Algunhas das voces poéticas que nos últimos meses se xuntaron na Fonte de Zeta, ao pé da taparía A Mini, volverán a facelo o vindeiro venres 28 de xullo ás 20.30h, no Bosque da Lingua, ese fermoso proxecto ecolóxico e cultural promovido pola Comunidade de Montes de Couso. Neste espazo natural esparexidos entre carballos e castiñeiros, camelias ou abruñeiros, teixos, bidueiros e unha manchea de árbores diversas chantáronse postes de madeira que, sobre unha placa instalada na parte superior, recollen uns poucos versos dalgunhas das mellores composicións poéticas da nosa lingua. Pódese acceder a través dun código QR que nos achega o texto completo, lido ás veces polos seus autores e autoras e noutas ocasións por persoas que lle prestan a súa voz a quen xa non a ten.
Nesta
data incorporaranse á selección poética do “Bosque da Lingua” textos representativos
de Gonzalo Navaza e Marta Dacosta, ambos veciños de Gondomar, así como de Xabier
Rodríguez Baixeras e de Xosé María Álvarez Cáccamo, ademais dos dedicados a Eduardo Pondal e Xosé Luis Méndez Ferrín.
Na
lectura poética que se celebrará no pequeno e ben xeitoso anfiteatro, ollando a
posta do sol, que argallou a modélica comunidade de Montes, participaran os
poetas Xabier Rodríguez Baixeras e Xosé María Álvarez Cáccamo ademais de Manuel Forcadela e Cristal Méndez, e as voces
miñoráns de Fran Fernández Davila e Soledad García Riveiro.
No
mesmo lugar poderase degustar algún petisco acompañado dalgunha bebida para
refrescarse.
Preténdese
así promover e divulgar este fermoso proxecto sobre o que podedes informarvos
en
https://montesdecouso.gal/campanhas/proxecto-bosque-da-lingua/
Se vos presta vémonos o venres 28 ás 20:30 no bosque da lingua de Couso (Gondomar) e para guiarvos podedes seguir o enlace
https://www.google.com/maps/@42.097599,-8.748596,17z?entry=ttu
Cristal Méndez |
Fran Fernández Davila |
Soledad García Riveiro |
Xosé María Álvarez Cáccamo |
Xabier R. Baixeras |
Gonzalo Navaza |
Ningún comentario:
Publicar un comentario