martes, novembro 20, 2018

A permanente excepcionalidade española


Vai rematar o cincuentenario das revolucións fracasadas (J. Fontana) ou espectrais (T. Judt) de 1968. Sen moita conmemoración, cando menos teño esa impresión. Supoño que non son tempos para celebrar algaradas, por un “siascaso”.

Na altura, pola rúas do occidente berlinés, Rudi Dutschke voceaba proclamas de liberdade nunha Alemaña Federal que, un cuarto de século despois de rematada a guerra, non só non fora quen de zafarse das infiltracións nazis senón que tiña á  fronte da chancelería a Kiesenger, un NSDP da primeira fornada. Na banda oriental, o inflexíbel carácter de Ulbritch rematara inzando de soldados e formigón as fronteiras ideolóxicas  que esgazaban  a nación alemá. Ao longo dos anos sesenta, os fillos da guerra mobilizábanse dende a Oposición extraparlamentaria  contra os dous estados da mesma nación. Un dereitista occidental pegoulle tres tiros a Dutschke e deixouno malvivindo durante anos; a entusiasta axuda de Ulbritch permitiu que os carros de combate paseasen, na canícula de agosto, por Praga.

Nin en Alemaña, nin noutros países europeos, as  políticas públicas da memoria foron tan modélicas como hoxe as vemos. A secuencia sinalada polos estudosos: trauma-represión-rememoración-obsesión  foise ciclicamente cumprindo ata o enxalzamento da vítima e do heroe, en especial da testemuña. As vítimas dos nazis, dos campos de concentración, os xudeus, foron conmemorados, e ségueno a ser,  en memoriais de toda caste e das máis variadas técnicas. O heroe, salientado no partisano, coñeceu  tamén o seu momento ata que a decadencia dos réximes do leste foinos adiando  a un segundo plano memorialista.

Mais a excepcionalidade española, a anomalía hispana, non só permanece senón que dá a sensación de non atopar máis explicación que a de tratarse dun trastorno conxénito, dunha alteración crónica. As vítimas non foron encomiadas ata 2006, por certo e como noutras moitas ocasións con Galicia abrindo o suco,  e tras o ronsel da tímida Lei da Memoria Histórica de 2007. Os heroes partisanos non foron nin lembrados, agás en círculos reducidos, e a militancia antifranquista, castigada en décadas de ditadura, ficou esquecida pola brevidade do tempo de rememoración e o abafante, e ignorado, peso das vítimas.

Recapitulamos: longuísima ditadura (fase prolongada de trauma), período “transacional” e amnesia gonzalense-aznariana, (fase represión); tímida fase de rememoración durante a xeira zapaterina: regreso á represión do trauma durante o período raxoniano.

A excepcionalidade maniféstase de novo, mesmo de forma incomprensible para unha análise superficial dende a normalidade democrática. Só fixo falla que a dereita perdese o poder executivo e que o relevo precise de certa xestualidade a cambio de orzamentos para que a anomalía democrática española se exhiba en toda intensidade.

Non se pode ser máis moderado ao afirmar que non se pode considerar como lugar de reconciliación un mausoleo megalómano, presidido pola simboloxía dos vencedores, erguido por vontade do ditador, onde se homenaxean os seus restos e máis os do fundador do partido fascista que exerceu durante décadas a parte máis significativa do poder político. Non se pode ser máis moderado cando se reclama legalmente, con documentación probatoria ata o detalle, que o  pazo residencial da familia do ditador foi usurpado pola forza do poder totalitario.

Emporiso, non é que unha parte desa dereita poida expresar a súa identificación coa ditadura, co franquismo e co fascismo, senón que a autoproclamada dereita liberal, europea, e centrista, na súa  actualidade bicéfala, amosa sen pudor a fortaleza do cordón umbilical que os une á ditadura, ou mellor ao relato autoritario do nacionalismo español, católico e monárquico, expresión dunha concepción (tan do gusto de Franco) do pobo español como dominado polo xene cainita que o imposibilita para a democracia e lexitima calquera actitude para devolver o poder a quen por natureza lle corresponde.

