martes, decembro 16, 2014

Cleptocracia

   

     

       Hai vinte e cinco anos, un nove de novembro, un erro de comunicación do portavoz do goberno da República Democrática Alemá provocou unha das máis rápidas transformacións políticas da historia. Na realidade, mudanzas deste calibre non se poden explicar por un simple déficit de comunicación. Pero axudou. Aquel día o muro de Berlín convertíase nun ridículo valado de formigón. Dous anos despois a Unión Soviética disolvíase.


Gorbachov regresou para as celebracións do cuarto de século, a Merkel disimulou como puido e os grandes medios esqueceron o fracasado reformador que aprendeu no seu propio pelexo que as boas intencións non son suficientes para transformar os réximes políticos e moito menos para manterse no poder. Di Artur Mas que propuxo a data do que “aínda non se sabe o que foi” matinando en Berlín; ninguén puxo reparos, ao mellor por non decatarse.


O rebumbio producido no leste europeo foi ben aproveitado polos que saben facer estas cousas de meter no seu peto os bens públicos. Acompañando a Ieltsin, na súa pantomima sobre o “carro de combate”, repartíronse o estado soviético. Daquela chamábaselle “cleptocracia”. Eran, son, ladróns enfermizos que nunca se daban, dan, enchido.


Tamén no oeste europeo souberon aproveitar o momento, aínda que xa viña de atrás. Houbo algún presidente que vendeu postes e cables telefónicos, que durante décadas pagaran os contribuíntes, a un seu compañeiro de pupitre, os lignitos das Pontes serviron para crear un emporio eléctrico e repartilo entre uns cantos, o mesmo que a distribución de petróleos, as liñas aéreas, as cadeas de tv, os bancos públicos, as caixas de aforros... Os que consentiron, alentaron ou miraron para outro lado eran, e son, recompensados con pingües salarios por dar algún consello, chamar a algún amigo ou un asento no palco do Bernabeu.


Ben sei que iso chamado “sociedade” tamén consentiu, pero agora esa “instancia” está a ferver. Na feira do luns, tres vendedores ambulantes de mediana idade estaban a falar, pero non de fútbol como sería apropiado hai tres ou catro anos, senón de política e abertamente, con siglas por diante. Coincidían, hai que rematar cos da “casta”.


Xa sei que é mais doado para a comunicación. Pero o concepto é o concepto, como dicía o outro, e este é o de ladróns enfermizos, cleptócratas que se empoleiraron no poder do estado para corrompelo e deturpar o moito ou pouco que de bo tiña o réxime de 1978.

Publicado orixinalmente en A Peneira, segunda quincena de novembro de 2014

Ningún comentario:

Publicar un comentario