mércores, novembro 09, 2022

DE NOVO FERNANDO CASÁS NAS “LECTURAS POÉTICAS” DA MINI”: UNHA EXPLICACIÓN

 

   


Prezados amigos e amigas

    Se na recuperación das “lecturas poéticas”, que coordina Xosé María Álvarez Cáccamo, o pasado mes de setembro, fixémolo con todo un acontecemento como foi o descubrimento da fasquía poética de Ánxel Huete, no mes de outubro tiñamos programado outro proceso de desvelo literario, case exhumación poética, que emporiso non perde o valor primixenio, orixinario, dunha primeira exposición pública da obra poética, repousada nas décadas.

Anunciabamos a lectura de textos de Fernando Casás, que o noso veciño de Gondomar, onde naceu, escribiu na súa etapa brasileira. É importante contextualizar eses poemas (“coisas”, como os chama o autor), escritos entre 1965 e 79 e que nunca foron publicados, nin sequera lidos en público.

Máis non puido ser. O Fernando caeu doente, sen gravidade, pero imposibilitado para estar con nós ese día. Xosé María Álvarez Cáccamo deu lectura a uns poemas seus, sobre a obra artística de Fernando Casás, que forman parte dun libro conxunto aínda inédito.

Así é polo que o próximo sábado 12 de novembro ás 12.15 Fernando Casás vai poder ler as súas “coisas” poéticas tal e como tiñamos anunciado. Así tamén explicamos este pequeno inconveniente; non se trata pois dunha segunda lectura de textos de Fernando Casás, senón da primeira descuberta dos mesmos que non se puido realizar no seu día.

Fernando Casás Profesor na Escola de Belas Artes de Pontevedra é un dos precursores mundiais da corrente  que hoxe se denomina “Arte e Natureza”. Non imos sinalar as múltiples exposicións, publicacións ou recoñecidas obras que ten instaladas en espazos públicos, só imos citar unha que, tanto para o artista como para as xentes do Miñor, ten un significado especial, a árbore de bronce, mutilada, decepada, que instalou na Volta do Nove, en lembranza dos nove veciños nosos aos  que a sen razón fascista lle roubou a vida aquel 16 de outubro de 1936.



Será o sábado 12 de novembro e comezará ás 12.15h, cunha duración aproximada de 45 minutos.

As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo do tempo nos deixa, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior da taparía.

    Se vos presta alí estaremos.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel con Fernando Casás podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.

 

1 comentario: