Dani Rodrick falounos, no seu paradoxo da globalización, do trilema político. En resumo, necesariamente simple, pero na procura de ser fieis ás súas palabras, diriamos que non podemos pretender xuntar hiperglobalización, democracia e autodeterminación nacional. Debemos escoller dúas das tres opcións. Isto é, se queremos hiperglobalización e democracia, temos que renunciar á nación Estado; se desexamos manter a nación Estado e hiperglobalizar a economía teremos que esquecernos da democracia e, finalmente, se pretendemos combinar democracia con nación Estado temos que limitar a hiperglobalización. Para Rodrick, e de seguro que para moitas das persoas lectoras destas liñas, é esta última a renuncia que lle parece máis acaída para unha prosperidade equilibrada e sostible e, di Piketty, regular o capital no século XXI.
A verdade é que Rodrick
inventou un “palabro” de narices. No dilema a cousa é simple, se afirmamos A
negamos B; no problema que nos presenta o catedrático de Harvard temos que
escoller e eliminar unha das tres opcións.
Máis rechamante é o caso da
esquerda galega e da esquerda en Galicia. Neste caso pasan de tres a catro, por
resumir, os elementos a considerar e xa que logo multiplícanse as posibilidades
de rexeite. Estamos ante un tetralema, por simplificar, de imposible solución:
A non quere ir con B nin con C pero si con D; mentres que D quere ir con A pero
tamén con B; pero este último quere ir con C quen non se fía das contaminantes
intencións de B nin de D... e así “ata o infinito e máis alá”.
As esquerdas gustan de palabras
grandilocuentes para baleiralas, por reiterado abuso, de significado. A
“damisela” máis cortexada é a de “unidade”. Todas din perseguila, desexala,
estar dispostas a facer calquera caste de sacrificio para lograla; mais ela,
puritana, non se deixa engaiolar xa que ben sabe que as distintas pretendentes
son unhas garatuxeiras que non xogan máis que ao engano dos barallocas, a
impostura dos bulebule e a falsidade camanduleira. A “historieta” reitérase
como farsa unha e outra vez. O tetralema da esquerda é un problema insoluble.
A non ser que se mude de
perspectiva e comprendamos que non é o problema o que non ten solución, senón a
esquerda das letras maiúsculas separadas por puntos. Viremos o rumbo.
Publicado orixinalmente en Galicia Confidencial
Ningún comentario:
Publicar un comentario