.
As
ganas de ollar os cumes do Galiñeiro, de
escoitar o ruxerruxe dos piñeirais, o
murmurio da auga na levada, de ver a pais e amigos, de falar cara a cara,
prende na mente do preso no silencio da cela. Pasan lentos e pesados os días.
Contra os perigosos matinares advírtelle protector o seu avogado Álvarez Gandara
, “no pienses tanto en los trenes nin en el calendario, porque se me ocurre
que, de ese modo, el tiempo puede transcurrir mas lentamente todavía”. Aínda
así Xabier fixo o seu particular calendario nun caderno no que tamén tomaba
notas, facía resumos, elaboraba esquemas de variadas lecturas: dende traballos
sobre a evolución humana (Hiernaux) a unha manchea de datos tirados de La marginación de Galicia de Valentín
Paz Andrade ou un persoal dicionario galego-castelán; dende apuntes sobre os
modos de produción precapitalistas ata conceptos fundamentais do materialismo
histórico ou de economía marxista; dende as crises cíclicas do capitalismo ata
unha biografía de Sun Yat-Sen ou o modelo revolucionario chinés[47]
.
A
loita contra a ditadura tamén se realizaba no interior dos cárceres. Así o fixo
Xabier. O 19 de xaneiro de 1974 dirixe
un longo escrito reivindicativo á Xunta
de Réxime da prisión pontevedresa na que denuncia as ríxidas normas de
convivencia impostas polo novo director que modificaban as anteriores e
reducían o tempo de comunicación tanto oral como escrita; denuncia o horario de peche de celas, as
condicións de vida e salubridade do cárcere, a intencionada lentitude na
tramitación da documentación para a mellora da condición do preso...
As
tensións co director foron en aumento xa que unha semana máis tarde asina outro
escrito, agora dirixido á Dirección
General de Instituciones Penitenciarias, no que reitera as denuncias anteriores
con maior detalle e declárase en folga de fame:
“Reiteradamente viene
formulando razonadas peticiones y exponiendo sus graves problemas, sin que,
hasta el momento haya obtenido solución
seria alguna. Es por ello que por tratarse de Derechos inalienables se
considera en el indeclinable deber de abstenerse de ingerir alimentos en
actitud suprema de apelación. Lo que resuelve hacer y hace a partir del día de
la fecha.
Y como quiera que no existe
ninguna ley que le obligue a comer, ante cualquier coacción estimaría lícito
defenderse y se defendería sin descartar el recurso a la ley.”
Descoñecemos
a duración da folga de fame e se foi unha acción colectiva ou individual, en
calquera caso é un exemplo da decidida personalidade de Xabier, da súa forte
convicción ideolóxica e do seu valor.
En
termos semellantes, no referente á cuestión dos graos, diríxese ao Colexio de
Avogados de Pontevedra e remite unha denuncia á Xefatura Provincial de
Sanidade na que relata as pésimas
condicións sanitarias e de habitabilidade.
Por
parte do director da prisión, Antonio Rey Espiño, debeu haber unha certa moderación no trato cos familiares e no
réxime de visitas. Non en moito máis. Pouco tempo despois Xabier envía unha
longa carta á mesma dirección xeral denunciando os atropelos do arbitrario
director.
Co
anterioridade, o dous de marzo de 1974, enviou un manuscrito, loxicamente como
todos os anteriores aos que fixemos referencia, ao director da prisión no que
solicitaba o envío á Xefatura do Estado (Franco) dun telegrama co seguinte
texto: “XABIER ALONSO SALGUEIRO SOLICITA COMMUTACIÓN PENA MUERTE PUIG ANTICH.
STOP. ABOLICIÓN PENA DE MUERTE”.
Estes
escritos reivindicativos hai que interpretalos, para unha valoración acaída,
tendo en conta que Xabier ía solicitar ao Ministerio de Xustiza, un mes
despois, exactamente o 2 de xuño de 1974, o seu paso á situación de liberdade
condicional xa que leva cumpridos 14 meses, extinguidos 7 meses de indulto e
redimidos 3 meses por traballos o que suma un total de 24 meses extinguidos,
cómputo que excede as tres cuartas partes do tempo total de condena que lle fora imposto.
Pero
esta demanda non lle impedirá que seguise a reivindicar dereitos persoais
e colectivos. O 8 de xuño escríbelle
unha carta á nai, na que con retrónica lle conta que non lles deixaron ver o
combate de boxeo. O director non lle dá curso e esíxelle que a rectifique. Na vez de facelo axúntaa a un escrito que lle envía á Dirección Xeral
de Institucións Penitenciarias .
8.-
O desacougo da liberdade e o retorno a Barreras
A
saída do cárcere obriga a recompoñer a vida, tomar novos folgos, enfrontarse a
realidades complexas. Os meses pasan e atópase só. Non sabemos se chegou a
enviar unha carta dirixida ao compañeiro de servizo militar, cando menos
redactou un borrador (05/01/75) no que deixa translucir un baixo estado de
ánimo:
“La historia mía es bastante
breve, dos meses despues de licenciar, sin previo aviso, me llevan, estuve en
Vigo, Coruña y cumplí en Pontevedra, hará unos cuatro meses, empecé a trabajar
en un taller para salir del paso pues salia sin un céntimo y no me pagaban lo
que debían y me busqué otro que es en el que estoy actualmente que cubre mejor
mis necesidades. Otra novedad es que estoy viviendo de pensión aunque voy a
casa de los viejos los fines de semana. Lo que no es novedad es que sigo sin
novia ni nada que se le parezca, a ver si tienes algo recomendable por ahí, por
Granada.”
Ano
e medio máis tarde, despois de andar a traballar en distintos talleres vigueses
era readmitido en Barreras. Comezaba unha nova xeira centrada xa non tanto na
loita sindical e política, o que non empecía a súa participación activa en CC
OO mesmo en candidaturas nas eleccións sindicais ou no PCG, senón no movemento
veciñal no seu Chaín natal e na política municipal de Gondomar.
Carné de CC OO de Xabier Alonso Salgueiro que incluía unha
significativa declaración de principios, 1976.
Ningunha actividade social ou labor para a
mellora das condicións de vida da veciñanza ficarían á marxe da súa entrega
solidaria. Fose unha autentica epopea pioneira como baixar a auga dende os
olleiros do Galiñeiro ata as casas da parroquia, un esforzo económico, de
xestión, organización e traballo no que poucos acreditaban e que un mozo de
vinte e cinco anos se botou ás costas como un titán e conduciuno a bo fin,
mesmo atendendo ao detalle de que a auga corrente brotase nas casas o día da
festa da parroquia. O tele-club contou co seu traballo e cando ficou obsoleto impulsou
a súa reconversión, outra vez pioneiro, en Centro Cultural que segue vivo na actualidade. A reivindicación da
propiedade veciñal da capela da Mercé, cando a igrexa tentou apropiarse dela e
o cura quixo botarlle un pulso á parroquia, ou a comisión do cemiterio
parroquial tampouco ficaron sen a súa colaboración.
A
primeira comisión para a devolución aos veciños dos montes en man común contou
coa súa activa presenza así como a negociación con Fenosa para mellorar o
subministro nas parroquias do concello. Moitos destes labores foron despois replicados
noutras parroquias do Miñor e de Galicia e sobre todas elas fican testemuñas
concretas no libro de homenaxe que lle fixo a veciñanza da parroquia.[48]
Ao
tempo ía recuperando relacións e
amizades arrefriadas. Unha súa veciña
lembra o susto que levou a súa nai unha tarde que a viu baixar do Mini de Xabier. A cousa era ben
simple, subindo para Regodauga, Xabier parou o coche e ofreceuse a levala. Ao
baixarse fronte da tenda familiar, a nai, alporizada, berregoulle por subir no
coche dun home que estivera na cadea. Como lembra o seu irmán: “moitos dos que
lle torceron a cara viñeron logo pedirlle favores e sempre os atendeu”.
A
represión política, laboral e o servizo militar, en realidade un único proceso
de castigo aos disidentes, afastárano do estaleiro, dende abril de 1971, data
da súa detención, ata a readmisión, o 23 de xullo de 1976. Cando Xabier se reincorpora
á empresa xa non é a mesma. Erros de
vulto na xestión, perdas de contratos, conflitividade laboral, inestabilidade
política... arrastraron o estaleiro a
unha situación crítica que rematou na quebra e no abandono por parte do capital
privado e da familia Barreras. O estaleiro pasou a ser público baixo a
dirección do Instituto Nacional de Industria. Tras sucesivas reconversións e enormes custes
económicos, sociais e persoais, foi, de novo, privatizado en 1997.
9.-
Do devalar partidario ao municipalismo como proxecto social.
Eran
tempos de mudanzas, de novos proxectos, de novas visións: o 20 de novembro de
1975 morre o ditador; o 23 de xullo do 1976 Xabier é readmitido no estaleiro; o
9 de abril de 1977 é legalizado o PCE; dous meses despois (15 de xuño de 1977)
convócanse eleccións ás cámaras constituíntes nas que o PCE fica ben lonxe das
expectativas xeradas como gran forza de
oposición á ditadura (non chega ao 10% e acada 20 escanos, deles 8 eran
do PSUC co que se presentou en coalición)
e, sorprendentemente, ou non
tanto, un irrelevante, durante corenta anos, PSOE supera o cento de deputados. As
lexislativas de marzo de 1979 supoñen, para o PCE, unha leve melloría que só
anuncia a treboada (10,77% e 23 actas).
Cómpren
pois novos métodos organizativos e políticos. O 26 do mes do Nadal de 1977 Xabier,
como secretario político do PCG no Val Miñor, convoca a militancia da agrupación miñorá a unha reunión
o 7 de xaneiro de 1978, no Bar “La Paloma” da Ramallosa, para elixir o delegado
ao III congreso do PCG, convocado para os primeiros días de febreiro, así como
para debater as teses e os estatutos. Mais tamén para analizar o traballo
realizado no Miñor tanto nas reivindicacións ante FENOSA como na campaña a prol
da Autonomía ou a situación do movemento veciñal gondomarés. No escrito
recóllense, entre outras, a proposta de crear
e apoiar as asociacións de veciños e impulsar o movemento campesiño, as Comisión Campesiñas, para reclamar a
devolución dos montes veciñais e impedir a creación dun sindicato amarelo por
parte das “Hermandades” franquistas. Así mesmo o apoio ás Comisións Obreiras, con máis de 800
afiliados no Val Miñor, segundo o escrito e o desenvolvemento das Comisións
Mariñeiras e do Sindicato Libre da Mariña Mercante (SLMM).
A
actividade primordial do partido era saír á luz, darse a coñecer, que os compañeiros de
traballo, a veciñanza en xeral, puidesen identificar os que durante anos
lideraron o movemento democrático na clandestinidade e agora ficaban varridos
polos novos aires do marketing político.
Xabier sempre levaba a escarapela coa fouce e o martelo prendida na
solapa ou no xersei, vendía o “Mundo Obrero” e os libros dos congresos en mesas
que poñían na Ramallosa ou en Baiona.
O
PCE non foi quen de emular os seus referentes. O PCF fora o primeiro partido da
esquerda francesa e aínda que foron superados polos socialistas de Miterrand,
en 1978, continuaban a ter un importante apoio baixo o liderado de George
Marchais. Pola súa banda o PCI, dirixido por Enrico Berlinguer, é a segunda forza
política italiana dende o remate da II Guerra Mundial, concitando a confianza
de máis dun terzo dos electores. Nos dous casos, percíbese o inicio do proceso que levará ao
declive do primeiro e á desaparición do segundo. Mesmo, o prosoviético PCP de Alvaro
Cunhal transmutado na Alianza Povo Unido (APU) supera con folgura o 15% dos
votos.
Pola
contra as lexislativas de outubro de 1982 supoñen unha desfeita para o PCE de
Santiago Carrillo. Fica por debaixo do 5% con catro deputados. Carrillo ten que
dimitir. É substituído por Gerardo Iglesias. No XI congreso o PCE queda
dividido en tres tendencias (prosoviéticos, renovadores e carrilllistas). O 15
de abril de 1985 o Comité Central do PCE, presidido por Dolores Ibarruri,
decide a expulsión de Santiago Carrillo e os seus seguidores que se
constituirán uns meses despois en Partido de los Trabajadores de España-
Unificación Comunista (PTE-UC) que pouco tempo despois se integrará no PSOE.
Candidatura de CC OO en Barreras nas terceiras eleccións
sindicais de 1982
Carné do PCG de Xabier Alonso Salgueiro, 1984
O
partido no Val Miñor seguirá un devalo similar. Na primeira metade dos oitenta
deixa de funcionar como tal. Non temos información fidedigna da posición que
adoptou Xabier aínda que a podemos intuír tanto por informacións orais como
polo feito de que entre as notas de pésame conservadas pola familia estean as
de Julio Calviño, en representación do Partido de los Trabajadores de Galicia e
da Unión Comarcal de Redondela do mesmo partido e non haxa ningunha nin do PC
nin de Izquierda Unida, que se fundara en abril de 1986. En calquera caso tampouco
acompañou os chamados “carrillistas” na
súa integración no PSOE e, con moita probabilidade, nesta decisión tivo moito
que ver a política local á cal Xabier dedicaba os seus esforzos.
A
foto fixa (bipartidismo UCD-PSOE, a dereita máis franquista minguando e o resto
residual) sairá desenfocada na política municipal de Gondomar, en gran medida
pola iniciativa política de Xabier. El sería o impulsor de candidaturas
veciñais ou municipalistas nos tres comicios nos que puido participar.
O
proxecto que viña madurando Xabier, con total
autonomía con respecto da política xeral do PC, era unha proposta
veciñal, ou máis propiamente parroquial, construída a partir de asembleas con
representantes das entidades veciñais, culturais, deportivas, comunidades de
auga, de montes, etc. Este proxecto foi o que inspirou as candidaturas veciñais
de 1979, 1983 e 1987. É evidente que foi nesta última cando se concretou o
proxecto con máis éxito, tanto por telo contrastado como por telo máis matinado
como podemos deducir do documento mecanografado que conservaba Xabier entre os
seus papeis. Neses “Principios, bases e normas polas que se rexe a candidatura
independente veciñal e parroquial cara ás eleccións municipais en Gondomar” e
que, no básico, inspiraron as candidaturas por el impulsadas.
Pretendíase
lograr unha “corporación representativa”; para logralo perseguíase a
participación veciñal na elección do candidato da parroquia, cousa que a escasa
afiliación dos partidos non permitía. Para o cal cumpría organizarse en cada
parroquia, segundo as características de cada unha. Ademais das persoas
propostas pola comisión de coordinación podía presentarse quen o desexase e
aceptase tanto as normas aprobadas pola coordinadora das parroquia como comprometerse
a dimitir no caso de que os votos acadados na parroquia non fosen suficientes para
formar parte da corporación; isto é, se a candidatura obtiña o 30% e nunha
parroquia só obtiña o 10% pero pola posición na lista o representante acadaba a
acta tería que dimitir para deixar o seu posto ao doutra parroquia que acadase
o apoio medio da candidatura. Procurábase así tanto o compromiso dos núcleos
parroquiais máis activos como o dos candidatos.
Moitas
das persoas coas que falei sempre resaltaron que Xabier non realizaba labores
de proselitismo, nin coas amizades máis próximas. Esta aparente contradición
cos deberes dun militante comunista dáme a impresión que se sustentaba nunha
perspectiva máis interesada na acción social de masas que na dunha elite militante
que, ao tempo, consideraba o seu compromiso máis como un labor didáctico-
liberador que propagandístico-partidario. Coido que tamén influía nesta
actitude o temor a arrastrar os compañeiros a experiencias dolorosas como a
súa. En calquera caso moi pouco leninista.
Un
dos seus amigos cóntanos[49]
como lle axudaba nas “panfletadas” no cine de Gondomar pero que nunca, ao longo
de tantos anos, nin sequera lle chegou a
insinuar o seu ingreso no PC. O mesmo nos di outro gran amigo e ademais
compañeiro na actividade municipal que ao preguntarlle directamente por se non
o pretendera convencer para integrarse
no PC, respondeu: “nunca mo insinuou, nin eu llo pedín”[50].
De novo a rebeldía camusián da “ética da acción”, de quen se rebela contra a
explotación, a opresión, a inxustiza, a violencia, e no mesmo feito da revoltarse
afirma os valores en nome dos cales se volve rebelde, moralmente rebelde. Xa
que logo a acción política ten que ter unha base moral sólida que fai
innecesario calquera caste de proselitismo; a moralidade da acción é
suficiente.
Esta
actitude tan escasamente canónica para un militante comunista pode estar tamén
na base dunha decisión difícil de entender, agás por un exceso de pragmatismo mesturado
cunha inocente pretensión de lograr o “ben común”, como foi concorrer nas
primeiras eleccións municipais nunha candidatura encabezada por un excéntrico
exalcalde franquista, José De Lis, ao que non quixeran na UCD. A experiencia
rematou como o rosario da aurora. Xabier converteuse no xefe da oposición ao
goberno do que formaba parte, presidido pola persoa que encabezaba a lista pola
que el concorrera ás eleccións. Na seguinte corporación, por suposto en
candidaturas separadas, o noso protagonista volveu a exercer como constante
opositor ao alcalde reelecto.
Xabier
non encabezou ningunha das tres candidaturas coas que concorreu e polas que foi
electo concelleiro. Dáme a impresión de que nesa actitude coexisten razóns
diversas. Por un lado, cando menos a min así mo parece e moitas das persoas
coas que falei confírmanmo, era consciente de que en termos políticos
debía encabezar el as candidaturas pero
que o seu pasado limitábao e, en certa medida,
invalidábao como candidato. Coido porén que houbo outros dous factores
de maior incidencia. Por unha banda, na lóxica parroquial ideada por Xabier,
Gondomar, tanto por ser a “vila” como por tamaño, tiña que estar representada
en primeiro lugar e despois as outras parroquias de maior poboación. Mais tamén
hai unha certa excrecencia do “dualismo campo-cidade” ou se se quere dun certo
“complexo aldeán” así como unha percepción de que para ser alcalde había que
ser algo máis que un traballador, que había que, como se dicía daquela,: “ter
estudos”. Isto foi evidente nas eleccións de 1987 cando a candidatura
construída arredor de Xabier e ao cabo gañadora, encabezouna un mestre da vila.
A Plataforma Veciñal Independente acadou seis actas, conxugando unha visión
municipalista, unha forte presenza parroquial e unha marca galeguista (sectores
despois vinculados ao BNG) e social (na tradición do PC) así como aproveitando
o descontento co “socialismo” local. Tras o pacto co PSOE un novo ciclo
político iniciábase en Gondomar, remataba a ditadura, o franquismo político na
vida municipal e aínda que Xabier non ostentaba a alcaldía, ninguén lle
discutía o seu liderado.
As
tensións entre De Lis e Xabier Alonso non acougarían tampouco neste mandato. O
ex alcalde publica un escrito na sección de cartas ao director en Faro de Vigo
na que di:
“Quiero “refrescarle la memoria” al concejal
D. Xabier Alonso, con su manifestación -aberrante manifestación- que se
encontraba mas a gusto en Portugal que en Castilla. ¿Es que el PC es
separatista? ¿Qué se dirá en el seno del partido que presume de tan español?
Es un vulgar desprecio a
España en su total integridad. El respeto, profundo y sereno respeto y cariño que tenemos todos
hacia el país hermano, no puede dar lugar a la grave ofensa inferida a España”[51]
10.
A traxedia
A
vida continuaba. Polas mañás ben cedo a unha Barreras en sucesivas e brutais
reconversións. Polas tardes xestión municipal e atender os cativos. Os domingos
algunha escapadiña.
