Un, é que vai tendo
moitos anos. Con perdón. Ben sei que non é cousa de gabarse do que non está de
moda. Refírome aos moitos anos; non a cumprilos. O caso é que froito do moito
troulear veume á chencha unha cántiga de mocidade, de non lembro quen; aínda
que ben pensado deberon ser moitos os seus interpretes pois foi canción de éxito
reiterado e danza constante.
O texto non era, como
xa intuíu o lector, unha labarada de virtudes literarias. Mais ou menos dicía: “Esquerda, esquerda; dereita, dereita;
adiante, atrás; un, dous, tres”. O retrouso repetíase ata a saciedade ou ata
que, afogado de tanto chimpo, rematabas estomballado nunha daquelas cadeiras macizas
propias de tempos escuros.
O monótono texto e os
reiterados movementos aos que incitaba, viñéronme ao maxín nestes días nos que
se armou unha pequena barafunda nas chamadas “redes sociais” ou “aparellos autistas”
(que un visita de cando en vez para non sentirse illado de todo), por mor da
visita da portavoz nacionalista a un taller de costura de certo renome.
Pareceume que o
retrouso casaba ben con ese cismar do galeguismo de ir para alá ou para acó,
con tal de enredar no camiño. Tampouco pretendo ser orixinal, pois a chanza
téñoa escoitado en moitas ocasións. Explícome. Refírome á porfía dalgúns de “a
miña esquerda non manda ninguén”. Así que cando alguén lle entraba, ou entra, a
vea radical non tardaba moito en ocorrérselle a outro unha argallada aínda maior
con tal de manterse “à gauche” e ocupar un espazo na xeopolítica interna, de
absoluta inutilidade social, que permita arrexuntar un grupiño de presión ata
que este esmorece e, coas calores e choivas outonais, abrolle un novo. A teima
cismona deu reviravoltas abondo e non é do caso sinalalas; que sempre queda
feo.
A outra cismona
obsesión, viña, e ven, da outra banda. A choromicada permanente da inexistencia
dunha dereita galega, no senso de autónoma, galeguista ou nacionalista, que non
no senso étnico, pois ninguén lle pretende roubar as súas orixes a quen nos
leva gobernando décadas de formalidade autonómica e séculos sen este requilorio
administrativo. Algúns intentárono. Que eu lembre, e incumprindo o de non
sinalar, quixo facelo don Eulogio coas mans encalecidas dos socios da COREN
vella; despois, dende un curuto con pretensións ilustradas, pretendeuno o felón
barulleiro de Barreiro ao que todo lle serve con tal de ser el o que predica; e,
por descontado, intentouno o meu paisano
Pepe Cuíña que non caeu na conta da perversa e eterna maldade dos que aparentan
ser “señoritos de cidade” ou teñen fachenda de selo; nin tampouco, infelizmente,
do curta que é a vida. Deixei para o último os que senten a ausencia da dereita,
pero non son quen de facela e, non sei se por mofa, esíxenlle, aos que se
reclaman de esquerda, que o fagan.
Lembren o retrouso,
rítmico e axitado, e deixen facer oh!
Publicado n´A Nova Peneira, novembro 2022
Ningún comentario:
Publicar un comentario