xoves, novembro 27, 2025

CARLOS CASARES NA MIRADA DE XOSÉ MANUEL SOUTULLO.



Logo dun intenso mes de novembro rematan, en Nigrán, as xornadas que o Concello organizou para revisar as relacións deste coa Editorial Galaxia da que celebramos o 75 aniversario da súa fundación, neste ano 2025.

Nesta derradeira palestra será Xosé Manuel Soutullo , vigués do Calvario (1956) que desenvolveu toda a súa profesión de editor nesta empresa na que comezou hai máis de corenta anos, sendo moi novo. Nela foco todo tipo de labores, dende o almacén e a distribución, traballos de corrección, diagramación, coordinación da pre impresión, organización de exposicións, secretariado da revista Grial, dirección da Fundación Penzol, sendo promovido á dirección xeral polo Consello de Administración, para darlle a remuda ao anterior director.

Se alguén coñece o papel de Carlos Casares en Editorial Galaxia é Soutullo, porque durante os anos do escritor ourensán na dirección desta editora, tivo en Xosé Manuel ao máis próximo e leal colaborador. Polo que sen dúbida vai ser este un peche de interese para sabermos máis dos pormenores desta empresa de tan longa como exemplarizante traxectoria.

Este venres, día 28 de novembro, ás 19.30h nos Cines Municipais da Ramallosa, en Nigrán, no Centro Comercial.




xoves, novembro 20, 2025

Galaxia, Del Riego e Nigrán

 

 


   

O próximo venres 21 de novembro as 19.30h terá lugar a terceira das sesións dedicadas a conmemorar os 75 anos da Editorial Galaxia, que organiza o Concello de Nigrán. Será nos Cines Municipais de Nigrán, no Centro Comercial da Ramallosa.

    Nesta ocasión abordarase a figura de Francisco Fernández del Riego, o obreiro de Galaxia, paseante, durante décadas, nas mañás de verán por Lourido, onde unha pequena placa recorda a quen foi acollido como fillo adoptivo do concello, en outubro de 2002, e premio de xornalismo Nano Cambeiro en 2004 ademais de xeneroso doador dun bo mangado de libros que hoxe se conservan na biblioteca municipal de Nigrán.

    Terei a honra de presentar o relator, o vello amigo "meco" de querenza miñorán, Antón Mascato,  xeneroso obreiro da edición, que indagou na vida e obra de Del Riego en  Paco del Riego. Unha historia da restauración política e cultural (2002), ano no que tamén coordinou o volume Don Paco del Riego. Fillo adoptivo de Nigrán, así como en De Compostela ao exilio interior. Francisco Fernández del Riego (2023) e, xunto con Pepe Carreiro,  Paco del Riego, o home que valía por mil,  (2023).

    Ademais entre a súa extensa obra sobre os seus groves natais  cumpre salientar o seu Atila no Grove (2019) exemplo de bo traballo na restauración da memoria dos vítimas do franquismo e de descuberta dos vitimarios.

    Por se vos presta.

 

 

mércores, novembro 12, 2025

Otero Pedrayo, Galaxia e o Val de Miñor

 


   O próximo venres 14 de novembro as 19.30 h.  terá lugar a segunda das sesións dedicadas a  conmemorar os 75 anos da Editorial Galaxia, organizadas polo Concello de Nigrán baixo a denominación de "Nigrán e Galaxia" por mor da especial relación que houbo entre Francisco Fernández del Riego e a praia Lourido e de Carlos Casares con Vilariño.Será nos Cines Municipais de Nigrán, no Centro Comercial da Ramallosa.

   Nesta ocasión abordarase a figura de Otero Pedrayo, que é como dicir Galaxia, editorial que presidiu dende a súa constitución ata o seu falecemento en 1976. Mais tamén entre don Ramón e o Val de Miñor hai unha relación como nos contará a amiga Patricia Arias Chachero que tanto estudou a súa vida e obra.

