luns, marzo 20, 2023

Á MINI ACHEGA OUTRA NOVA VOZ POÉTICA. XABIER BOUBETA PRESENTA O REGRESO DE VÍTOR SÁNCHEZ

 

   


Amigos e amigas

    Esta andaina poética da Mini caracterizouse, en certa medida, pola presentación pública de novas voces poéticas. Así podemos considerar as sesións protagonizadas por Ánxel Huete, Fernando Casás ou  Maurizio Polsinelli. Nesta ocasión, dende a outra beira da ría, achegarase ata nós Xabier Boubeta co seu primeiro libro: O regreso de Vítor Sánchez (Morgante, 2022).

    Xabier Rial Boubeta (Cangas, 1967) naceu nun fogar de tres irmáns en terra labrega de nai e pai en mar aberto. Medrou no soño dunha pelota, no teatro con Vázquez Pintor, nas aulas de Casares e Bernardino Graña, na Filosofía en Compostela, no cuarto negro do punk rock, no amor ás cousas pequenas, a familia, a sinxeleza; na xustiza, na igualdade, a timidez, as melancolías; no sabor da ría, na Galiza, en Azinhaga!. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, doutor en Psicoloxía Social é funcionario da Escala Técnica Superior da Universidade de Vigo.   

    Na súa particular homenaxe aos mestres asasinados e a todas as persoas represaliadas en Cangas tras a sublevación fascista de 1936, rescátanos ao mestre Vítor Sánchez  nun relato que progresa, ata o seu desenlace, en versos de concentrado lirismo e potentes  imaxes para reivindicar a memoria e a dignidade das persoas.



    O regreso de Vítor Sánchez é a súa única obra publicada, pero no seu forno hai varios poemarios agardando

    Será o sábado 25 de marzo e comezará ás 12.15h, cunha duración aproximada de 45 minutos. Para limitar posíbeis  interrupcións durante a lectura A Mini abrirá as súas portas ás 12h.

As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo do tempo nos deixa, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior da taparía.

    Se vos presta.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel con Xabier Boubeta podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario