sábado, febreiro 20, 2021

Vilamorta recoñece á Pardo Bazán. Polo Avieiro de dona Emilia (31)

Fonte sen auga e bronce de Acisclo Manzano


Aínda que dona Emilia fose un pouco “chinchona” ao alcumar ao Carballiño coa nomeada desprezativa de Vilamorta, podémola entender, non desculpar, polo tenso momento da súa separación e as ganas de facerlle unha “puñeta” literaria á familia dos Quiroga Pérez de Deza.

Mesmo así os vilamortáns-carballiñeses non llo tomaron tan a mal e, aínda que tarde, fóronlle perdoando este alporizamento xeniúdo. A absolución representouse polo seu 105 aniversario que cadraba, predestinación se crésemos nela, co día do feirón do ano e véspera do San Cibrao, e ademais, no ano do festexo, era domingo. Dedicáronlle á escritora unha praza, que ata daquela chamábase de Retortillo[1], onde se colocaban os días de feira os vendedores de vimbios, gueipos, culeiros e demais castes de cesterías, mesmo por diante da praza das galiñas e de onde se vendían as pezas de barro.


    A dedicatoria non debeu ser unánime. As xentes do Carballiño semellan ter certa zuna cos libros que falan delas; se hai ocasión falaremos noutro caso. As desavinzas tívoas que recoñecer ata o señor alcalde no seu discurso; dixo que a moitos “les pica y escuece que la extraordinaria novelista hubiera simbolizado a la pujante, prospera y floreciente villa que es hoy Carballino, bajo una denominación tan poco esperanzadora”. Pero o alcalde non era desa opinión, porque a homenaxe ten a súa orixe “en la extraordinaria vinculación entre la Condesa de Pardo Bazán
y Carballino” quen polas súas longas estadías na vila convertérase en “figura familiar” da que moita xente se lembraba “con admiración y cariño”. Moita, moita..., non debía ser, pois a última vez que dona Emilia, que saibamos, debeu pasar algún tempo no Carballiño foi en 1883, ou quizais antes, polo que, como quen non quere a cousa, foran alá sete décadas. Mais o alcalde estaba en desacordo, e aquí pega un pinchacarneiros extraordinario, perigoso para a súa integridade física, pero, tamén, porque lles lembra aos seus conveciños: “El Carballino de hace más de medio siglo (xa apuntamos que había que lle engadir, cando menos, dúas décadas máis) (...) era (...) totalmente distinto (...) ignorante de sus posibilidades, sumido en la modorra de su vida totalmente aldeana, sin horizontes definidos y sin voluntad para alcanzarlos”. Vamos que dona Emilia quedou curta co de Vilamorta, segundo o edil. Pero non só iso, senón que “hacía falta algún estimulante poderoso capaz de despertar de este letargo secular a un pueblo sano y laboriosos en el fondo (...) que (...) fuese capaz de comprender y obedecer esa llamada y, para dicha nuestra, surge a la vibración patente de tan ansiados afanes la personalidad inmortal de doña Emilia Pardo Bazán y Quiroga” que soubo “prender la dorada ilusión y el anhelo de vivir y de perfeccionarse a un pueblo muerto” polo que a ofrenda do Carballiño era “de gratitud y de recuerdo perenne hacia aquella que al reprocharnos amorosamente nuestros defectos lo hizo, como solo saben hacerlo las madres”. Non sabemos en que estado ficou a columna de Luís Pereira Valeiras despois de tantas piruetas de saltimbanqui.

Homenaxe á Pardo Bazán
La Noche, 15-9-1956


Coñecemos o seu discurso por recollelo na súa integridade o xornal La noche[2] que lle dedicou toda unha plana ao evento. Na mesma inclúese, nun recadro, unha especie de saúda da Blanca; na altura, a única filla viva de dona Emilia e Pepiño, que tiveran tres fillos, Jaime (1876-1936), María de las Nieves (1878-1970, a quen sempre lle chamaron Blanca, ata, como vemos, nos papeis, casada co marqués de Cavalcanti, fascista e fachendoso militar, e María del Carmen (1881-1935), da que moi pouco se falaba e faleceu solteira.

Jaime estaba moi unido a Pepe Quiroga, foi militar en África, era capitán de cabalería, e participara no golpe de Sanjurjo en 1932. Matárono en Madrid, tras o golpe de estado, xunto ao seu único fillo Jaime Quiroga y Esteban Collantes. Foi o 11 de agosto de 1936. Tras a súa detención e un daqueles xuízos populares, fusiláronos na pradería de San Isidro, na mesma na que dona Emilia situou aquela tarde tola da marquesa Asís de Taboada, afectada polo sol e a bebida na compaña do seu galán gaditano, en Insolación (1889). Seica no pelotón de fusilamento estaba un fillo ilexítimo de Jaime, quen se prestou voluntario para disparar contra o pai, pero que se negou a facelo contra o irmán.