PATRICIA ARIAS CHACHERO

   Naceu en Ponferrada, mais criouse en Ourense. Estudou Filoloxía Galego Portuguesa; é  profesora de secundaria. Comezou o seu activismo cultural na Fundación Otero Pedrayo, da que na actualidade é secretaria. Colaboradora habitual de varios medio entre os que destacan Andaina. Revista Galega de Pensamento Feminista, GrialA Nosa TerraMadrygalBarbantia, Sermos de Nós Diario, ou a revista dixital Cómaros Verdes. Estivo no Consello de Redacción de Longalingua, revista da Mesa pola Normalización Lingüística.  Desde 2019 forma parte do consello de administración da  Editorial Galaxia. É autora,co autora e editora de varias obras entre as que salientan: Vida e obra de María Mariño; As colareiras do Grove; Trasalba, terra literaria. Unha viaxe a través da obra de Otero Pedrayo; ou Aquilino Iglesia Alvariño. Na actualidade é a editora de textos fundamentais da nosa literatura, como os dedicados ás autorías da Xeración Nós, editadas en Galaxia.

 

Darío Álvarez Blázquez na Memoria

Había tempo que non andaba polo Pé do Galiñeiro. Outros paseos mantivéronme afastado esta temporada. Procurarei recuperar o costume. Hoxe aproveito que a Irmandade Sanitaria Galega e a Asociación de Funcionarios pola Normalización lingüística tiveron a ben convidarme a dicir unhas palabras sobre Darío Álvarez Blázquez e a recuperación da Memoria. Estas foron:

   Sr. Alcalde, Sr. Presidente do parlamento, autoridades, entidades organizadoras, familiares, amigos e amigas. Bo día.

   En primeiro lugar quixera agradecer aos organizadores o seu convite, e en concreto a Xosé González que foi quen mo transmitiu, pois é para min motivo de fonda ledicia falar sobre unha persoa á que non tratei, nin sequera coñecín, pero que me vén  inspirando, dende hai moitos anos, nas miñas pescudas sobre a persecución franquista, por razóns que irei debullando. En segundo lugar permitídeme que, por non deixar nada no caixón,vos lea estas liñas a pesar da perda da espontaneidade que poida supoñer, pero que hoxe considero necesario por mor da precisión.

   Aló pola segunda metade dos setenta do pasado século, para moitos de nós houbo un escintilar iniciático que remexeu neuronas e conciencias e comezou a desvelarnos as falsidades do relato que durante décadas nos foran implantando no cerebro sobre o que acontecera na que se cualificaba como "guerra entre irmáns". Aquel faro tremelucente foi un artigo, non moi longo, de Cuco Cerecedo, un celebre xornalista vigués, publicado no mes de setembro de 1977 na revista Historia 16 titulado "Cuando la sangre llegó al Miño".

  Ata daquela, os nacidos na década dos cincuenta escoitaramos falar dun tío-avó ao que lle cortaran as dedas conxeladas, de alguén a quen lle mataran un fillo, ou un pai, nun lugar indeterminado, indefinido, difuso,chamado  "guerra" ou "frente". Falábase moito da fame pero pouco do que pasara.

   De súpeto escoitabamos falar de que o sangue chegara ao río. Para todos nós Galicia estivera, de forma natural, do lado dos militares facciosos. Sabiamos de mortos, de fuxidos, de que Castelao estaba no exilio pero nada escoitaramos da Volta da Moura, de morteiros e metralladoras,  de pum, pum no Aloia, de Camposancos, do frontón vigués, nin que, e a cifra deixábanos abaneando, no Baixo Miño "hubo de ochocientos a mil desaparecidos". A pregunta inmediata era, noutros sitios tamén ocorreu? O relato imbuído nas mentes infantís e o silencio dos adultos podía poñerse en cuestión? Tardamos moito en descubrilo. Demasiado. Cuco Cerecedo non chegou a ver o seu artigo publicado. O 4 de setembro de 1977faleceu dun aneurisma en Bogotá, cando cubría a xira suramericana do novo secretario xeral do PSOE, Felipe González.

