xoves, xaneiro 22, 2015

Mea culpa, mea culpa... mea grandísima culpa




Ángeles Agrela: Ablación da metade esquerda
 da lingua ao retrato dun mozo
 de Vicenzo Catena, 2011. Óleo sobre táboa, Ø 92 cm


           


    Cóntase que, en 1804, cando o Papa se achegaba a Napoleón para poñerlle a coroa de emperador este tiroulla e púxoa el mesmo. Entón o Papa replicoulle: “Ben sei que a vosa intención é destruír a cristiandade, pero a Igrexa leva case dous mil anos intentándoo e aínda non o conseguiu”.
            Cento dez anos despois poderiamos lembrar a anécdota mudando de escenario e convertendo os personaxes individuais en colectivos. Así que cando dos sectores sociais máis barallocas escoitas a cacharulos  múltiples, cacholáns persistentes, caguiñas diversos, camanduleiros, galdrumeiros, chocalleiros, garatuxeiros, prosmas, lerchos e laretas de plurais castas e condicións que anuncian desastres para a nosa lingua  e  sinalan como culpables de tales as persoas que a empregan como lingua para “ser e estar no mundo”; por querela tanto que a chegan a afogar, por insultar a quen non a fala, por non dotarse dunha metodoloxía da persuasión, por usala como signo de reivindicación e lexitimación excluínte e  porque todo o que se fai en galego soa a falso, imposto, condicionado, ritualizado e artificial tanto pola presión dos intelectuais que tutelan a esencia da galeguidade como  dos partidos que empregan a lingua coma arma arreboladiza...


            Non sigo que o conto é triste.

            Aos meus 17 ou 18 anos díxenlle aos meus pais que por que se empeñaban en falarme raro. Dende aquela falamos na casa na lingua propia, e deixamos a outra, que meus pais non sabían, fóra. Miña irmá xa non coñeceu aqueles anos de doméstica lingua chapurreada. Tomei apuntes e mesmo fixen exames universitario no galego que iamos descubrindo aos poucos. Durante 34 anos impartín  aulas e repartín  apuntes na lingua do meu país e non houbo ningunha protesta de pai, nai, nin gato, nin can... Criei tres fillos: o primeiro comezou máis tarde na gardería e rompeu a falar en galego, agora manteno na conversa con amigos e familiares; os outros dous incorporáronse moi cativiños o xardín de infancia  e alí romperon a falar en castelán, logo estudaron galego pero son incapaces de construír frases longas en galego, seguramente por desleixo pero sobre todo porque ninguén llo esixe.
            Escribía hai uns anos nun artiguiño xornalístico sobre o asunto este de andar retorcendo as linguas, dicía:
            “A frase linlla a Alfredo Conde referida aos do PSOE. O escritor deleitábase en ridiculizar “os esforzos lingüísticos de moitos dirixentes socialistas por falar o inglés e a escasa dedicación dos mesmos ao dominio do apéndice carnoso para que este se axeite aos dicires autóctonos”.
            Desculpaba eu unha parte dos membros deste partido dicindo:
            “A fracción maioritaria non retorce a lingua senón que retorce a cabeza. Pásame unha e outra  vez. Póñome a falar cun, ou cunha, militante do partido do que falamos e a charla vai, cunaquel de normalidade, na lingua do país. Ás veces nun galego afectado polo andazo televisivo de San Marcos ou politiqueiro do Hórreo; outras nun galego fluído e lixeiro, e mesmo nalgunhas ocasións, as menos, nun galego de construción enxebre e pronuncia popular. Ora ben, ao pouco que me despisto e pasa alguén polo lado xa están nas falas castelás que seica son as democráticas e constitucionais. O respectuoso coas persoas seica é cambiar de lingua para falar en castelán. Iso si, eles nunca toman a iniciativa para definir a lingua a empregar.”
            A verdade é que, como un xa vai tendo anos que contar, esta actitude lémbrame a dos militantes universitarios do Partido Comunista na Compostela dos primeiriños setenta. Daquela, cando alguén se atrevía a empregar a lingua do país nunha asemblea estudantil xurdían sempre as voces “democráticas” que esixían respecto aos demais e que para que todos entendésemos falase o brután aquel en castelán. Era entón cando interviñan algúns destes activos dirixentes estudantís para poñer as cousas no seu sitio, isto é, debiamos deixar a discusión para outro momento, centrarnos no importante, e non no secundario. É a mesmiña actitude cá dos que ao virar a cabeza mudan de lingua ou a dos emerxentes Podemos, que nin se preocupan de chamarlle ás vilas ou lugares polo seu nome e unha señora importante da dirección madrileña ten que pedir comprensión con estes deslices de principiantes..., do uso maioritario do castelán por parte dos denominados círculos non dixo ren e o seu líder xa aclarou que iso das linguas e culturas era cuestión secundaria que o importante era ter saúde. ¡Tócalle o nabo!
            Podemos remedar a rexouba do Papa fronte a Napoleón e dicirlle:  Ben sabemos que a vosa intención é destruír a nación dos galegos e das galegas pero os nacionalistas galegos levamos varias décadas intentándoo e aínda non fomos quen.


* Publicado en Galicia Confidencial

Ningún comentario:

Publicar un comentario