luns, decembro 12, 2022

REGRESA MARTA DACOSTA Á MINI PARA TRAERNOS AS PALABRAS DE PENÉLOPE.



Amigos e amigas

    O próximo sábado, 17 de decembro, cumprirase un ano, menos un día, que Marta Dacosta nos visitou. Daquela traía do forno as súas Notas sobre a extinción (Galaxia, 2021). A poeta de residencia e acción gondomareña e miñorá agasallounos coa súa  capacidade para recitar e espelicou noutros seus poemarios: As amantes de Hamlet (2003), Acuática alma (2011) Dun lago escuro (2014) e Na casa da avoa (2017).

    Semellaría un pouco precipitado recuncar coa nosa autora, aínda que sabemos que nunca deixará de sorprendernos, pero o noso coordinador, Xosé María Álvarez Cáccamo, escolleuna por outra razón. Marta Dacosta ven de publicar unha antoloxía poética de xénero Así fala Penélope (Chan da Pólvora, 2022) que en pouco tempo se converteu nun acontecemento literario e vai xa pola súa segunda edición. Así pois nesta ocasión Marta Dacosta non nos traerá a súa voz, senón a de Penélope, a dunha Penélope que fala e conclúe “Eu tamén navegar”, como no poema de Xohana Torres. E con ela veñen corenta voces de mulleres galegas que constrúen un  relato comunitario e contemporáneo, nunha selección que reivindica ás autoras, a poesía e a creación literaria. Marta Dacosta prestaralles a súa voz.

    Será o sábado 17 de decembro e comezará ás 12.15h, cunha duración aproximada de 45 minutos. Para limitar posíbeis  interrupcións durante a lectura A Mini abrirá as súas portas ás 12h.

    As intervencións poéticas están pensadas para celebrarse no exterior, o pé mesmo da Fonte de Zeta, pero como non sempre o demo do tempo nos deixa, no caso de ser preciso poderemos resgardarnos no interior da taparía.

    Se vos presta.

    Graciñas

    Nota: De ter interese en compartir mesa e mantel con Marta Dacosta podedes facer a reserva no 646 74 93 28 ou en resposta este post.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario