Dime Guillermo que A Peneira
cumpre catro décadas. En fin…, ademais de lembrarme do tempo que foxe, acordei
de Winston Smith. Ben saben, aquel da distopía, ou quizais mellor sátira, á que Orwell,
espreitando a lentitude do tempo, lle puxo título revirando as dúas últimas cifras do ano en que a escribiu:
1948. Quizais coidase que así afastaba do inmediato o grande irmán; mais non,
... o tempo, coma un foguete, non só virou sobre a numeración cronolóxica,
senón que avantou sobre nós noutras catro zancadas a respecto do tempo de prevención
ou distancia de seguridade que se puxera quen homenaxeou a Cataluña.
Agora o omnipresente ollo
vixiante da policía do Pensamento levámolo no peto, incorporado a nós mesmos,
imperturbábeis, atendemos as micromensaxes baseadas na neolingua de Orwell, na
simplificación, na redución argüída como rapidez na comunicación, cando na
realidade é ocultamento, ou mellor alteración, ben reescribindo o pasado, como
tiña que facer Winston Smith no seu diario traballo na habitación 101 do
Ministerio da Verdade ou “Miniver”, ben inventando a realidade e manipulando a
información coas “fake news”, ou ideando futuros irracionais, fantásticos,
acientíficos e conspiradores que inhabiliten conciencias e inmobilicen a
sociedade.
A cerna da idea orwelliana, non
só de 1984, está na reescritura da Historia. Nalgúns dos seus escritos sobre a
guerra civil española manifesta que, sabendo dende mozo que ningún xornal conta
os acontecementos con fidelidade, na guerra viu por primeira vez noticias que
non tiñan ningunha relación cos feitos, nin sequera no mínimo nivel que se
presupón exista entre a realidade é a mentira. Tamén puido observar como a
historia se estaba a escribir non desde o punto de vista do que “estaba a
ocorrer”, senón desde o punto de vista
do que “debería de ocorrer” segundo os ollos ideolóxicos dominantes.
Nestes corenta anos de vida d´A
Peneira o mundo revirouse varias veces e o relato desas reviradas foise
sempre axeitando ao que “debera ocorrer.
Lembramos con fidelidade
histórica o que representaron Solidarnośc,
Lech Walesa e Wojtila, que, xusto no ano fundacional d´A Peneira,
ocupaban as primeiras planas de xornais impresos ou visuais, ou só ficou na
nosa retina o que o “Miniver” reescribiu? Axústase o relato á realidade
anterior ao esborrallamento do muro de Berlín, en 1989, ou só é unha versión do
que debería ocorrer, convertida en verdade? Quen se lembra daquel iluso
reformista chamado Gorbachov, vítima dunha “damnatio memoriae” máis intensa que
a que decretou Stalin sobre Trotski, pois neste caso aplicáronlla tirios,
troianos, romanos e “tutti quanti”? A URSS e Putin son simples versións do inimigo oriental ou hai
algunha contraposición, aínda que só sexa “in essentia”, entre o sistema
anterior a 1991 e o pos-soviético? Alguén lembra que Belgrado foi bombardeada
en 1999 pola OTAN e que as guerras iugoslavas se estenderon entre 1991 e 2001
ou é que a única e verdadeira guerra pos-soviética foi a actual de Ucraína? Ou
é simplemente o que “debería ocorrer”?
Poderíamos seguir: Kuwait,
1990; Torres xemelgas, 2001, e Afganistán, 2001-2021; Iraq, 2003; Libia, 2011,
crise nos Pig´s no sur de Europa en 2008... Acordamos de que A Peneira
mercábase en pesetas e non había Facebook ou twiter, que agora xa non é, ou
mesmo recordamos algo máis do coronavirus que as máscaras?
En fin, prezado Guillermo, ti,
que podes acougar a beira do Tea e mesmo achegarte na carreiriña dun can a
ollar o pracenteiro Miño entre Salvaterra e Monção, acorda sempre aquilo co que
o demo do Voltaire remataba o seu Cándido: “Il faut cultiver notre jardin”.
Pois iso cultivemos o noso xardín e non nos deixemos confundir polo falabarato
do Dr. Pangloss.
A Peneira, 40 anos, mazo 2024
Ningún comentario:
Publicar un comentario