Xa leva un
ano trouleando pola librarías e nas presentacións. Refírome as miñas Catas na memoria
(Laiovento, 2021), agora a mesma editorial acolleu O terror nas Tebras e outras
catas na memoria que comeza a dar os
seus primeiros pasos achegándose ás librarías. Nas moitas presentacións
das Catas na memoria arroupáronme
amigas e amigos aos que lle estarei agradecido
para sempre. Entre elas houbo dúas persoas, amigas de longo percorrido, Rosa Pascual e Antón Seoane, que achegaron o seu texto escrito.
Agora reléndoos acordo que ben merece a pena que non fiquen esquecidos na gabeta
e recupéroos para o Pé do Galiñeiro. Vai agora o de Rosa e no seguinte post o de Antón. Graciñas aos
dous.
Presentación de Catas na memoria en Vigo
Catedrática de Xeografía e Historia
De esquerda a dereita: Xosé María Álvarez Cáccamo, Rosa Pascual, Carlos Méixome e Telmo Comesaña. |
Os libros teñen a súa
xenealoxía, nacen das experiencias persoais, dos intereses, dos compromisos,
das achegas e tamén das perdas dos seus autores, en certa forma sempre están
relacionados coa súa biografía. Eu percorrín con Carlos unha parte da súa
traxectoria e comezarei referíndome a ese
camiño que, na miña opinión, forma parte da xenealoxía deste libro e doutros que
virán.
Carlos e eu fomos
durante anos profesores de historia no IES Escolas Proval de Nigrán. Eramos
deses profes que cren na importancia e no valor da educación, pensabamos que a
través do estudo da historia e do patrimonio da contorna o alumnado descubriría
as súas raíces, o valor do patrimonio tanto material como inmaterial e desenvolvería
a responsabilidade sobre a súa conservación e difusión. Non é pouca cousa. Unha
parte do programa referíase á ditadura
franquista e a súa repercusión no noso Val.
Esta orientación
pedagóxica fixo que fosen actividades habituais pequenas investigacións,
exercicios de historia oral e sobre todo as saídas pedagóxicas á contorna.
Estas prácticas conectábannos co camiño que abriran anos antes os mestres
republicanos cuxa memoria honramos.
Neses anos, un pequeno
grupo fundamos o Instituto de Estudos Miñoráns do que Carlos foi o principal
impulsor, ao que lle dedicou varios anos da súa vida, contando coa colaboración
xenerosa e desinteresada de moitas persoas do Val. O IEM puxo a nosa comarca
nun lugar destacado da cultura galega, impulsou investigacións sobre variedade
de temas e creou un importante arquivo. No referido á memoria histórica, fíxose
un gran traballo de recollida de documentación e testemuñas orais, de
organización de homenaxes e apertura de fosas.
Detrás deste libro hai
anos de investigación seria e rigorosa en arquivos, rexistros orais e outras
fontes documentais privadas e públicas, ademais do apoio bibliográfico, aínda
escaso, sobre o tema. Todo o que se di apóiase en evidencia primaria de época,
que é o que diferenza un libro de historia dunha historieta, e nel enfróntase o
relato falseado da historia que se creou durante a guerra, se consolidou e
impuxo durante a ditadura e chega ata hoxe.
O franquismo na procura
da súa autolexitimación precisaba
enmascarar a súa orixe, o golpe de estado militar, por iso se forzouse en
eliminar a lembranza do pasado democrático, en demonizar a República e manipular
a realidade inverténdoa, de forma que as persoas que defendían a legalidade
constitucional eran acusadas de rebeldes, traidoras á patria, conspiradoras,
xusto todo o que eles eran, estas acusacións constan nas actas dos xuízos
consultadas.
No chamado “Ditame
sobre a ilexitimidade dos poderes actuantes no 18 de xullo”, documento do ano
1939, dise que a Fronte Popular gañou as eleccións mediante fraude electoral,
que estaba en perigo a unidade da patria polo estatuto de Cataluña, que o
goberno republicano estaba ás ordes dunha potencia estranxeira e que ía traer o
comunismo. En definitiva unha sarta de mentiras; pero, sóanvos de algo estas
afirmacións?
Para moitos españois de
hoxe, incluso políticos, o franquismo non foi un réxime que rematou coas liberdades
e os dereitos, cun goberno democrático e lexítimo, para instaurar a represión e
o terror, senón un réxime que nos mantivo á marxe da segunda guerra mundial e
promoveu o desenvolvemento económico, os 40 anos de paz! Por todo isto Ángel Viñas conclúe que é preciso
que os historiadores sigan cumprindo non só co seu deber intelectual senón
tamén co compromiso ético e cívico para facer fronte ás falacias, calotes supercherías
e trampas dos que ven na manipulación daquel pasado doloroso unha das claves
para as batallas políticas e ideolóxicas do presente.
O axuste de contas co
pasado é moi importante. Se queremos pasar páxina, primeiro haberá que lela,
por iso o traballo de Carlos é tan necesario.
Trás deste libro virán outros, hai aínda moitas zonas escuras, o que se
refire ás mulleres, por exemplo; outros libros ampliarán e corrixirán o que
hoxe sabemos, porque a historia, cando é boa, é sempre un relato inacabado que
vai medrando con novos documentos e enfoques.
A historia que se relata
é a dun pobo, de xente que non sabe ler nin escribir, de xente pobre que non
ten quen a defenda. Carlos comparte o desexo que a poeta Anna Ajmátova expresa no
seu poema Réquiem: “quixera chamalas a todas polo seu nome”, e aínda que a
poeta non poida facelo, Carlos si, convoca as vítimas polos seus nomes e
apelidos e polos dos seus país e nais, sácaas do anonimato, trátaas con respecto
e compaixón, e por iso un texto, que ás veces é una relación de nomes, convertese
nun documento emocionante e conmovedor.
Remato cunha cita,
traducida por Manuel Villot, das Tesis
sobre a Historia de Walter Benjamin: “Acaso nos roza, a nós tamén, un
refacho do vento que envolvía os de antes? Acaso nas voces ás que prestamos
oído non resoa o eco doutras voces que deixaron de soar?… Se é así, un secreto compromiso de reunión está daquela
vixente entre as xeracións do pasado e a nosa”.
E Benjamin mándanos unha mensaxe a nós, a xente do seu futuro: “O que podemos esperar dos que virán non é que nos agradezan polas nosas grandes accións senón que se lembren de nós, que fomos abatidos”.
Vigo 19/10/2021
Ningún comentario:
Publicar un comentario