luns, maio 09, 2022

Preparativos da “tourné” ourensá de Calvo e Primo. (II)

 

Balneario da Toxa en 1930


    Na nosa anterior colaboración no suplemento Coñecer (12/3/2022) detivémonos nun dos moitos tensos momentos que, no verán de 1930, orixinou a xira propagandística que a extrema dereita monárquica realizou, coas súas figuras estelares, Calvo e Primo, á fronte, polas catro provincias galegas. Calvo pretendía o inmediato regreso ao poder, empregando o noso país como panca, a través da reconversión do partido único da ditadura en Unión Monárquica Nacional. Centrámonos daquela nos feitos acaecidos en Lugo.

    Gil Pecharromán, na súa excelente biografía de José Antonio[1], resúmenos a excursión dos “upetistas” ou “upeístas”, reconvertidos en “umenistas”, dende os primeiros actos en Ferrol e Santa Marta de Ortigueira, o 30 de agosto, ata os incidentes de Lugo, unha semana despois, pasando pola Coruña, onde xa se quentaran os ánimos e lapotes, chicotadas e bastonadas formaran parte da orde do día. Pasaron despois por Melide, Noia e Vilagarcía.

    No teatro desta vila arousá parrafearon o dous de setembro. Presidiu o mitin o conde de Guadalhorce, o fillo do ditador sentou á súa beira, mais non falou, ben por afonía ou coidando que as cousas se ían quentar. Discursaron, entón, o alcalde vilagarcián durante a ditadura, Rodríguez Lafuente (?-1948); o avogado e xornalista ferrolán, asentado en Madrid, José Meirás Otero, e mais o “cerebro” da ditadura. A cousa rematou entre empurróns, berros e insultos. Para pousar os ánimos foron cear á finca da abastada familia Albarrán Botana; un dos irmáns, José Luís (1887-1936), destacado calvosotelista, foi asasinado en Paracuellos del Jarama, nunha das “sacas” masivas dos cárceres republicanos.

Conde de Guadalhorce

    Durmiron no balneario da Toxa. Ao día seguinte, 3 de setembro, achegáronse a Vigo para participar nunha comida no Náutico; pola tarde visitaron Pontevedra, pero xa sen mitins en teatros; supoñemos que un pouco coutados polas algarabías e balbordos dos días anteriores. Había programada unha visita ao Trega, pero, de realizarse, non a reflectiu a prensa da que tiramos os detalles, en especial a que cubriu a tournée con fruición, como El Ideal Gallego e La Región.

    En plena temporada, andaron dun a outro dos máis exquisitos balnearios. Retiráronse a descansar ao de Mondariz. Colleron folgos e prepararon as dúas intensas xornadas ourensás prevéndoas máis sosegadas que as anteriores e sabendo, cando menos Calvo, que alí se xogaba o “ser ou non ser” da súa proposta de reconversión do primorriverismo. Polo distrito do Carballiño fora elixido deputado, en 1919, nas filas do maurismo, que, en 1921, o fixera gobernador civil. Por esta provincia volverá ser elixido deputado en 1931, 1933 e 1936.

    A través do estival semanario La Temporada de Mondariz (7/9/1930) podemos coñecer a comitiva que acompañaba o triunvirato dirixente para preparar a estratexia de expansión pola provincia que Calvo coidaba dominar. No hotel dos Peinador repuxeron forzas Francisco Benjumea y Heredia (1908-1995), fillo do Conde de Guadalhorce; Alfredo Moreno Osorio (1871-1932), Conde de Santa María de Babío, enxeñeiro de camiños e promotor dun gabinete de enxeñería, especializado na construción de saltos de auga; o maurista, primorriverista, conspirador na Sanjurjada, deputado en 1933 e 1936 e un dos xuristas nomeados para elaborar o peculiar “ditame sobre a ilexitimidade dos poderes actuantes o 18 de xullo de 1936”, Santiago Fuentes Pila (1893-1969). Tamén durmiron no gran balneario os citados Lafuente e Meirás, ademais do redactor e subdirector de El Debate, José de Medina Togores (?-1934), e o ourensán de Lobeira Arturo Salgado Biempica (1882-1937), fundador do xornal Ecos de Orense, dos círculos obreiros católicos da capital, da caixa de aforros, xefe provincial do upetismo e amigo persoal de Calvo, que o nomeara gobernador civil e subdirector de CAMPSA; así como Andrés Amado Reygondoud de Villebardet (1886-1964), creador do monopolio de petróleo, amigo e colaborado de Calvo, que obtería acta de deputado por Ourense en 1933 e 1936 e sería breve ministro de Facenda no primeiro goberno de Franco; ademais do empresario santanderino Domingo Betanzos Fernández, con negocios na produción eléctrica, que fora delegado provincial de petróleos na actual Cantabria, cargo que tamén exercera na provincia de Lugo, e o ex alcalde, o avogado ourensán Antonio Saco Arce. Todos eles acompañaron a Primo e a Calvo na primeira xornada ourensá con altos programados en Ribadavia e no Carballiño.

Balneario de Mondariz en 1930


    Guadalhorce ficou un día máis en Mondariz. As forzas, ou quizais os ánimos, comezábanlle a fraquear. Sumaríase aos actos preparados na capital. No día de asueto balneario estivo acompañado polo xerente da conserveira “Antonio Alonso e fillos”, ex alcalde de Vigo na ditadura, Mauro Alonso Cuenca (1887-1965); o expresidente da deputación pontevedresa e enxeñeiro Daniel de la Sota Valdecilla (1877-1958) e o ex alcalde de Baiona José Rodríguez Vicente (1895-1952), o celebre “Joselín”, que unha ducia de anos antes (1918) asinara o Manifesto das “Irmandades da Fala”.

    Os reunidos ben sabían que intereses defendían.

Publicado no suplemento "Coñecer" de Nós diario

7 maio de 2022

*É a segunda entrega dunha serie. A primeira pódese consultar en https://pedogalinheiro.blogspot.com/2022/03/entre-farsa-e-traxedia-tournee-galega.html

 



[1] Gil Pecharromán, J. (2003): José Antonio Primo de Rivera. Retrato de un visionario. Madrid: Temas de hoy.

Ningún comentario:

Publicar un comentario