Casado e Rivera teñen que matinar en que queren ser. Merkel ou Salvini?

*Publicado en A Nova Peneira, novembro 2018


luns, novembro 19, 2018

A patada voadora de Boban, as lágrimas por Modrić e a opinión de Prosinećki


Ás veces a un asáltanlle certos matinares. Que é o que empurra un brillante, segundo din, profesor, recoñecido dirixente político, carácter afable, bondadoso católico e de profundas conviccións sociais, a arriscarse a permanecer encarcerado durante anos? Que empurra un xefe político, presidente da que recoñece como a súa nación, a comprometerse nunhas decisións que o poden manter durante lustros como prófugo e apátrida? Que é o que empuxa moitos outros a facer o mesmo? Que é o que impele un home rico, de brillante carreira política e recoñecemento social, a hipotecar as súas propiedades, por moitas que teña, e afrontar sancións económicas, tan excesivas, que auguran futuras condenas? Que empurrou un rapazolo de 21 anos, figura futbolística en xermolo como despois ficaría demostrado, a soltarlle un couce voador a un policía? Pois algo tan fútil, tan livián, tan produto humano, tan cultural, tan comunidade imaxinada, tan tradición inventada como é o concepto contemporáneo de nación. Unha creación social que con determinación empurra aos máis grandes sacrificios  e mesmo ata morrer, ou matar, por ela.

Algúns medios, poucos,recollérono. Hai menos de dous meses, na entrega, ao futbolista LukaModrić, dun premio individual, o exfutbolista Boban sorprendeu os asistentes próximos cuns emotivos laios, afundido na cadeira. Aquel elegante xogador pateou o coiro,con brevidade,en Balaídos. Foi un estraño final, só xogou catro partidos, para un xogador que apañara grandes éxitos no Milán de Capello, na selección iugoslava e coa croata. Mostovoi era a estrela e Boban non estaba disposto a aburrirse no banco. Abandonou, retirouse do fútbol e perdooulle o soldo ao Celta.

Unha ducia de anos antes, sendo xogador do Dinamo de Zagreb, fora protagonista dun mito case fundacional do actual estado-nación croata. Tuđman cualificouno como “o noso Garibaldi”. A patada de Boban presaxiaba a traxedia. Enfronte tiña o mesmísimo Estrela Vermella de Prosinećki, Savićević, Stojković... Dun lado os ultras do Dinamo, partidarios da independencia croata; do outro os do equipo de Belgrado, dirixidos por Zelijko Raznatović, máis coñecido como Arkan, pouco tempo despois, xefe dos paramilitares serbios autores de bestialidades inimaxinábeis en Croacia e Bosnia-Hercegovina. Aínda non comezara o partido e xa comezara a batalla. Xogábase en Zagreb. Nun momento a policía iugoslava comeza a paus cos seguidores do Dinamo. Boban insulta os policías. Zóscanlle. Pega un chimpo e dálle un couce a un. A resposta non se fixo esperar. Un rapaz de 21 anos convertíase en heroe. “Eu era como os demais, pero levaba o número 10 e glorificouse”, dixo nunha ocasión. O policía, segundo se soubo despois, era bosníaco musulmán.

As lágrimas que deitaba Boban no momento de gloria de Modrić, o seu continuador no Dinamo e no firmamento futbolístico mundial, tiñan unha orixe dramática. Pouco despois da patada voadora de Boban a traxedia arrasa as terras dos eslavos do sur.  A familia do cativiño Luka ten que abandonar Zadar e refuxiarse no asentamento de Jesenice. Un día de decembro de 1994 as milicias serbias fan unha das súas. O rapaz contempla como o seu avó e seis homes máis son fusilados despois de que lles queimaran as casas.

Non tivo tanta sorte futbolística, ou tan bos músculos, o terceiro dos grandes futbolistas citados, Robert Prosinećki, probablemente tampouco o seu carácter. Nunca chegou a triunfar á altura das súas enormes calidades, quizais as mellores dos tres citados. Lesións reiteradas, perda de confianza, profunda depresión e angustia pola guerra e a situación familiar fórono levando de grande en grande, pero sen brillar de forma continuada. Sempre fronteirizo: pai croata e nai serbia; nacido en Alemaña; comezou nas categorías inferiores do Dinamo de Zagreb e despuntou no Estrela Vermella de Belgrado; fichou polo Real Madrid e acabou xogando no Barcelona; regresou a Croacia, xogou en Bélxica e na segunda inglesa; participou activamente na clasificación do mundial de Francia, pero non na fase final, no partido de semifinal era suplente, Boban mancouse pero o adestrador non o sacou.

Estes día regresou aos medios, en continuidade transfronteiriza, como seleccionador de Bosnia- Hercegovina. Inchazón de excesiva cervexa, unllas sucias de mecánico, sempiterno cigarro entre os dedos e enfundado nun chándal tipo Decathlon. Preguntáronlle por Cataluña e a guerra de Iugoslavia. Na sensatez de quen, infortunadamente,  coñece ben por “experiencia transmitida” e por “experiencia vivida”, como diría W. Benjamin,  a traxedia da guerras, respondeu que non sabía se Cataluña sería algún día independente pero non cría, nin agardaba, que fose acabar como o de Iugoslavia.

Nós tampouco, mais non vaia ser que a alguén se lle escape un couce!

*Publicado en A nova Peneira,novembro 2018




martes, novembro 06, 2018

1968 de Vítor Vaqueiro en Libraida


O xoves 15 de novembro ás 20:00h estaremos na libraría Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13) estarei acompañando ao amigo Vítor Vaqueiro na presentación do seu último libro 1968 (Laiovento, 2018).

“A data crucial de 1968 exerce uma força de dobre direção, centrifuga e centrípeta, em expansão cara outros motivos temáticos…”
“Vítor Vaqueiro consolida o rumo da sua nova andaina com 1968, cimo da súa escrita poética e un dos máis atrativos e relevantes libros de poesía editados no que levamos andado do século XXI.”
Do prólogo de Xosé María Álvarez Cáccamo



En Sarmiento: O Afranio en Gondomar


   
A revista Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, que publican as tres universidades galegas e dirixe Narciso de Gabriel da Universidade de Coruña ven de publicar o texto dunha conferencia que pronunciei o pasado 17 de marzo co gallo da inauguración da exposición “Antón Alonso Ríos. Política e pedagoxía para un país”, organizada polos Concellos de Tomiño e Gondomar, e que acollía o Auditorio “Lois Tobío” desta última vila.

   Imaxinei un paseo de Alonso Ríos por Gondomar para risparse das gadoupas da morte. Déixovos o pdf: http://revistasarmiento.com/alonso-rios-en-gondomar-un-imaxinario-ainda-que-posibel-paseo


martes, outubro 30, 2018

Alarma corporal*


En verdade debía acudir o pasado domingo a Compostela. Máis que nada por darlles unhas apertas a vellos amigos e amigas.Hai tempo que non o fago por disolución acordada, atinada e, por demais, xenerosa.

Unha semana antes algúns malestares sintomáticos, coñecidos e repetidos, comezaron a ensinar a orella e a agravarse ata impedirmo. Para min que se trataba dun estado de alarma que me advertíame contra o  Viva lo nuevo! que dicían os jonsistas e a retórica falanxista dos anos trinta, para ocultar violentas actitudes milicianas. Así que o meu corpo non me deixou acudir, permitiume un alivio rápido, como cantaba o Reixa, e evitoume os desgustos, que non por reiterados deixan de producir dor.

A desagradable escenificación dunha ruptura anunciada con arteira reiteración tivo lugar o pasado domingo. Pasaxe, coa nación de fondo, nada orixinal. Coido que en Cataluña en Común andan con leas semellantes, só que para os lostregazos empregan barretinas no lugar de puchas con  viseira.

Digo que a cousa nin é orixinal, nin ten novidade. Só constata un feito. O espazo nacional, soberano, agrupado arredor de Luís Villares, non só lle bota un pulso á Triple Alianza senón que,nun exercicio de paciencia bíblica, llo mantén.

Unha Esquerda Unida consciente do seu rol marxinal como tal, pero confiada na súa gran capacidade de influencia. Un Podemos que aprendeu que o de asaltar os ceos ficou para mellor ocasión e do que se trata é de aproveitar o fraccionamento das dereitas para unha gran coalición da esquerda coa aquiescencia dos proxectos nacionais que exercen como tais; pero cantos menos mellor. Unha Anova inútil, infantilizada, comesta pola couza, que só serve para armar barullo e impedir a consolidación dun espazo nacional plural e compartido pola esquerda, nacionalista ou non.

Dende a nación-política pódense entender os  máis complexos sistemas de alianzas, pero non é doado mirar para outro lado cando se nega o único irrenunciable: a autoorganización política.

A posibilidade dunha pluralidade de opcións nacionalistas está aberta. As de diálogo entre elas e con outras esquerdas non se pode pechar.
Agás que todo sexa a representación de falsos devotos, de fungos agochados baixo a terra, de enganosas trufas, duns cantos tartufos que só procuran quedarse cos bens de Orgón.

* Publicado en Novas do Eixo Atlántico, novembro 2018



sábado, outubro 20, 2018

Estamos tolos... ou somos parvos?*

Alguén voou sobre o niño do cuco, Milos Forman (1975).
Todo o mundo o lembra, Obélix con xigantes calzóns branquiazuis, acariñando o queixelo, bísballe ao seu compañeiro do casco alado: Están tolos estes romanos!!   Un amoreamento de lexionarios cos ollos machucados e as testas arrodeadas de estreliñas completan a escena.

Noutra aldea, da mesma parentela que a gala, aínda que un chisco afastada, chantada pola banda onde morre o sol e se acaba o mundo, a incrédula exclamación obelexiana transfórmase en profunda e introspectiva cuestión: Estamos tolos ou que?.

O estado de permanente angustia, de indecisión, de subir ou baixar ou nin subir nin baixar, de permanente equilibrio inestable, de funambulismo infantil, de obsesivo ollar para o marco, de delirante restauración de  valados, do pánico a perder a leira, empecen, imposibilitan, a mínima tentativa de resposta á pregunta.

Máis que é o que?. O que, é se somos parvos?.

Albíscanse batallas no horizonte. Nin Obélix, nin marmita, nin can que lle ladre. As tribos amarran o seu marco, agóchanse tras o seu escangallado valado. Uns, con fachenda, virtude excedentaria nestas terras occidentais, afirman  que eles son quen de facelo sós e que cantos menos mellor que así póñense antes de acordo. Outros gábanse a si mesmos dicindo que queren xuntar forzas mentres se entreteñen dándose couces e afiando as navallas.

A nebulosa percepción do campo non é de sosego. Dez anos despois de Lehman Brothers e a  derruba do castelo de naipes; unha década na que pasamos de moquearnos dos “mileuristas” a considerar que setecentos euros e dez horas de xornada non está nada mal. Unha ducia de anos despois de “cepillarse” o estatuto referendado pola sociedade catalá, a tensión non  acougou, nin semella que o vaia facer de inmediato. Unha Europa insolvente como proxecto político, frustrada como potencia económica tras unha década  austericida, na que se expande a xenofobia e o chauvinismo nas avelladas nacións-estado, agravándose nas do sur por desembarcar nelas os inocentes e desarmados “bárbaros invasores”.

No período “rajoniano” o réxime ficou coas vergonzas ao ar. Eran, son, moitas as porcalladas reais ou plebeas; exhibiu a podremia e a herdanza franquista; incendiou Cataluña; incitou a extrema dereita; excitou o nacionalismo español e por riba  enrabiáronse por perder un chisco de poder. As faccións da dereita lideradas por dous, ou quizais xa tres, mozos de perfís físicos, e non só, “joseantonianos”,apañan e dividen os votos do ascendente patriotismo “rojigualda” e da aparofobia, isto é, do odio aos que son aínda máis pobres ca ti.

Non é un escenario aquelado para o exercicio da racionalidade mais esta faise precisa ao xeito de concertación democrática. Parece que o están a comprender as dúas forzas numéricas máis significativas da esquerda, ambas con problemas de reequilibrios internos. Para chegar a porto terán que contar co visto e prace dos periféricos; un deles nada mais e nada menos que cos seus dirixentes no cárcere ou no exilio. Non vai ser doado.

