Teatro Noela |
Na compaña dos outros
dous membros do triunvirato, Calvo regresou a Noia. Era o 1º de setembro. Na
ponte de San Xusto de Toxosoutos agardaban polos ilustres visitantes 23
automóbiles, que os acompañaron, en rechamante caravana, ata a capital do
distrito. Segundo a súa prensa, o recibimento foi “colosal” e o Coliseo Noela agardábaos
coas súas mellores galas e cun gran retrato do rei envolvido na súa bandeira. Na
mesa presidencial figuraban os triunviros, rodeados de alcaldes e ex alcaldes do
distrito.Alfonso XIII
UMN 4/8/1930
Iniciou os parlamentos García Rudiño, o home forte de Calvo en Noia. Continuounos o cordobés Medina Togores (1887-1934), home forte do Conde de Guadalhorce, do que era parente, que exerce durante a “tournée galaica” como auténtico secretario xeral do partido. Togores era amigo persoal de Herrera Oria, foi subdirector de El Debate e activista da ANC de P. Nas constituíntes de 1931 presentouse por Acción Popular e foi un dos impulsores da conversión de Gil Robles en “jefe” de “todos los católicos españoles”. Na CEDA desempeñou importantes funcións internas. En 1933 encabezou unha coalición antimarxista en Córdoba e foi o candidato máis votado. Faleceu ao ano seguinte.
O orador máis agardado
era Calvo, sen dúbida. Aproveitou para inflamar o entusiasmo dos seus fieis, anunciando
a “posibilidade” de concorrer ás eleccións polo distrito noiés, a pesar desas
“hojas incluseras, con afirmaciones gratuítas, infundadas y capciosas respecto
de la obra de la dictadura”. Como sabemos, as eleccións a Cortes non se
convocaron ata case un ano despois e fórono baixo un réxime republicano. Calvo
non se presentaría por Noia, senón polo Carballiño.
Despois de quentar os
ánimos, o poderoso ministro de Primo enredouse en refutar o contido da famosa
folla que non deixara de circular dende a súa primeira visita. Acabou
desbocándose, entrando ao trapo e demandando á “familia liberal” que dese a
cara. O resultado foi un retruque por parte dun sector dos asistentes. As
chanzas provocaron unha boa barafunda e mesmo que se escapase algún que outro
lapote. Primo “junior” non falou, aducindo afonía, aínda que recibiu os
entusiastas aplausos dos seguidores do seu pai.
Sobre un cento de
persoas acudiron ao banquete. No
exterior do local animaba o acto unha banda de música; no interior, a orquestra
do mestre Ortiz. Abriu os discursos o “fogoso orador” Joaquín Agra Cadarso,
irmán de Blas, ao que nos referimos na anterior entrega, quen, despois de
deitar gabanzas a eito sobre “aquel que nos alienta y da animos para
proseguir”, en referencia ao finado Primo, fíxoo tamén sobre Calvo, Primo novo
e mais Guadalhorce e comprometeu o seu apoio, e o de milleiros de homes do
distrito, para que este fose “sempre” representado polo ilustre Calvo Sotelo.
O que fora, con brevidade
circunstancial, alcalde da vila, pero exercía como verdadeiro xefe político da
extrema dereita local, García Rudiño, foi recibido con afervoados aplausos e
ratificou as palabras de Agra e o desexo de que fose Calvo quen os representase
nas Cortes. Rudiño salientou que o líder monárquico debería sentirse ben orgulloso
ao ollar á súa beira os que antes estaban nas fileiras de enfronte; era unha
chiscadela a si mesmo, que militara no liberalismo democrático nos primeiros
andares do século.Medina Togores
Tomou de novo a palabra
Medina Togores quen, nun intenso discurso ideolóxico, gabou tanto a política do
xeneral en Marrocos como a de Guadalhorce en Fomento e a de Calvo en Facenda, deténdose
en lembrar a valentía deste último e o seu decisivo labor na loita contra as
esquerdas tanto no Ateneo de Madrid como en Valencia ou no Carballiño. Ao
tempo, confirma a pretensión de Calvo de concorrer polo distrito nas futuras, e
incertas, eleccións.
Ergueuse por fin Calvo
no medio dunha gran ovación. Saudou os amigos presentes cos que mantiña vínculo
de afecto dende había anos e afirmou que a súa candidatura sería aceptada case
con unanimidade, agás pola exigua minoría que fixo circular por “corrillos y tertulias
unas hojas incluseras”. Chiscáballe así o ollo ao artigo 29, que proclamaba
electo o candidato único, sen precisar de votacións. Aproveitou agora para fidelizar
os seus e atacou, con saña, as distintas pólas do liberalismo, en especial ao
Conde de Romanones, ao que lle recriminou o seu fracaso no norte de África contrastándoo
coa actuación da ditadura que legalizara a situación dos prófugos, reducira o
servizo militar, abordara o problema dos salarios e comezara un intenso plan de
obras públicas. Iso é a verdadeira democracia, concluíu.
Primo seguía afónico.
Aínda así pronunciou unhas palabras, para expresar que levaría sempre no
corazón o cariño que se lle amosaba. Rematou Guadalhorce, exaltando a
personalidade de Calvo e confirmándoo como futuro candidato do distrito. Ben sabemos
que nunca o foi.
Publicado en Nós-diario
24/12/2022
Ningún comentario:
Publicar un comentario