   Moitos anos máis tarde, nos primeiriños anos do novo século un amigo tróuxome unha carpetiña azul que atopara nos arquivos da editorial que dirixía. Nela mesturábanse cartas, recortes de prensa, manuscritos e mecanoscritos, uns de carácter profesional con outros sobre a persecución franquista en Tui. Sen dúbida don Darío, vou seguir o costume de Xosé González e aseñoralo, andaba a axuntar papeis para elaborar unhas memorias. Sabémolo tamén porque el mesmo o anunciou en varias ocasións. Púxenme en contacto co seu fillo Alfonso, entregueille a carpeta e amoseille o meu interese nos documentos tudenses e a posibilidade de volvelos publicar,pero xuntos. Non só lle pareceu ben, senón que me ofreceu os escritos e documentos memorialistas. Pensei nunha edición cunhas poucas anotacións, a corrección lingüística das "Historias de fuxidos" e a versión en galego de "Historias de la retaguardia nacionalista". Apalabrámola cun editor pero unha crise político-económica deixouna no limbo.

   Entre aqueles papeis achábase, corrixido por don Darío, o mecanoescrito de Cerecedo. Así que confirmamos o que xa escoitaramos, que a fonte informadora e de contactos de Cerecedo fora don Darío; tamén que a execución do traballo foi antes de febreiro de 1975, pois nunha carta, asinada neste mes,e dirixida ao director da revista, don Darío achegaba unha serie de modificacións, pois xornalista e informante acordaran que este fose o revisor final do texto. Todos os cambios foron recollidos. Case todos de detalle. Pero un importante. Situémonos no tempo, Franco vivo. Don Darío pide que retiren o nome da súa sobriña:

que aparece relatando el arresto y traslado del "comunistiña", funcionario de correos, es una empleada en la secretaría del Instituto de 2º Enseñanza de Tuy y su sueldo mensual de un empleo en el que lleva 15 años, será el único ingreso de su familia al faltar su padre, anciano de 82 años. Como no se trata de un empleo por oposición y el Director del centro, que la sabe absolutamente identificada con mis ideas políticas, no las comparte precisamente, podría hacer peligrar su ya no muy estable puesto.

   A dirección da revista considerou que aquel traballo debía agardar na gabeta. Foi a súbita morte do xornalista, que Franco estivese morto e que as elección xa foran en xuño, o que a levou a tiralo do caixón e publicalo en setembro de 1977.

   Ao tempo que Cerecedo redactou o seu traballo, don Darío preparou un seu; tamén breve. Presentouno a un concurso convocado pola revista Historia y Vida, resolto o 15 de decembro de 1974. Titulouno"Historias de la retaguardia nacionalista" e mereceu o segundo premio. Publicouse no número de febreiro de 1975. Nel recordaba o seu pai e os que con el foron asasinados, a defensa da cidade e tres circunstancias nas que se puxo en risco: a certificación que lle salvou a vida ao tenente de navío Valera; o socorro médico, a través da nai,ao breve alcalde de Tui, tan breve que non chegou nin a presidir unha soa sesión plenaria, e a súa reiterada intervención na argallada ideada polo avogado militarizado, José Queizán,para que Josefina Segret simulase un embarazo e lle conmutasen a pena de morte. Dos catro casos deixará cumprida ampliación nas súas posteriores "Historia de fuxidos".

   Lembremos que era 1974 e amentar o tema tiña o seu risco, aínda baixo a pantomimados 25 de anos de paz de Manuel Fraga segundo a cal, naquela guerra entre irmáns cometéranse excesos polos dous bandos. A esta argucia acolleuse o Conde de Godó para convocar o premio, iso si, deulle o primeiro ao bando vencedor e censurou o relato de don Darío, sen que lle importase romper a coherencia do mesmo. Anotou don Darío nun lateral do mecanoescrito: "Lo subrayado no permitieron publicarlo sin ser documentado". O paragrafo dicía, sigo a miña tradución:

Porque nunha poboación de pouco máis de 5.000 habitantes foron pasadas polas armas (por fusilamento ou por “paseo”) non menos de 500 persoas, sumadas as de orixe e veciñanza tudense e as do partido xudicial...

   A entrega do premio ficou establecida para o 12 de marzo de 1975 no hotel Ritz madrileño. A dirección reiteroulle o convite por carta e telegrama. O día anterior á entrega DAB asinou unha longa carta na que lle comunicaba que sería moi grato compartir "unas horas de gala literaria y de evocación histórica común en la cronología, aun que vista desde distintos campos, actitudes y perspectivas...". A carta non a mandou.Enviou un telegrama aducindo compromisos profesionais.Que saibamos o artigo premiado só se reeditou nun caderniño publicado polo concello de Tui, o 26 de outubro de 2010, con ocasión do centenario do nacemento do autor, pero sen o parágrafo censurado.

  En 1977, don Darío aproveitou outra fiestra de oportunidade para facer emerxer a memoria do xenocidio franquista, xa o profesor Míguez Macho ten elaborado a argumentación xurídica e histórica para aplicar este termo, que a RAG define como "exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos", ao que aconteceu en Galicia despois de xullo de 1936. Esa fiestra achouna en La Voz de Galicia publicando, entre o 17 de abril e o 17 de xullo, unha serie de dez capítulos co título xenérico de "Historias de fuxidos". Comezounos abaneado entre a señardade e un certo romanticismo, como el mesmo recoñece, sentado un principio que hoxe como historiadores non aceptariamos, e daquela poderiamos comprender como superviventes. Di no seu primeiro capítulo:

Direi os nomes, ou os alcuños e as particularidades persoais dos perseguidos e dos mortos, non os dos seus perseguidores ou executores, aínda que os coñezo todos por unha circunstancia que logo contarei. Pero non quero que os fillos e os netos, que non teñen culpas, poidan ser aldraxados algunha vez nos seus apelidos, sen xustiza. E porque predico que todos os apelidos de agora en diante teñen que xuntarse baixo un lema común: a paz.

   Nestes dez capítulos relátanos con maior concreción o que adiantara en breves trazos na colaboración con Cerecedo ou no artigo premiado. Os ires e vires del e da súa familia, os avatares de Valera e a tripulación do Fradera, os do capitán de carabineiros Rodríguez Blanco e do brigada Doniz, ou do armeiro Azurmendi; as intervencións do "santo laico", nas súas palabras, é dicir de Santiaguiño ou Gumersindo o panadeiro o líder cenetista; da fuxida do hospital,arrastrando a perna, daquel rapaz a quen o cura de Budiño feriu cunha posta de perdigóns e que a propaganda franquista revirou coa súa inmoralidade característica; detense na rocambolesca fuxida do seu curmán Xerardo Álvarez Gallego; na vida do enterrado na bodega, Guillermo Vicente de Santiago, de Josefina Segret ou dos fuxidos que deron chegado a América...

   Un dos capítulos conservado na carpeta é moito máis longo que o publicado. No da carpeta, don Darío incumpre o principio inicial. Non vou entrar en detalles pero non me resisto a contarvos a súa cerna, aínda que sexa ás presas. Un rapaz, axudante de zapateiro en Guillarei e cenetista, ao cal, diriamos, o seu patrón, o zapateiro e dirixente cenetista, lle pagaba a cota sindical, non había moito que casara, polo que non se atreveu a fuxir deixando soa a moza. Prepararon un agocho na corte dos porcos. Pasaron os meses e a muller quedou embrazada. Acudiu a don Darío asustada e pedíndolle remedio, este negouse por razóns morais, pero deulle un consello, que falase con algún home de confianza e aparentasen facerse as beiras, só tería que soportar os dixomedíxome e algunhas faltas de respecto. Así o fixo. Falou cun seu primo, argallaron a representación, a veciñanza chamoulles de todo, os pais deixaron de visitala pero levábanlle comida ás agachadas. O neno naceu. A cousa parecía acougar. O aprendiz de zapateiro comezou a saír do tobo e durmir na casa.  O neno medraba. Un día ela tivo que ir mercar á taberna e deixou o rapaz durmindo no berce; o pai estaba onda el deitado no chan para que non o vise o veciño; pero o rapaz comezou a chorar e achegouse para abalar o berce; o neno calou, pero o veciño, "o espreitador",  chamoulle don Darío, decatouse do arrolar e non tardou en baixar a Tui para avisar a "brigada del amanecer". Chegaron de contado e pegáronlle uns tiros no mesmo acubillo da corte dos porcos. Dicían os veciños que o limoeiro ao que se subía o espreitador para axexar secou e non deu máis froito.

   Moitos anos despois, don Darío recibiu na consulta aquela muller acompañada do fillo, un home feito e dereito que marchara para Alemaña, pero como ela ía sendo maior e estaba soa, quería volver. Era por se don Darío lle podía botar unha man para entrar na Citroën. Así foi.

   Mais a fiestra de oportunidade pronto se pechou. Darío viu como publicaban o capítulo X antes que o IX, tivo que reclamar a súa publicación. Así o fixo o xornal algunhas semanas despois. Francisco Pillado Rivadulla acababa de ser destituído como director de La Voz de Galicia; o xornal quería encamiñarse por vieiros diferentes a aqueles polos que, durante nove anos, o conducira o recoñecido xornalista, aqueles que lle custaran a multa,imposta polo ministro Fraga, de 50.000 pts por publicar e premiar o artigo de Alfonso Álvarez Gándara: "La iglesia no habla la misma lengua que los gallegos".

  Non quixera rematar sen unha breve referencia á detención, prisión e apertura de causa militar, a 156/47,  que padeceu don Darío en setembro de 1947 a raíz dunha tentativa de organización da chamada Unión de Intelectuales Libres  (UIL) promovida polo PCE e argallada en Galicia por Francisco Rey Drox, coñecido por "comandante" ou "coronel" Chacama. A súa detención, en Ourense, provocou unha redada en Vigo, con varias persoas detidas, entre elas tres policías armados, así como varias  personalidades da medicina e da avogacía, de Vigo e Santiago, cos que Chacama entrara, ou pretendera entrar, en contacto, entre os que podemos citar a Enrique Vidal Bustamante, Roberto González Pastoriza, Paco del Riego, Jorge Seoane Corrales ou os compostelás Ramón Baltar, José Otero e Ulpiano Villanueva, ademais do propio Darío. Chacama asumiu todas a responsabilidades e exonerou os detidos, que ficaron en liberdade. Rey Drox faleceu no cárcere de Burgos.

   A profesora Iria Morgade, na súa brillante tese de doutoramento "Sen rancor nin esquecemento. As accións da memoria traumática na transición en Galicia (1976-1986)" lida en 2024 na USC,non deixa de salientar tanto o labor divulgador de don Darío como o seu activo papel nas primeiras homenaxes públicas ás vítimas da sublevación, como a celebrada na Alameda de Tui o 30 de outubro de 1976, cabodano do fusilamento do seu pai e os demais tudenses; ou as homenaxes a Bóveda en Pontevedra entre 1976 e 1978.

   Lamento agora non ter insistido na publicación dos textos memorialistas de don Darío, pero, en parte, foi culpa súa, pois encerelloume de tal xeito que pretendín contrastar a moita información que nos achega neles, e iso, ao mellor, é moito para un francotirador coma min ou moitos outros que investigamos fóra da academia. Outros compromisos interpuxéronse. Agardo, algún día, poñerlle o ramo ao traballo memoralístico que don Darío inspirou e ao que el non puido dar cabo pola súa repentina morte o 7 de xuño de 1979.

   Graciñas.

 

 

 


xoves, xuño 05, 2025

A ferida aberta no Val Miñor e no Baixo Miño

 


A xornalista Nuria López mantén un máis que interesante podcast que denomina "A Ferida Aberta no 36". Leva xa publicados 11 capítulos do máximo interese. 

Na descrición deste undécimo capítulo di:

... propoñemosvos viaxar ata o sur da provincia de Pontevedra, ata as comarcas do Val Miñor e do Baixo Miño, zonas que plantaron cara os sublevados e que foron das últimas en caer tralo golpe militar.

A represión foi cruenta nestas áreas. A cifra global de vítimas podería rondar as 650, debido ao volume de detencións e ao movemento de presos que movían a prisión de Tui e os campos de concentración de Camposancos e Oia. Repasámolo o acontecido coa axuda do historiador Carlos Méixome e de Helena Pousa, presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, o Condado e a Louriña.

Poñerémolo foco en dúas familias especialmente castigadas polos fascistas. A do médico de Tui, Darío Álvarez Limeses, fusilado en outubro do 36, e a de Darína Domínguez Andrés, da Guarda: filla de Concha e Andrés e de Manuel Domínguez "Taxota".

Con Concha Andrés conversamos neste capítulo e tamén con Pepe Cáccamo, neto de Darío Álvarez Limeses.

Co gallo do Ano Castelao, conversamos con Rubén de Lis sobre o seu proxecto "Celebrando a Castelao".

Déixovos o enlace e a recomendación a seguir o seu podcast, os publicados e os que van vir.

https://open.spotify.com/show/4djT0mIN0OLMe2gIhJYaES?si=127929310801493e

https://open.spotify.com/episode/0KURehiDCpxl9VegNK5txj

 

xoves, febreiro 27, 2025

Avelino Cabezas e os seus irmáns. Presentación na Biblioteca de Nigrán

 


Mañá venres, 28 de febreiro,  ás 20:00h estaremos na Biblioteca de Nigrán acompañado a Juan González, alcalde, e máis a Antón Seoane, autor, na presentación de Avelino Cabezas e os seus irmáns.

É esta "unha odisea", unha aventura que recolle a evolución dunha saga, dende os tempos da grande emigración galega a América do Sur, a finais do século XIX, ata os lindeiros da Segunda Guerra Mundial; a de cinco irmáns, catro cativos de unha rapaza, nados en Narón, entre 1870 e 1878.
É esta unha historia entrefebrada de esforzo, sufrimento e éxito comercial, honesto e solidario, recoñecido polo mundo empresarial porteño. Quen os guiou foi o maior, Avelino, nado en 1870, que marchou con 13 anos ao Uruguai, para, ao pouco, establecerse na emerxente Buenos Aires. Seguiríano os outros catro.


Foi Avelino Cabezas un empresario innovador, imaxinativa, de ideario humanista e sentido equitativo, todo un adiantado no mundo da publicidade, con escintilante éxito comercial entre o remate do século XIX e o seu falecemento en 1916, acompañado dos seus irmáns, que seguiron a súa senda ata 1936. Do seu poderío económico seguen a dar fe dúas casas: unha, El Paraíso, na Córdoba arxentina, a outra, Libunca, en Narón.

sábado, xaneiro 25, 2025

O 28 de xaneiro presentación do libro “Mocidade de Pepa Loba” do autor Aurelio Miras Azor.

 


O martes 28 de xaneiro terá lugar a presentación da versión en galego de Mocidade de Pepa Loba a obra de don Aurelio Miras. Será no Hostal dos Reis Católicos ás 20h. (precisa confirmación) baixo o selo de Teófilo Edicións e tradución de Isabel Soto e Alejandro Tobar. Alí estarei cos amigos do Carballiño que ademais acordaronse de colgar no seu xornal dixital badalnovas. com dous dos meus artigos da serie "Polo Avieiro de dona Emilia que fan referencia ao libro e aos seu autor. Deixovos agradecido o enlace

https://www.badalnovas.com/2025/01/25/o-28-de-xaneiro-presentacion-do-libro-mocidade-de-pepa-loba-do-autor-aurelio-miras-azor-tera-lugar-no-hostal-dos-reis-catolicos-en-santiago/