luns, maio 04, 2026

Árbore arriba. Memoria das orixes

 

 


  Este venres 8 de maio, ás 20h. na Biblioteca Municipal de Nigrán estaremos, xunto con Juan González, alcalde de Nigrán, acompañando ao noso amigo Xosé María "Pepe" Álvarez Cáccamo para presentar a súa última publicación Árbore arriba. Memoria das orixes (Alvarellos, 2026).

    A memoria familiar, a partir do feito traumático do asasinato, en 1936, do seu avó Darío Álvarez Limeses, é un dos eixes da creación literaria de Pepe, tanto na súa intensa e extensa obra poética como narrativa como en Memoria de poeta (Galaxia, 2006), Tempo do pai (Galaxia, 2008) e dun xeito indirecto na novela As últimas galerías (Galaxia, 2015).

    Talvez con esta última achega, gabeando pola arbore da súa estirpe  ata as pólas dos seus oito bisavós e bisavoas, culmine este proxecto literario tan persoal. Pepe, de xeración en xeración, vai tecendo o relato das singulares peripecias vitais dos devanceiros apelidados Cáccamo, Ambrosino, Frieben, Zimmmermann, Blázquez, Ballester, Álvarez e Limeses, a carón das fotografías que os identifican.

    Por se tedes vagar para acompañarnos neste percorrido por unha das familias, os Álvarez, de permanente vocación literaria, cando menos dende mediados do século XIX.