Nas
portadas dos xornais dos primeiros de outubro de 1989 inzaban as noticias sobre
as disputas entre os mariscadores de Cambados e de Vilanova; a absolución de
Xosé Luis Barreiro Rivas, ex vicepresidente da Xunta, acusado de prevaricación;
as ameazantes advertencias dos EE UU ao xeneral panameño Noriega..., entre elas,
tamén, na primeira de varias cabeceiras, a triste e tráxica nova da morte de Xabier
Alonso Salgueiro.
Contra
o mediodía do 4 de outubro de 1989 Xabier e o seu compañeiro Jorge Alonso Novoa
“Matamá” andaban a traballar, informa o Faro
de Vigo[52], no
tanque do atuneiro “Intertuna 2”, con sopretes de propano; nun intre víronse
arrodeados polas chamas. “O Matamá”
puido saír pola escaleira do
tanque con queimaduras de primeiro e segundo grao en cara e mans; recibiría a
alta horas despois. Non así Xabier, viuse envolvido en chamas sen que ninguén puidese
socorrelo. Os bombeiros dos estaleiros sufocarían o lume que afectou o cen por
cen do corpo.
Segundo
o ABC[53],
os traballadores dispúñanse a reparar unha canalización na bodega cando se
produciu unha forte explosión, ao parecer, a consecuencia dunha acumulación de
gases. O Atlántico Diario fai un
relato máis pormenorizado. Segundo o xornal vigués, estaban a fixar, cun soprete, unha válvula
que permitise abrir e pechar o pique de proa dende a cuberta do barco, cando se
produciu unha explosión que calcinou a
Xabier e alcanzou ao Matamá cando pretendía socorrelo.
Segundo
os traballadores o falecido pretendeu saír do tanque e agatuñou ata situarse
preto da boca de saída de forma ovalada e de 45cm. de longo por 35cm. de ancho.
Antonio Cameselle, presente no barco en construción, dinos que non houbo
explosión, senón que o traballo quedara sen facer o día anterior pola
dificultade do mesmo xa que era un espazo moi cativo e ao prenderlle lume na
roupa Xabier non tiña sitio para se revolver
e o Matamá, como estaba nunha plataforma superior, puido saír. A
desgraza, segundo Cameselle, producírase por non levar a roupa axeitada.
Nun
primeiro momento a dirección de Barreras indicaba que a morte producírase ao
prender lume nas roupas do traballador por causas aínda sen determinar. Dábase
a circunstancia de que uns meses antes, en concreto o 7 de maio, no mesmo barco
producírase outro accidente laboral no que resultara queimado, nas dúas pernas,
un soldador que recibiu a alta en Povisa xusto o mesmo día no que faleceu Xabier.
Ao día seguinte o Instituto Nacional de Industria (INI), propietario de
Barreras, informaba que a morte se producira pola inflamación do gas do soprete
e non por unha explosión.
Pola
tarde, as centrais sindicais reuníanse e efectuaban unha valoración deste
accidente e outros anteriores. Para elas unha das posibles causas era, entre
outras, a redución do cadro de persoal como viñan denunciando en reiteradas
ocasións. O comité de empresa, co apoio dos sindicatos, convocou, para o día
seguinte, dúas horas de folga e unha manifestación ante a delegación de
Traballo para reclamar maior seguridade no traballo. A morte do “rubio” volve
poñer en cuestión as medidas de seguridade nos estaleiros.
Os
traballadores de Barreras critican que o cadro de persoal de bombeiros se
reducira de 15 a tres persoas, cuestionan as roupas que se empregan no traballo,
os medios de protección así como a necesidade de formación dos mandos
intermedios e conclúen que palabras moi sonoras como produtividade ou ritmo empregadas
para aforrar unhas pesetas supoñen o custo dunha vida humana. Segundo recolle La Voz de Galicia dun informe do Comité Provincial de
Seguridade e Hixiene, nos estaleiros da ría de Vigo, entre xaneiro de 1986 e
marzo de 1989, producíranse máis de 7.000 accidentes de diversa consideración,
deles 22 foran graves e tres de morte. Nesta relación non estaban incluídas as
catro mortes acaecidas na reparación da ponte do buque oceanográfico “Cornide
Saavedra” nin a de Xabier.
Nunca
tanta xente se xuntara ao pé do Galiñeiro. Foron miles de persoas (mais de tres
mil segundo o Faro de Vigo) as que
acompañaron o cadaleito polas encostas que levaban, e levan, por estreitos
camiños dende Regodagua ata o cemiterio de Chaín. Alí a súa dona; os país; os
familiares; a veciñanza da parroquia á que lle entregou xenerosamente o orgullo
do traballo en común e á que lle “falaba con palabras que podiamos entender”[54].
Xentes de todas as parroquias de Gondomar,
do Miñor, da área de Vigo; todos os concelleiros co alcalde Sestelo á fronte
portando o féretro; centos de traballadores de Barreras, do naval,
sindicalistas, comunistas das diversas pólas. Alí estaban para acompañar na súa
última viaxe o rubio de Barreras. As emocións rebordaron.
Vivimos
mentres alguén nos recorde. A vida de Xabier será longa.
Gondomar de Miñor, outubro de 2018
[1] Ver http://pedogalinheiro.blogspot.com/2017/10/joaquin-miguez-ledo_34.html
[2] Sobre Cribeiro e a persecución franquista sobre o maxisterio no Val
Miñor ver Méixome C.: “A represión franquista sobre o maxisterio miñorán” en Victoriano Taibo. Monografías da Revista
de Estudos Miñoranos, 2008, Val Miñor. Sobre Fraiz: Garrido Moreira, E.
(2002). Víctor Fraiz: Vida e asasinato dun mestre exemplar.
Santiago de Compostela: Fundación Luis Tilve.
[3] Ver Vilar, X.L. e Méixome, C.: “A Volta dos Nove, notas para una historia
da represión franquista no Val Miñor”,
en Murguía, nº 7/8, 2005, p.
155-168
[4] Ver Méixome, C.: “Algunhas consideracións ao abeiro das exhumacións
das fosas de San Xián (O Rosal) e una adenda”, en Murguía nº 34, 2016 p.77-91
[5] Na altura o contraste
“aldea-cidade” xeraba grandes debates teóricos sobre a denominada cuestión do
“dualismo”. Para uns seguían existindo elementos precapitalistas no mundo rural
que coexistían co capitalismo, para outros o modo de produción era o
capitalista. A contraposición simplificábase nun hipotético antagonismo entre a
aldea, esencia de Galicia, e a cidade españolizada e españolizadora.
Curiosamente Xabier, estando preso no
cárcere da Coruña, tivo, e conservou, mecanografada
unha copia literal do artigo conxunto de
Andrés Salgueiro e Xosé Vilas “ A estructura socioeconómica galega; ¿Unidade ou
dualidade?” publicado en La Voz de Galicia (08/07/1973) así como a resposta por
parte de Xosé Manuel Beiras, titulado “Dualismo e dependencia na estructura
económica galega” publicado no mesmo xornal (29/07/1973).
[6] Todas as
referencias ao contrato de aprendizaxe están tiradas do contrato de Xabier. Arquivo familiar.
[9] Gómez Alén
(1995). As CC.OO. de Galicia e a
conflictividade laboral durante o franquismo. E. Xerais, Vigo.
[12] Ver Domínguez Cabaleiro, M., Gómez Alén, J.; Lago Peñas,
P.; Santidrián Arias, V.: “Organización
e mobilización dos traballadores durante o franquismo. A folga xeral de Vigo do ano
1972” en Historia 12, Servicio de Publicacións da Universidade de Santiago de
Compostela, 1997.
[14] García, A.: “Javier na miña memoria” en Javier Alonso Salgueiro. O mozo da bandeira. Instituto de Estudos
Miñoranos. 2014, Val Miñor.
[15] Mera, M.: “Organización
Obreira e as loitas de 1972 en Vigo”. Outubro 2001. Pódese
consultar en: http://info.nodo50.org/Huelga-General-de-septiembre-de.html
[16] Domínguez Cabaleiro,
M., Gómez Alén, J.; Lago Peñas, P.; Santidrián Arias, V.: “Organización e mobilización dos traballadores
durante o franquismo. A folga xeral de Vigo do ano 1972” en Historia 12, Servicio
de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, 1997.
[20] González
Ferreira, A (2016): A fábrica. Crónica de
corenta anos de acción sindical (1964-2004). E. Cumio, Ponte Caldelas, p.15
[22] Entrevista a
Xesús Chaves en Mera, M.: “Organización
Obreira e as loitas de 1972 en Vigo”. Outubro 2001. Pódese consultar
en: http://info.nodo50.org/Huelga-General-de-septiembre-de.html
[23] Domínguez Cabaleiro,
M., Gómez Alén, J.; Lago Peñas, P.; Santidrián Arias, V. (1997): “Organización e
mobilización dos traballadores durante o franquismo. A folga xeral de Vigo do
ano 1972” en Historia 12, Servicio de Publicacións da Universidade de Santiago
de Compostela, p. 27
[26] Gómez Alén,
Santidrián Arias (1996): Historia das
Comisións Obreiras de Galicia nos seus documentos. Ediciós do Castro, Sada, p.105
[29] Ver Mera, M.: “Organización
Obreira e as loitas de 1972 en Vigo”. Outubro 2001. Pódese
consultar en: http://info.nodo50.org/Huelga-General-de-septiembre-de.html
[30] Navaza, X.: “Informe: Conversa con Luís Riveiro”. Teima nº 28, 23-30
de xuño de 1977, p. 11
[31] As referencia a Antonio Cameselle en entrevistas telefónicas e
persoais, agosto-setembro de 2014
[32] As referencia a Ramón Vázquez Pazó en entrevistas telefónicas e
persoais, agosto-setembro de 2014
[33] Carrera F.:
“Non foi inútil” en Javier Alonso
Salgueiro. O mozo da bandeira. Instituto
de Estudos Miñoranos, 2014, Val Miñor, p.53
[34] Sobre o TOP pódese consultar José del Aguila, Juan (2001): El TOP. La represión de la libertad
(1963-1977), Planeta. Nesta obra inclúese a longa listaxe de procesados por
este tribunal, na que aparece o nome de Xabier; dos avogados, no que se recolle o de Alfonso Álvarez
Gándara que defendeu 23 casos, e o dos procuradores, entre eles Gonzalo
Castelló y Gómez Trevijano que con 352 é o quinto que actuou en máis casos. Ao
procurador refírese Méndez Ferrín
como: “Gonçalo Castelló y Gómez-Trevijano, un independentista pancatalán de esquerdas” en
“No fondo dos espellos”, Faro de Vigo,
04/19/2014. A Xabier defendeuno no recurso de casación
ante o Supremo Juan Lozano Villaplana e estivo representado, de novo, por
Castelló.
[35] Trabuco que tiñan que pagar os labregos ao ser considerados como empresarios
autónomos. Non anda tampouco desencamiñado Méndez Ferrín cando indica como unha
hipotética razón para a convocatoria do “salto” a loita contra a “cota
empresarial”. Gómez Alén e Santidrián Arias, (1996, p.125), incorporan o texto
dun chamamento de “Comisiones Campesinas de Pontevedra” a non pagar o imposto,
seguindo a negativa dos labregos ourensáns. O chamado dos labregos ourensáns
está asinado en decembro de 1970. O de Pontevedra é posterior. Ambos están
recollidos en Nova Galicia. Revista de
cultura y política do Partido Comunista, 18-19, cuarto trimestre de
1970-primeiro trimestre de 1971.
[36] O 26 de abril de 1846, no concello de Carral, tras xuízo sumarísimo
foron fusilados doce militares que, dirixidos polo coronel Solís, encabezaran
un “pronunciamento” liberal en Lugo que se estendera por Galicia e contou co
apoio de estudantes composteláns entre eles Antolín Faraldo impulsor do
“provincialismo” precursor do que hoxe chamamos “nacionalismo”. Serán coñecidos
como os Mártires de Carral. Sobre a elaboración e reelaboración deste “lugar de
memoria” pode consultarse “Os fusilados de Carral: de “heroes” españois a
“mártires” galegos” en Villares Paz, R. (2017): Identidades e afectos patrios. Galaxia, Vigo, p. 299-339
[37] Gómez Alén, Santidrián Arias: Op. Cit. p.126. Doc. 4.10.
[38] Antonio González Pacheco, policía torturador condecorado ao que
recentemente se lle retirou este recoñecemento.
[39] A partir de 1967 as vagas represivas comezaron a ser facilitadas pola
declaración de “estados de excepción” en todo o Estado ou en parte, no País
Vasco. O estado de excepción consistía na supresión temporal dunha serie de
garantías, que, en verdade, nunca foran exactamente respectadas polo réxime. En
esencia supoñía a legalización de prácticas policiais habituais como a
violación de domicilio e correspondencia ou a retención dos detidos máis alá
das 72 horas para que no período de excepcionalidade puidesen ser exercidas de
xeito masivo e sen andar con disimulos. Cinco dos seis estados de excepción decretados polo
réxime fórono entre 1967 y 1971. Tal frecuencia no emprego deste recurso desgastaba a imaxe internacional do réxime
que procurou novas medidas dentro da lexislación ordinaria para o que
modificou, 23 de xullo de 1971, a Lei de Orde Pública de 1959, facilitando as
sancións económicas por parte de alcaldes e gobernadores e derrogando varios
artigos sobre a entrega dos detidos á xustiza que institucionalizaban a
situación de permanente estado de excepción. Aínda así o réxime volveuno
decretar en 1975. A Lei de Orde Pública franquista de 1971 non foi derrogada
ata 1992.
[41] Carrera F.:
“Non foi inútil” en Javier Alonso
Salgueiro. O mozo da bandeira. Instituto de Estudos Miñoranos, 2014, p.53
[42] Información
facilitada por Alfonso Álvarez Gándara a través de correo electrónico.
[43] En 1999
os compañeiros das Comisións Obreiras de Vigo concedéronlle ao “rubio de
Barreras” o premio póstumo “Primeiro de Maio ao compromiso social e á
solidariedade”. Na publicación na que se recollen os 25 primeiros anos de
premios escríbese: “Foi preso e
torturado durante once días. Pero para desgraza daqueles gardiáns da orde
pública, o Rubio era disciplinado, comprometido e pouco falador”. Quen redactou
as breves liñas coñecía ben o carácter de Xabier.
[47] Sobre o fundador do Kuomintang e primeiro presidente de China era o
libro de Pearl S. Buck: El hombre que cambio
a China, publicado en 1953. Sobre o proceso revolucionario o de Jan Myrdal:
Una aldea de la China Popular,
traducido ao castelán en 1969. Ambos moi lidos naquela altura.
[49] Rial Vázquez,
“Pirri”: “A Javier Alonso Salgueiro” en Javier
Alonso Salgueiro. O mozo da bandeira. Instituto de Estudos Miñoranos, 2014,
p. 33.
[50] Exposito, R.
