martes, xuño 21, 2022

A razón estragada?

 


    Confesa ese home pequerrecho, de estatura, que sentiu certa emoción ao telo na súa terra “da que saíu como os vellos exiliados e emigrantes”. Quen así falou do  emérito, en Onda Cero, foi o xornalista de Mosteiro, en Pol. El pode opinar e opina. E fai ben. Coido que así o podemos e debemos facer todas as persoas. A diferenza está en que a unhas escóitaselles, porque lle poñen altofalantes, e a outras non, non porque non teñan “doxa”, que a teñen, senón por que lles furtan os amplificadores uns demiños, trasnos perversos, que habitan tras os papeis impresos, disimulan entre ondas hertzianas ou ocúltanse baixo sinais dixitais, ben sexan analóxicos ou binarios, para filtrar ou apagar, segundo sexa o caso, mentres repasan balances bancarios.

    Con todo xa lle chega. O da comparanza, refírome. Pois atopar semellanzas entre o dúas veces, cando menos, perxuro e, por exemplo, por citar a quen del se fala nestes días, Florencio Delgado Gurriarán, ou, tamén, por exemplo, coa miña nai e a maioría dos seus veciños e veciñas do barrio do Cornuval no Carballiño que andaron tocando a zoca pola Francia, a Alemaña ou a Suíza dos anos sesenta e setenta, a maioría deles xa non están connosco, é unha indecencia moral.

    Cando menos por dúas veces faltou ao xuramento. Aquel no que, ás 11.16 minutos dos 24-VII-1969, aceptou cun “si claro e rotundo”, no seu nome e no dos seus sucesores, as obrigas e deberes que lle impoñía a designación que lle propuxo o pleno das Cortes do 22-7-1969, convocado a tal efecto polo Xefe de Estado en virtude o artigo 6 da Lei de Sucesión, para ser a persoa chamada a sucederlle, no seu día, a titulo de rei; e aquela outra vez, o 22-11-1975 ás 12.35 minutos na sesión conxunta das Cortes do Reino co Consello de Estado no que dixo: “Xuro por Deus, e sobre os Santos Evanxeos, cumprir e facer cumprir as Leis Fundamentais do Reino e gardar lealdade aos principios que informan o Movemento Nacional”. Se daquela mentiu, o que non faría despois. Hai que ter papo para tratalo de exiliado ou de emigrante para glorificar un dos bi-reis; deben sentir a inestabilidade ao ter que xogar con dúas cartas.

    Un, que xa le de todo, pousou os ollos, non hai moito, nunha haxiografía que o Ónega de Pol lle dedicou ao Suárez de Cebreros, aquel ao que o Guerra alcumara de tafur, e algo disto debía ter, mesmo de ben novo, pois nesa especie de memorial de santidade do abulense, o de Lugo conta que, cando andaba a promover unha asociación de mozos, aló polo 1957, pegaba os carteis polo día e arrincábaos de noite, para despois queixarse ao Diario de Ávila do boicot de mans anónimas e ateas. O xornal acolleu a denuncia, o acto foi un éxito e Suárez deu o seu primeiro mitin.

    No botafumeiro a xeito de libro, faise tamén unha apoloxía da ignorancia. Seica Suárez non lía máis que os papeis da política, ao que lle dedicaba todo o tempo, actitude que mesmo glorifica o Ónega, que foi durante algún tempo o seu xefe de prensa, ao relatar unha lembranza de non hai moito, isto é, de actualidade, na que un empresario dos de mellor biografía e maior patrimonio, segundo o relato do xornalista, lle confesou “nun rapto de sinceridade”: “Eu non lin un libro na miña vida”; ao que o Ónega, con toda franqueza, retrucoulle “nin falta que che fixo”. En fin..., é o que temos, unha casa construída polo franquismo, reformada entre o 3 de xullo de 1976 e o 15 de xuño de 1977, sen que deixase de funcionar a luz nin deixase de correr a auga, máis ou menos esas son as palabras que o Ónega pon en boca de Suárez.

    Pero o que me fixo soltar unha gargallada foi o que lle dixo ao emérito o que fora o seu xefe de goberno. Cando este xa se achaba no máis estreito do funil da enfermidade, a súa maxestade foino visitar. Os medios reproduciron ata a saciedade a imaxe entenrecedora e humana do Borbón pousando a man no lombo do seu fiel servidor. Di o Ónega que o ex presidente non o recoñeceu, tiña a razón estragada, pero que lle preguntou: Ti tamén ves pedir diñeiro?. Debeu ser un instante de lucidez.

Publicado en A Nova Peneira, xuño 2022

 

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario