O próximo venres 21 de novembro as 19.30h terá lugar a terceira
das sesións dedicadas a conmemorar os 75 anos da Editorial Galaxia, que
organiza o Concello de Nigrán. Será nos Cines Municipais de Nigrán, no Centro
Comercial da Ramallosa.
Nesta ocasión abordarase a figura de Francisco Fernández del Riego,
o obreiro de Galaxia, paseante, durante décadas, nas mañás de verán por
Lourido, onde unha pequena placa recorda a quen foi acollido como fillo adoptivo
do concello, en outubro de 2002, e premio de xornalismo Nano Cambeiro en 2004
ademais de xeneroso doador dun bo mangado de libros que hoxe se conservan na
biblioteca municipal de Nigrán.
Terei a honra de presentar o relator, o vello amigo
"meco" de querenza miñorán, Antón Mascato, xeneroso obreiro da edición, que indagou na
vida e obra de Del Riego en Paco del
Riego. Unha historia da restauración política e cultural (2002), ano no que tamén coordinou o volume Don
Paco del Riego. Fillo adoptivo de Nigrán,
así como en De Compostela
ao exilio interior. Francisco Fernández del Riego (2023) e, xunto con Pepe Carreiro, Paco del
Riego, o home que valía por mil, (2023).
Ademais entre a súa extensa obra sobre os seus groves natais cumpre salientar o seu Atila no Grove (2019) exemplo de bo traballo na restauración da
memoria dos vítimas do franquismo e de descuberta dos vitimarios.
Por se vos presta.

Ningún comentario:
Publicar un comentario