O Réxime actual non é froito
da libre vontade da cidadanía e dos pobos deste Estado, senón que está
condicionado polas ameazas do persistente estamento militar franquista e polos
compromisos cunha ditadura que permitiu certas mudanzas a cambio de que se mantiveran
intactas as súas aspiracións esenciais e os seus obxectivos estratéxicos
logrados por medio do golpe militar e a represión.
Por iso, como investigadorxs
e estudosxs do franquismo non podemos limitarnos a reducir as consecuencias do
que este réxime representa ao período que remata coa desaparición biolóxica da
figura que o encabezaba. Debemos analizar a continuidade da restrición de
dereitos e liberdades, así como a extensión de privilexios e impunidade dentro
da lóxica dos devanditos compromisos e, xa que logo, consideralos ilexítimos
desde unha posición democrática e respectuosa cos dereitos humanos e coa
xustiza universal.
A ilegalidade do dereito a
decidir dos pobos ou a condena das aspiracións republicanas, como outros moitos
lastres que arrastra o marco legal actual, agravados pola contaminación
franquista do aparato do Estado, son vestixios totalitarios que temos a obriga
ética e científica de desvelar na súa orixe e natureza.
Neste sentido, a carón de
todxs xs represaliadxs polo franquismo entre 1936 e 1976, tamén consideramos represaliadxs, presxs
políticos e exiliadxs a todxs xs que por estes idearios democráticos proscritos
foron e son vítimas destes acordos acadados na chamada transición e que serviron
para perpetuar o franquismo até os nosos días. Unhas vítimas das que nos
reclamamos non só pola persecución que padeceron no pasado, mais tamén polo seu
xorne resistente (eis, a guerrilla galaico-berciana que compre reivindicar) e
polas súas propostas liberadoras de presente e de futuro.
Somos conscientes da
esperanza e das posibilidades que abría o período da II República, no que se
canalizaron longas tradicións de loita emancipadora e que a través dos nosos
traballos de investigación queremos relembrar, sobre todo, para poñer en evidencia
que foi posíbel outro futuro, e que aquel pasado merece un presente mellor. Por
iso non nos resignamos a cinguirnos ás limitacións dos que deseñaron este
réxime a gusto dos do anterior. E solidarizámonos con todas as persoas
represaliadas como consecuencia dunha lexislación e dun poder xudicial herdeiro
dunha ditadura ilegal e criminal.
Asinantes: Xoán Carlos Garrido, Xosé Ramón
Ermida, Dionísio Pereira, Pepe Álvarez, Carlos Méixome, Antón Mascato, Eliseo Fernández, Carlos Velasco, Manuel Monge, Carlos Babío, Carlos Parrado, Montse Fajardo, Carlos Nuevo, Antón Somoza, Celso Milleiro, Manuel Igrexas e Xesús Torres
Ningún comentario:
Publicar un comentario