mércores, outubro 05, 2022

Balbordo no Losada : Calvo e Primo en Ourense (4)

 

Antigo teatro Losada

    O éxito da convocatoria do “upetismo” en Ribadavia e no Carballiño non foi quen de agochar nin as protestas producidas nestas vilas, nin as fortes tensións provocadas na Coruña, Noia, Vilagarcía ou Cambados, só acougadas polos discretos actos celebrados en Vigo e Pontevedra. Temíase que acontecese algo grave; como así sería. O ministro da Gobernación, o militar Enrique Marzo Balaguer, emitiu duros comentarios sobre a xira dos “umenistas” que se cabrearon aínda máis coa alocución radiada do gobernador, Eduardo Garrido Castro, na que chamou á serenidade e respecto á liberdade para evitar a intervención da autoridade.

    La Región, entusiasta cos ilustres visitantes, relata con miudeza os acontecementos daquel venres 5 de setembro de 1930. A mediodía, os líderes, arrodeados de afiliados capitalinos e “grandes contingentes” procedentes do Carballiño e Verín, entre “vitores entusiastas” e calorosas ovacións, pero tamén entre manifestacións “hostiles”, visitaron a sede do partido para, de contado, desprazarse ao teatro Losada, ben protexido por infantería e cabalería da garda civil, axentes de seguridade e policía, no que se ía celebrar o banquete-mitin. Os incidentes foron en aumento a medida que os comensais se achegaban ao teatro, ata o punto de que a banda de música optou por retirarse sen interpretar ningunha peza e as forzas tiveron que actuar para que puidesen entrar os camareiros cos manxares. Cando comezou o banquete, grupos de “jovenzuelos y chiquillería” dirixíronse cara á rúa do Progreso, mentres o comercio ía pechando, e apedraron as instalación do xornal calvosotelista Galicia.

 

La Región, 6/9/1930

    O triunvirato dirixente (Calvo, Primo e Guadalhorce), Salgado Biempica, Celso Casar, xeneral retirado; o ex presidente de Abastos, Bahamonde; Benjumea fillo; “Joselín”, ex alcalde de Baiona; o xornalista Meirás e Ferreiro,  ex presidente, ao igual que Casar, do ente provincial, constitúen a mesa presidencial. Este último fixo o ofrecemento do banquete; seguiulle Biempica que se referiu a eses asalariados “por dos pesetas” e ao éxito dos actos do día anterior. Intervén despois Meirás e Medina Togores. Primo foi recibido cunha grande ovación.

    Calvo sinalou a “faz tabernaria” dos sopradores de chifres, o fracaso da protesta obreira e que algunha das sinaturas da folla esquerdista que se repartía era apócrifa, cando menos a dun señor que “se encuentra fuera de España” (en referencia a Vicente Risco), así como que algúns dos asinantes colaboraron coa ditadura ou mendigaron “secretarías y despachos”, e recomendoulle aos galeguistas que mirasen con quen se aliaban se non querían abandonar “los ideales del país”. Rematou o mitin Guadalhorce.

  

Arturo Salgado Biempica, xefe
da UP e do calvosotelismo

    Segundo se achegaba a hora de remate do xantar, a algarada ía en aumento e as rúas do centro enchíanse de xente. Segundo La Región, á fronte dos grupos alborotadores estaban dirixentes republicanos e algúns asinantes do “manifesto”. Os asubíos e apupos fixéronse enxordecedores cando os primeiros comensais, uns cincocentos segundo El Ideal, comezaron a saír. A policía tivo que ocupar o cruce das rúas para protexelos, pero iso non amainou o reparto de losqueadas e bastonadas. Os xefes “umenistas” agardaron no interior do teatro a chegada dos automóbiles, pero estes ficaron bloqueados polo inmenso xentío. Daquela, optaron, acompañados dun gran número de comensais, por saír no medio de labazadas e estacazos, pois a forza pública non daba coutado a xente. Nun momento, Primo tirou de pistola, pero a rápida intervención policial evitou que fixese uso dela. Entre pitadas e deostos chegaron ao Campo de San Lázaro onde quixeron subir a uns coches de punto, pero estes negáronse a levalos. Daquela comezaron a choverlle pedras. Guadalhorce, dominado pola excitación, encarouse cos agresores, pero os seus acompañantes refreárono e deu chegado á estación para coller o expreso cara a Madrid.  Coa mesma idea ía Otero Pedrayo para achegarse a Santander, onde a súa muller tivera un accidente de trafico. Os que protestaban contra a visita dos herdeiros da ditadura recoñecérono e puxéronse a aplaudirlle e  darlle vivas.

    Calvo e Primo foron dar a volta por Ribadavia, para evitar a estrada directa e eludir atrancos, e achegarse a Celanova, onde os actos transcorreron con calma, agás algunha chifrada que outra. Ao remate da verbena regresaron á capital.

    O xornal acantazado, o Galicia que dirixía Ginzo Soto, segundo El Pueblo inseriu unha nota na que aseguraba que Otero Pedrayo “persona de cultura y educación”, a pesar de que a súa sinatura figurase no manifesto, non estaba de acordo co seu contido e reprobaba o acaecido, polo que, sen dúbida, a “chiquillería” que lle deu vivas e aplausos debeuno confundir con algún “ravachol”. Á nova, tan ofensiva para Otero, retrucoulle a Irmandade Galeguista a través dun escrito asinado por Cuevillas (vicepresidente) e Monxardín (secretario), no que, autorizados por don Ramón, “podemos asegurar que carece en absoluto de fundamento a noticia publicada pol-o diario “Galicia” desta cibdade, respecto a súa suposta disconformidade co contido de unha folla qu´il firmou e que recientemente se repartiu n´Ourense”.

Publicado no suplemento “Coñecer” de Nós-diario do 1/10/2022

Déixovos os enlaces das eanteriores entregas da serie

https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/06/ribadavia-e-o-carballino-apoteose-de.html

https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/05/preparativos-da-tourne-ourensa-de-calvo.html

https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/03/entre-farsa-e-traxedia-tournee-galega.html

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario