No mesmo poralle música e
voz a seis dos poemas de A. Cáccamo, MAGDALENA GAMALLO, acompañada aos teclados
por IRIA IGLESIAS. O propio Cáccamo lera algúns destes poemas esdrúxulos. Actuara
como mantedora do acto TAREIXA CARRO.
Ben sei que moitos e moitas de vos preguntarédesvos
de que vai tanto esdrúxulo. Ao libro editado hai anos, en escaso número, púxolle
prólogo o mesmo Xosé María Álvarez Cáccamo que agora reproduzo:
¡Fantástica música! Topónimos
esdrúxulos, únicos, espléndidos, magníficos. Lóstregos proparoxítonos. Épica
pública, lírica lúdica, bucólica. Semántica simbólica, hermética, gnómica,
mistérica.
Sedúcenme parónimos simpáticos: Sísamo, Sésamo; Gárdoma,
Sárdoma; Mántaras, Pántaras. Catívanme traslúcidos propósitos xeográficos,
faunísticos, teolóxicos : Gándara, Páramos, Páxaros, Ánxeles. Engaiólanme
serenísimas fórmulas vocálicas idénticas: Tállara, Láncara, Názara; Mórdomo,
Córgomo; Rétede, Péreces. Fascínanme cromáticos vocábulos máxicos: Brántega,
Guítara, Lóuzara. Férvidas parábolas hímnicas: Covadáspera, Fontepécora, Fonte
de Cántaras. Retórica fonosimbólica: Ézaro, Frádegas, Laméstrega. Música
melódica, sinfónica, hiperbólica. Ópera onomástica. Fábula poemática.
Simétricas, unísonas sílabas tónicas,
rítmicas: dáctilos. Polifónico trémolo vocálico, consonántico. Harmónicos
pentasílabos, octosílabos, hendecasílabos, versículos bíblicos, úbedo,
policéntrico estímulo estrófico. Léxico litúrxico, excéntrico, panorámico.
Cántiga cósmica, telúrica. Égloga térrea, íntima, próxima; prehistórica,
céltica, romántica: recóndito Ézaro oceánico, húmida Lóuzara lánguida, insólito
Córgomo subterráneo, indómita Sálvora marítima. ¡Sinfónico, erótico espectáculo
máximo!
E púxolle un epilogo o tamén amigo Gonzalo Navaza
UN CÁNTARO SONÉTICO EN HÁBITO DE
EPÍLOGO
Achégasnos
co Cántico nun petróglifo místico
Lepidópteros
gráciles de dactílica acústica,
Volátiles vocábulos erguéndose da
rústica
Almáciga pretérita ao pentagrama
artístico.
Reclámaste
do esdrúxulo por un ímpeto heurístico
E
entrégaste aos crepúsculos cun megálito harmónico,
Zarrapícaste
en brétemas e o teu músculo eufónico
Convócase
á onomástica nun círculo eucarístico.
Alíñanse os teus bóvidos en rítmicas
sinfónicas
Coma se fosen pécoras de bucólicos ontes,
Coma
as cíclicas ondas dun océano atlántico,
Avéntannos
nos tímpanos o que calan as crónicas,
Monocorde rabaño de atávicos bisontes
Obedecendo o báculo do teu estro
onomántico.
LEMBRADE QUE É O VENRES 12 DE XULLO ÁS 20H
E para chegar.
https://maps.app.goo.gl/P2kqTpUmFx7venN18

Ningún comentario:
Publicar un comentario