Como un xa
vai virando décadas, o ano que ven agardo gañarlle o pulso a outra, ás veces
emerxen do fondo dos espellos do corredor, como dirían o Ferrín, ou Borges,
palabras perdidas, baleiras do vello significado e mesmo de significante.
Hai décadas
descualificabamos, con natural paixón democrática e pretensión revolucionaria,os
que pretendían readaptar o réxime dos militares facciosos, e fascistas,
bendicidos pola igrexa, aos, daquela,
novos tempos. Pola contra, defendiamos un proceso “ex novo” que empatase, cando
menos, coas raiceiras da república bombardeada. Ben o saben os que viraron
décadas, o debate era reforma ou ruptura. Sabémolo mellor os que fomos
derrotados no combate político e ficamos sós.
Asentouse a
reforma transicional, acordada polas masas en votación tal día como hoxe, cando
escribo estas liñas, de hai 45 anos, e imposta pola forza dos diversos e
múltiples poderes. Pouco máis dun 25% da poboación española pode recordar, por vivilos
con conciencia, aqueles anos finais da década dos 70 do pasado século. O resto
é coñecemento inducido polo poder, os medios, a escola… e “Cuéntame”.
Dende o
sosego dese certo escepticismo que achega o paso das décadas, un non deixa de
albiscar nos iracundos e hiperbólicos debates actuais certas sombras dos
daquela altura.
Se xa foi o
ínclito José María Aznar quen se referiu a unha “segunda transición” para
anunciar o seu ascenso aos ceos da Moncloa, sinalar o fin da fase gonzaliana de
pura e brutal adaptación ao modelo transacionado en 1978 e recuperar o poder
eterno, que nunca perdera, para a dereita madriespañola. Dicíao el, arteiro,
que nin votara a prol da constitución por considerar que se afastaba das
patrias esencias do réxime a reformar.
Por razóns
xeracionais, aínda que non só, case sen se decatar, as sociedadesmudan. E tanto.
Algúns, por optimismo da vontade, intuímos, con ledicia innegábel, non unha
ruptura co réxime apalabrado daquela, senón a corrección dos seus aspectos máis
“casposos” cunhas cantas “roturiñas”, evidentes no que a dereitos individuais
se refire, pero tamén nun certo troco, nos grupos de idade hexemónicos, na
consideración a respecto das cuestións nacionais e
culturais pendentes.
Cumpriría
tamén que, tan pronto toque, que será cedo, acheguemos o que poidamos á nosa
“roturiña”, para o que é preciso nin ficar na casa nin equivocarse con quen a
pode facer.
Cómpreme
aclarar que a expresión “roturiñas” non é da miña colleita, senón dun prezado
amigo que sempre me asombra coa súa clareza e instinto político.
A Nova Peneira, decembro de 2003
Ningún comentario:
Publicar un comentario