José Pardo Mosquera, pai de dona Emilia. Balsa de la Vega; óleo sobre lenzo 35,5X27,5 cm. Casa Museo EPB |
Dise que os de familia son
os segredos mellor gardados; incluso máis que os de estado. Mais, ao final,
todo se sabe. Referiámonos no anterior “Avieiro” ás sospeitas de José Pardo
Bazán de que o seu xenro fose como o Perucho de Los pazos..., un “fillo bravo”, para explicar o maltrato familiar
tras a morte do pai e que non se arrepuxera e defendese os seus intereses. Cando
menos é o que se desprende dos documentos dados a coñecer polo grupo de investigación
“La Tribuna” en 2008[1].
Mais podía acontecer que do que Pepiño estaba farto era da longa experiencia de
intrigas hereditarias do seu sogro, ou simplemente aquelas leas non lle
aquelaban ben ao seu carácter.
Despois de tirarlle o po ás
disputas económicas entre os Pardo e os Quiroga, os investigadores descubríronnos
outro deses “aconteceres” dos que non gusta falar, dos que se prefiren agochar,
ben premidos contra o fondo da gabeta dos recordos ingratos para que non se lles
ocorra emerxer en circunstancia algunha. Neste caso, ben gardado, aferrollado
con todos os cadeados que houbese e agochado baixo todos o silencios que se
puidese, o segredo estaba na banda dos Pardo Bazán.
Do que non se podía falar na
familia de dona Emilia era do asasinato da súa avoa paterna, dona Joaquina
Mosquera Ribera. Mais, por que non falar da vítima dun crime? Por que agochalo?
Por tratarse dun “mullericidio”, un máis desa praga contra as que as mulleres
de hoxe erguen a voz, pero non daquela.. Pero había tamén outras razóns para
calar.
O crime aconteceu en
Betanzos, en 1848, segundo descubriron os investigadores tirando de dous fíos:
unha breve nota de referencia da escasa prensa do momento e unha carta que un
dos investigadores atopara, anos antes, nun libreiro de vello[2]. Tiveron que recorrer aos
máis diversos arquivos, pois no abondoso e minucioso arquivo dos Pardo Bazán
nada había. Como os césares, aplicaran unha eficaz “dannatio memoriae” ata o
punto de que en ningunha biografía, agás a actual de Isabel Burdiel[3], se fai referencia ao
tráxico final da avoa de dona Emilia.
Dona Joaquina (1805-1848)
era filla de don Gonzalo Mosquera Arias e de dona Joaquina Ribera Pardo; ambos
da fidalguía vella dende a punta das unllas dos pés ata os últimos pelos da cabeza.
El, rendeiro abastado de ideas liberais ata onde se podía e, entre outras
moitas cousas, señor da xurisdición de Bentraces, no actual concello de
Barbadás, e irmán segundo do III marqués de Aranda e de Guimarei. Ela, filla
única e polo tanto herdeira dos bens vinculados ás casas de Cañás, en Carral,
da que xa non quedan restos, ou a de Baldomir, en Guísamo, Bergondo, da que
fican as paredes, e algunhas máis.
Pazo de Bentraces, en Barbadás, solar dos Mosquera Arias |
Dona Emilia naceu apenas
tres anos despois. Aínda que o silencio fose espeso algo tería que ouvir, algo
saber, ollar expresións, xestos, arrebatos... dos que nunca nada dixo pero que,
seguro, tiveron que influír nos “dicires” da escritora sobre malos tratos ás
mulleres, violencia de xénero ou violencia en xeral, así como sobre as
tensións, odios, rancores entre as familias por mor das herdanzas ou sobre as
paixóns inconvenientes e os amores “fou”.
Miguel Pardo Bazán. Avó paterno de dona Emilia |
A avoa de dona Emilia era a
segunda de tres fillas. Casou, ou casárona, aos 16 anos con Miguel Pardo Bazán
que xa cumprira os 37 e procedía tamén de dous puros sangues fidalgos: os Pardo,
con casa principal na granxa de Meirás, e os Bazán de Cambados, residentes no
que hoxe é parador de turismo. En ambos os casos con outros moitos bens
vinculados. O avó de Emilia fixera carreira militar e política e coincidiu co
seu sogro nun liberalismo coutado para se as tornas se viraban absolutistas.