Cavalcanti, o máis estrafalario, con Alfonso XIII
e Primo de Rivera

Blanca e o marqués de Cavalcanti non tiveron fillos, polo que tras a súa morte a liñaxe Quiroga Pardo Bazán ficou extinguida. Cavalcanti seica era moi pesado e aburrido na conversa e dona Emilia sempre o cortaba cun “Pepe, tu cállate que solo eres un héroe”. Blanca nin se molestou en achegarse ao Carballiño, mandou unha nota con “eterna gratitud” á súa querida vila, “cuna de mis mayores”, e ás terras “donde he pasado tantos días dichosos de mi juventud”.

Placa colocada en 1956


    A homenaxe consistiu en colocar unha placa co nome da escritora que aínda hoxe sobrevive enmarañada entre os cables característicos do desleixo que traen consigo as melloras técnicas que ao pouco fican obsoletas, pero xustifican calquera estrago. Nas sucesivas remodelacións, a praza foi perdendo o encanto que nalgún momento tivo cuns bancos de pedra e ameixeiras xaponesas de follas e froitos avermellados que tiñan como utilidade que os rapaces os empregasen para guindarllos uns a outros en imaxinarias batallas e que nunca chegaban a madurar. Hoxe, sen asentos nin arbores, a praza, de mero transito, ficou adornada por unha fonte, triste e simple, sen auga, á que lle adheriron un busto broncíneo e puído de dona Emilia, un traballo alimenticio do magnifico escultor que é Alcisclo Manzano.


    A reportaxe de La noche ilustrouse cunhas imaxes da praza, da casa dos Quiroga no Carballiño e da de Banga e do comedor “con patina de nobleza y señorío” desta última. Complétase, nada máis e nada menos, que con dous textos redactados para a ocasión por Azorín e Federico Carlos Saínz de Robles. O lonxevo Martínez Ruíz (1873-1967), no seu característico estilo de frase curta, sintaxe simple e adxectivos separados por comas, afirma que o que facía diferente á Pardo Bazán, en comparanza con todos aqueles grandes novelistas do XIX aos que el coñeceu, era “el deseo, un deseo vehemente, impetuoso” e que dona Emilia naquela colectividade de novelistas quería estar “a par de ellos, sobre todos ellos” e ningún deles tiña “tan despierta la apetencia intelectual”. Conclúe Azorín: “Doy paz a la mano. De todo corazón me adhiero al homenaje que Galicia, la bien amada, rinde a su eminente hija”.

Os peores tópicos da crítica franquista e machista xorden no escrito de Sainz de Robles ao cualificar a Rosalía como poetisa “rosa”, xunto a outras escritoras tan pouco merecentes dese cualificativo despectivo como Avellaneda (1814-1873), Coronado (1820-1911) ou Sinués (835-1893), e ao relativizar a “pretendida virilidad literaria” da Bazán rodeada por todas partes de “novelistas machos”, pois só pretendía “revalorizar su sexo para que no desmereciera en la comparación” e engade no seu delirio de crítico: “Y acaso por presumir de “machito” se decidió -¡nos imaginamos su repugnancia al coger el reptil con sus dedos delicados y enjoyados!- a escribir algunas de las más atrevidas páginas de su tiempo timorato”.

Aquela homenaxe vilamortá en forma de praza dedicada tivo lugar o domingo 16 de setembro de 1956, mais, quen foi o argallante? Dínolo o propio alcalde Pereira Valeiras (1915-1999): “Este infatigable peón de la Condesa Pardo Bazán que es don José María Calviño”.



[1] Como xa indicamos na cuarta destas andainas polo Avieiro de dona Emilia (15/8/2020), Agustín Retortillo de León (1886-?), nacido en Madrid, foi elixido deputado pola circunscrición (partido xudicial) do Carballiño, nunhas eleccións parciais celebradas o 4/10/1896. Despois foi deputado por Toledo e senador por diversas provincias. Alfonso XIII concedeulle o título de “Marqués de la Vega de Retortillo”. Os resultados da votación que puxo nas Cortes a Retortillo pódense consultar no Boletín oficial da provincia (6/10/1986); por suposto tiña asegurado o posto, era o único candidato presentado.

Deberon ser os novos propietarios do balneario os que impulsaron o recoñecemento  do deputado “cunero” conservador, poñéndolle o seu nome a unha das mellores prazas da vila pola súa intervención, marzo de 1897, na concesión do permiso para sacar a poxa  os balnearios de Carballiño e Partovia.

[2] La noche, 15/9/1956


Ningún comentario:

Publicar un comentario