xoves, setembro 24, 2026

En Randufe. Presentación de Tui 1900-36

 


O próximo sábado, 26 de setembro, terei o pracer de participar, xunto aos meus parceiros Xosé Ramón “Quico” Paz Antón e máis Bieito Alonso na presentación da nosa común achega a unha visión do Tui do primeiro terzo do século XX.

Desempeñou esta parroquia papel especial no período histórico ao que nos achegamos, tanto pola fortaleza do seu asociacionismo agrario como por ser lugar de nacenza dun persoeiro determinante na vida tudense de entre dous séculos como foi o axitador integrista, bispo e arcebispo, Lago González.

Será ás 19:30h.no Centro Cultural de Randufe.

Por se vos presta.

luns, setembro 07, 2026

"Polo Avieiro de dona Emilia" no Museo Etnolóxico de Ribadavia

 


Amigos e amigas do Avieiro, da banda do Avia, ou de calquera outra, o 11  de setembro, agardando que non haxa outro cataclismo (golpe de Estado en Chile ou derrube das torres xemelas) ou de non ter que acudir a Díada de Cataluña podedes achegarvos ata o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o venres 11 deste ano, para saber de que vai Polo Avieiro de dona Emilia (Galaxia, 2026), pois non todo é O Carballiño nin a Pardo Bazán. Estarei ben acompañado polo profesor e historiador Anxo Collarte e coa o inestimábel axuda dos bos amigos de Ozoco. Será ás 19:30. Por se vos presta…