Aproxímanse dous anos de tensións político-electorais: andaluzas, municipais, autonómicas, europeas, vascas e galegas e pairando sobre todas elas as xerais e a repetición das catalás. Aínda que esteamos acostumados a continuas citas electorais, temos a percepción de que nesta ocasión está en xogo moito máis ca unhas cantas ducias ou centos de alcaldías, escanos ou presidencias.

Semella que os máis avisados están a comprender que esa anomalía española, e mira que as hai, de gobernos monocolores xa deu todo de si. Os que anden máis á présa tomarán posicións en futuros e duradeiros gobernos de coalición ao estilo europeo. As esquerdas andan a facer os deberes; as dereitas a vixiarse entre elas sen que se lles vexa un Aznar que non sexa un terrorífico pesadelo.

Pero ás esquerdas isto non lles chega. Ao seu futuro goberno de coalición non lle van dar os números agás que conte co consentimento dos trinta, arriba ou abaixo, escanos periféricos e para iso terán que “aplacar” Cataluña e facilitar o “pragmatismo” que abesulla ERC e ao que se resiste numantino, e personalista,  Puigdemont.

Un goberno ata o final, máis ou menos, de lexislatura para despois concertar unha futura coalición, sen maioría absoluta, e cunha Cataluña dirixida por ERC en tripartita alianza podería permitirlle ao PSOE ceder no recoñecemento doutras identidades nacionais, non porque lle guste, senón porque a concepción monárquica, católica e conservadora dunha única nación española xa non ten sustento social. España  precisa dun novo acordo de convivencia, un novo proceso constituínte que recoñeza a plurinacionalidade.

Daquela terán que procurar a alguén para que faga o papel de Paz Andrade hai corenta anos. Ou xa nin iso?. Existirá o noroeste?.

Estamos tolos ou somos parvos. Ou as dúas cousas.

·        Publicado en A Nova Peneira, outubro 2018


Espreitadores*


Nos anos de educación sentimental pasábamos moitas tardes outonais e dominicais visitando aldeas do redor da vila, xa daquela medio abandonadas. Divertíanos atender cos ollos virados, mirando de esguello, como tras calquera contraventá, bambinela ou colgadura xurdía un rostro espreitador. Case sempre de muller, as máis vixiantes. O asexo servíanos de chanza na construción do noso imaxinario nacional. Diciamos que a diferenza entre Galicia e España estaba en que cando viaxabas a esta, daquela ir, íase a Madrid, podías parar o coche onde che dese a gana, baixar con toda a santa calma e poñerte a facer augas á beira da estrada sen medo a que ninguén te espiase. Pola contra, no noso país sempre habería alguén a guichar por tras de calquera reviravolta do camiño, a abesourar detrás de calquera carballo, a vixiar quen chegaba... podías estar seguro de que aínda que tiveses bo tino en agocharte, sempre habería alguén a te velar.

Ás veces un ten a sensación de que non andabamos moi errados ao sinalar o trazo espreitador entre os riscos definitorios do “carácter nacional” que, daquela, inocentes adolescentes, andabamos a procurar.

Este outro día dei en matinar no asunto e barruntei na gran cantidade de amigos e amigas que se resisten a actuais compromisos políticos ou mesmo culturais, a verdade é que case todos e todas os tiveron con maior ou menor intensidade e durante máis ou menos tempo, mais hogano responden cun ben, a ver como van as cousas, tés razón pero eu que sei!, mira é que as cousas fanse mal!, e que o que fan estes...!, e aqueles outros non che quero dicir nada!, vale home pois o de máis alá! e que non se fan as cousas como se debe!

Pregunteime se o problema non estaba nos que preferían ficar como espectadores na vez de asumiren as responsabilidades ou deixarllas a outros; se o problema non estaría nos quen prefire non decidir, por comodidade, os bondadosos, ou para poder criticar despois, os perversos.

Convencinme de que este é un país de miróns.

·        Publicado en Novas do Eixo Atlántico, outubro 2018