martes, decembro 16, 2014

As banalidades de Clio

Clio, Vermeer van Delft, Jan



Cóntame, Musa, a historia do home dos moitos carreiros
que, despois de destruír a sagrada cidade de Troia
andou peregrinando tan longo tempo
Homero. Odisea

Coroada de loureiros. Na man esquerda un papiro, ou un capsa para gardar rolos; ou un libro como lle puxo Johannes Vermeer. Na dereita unha trompeta. Así se representa a Clio, filla de Zeus e Mnemóside (deusa da memoria), musa da historia e da poesía heroica, a que gaba, a que canta, a que ofrece gloria…

Ulises preferiu un longo ir e vir cara Itaca antes de ser ignorado nos papiros de Clio. As gabanzas, o son das trompetas, a gloria dos loureiros son ansias tan humanas que é frecuente que se reviren en desvarío de ego-heroe. Mais non é menos frecuente que o desvarío camiñe cara a banalidade de quen considera propio dos papeis o que non é máis que simple vaidade.

Ese outro día escoiteino entre o sopor postxantar e o monótono rum rum televisivo. Era un deses señores que corre en calzóns tras unha bola de coiro (a verdade que agora xa non sei nin de que as fan) e gañan, seica, moitos millóns. Remataba a súa rutineira parrafeada cun “así imos seguir, facendo historia”. Case nada. Desculpable grandeza en quen non sabe que nuns cantos meses, anos como moito, a Musa nin lembrará o seu nome.

Non tanto en quen tendo responsabilidades colectivas banaliza coa filla da memoria para rememorar tempos idos. Argumentáronmo para resistir, a contrafío, o vento de mudanza cidadá. Temos un patrimonio, din, para, de seguido, convidar á veciñanza a súa casa. Desconfío de que tal patrimonio sexa atractivo.

Tiñamos razón, xa en 1976 e dende logo na asemblea do Carballiño. Agora imos corrixir o rumbo errado do nacionalismo galego para incorporalo a fronte popular de 1936. Manda nabo.
Non se pode confiar en quen non ten historia, nin tradición, nin anos de loita... alegan outros ante a sociedade en emerxencia.

Non se pode deixar o país en mans inexpertas, din os que saben.

Non semella intelixente querer escribirlle os papiros a Clio.

Publicado orixinalmente en A Peneira, 1ª quincena de novembro de 2014


Ningún comentario:

Publicar un comentario