(Lito de Borreiros): Xabier, na memoria de todas as persoas comprometidas coa
defensa do pobo en Javier Alonso
Salgueiro. O mozo da bandeira. Instituto de Estudos Miñoranos, 2014, p 27 a
29. Lito de Borreiros, con quen Xabier compartiu amizade e activismo político
define o seu carácter como conciliador, dialogante, práctico e non sectario,
que sabía escoitar a facer a sintese das propostas.
[54] Cambra, E.: “Falaba con
palabras que podíamos entender” en Javier
Alonso Salgueiro. O mozo da bandeira. Instituto de Estudos Miñoranos, 2014,
p.32
Gustoume o artigo. É bó que se conserve a memoria da loita contra a dictadura. Ademais, está moi ben escrito. Pero enxergo unha certa tencendiosidade na escolma das testemuñas: profusión de mencións a Lores (o relato de Camilo é tan meritorio literamente -"parou a fábrica coa mirada"-como inexacto: Citroen parou por obra e gracia da súa Coisión Obreira), Lima, "Moncho o dentes", Pousada Covel,Camilo, Ferrín e, en xeral, a persoas ligadas ao nacionalismo, esquecéndose doutras como Manel, Eduardo, Carlos Núñez, Barros, Xaniño, Baqueriza, Isidro, Benavides, Andrade, etc, que só aparecen como telón de fondo, non en forma de declaracións expresas. A ausencia desas fontes directas, sumada á presencia de fontes nacionalistas, pode dar a impresión de que se intenta buscarlle un pedigrí obreiro ao nacionalismo cando a verdade é que o nacionalismo tiña, nese momento, unha influenza marxinal (Camilo era enxeñeiro e Lima técnico) entre os traballadores vigueses. E o e mesmo acontece coas afirmacións de Ferrin de que OO foi a "vangarda" da folga do 72 en Vigo. Eu vivín aqueles anos, colaborando con CCOO na medida das miñas posibilidades de estudante expedientado ese ano na Universidade labora de Córdoba (volverían expedientarme pouco despois), e coñecín persoalmente a moitos dos nomes que citas cando pouco despois militei no PCG. Na miña visión, Organización Obreira, lonxe de ser o núcleo de militantes máis conscientes e formados, era, polo contrario, un grupo de xóvenes bastante inconsciente e sen a capacidade de movilización e persuasión das numerosas Comisiós Obreiras de fábrica e os seus bregados líderes sindicais. Polo demáis, as túas fontes coinciden, en grande medida, coas miñas informacións e vivencias directas. Sería estupendo que seguises historiando ese período amigo Meixo. A época e os persoaxes merécenno. Vaia a miña noraboa polo artigo.
ResponderEliminarMoitas grazas Carlos polas gabanzas ao artigo. Ben sabes que o valor destas está tamén da persoa da que proceden. Ben sei que o artigo non se pode, tampouco o pretendía, entender como unha “historia” da folga do 72; só quería pescudar no entorno de “o rubio de Barreras” e no uso (ben entendido) simbólico da súa persoa no proceso de radicalización do movemento obreiro e dos primeiro e atoutiñados pasos do sindicalismo nacionalista. Dende logo non poño en cuestión a profunda influencia de sindicalistas e dirixentes políticos vinculados ao PC como os que citas pero tamén todos os outros que citas (os nacionalistas) estaban e Comisións, así como os mozos, das xuventudes comunistas, que algúns deles darían paso a OO, que coido nunca debeu ter unha estrutura organizativa mínima, senón ser máis ben unha especie de expresión de “estado de frustración” de sectores xuvenís do movemento obreiro. Seica foi o mesmo Javier quen lle puxo o nome, ao non autorizarlle que asinasen un panfleto como CCOO el propuxo poñerlle só OO, pero coido que el mesmo nunca debeu pertencer a OO se é que esta organización existiu de verdade, mais alá dos irmáns Collazo, Araujo, etc. que despois camiñaron cara OMLE e posteriores derivacións.
ResponderEliminarOutro asunto é a elaboración dunha “memoria transmitida” no relato do sindicalismo nacionalista que gusta de achegar a súa orixe a unha xuvenil e anovadora OO, aínda que case ninguén poida afirmar con exactitude que era, para desvincular as súas orixes do grupo Galicia Socialista (os camilistas) que cando entran na UPG constitúen o FO e o grupo máis significativo dos momentos iniciais.
Este traballo saíu en Murguía. É un recorte dun traballo máis longo sobre a vida do rubio de Barreras que se publicou nun libro homenaxe que se lle argallou hai uns anos. Non sei se neste sistema podo deixarcho, senón achégocho polo facebook.
A verdade é que teño interese en facer algo sobre esta época, pero eu son moi saltimbanqui e ando por aquí e por alí, pero os personaxes, como ti dis, si que merecen unha achega que transmita a súa memoria.
Unha aperta e moi ledo polos teus parabéns
Unha aperta. Espero que falemos desta época ao redor dun vaso de viño. Unha aperta.
EliminarPois sería moi agradábel. Agardemos a que pase o andacio. Apertas
Eliminar