Deputado ausente, nin aparecía, aducindo enfermidades, faleceu en 1839 deixando
unha viúva de 39 anos e un fillo de 12, José, o pai de Emilia; os outros catro
fillos faleceron antes que o proxenitor.
Dona Joaquina permaneceu na
Coruña, vivindo coa nai, titorando o rapaz e administrando os bens e rendas do
seu home que formarán parte da herdanza do fillo. Nesta cidade coñeceu o militar
retirado Juan Rey Perfume, dez anos máis novo ca ela, de familia de
comerciantes coruñeses e nai de orixe italiana, posibelmente Perfumo de inicio.
Unha cousa leva a outra e tiveron unha filla, Adelaida Rey Mosquera, nacida en
xaneiro de 1847, pero tardaron en casar e cando o fixeron mudáronse a Betanzos.
Ás dúas e media da tarde do
4 de maio de 1848, Juan Rey Perfume degolou a súa muller, cunha navalla
barbeira. Ás 10 da noite pegouse un tiro. Deixaba unha longa misiva de
suicidio: encetada antes de matar a muller e rematada horas despois de facelo.
Iníciaa referíndose a unha “conspiración infernal” na que a súa muller “es la
primera actriz” “ofendida de que la haya obligado a casarse por que la hice una
hija”, na trama “ha fraguado la más alta e imponderable calumnia contra mí,
unida para ello con su hijo (o pai de dona Emilia), Bermúdez (cuñado da
asasinada), Guergué (administrador dos Pardo Bazán), José Portela y su hijo
(labradores de Meirás), el procurador Ribas y un clérigo llamado Caldelas”.
Despois de matala continuou a carta “Horror he
asesinado a mi mujer y ya no puedo hacerlo con la infame doncella”. Petiscamos
algunhas frase da longa carta: “Ahí te queda torpe hijo José Pardo Bazán toda
la herencia”, “vivía contento con mi mujer aunque ella era infame como
vosotros”, “si ella y vosotros queríais separarme debió ser por una causa
política”, “Esta mujer había denotado ya su resistencia a vivir conmigo cuando
nos obsequiábamos, la deje luego y después quería casarse para solo separase
luego y vivir a su antojo. No, yo o contigo o muerta tu o sino que diga alguno
si tuve otra mujer desde casado. Soy el hombre más desgraciado del mundo pero
muero justo, convencido de que mi mujer se iba separar de mí y aun vino
mintiéndome”, “quiero que a mi mujer y a mí nos entierren juntos y en sagrado”,
“cuantas veces dormí tirado en las ruedas porque mi mujer me echaba, cuantas en
el sofá, cuantas veces salí desesperado y reñía porque ella me decía [que] no
me quería, [que] no tenía posición social”.
A pesar do nerviosismo e da
confusión mental que denota o escrito os investigadores puideron demostrar, a
través da documentación do proceso, que “la conspiración deseñada por doña
Joaquina Mosquera” para vingarse do ex administrador Luís María Guergué e asasinalo
existiu e na lea meteu o seu home. Procuramos resumir o máis significativo.
A viúva de Miguel Pardo
Bazán vivía coa súa nai na Coruña mentres o seu fillo estudaba Dereito; coñeceu
o militar e tiveron unha filla, para evitar o escándalo bautizouna en segredo,
pois non tiña intención de casar co pai. Pero alguén o descubriu e o párroco
tivo que asentar o bautizo. Tiña unha boa razón dona Joaquina para non casar;
como viúva administraba as moitas rendas procedentes de seis administracións
que herdara o fillo; de casar, perdería a curadoría e con ela a maior parte dos
seus ingresos. Pero de non facelo deixaba desprotexida a súa filla que non
podería recibir herdanza máis que pola vía de alimentos, e o pai, Rey Perfume,
tiña un soldo ben magro e ela nada herdara do seu pai e a súa nai non fixera aínda
as partillas.
Casa de Baldomir, Guisamo, (Bergondo) vinculado aos Pardo |
Dende meses antes do parto,
Joaquina, coa axuda da nai, iniciou unha serie de movementos para preparar unha
herdanza para a futura criatura e protexela no caso, relativamente frecuente,
de morrer no parto. Joaquina comezou a reunir un patrimonio a través de cesións
definitivas que lle facía a súa nai e a escriturar no notario algunhas últimas
vontades que corrixían o testamento no que declaraba o fillo herdeiro
universal. Nunha desas modificacións encargaba ao apoderado xeral, Luís Mª
Guergué, de que, no caso de falecer, se apoderase da súa casa e todo o que
houbese dentro; na outra deixaba a Juan Rey Perfume unha notas, que non se
coñecen, para ter en conta a hora de executar o testamento. A descuberta do
oculto bautizo e todos estes plans explicarían a mudanza a Betanzos.
De súpeto todo mudou. José
Pardo Bazán, temendo que a súa nai puidese allear parte dos seus bens,
destituína como titora e nomeou no seu lugar o seu tío José Bermúdez de Castro.
Esta negouse a aceptalo e iniciouse un preito, frecuente por outra banda entre
a fidalguía da altura, entre nai e fillo. O asunto complicouse cando Bermúdez
de Castro denunciou a súa sogra por allear bens, que entrarían nas partillas da
súa muller, a favor de Joaquina Mosquera. A coincidencia temporal indica que ambos
os preitos teñen relación e dos dous é protagonista o administrador Guergué,
que debeu ser quen descubriu o nacemento da cativa. Isto explica que Joaquina
Mosquera lle retirase os poderes e, ante a resistencia deste, denunciouno para que
lle entregase as chaves e lle devolvese o arquivo da familia que retirara da
granxa de Meirás, en evidente acordo con Pardo Bazán e Bermúdez de Castro que
viñan de nomealo administrador de ambos.
Ante a imposibilidade de
gañarlle o preito ao fillo, Joaquina decidiu casar. A zuna debeu chegar ata o
extremo de tramar o asasinato do traizoeiro administrador, e alentar as fortes
tensións de Rey Perfume co administrador Guergué, co seu fillastro Pardo Bazán,
co titor deste, Bermúdez de Castro e con ela mesmo. O matrimonio, tras a perda
da titoría, seguiu vivindo en Betanzos ata que ocorreu a traxedia. Guergué
encargouse de inventariar os bens da vivenda e preparar o enterro da parella.
Pardo Bazán non tardaría en denunciar
a Guergué polas contas que lle presentou, preito que tardou meses e rematou cun
acordo. Tiña, pois, o pai de dona Emilia ampla experiencia nestas lides. Anos
máis tarde volveraas poñer en practica cando se trate do reparto de bens e rendas
dos irmáns Quiroga, tras a morte do pai, mesmo ata o punto de insinuar que José
Quiroga ou ben non fose fillo de don Pedro Quiroga ou ben non o fose de dona
Mariquiña. Como sabemos, estas tensión intrafamiliares estarían na base da
posterior separación do matrimonio Quiroga- Pardo Bazán.
[1] “Aportaciones a la biografía de Emilia Pardo Bazán. La crisis
matrimonial (1875-1884)” en La Tribuna.
Cadernos de estudos da casa-museo EPB, nº 6, 2008 A Coruña RAG/Casa Museo
EPB, p.71-127
[2] O grupo de investigación está formado por Xosé Ramón Barreiro
Fernández, que atopou a carta, Ricardo Axeitos, que reparou na nota de prensa,
Patricia Carballal Miñán e Jacobo Manuel Caridad Martínez. A investigación
publicouse en en La Tribuna. Cadernos de
estudos da casa-museo EPB, nº 8, 2011. A Coruña RAG/Casa Museo EPB, p.15-56
baixo o título “La trágica muerte de Joaquina Mosquera Ribera, abuela de Doña
Emilia. Un familiar secreto desvelado”
[3] Burdiel, I. (2019): Emilia Pardo
Bazán. Madrid:Taurus
Ningún comentario:
Publicar un comentario