Calvo Sotelo e Julio Rodríguez Soto no Carballiño en 1919 (M.A. Fernández, 1992) |
A excursión monárquica entrou,
a media mañá do 4 de setembro de 1930, na provincia ourensá. A idea era visitar,
contra o mediodía, Ribadavia e achegarse ao Carballiño á tardiña. Para o día
seguinte, venres, programaran un mitin na capital e acercarse a Celanova polo
serán.
En Melón, entre o
xentío apostado nas beirarrúas e os coches que se aproximaran dende a capital, armouse
unha boa barafunda. Fixeron un alto para saudar futuros votantes e amigos e
degustar un “champán de honor” na poderosa casa dos Cendón Rey. Unha das súas
integrantes casara, había anos, co entusiasta tradicionalista Marcial Ginzo
Soto (1885-1974), avogado e xornalista que dirixira o semanario El Radical (1910-1013) e La Región (1915-1926), e había ben pouco
que fundara o xornal calvosotelista Galicia
(1930-1937).
Aos que chegaban de
Mondariz, entre os que viña o home forte do calvosostelismo na provincia,
Arturo Salgado Biempica, sumáronse outros “umenistas”, como Emilio Gómez Arias
(?-1949), adegueiro e secretario do xulgado de Bande, xefe “upetista” en
Ribadavia; Matías Bobillo Bobillo (?-1972), macedao, avogado e despois
maxistrado que precedera a Ginzo Soto na alcaldía de Ourense; Julio Rodríguez
Soto (1880-1931), masidao de nacenza, alcalde deste concello e presidente da
deputación, ex delegado de petróleos con despacho de avogado no Carballiño e xefe
“upetista” no partido xudicial; ou o ex presidente da cámara provincial,
deputado e senador, José Sabucedo Morales (1881-1937).
Público saíndo do mitín da UMN en Ribadavia (El Ideal Gallego) |
Ás doce estaban de novo
en camiño. Media hora despois, en presenza de “simpáticas señoritas”, no Club
Artístico de Ribadavia, o avogado e ex alcalde (1923-1926) Manuel Meruéndano
Pardo dedícalles unhas palabras de benvida; ao remate das mesmas comezou o xantar
no engalanado Cine España. Presidía o salón o retrato do ditador franqueado pola
bandeira galega e a de España. Segundo El
Ideal Gallego acudiron preto de 300
persoas e, nos brindes, abríronse as portas para que accedesen os que agardaban
fóra. Como non podía ser menos, a mesmísima “La Lira” amenizou o banquete.
Segundo El Pueblo Gallego foi un
fracaso disimulado tanto pola bicoca do prezo do xantar como polos que chegaran
do Carballiño, Cartelle, Maside e Arnoia; pois de Ribadavia só acudiron 27 persoas
contadas.
Tomaron a palabra Gómez
Arias, para a ofrenda do banquete, e os foráneos Meirás (despois sería postulado
por Calvo para deputado polo distrito) Medina Togores e Fuentes Pila. Pecharon
Primo, que agradou en especial ás “señoritas” que rebordaban os palcos, e Calvo,
que falou en mangas de camisa, aínda que, dixo, sen virar a chaqueta que, a tiña ben pendurada da cadeira.
O reparto dunha folla
crítica co ex ministro de Facenda e dun manifesto asinado por intelectuais ourensáns
molestaron aos monárquicos que se referiron a “esos cuantos desgraciados”, pobres
de espírito, “esos del pito”, e aos que non entenden que Galicia sempre foi “baluarte
de la grandeza e independencia de España”.
Segundo La Región e El Ideal Gallego (5/9/1930), se o recibimento en Ribadavia foi un
éxito, no Carballiño foi apoteótico. Centos de persoas flanqueaban o traxecto
que leva dende a ponte de Toscaña ata o centro da vila. Ao pé do balneario, entre
a cativada escolar que o agasallaba con flores, baixou do automóbil o ex
ministro; catro bandas de música e unha de gaitas amenizaron o paseo; foguetes
a esgalla, vivas e entusiastas aplausos; ata lle guindaban flores dende os
balcóns. Robustos mozos do Irixo erguían unha enorme pancarta en apoio á
continuidade da liña férrea Ourense-Santiago, outras engalanaban automóbiles de
Maside e Punxín.
O mitin íase celebrar no
Pavillón Neira, mais, ante o formigueiro de xente, optaron por facelo na Praza
e que os oradores (Calvo e Primo) falasen dende o balcón da casa do apoderado
do Banco Pastor, Alejandro Iglesias Domínguez. Calvo aproveitou para anunciar
que concorrería ás futuras eleccións polo distrito.
Jesús Pérez Cabo, presidu o Centro Galego da Habana (Eco de Galicia) |
Ás dez da noite,
organizado polo Sporting Club e con 250 cubertos, celebrouse o banquete
amenizado polo Orfeón de Maside e a banda do Carballiño. Na sobremesa falaron
Rodríguez Soto, Rodríguez Oleiros e Jesús Pérez Cabo, interventor do Centro
Galego da Habana, entidade que poucos meses despois presidiría. Remataron
Medina, Primo e Calvo.
O éxito era
incontestábel, mais O Carballiño tamén se resistía. Tran pronto se soubo do
inicio da xira, ordenouse a retirada do salón de plenos tanto do retrato do
ditador como o de Calvo; era alcalde José Rodríguez Rey, pero o conservador
Maximino Prada Pérez inspirábao. Por máis, no balcón da casa do primeiro edil
pendurouse unha pancarta que os “upetistas” consideraban ofensiva e pediron que
se retirase; como non se fixo, houbo palabras fortes, uns cantos lapotes e
algún que outro fungueirazo; a pancarta desapareceu.
Tras o mitin, uns
mozotes chanceábanse dos ministros e disfrazaron un pobre vello coas galas
propias das autoridades, mentres armaban unha comparsa con chifres e subiotes. Interveu
a Garda Civil para desfacer a entroidada, como antes fixera para deter “uns de
Ourense”, encabezados por Álvaro das Casas, que andaban a repartir o mesmo manifesto que se distribuíra en Ribadavia. Tras
unhas cantas labazadas e algunha que
outra bastonada, pouco despois deixáronos en liberdade.
Publicado no suplemento "Coñecer" de Nós Diario 4/6/2022
*As dúas entregas anteriores desta serie pódense consultar en
https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/03/entre-farsa-e-traxedia-tournee-galega.html
e
https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/05/preparativos-da-tourne-ourensa-de-calvo.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario