martes, abril 11, 2023

Os aires republicanos

    Andei estes días pasados polas terras occitanas que abeiran os ríos Lot e Garonne. En calquera recanto podías deterte ante a fachada dunha igrexa católica, ou protestante, que ben sufriron aquelas terras chás polas disputas relixiosas, marcadas coa lenda revolucionaria; facer un alto, no centro de Agen, para retratar un lanzo de memoria da II República; achegarte a Montauban para facerlle unha visita á tumba de quen quizais mellor personifique a xeira republicana; mercar, en librarías de vello, algunhas memorias intimas de La Guerre d´Espagne ou de súpeto bater coa familiaridade da espiritrompa, da lingua das bolboretas que imaxinara Rivas e puxera en imaxes o ribeirao de adopción e vida, José Luís Cuerda.

    Todo semellaba insistir, naquela semana laboral para os franceses e de exhibicionismo nacional-católico en España, que nos sete días seguintes ficara comprometido para participar en varios actos. O primeiro, e por partida dobre, o mesmo día da conmemoración republicana, o venres 14,  quizais na estela do mestre don Gregorio e do cativo Moncho, quedara de acompañar ao amigo, dende a vella Compostela, dunha Fonseca que se   esmiuzaba en anacos mentres os estudantes nos pechabamos nela con reiteración, Narciso de Gabriel, para que nos presente os seus dous últimos libros Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés (2021) e Os mestres mortos daquel verán (2023) nos que se achega tanto aos alicerces do nacional-catolicismo escolar como á mecánica do proceso depurativo ou á tipoloxía das sancións así como a unha serie de historias de vida na que nos podemos volver a aproximar ao seu admirado Arxmiro Rico Taboada ou ás mestras María de Miño e Mercedes de Monelos, brutalmente maltratadas e asasinadas ou ao miñorán de vida durante anos, el e a súa familia, Víctor Fraiz Villanueva. Será pois un pracer acompañar, o venres, 14 de abril, ás 20h na Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13),  a Narciso na presentación dos seus libros.


    Pero unhas horas antes será para nós ben grato participar no xantar da República, no “Cupo sen fundo” de Goián, argallado como de costume pola dinámica e sempre atinada “Comisión pola Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña” que este ano homenaxeará a Raúl Francés, eu dígolle pai, para distinguilo do amigo homónimo dende os tempos de Narciso en Compostela. Os Francés foi unha das familias máis perseguidos polos facciosos sublevados nas terras do Porriño e da Louriña e a fronte da súa memoria, de José, Eleazar, Antonio, Asunción, Eladio... estivo e continua sempre Raúl, o fillo de José, asasinado en Tui o 27 de agosto de 1936.

    E ao día seguinte, sábado 15 de abril, de novo por iniciativa da “Comisión pola memoria” participaremos, xunto ao tamén amigo, o músico e investigador, Quico Paz Antón, na homenaxe aos presos que padeceron no Campo de concentración de Santa María de Oia toda clase de penurias. Será a partires das 11,30 despois dunha breve visita á parte do Mosteiro que ocuparon os presos. Para esta visita é preciso ao haber limitación de prazas, no 605 78 99 15.

   Moito pesar me queda por non poder acompañar aos amigos e compañeiros Suso (Xesús Andrés López Piñeiro) e Foz (Luís Gonçalez Blasco)  na presentación dos seus libros,Castelao. Plástica e pensamento (1903-1916) e Celso Emilio Ferreiro, naacionalista galego, na “quedada” anual á que tampouco poderei asistir. As datas, ás veces non son doadas de casar.

    Por se vos prace, vémonos o venres 14 ou o sábado, 15, ou os dous días se queredes. 















Ningún comentario:

Publicar un comentario