A historia é irreversible. Hai que
pagar un prezo polas oportunidades que se deixan perder, ou se queren perder, e
polo tempo que non se aproveita con tino. O nacionalismo, a esquerda galega,
acostuma malgastar as ocasións, dar
voltas tras o rabo e acordar cando xa foi.
xoves, novembro 26, 2015
Retallo 9
Se é que puidésemos falar de
leccións da historia, unha delas sería que os problemas agochados a mantenta
rexorden agravados co paso do tempo. Esta reaparición confirma o carácter
substancial do problema.
Que Primo de Rivera disolvese a
mancomunidade catalá; que o goberno da República suspendese a autonomía de
Cataluña; que Franco fusilase o presidente da Generalitat; que o goberno da
monarquía borbónica restaurada recorra ao Tribunal Constitucional para prolongar
a non solución do problema, só anuncia un agravamento do mesmo.
sábado, novembro 21, 2015
Retallo 8
Mestizo, palabra contundente e
polisémica, deriva dos estatutos de limpeza de sangue sobre o que se estruturou
o sistema de castas colonial (racismo) no centro e sur de América.
No norte non, alí exterminaron os
naturais.
Inicialmente é o resultado do cruce
entre branco e amerindia. Digo ben, era a consecuencia da violencia do amo
branco sobre a india salvaxe. Sempre houbo excepcións.
Despois, s. XIX, entendeuse como
mestura de etnias ou culturas que daban orixe a unha nova cultura. Na altura,
Hegel consideraba que só aqueles pobos constituídos en estados organizados, non
só en función dos seus vínculos culturais (a nación) senón tamén políticos (o
estado), poderían participar do desenvolvemento histórico. Quería botarnos da
historia ou obrigarnos á rebeldía?.
Ao final amo-cultura branco (e para
Hegel europeo do norte) domina a cultura-india-salvaxe que desaparecerá dos
libros, porque a nova cultura é a dominante cuns cantos adobíos.
Falan agora, entre nós, de
mestizaxe. Palabra forte. Que anden con tino. Mellor sería dicir alianza
electoral de conxuntura. A grandilocuencia pode facer desaparecer o pobo, sen
estado-historia, dos libros.
xoves, novembro 19, 2015
Retallo 7
O
nacionalismo español liberal-progresista foi sempre subalterno a respecto do
nacionalismo conservador, católico e autoritario, e nunca comprendeu a
necesidade de esgazarse da matriz monárquica para competir co
nacional-catolicismo. As dúas veces que o intentou (1873, 1931) fracasou.
Por
iso o federalismo de inspiración liberal-progresista ou de esquerdas non foi
nunca máis alá de ser un conto de fadas, unha fantástica lenda para engaiolar
periferias.
martes, novembro 17, 2015
Sen título
Credo che vivere voglia dire essere
partigiani.
Chi vive veramente non può non
essere cittadino e partigiano. L’indifferenza è abulia, è parassitismo, è
vigliaccheria, non è vita. Perciò odio gli indifferenti.
L’indifferenza è il peso morto
della storia.
L’indifferenza opera potentemente
nella storia.
Opera passivamente, ma opera.
È la fatalità; è ciò su cui non si
può contare; è ciò che sconvolge i programmi, che rovescia i piani meglio
costruiti; è
la materia bruta che strozza
l’intelligenza.
Gramsci, 1917
sábado, novembro 14, 2015
Retallo 6
O que teñen en común os chamados
nacionalismos
periféricos no Estado español
é a resistencia contra a
asimilación promovida pola visión centrípeta de quen así os cualifica.
A febleza social e política do
nacionalismo galego
explica a súa permanente pulsión
papaleisona a respecto
do nacionalismo vasco e do catalán.
mércores, novembro 04, 2015
A tomar lambrusco
Un bo amigo leva anos botando números. Nun cativo
caderno argallou un calendario, como o dos presos, cos días e meses que lle
faltan para xubilarse. Sabe ata o último céntimo do que vai cobrar para poder largarse.
Desbotou a amada florentina (a cidade, non a muller) e decatouse de que camiñar
por Bellvedere, atravesar o Arno pola Ponte Vecchio e pousar nun café da Piazza
della Signoria, era un exceso orzamentario que non se podía permitir coa súa
pensión de profesor.
Virou os ollos cara ao leste. Cando novo quedara medio
birollo de tanto mirar para Moscova. Foille doado. Agora anda, ou mellor
andaba, en debates existenciais sobre en que cidade das terras chas da ribeira
do Po, unha vez atravesados os Apeninos, asentarse. Se facelo en Módena polo
pracer de ollar Lamborghinis, Ferraris e Maseratti ou decidirse por Parma polo
gusto do parmigiano e o xamón e a devoción por Sthendal.
Nacionalista dende mociño é dos que se irrita ao
escoitar outros nacionalistas dicir “é o país que temos”; daquela, exaltado,
chega a ser faltón e cualificar o que tal di, moitas veces amigo, de pailán e
prosma para rematar afirmando “é a xente que temos, deixa o país en paz que non
che fixo ningún mal...”
A última vez que estiven con el andaba riseiro, mesmo
falangueiro... Ao saír da Quintana demos un atropelado paseo entre saúdos,
apertas, chiscadelas e sorrisos naquela riada de xente que alí se xuntou.
Despois fomos xantar. Recuperara o ánimo e mesmo unha certa confianza na xente.
Ao mellor é certo isto de que a “cidadanía” se impoña aos aparatos, mesmo pode
haber vontade de xuntar forzas, persoas, de recompoñer o espazo nacionalista,
de que este recupere a hexemonía nunha esquerda plural e diversa, de facer
afociñar o bipartidismo, de rozar o camiño para a Xunta, de rematar co
fratricidio, de actualizar o discurso, de dignificar a lingua, de inverter o
camiño do lento devalar cara ao abismo, de que non teñan que ser os anuncios do
Gadis os encargados de levantarnos a paletilla..., todas estas reflexións
brotaban dos seus beizos cun sorriso permanente.
Mesmo durante dous meses esqueceu o de cruzar os días
do seu particular calendario. Andou por reunións, acudiu a asembleas duns e
doutros, falou con estes e con aqueles, chamou a amigos e amigas cos que non
era doado coincidir, asinou manifestos, chamados, escritos..., enviou correos,
deulle ao chirimboliño do facebook para que a xente soubese que lle gustaba e
que compartía as novas de ilusión...
Hai quince
dias recibín a súa última chamada. Díxome: estou en Módena; pedín a excedencia
e vou resistir os meses que me quedan para a xubilación co que teño aforrado.
Penso dedicar a vida a pasear e tomar lambrusco, vós ide tomar polo... Non
rematou a frase, colgou antes. Pouco despois recibín un correo coa foto dun
Ferrari aparcado diante do Duomo. É certo!! autoexiliouse en Módena, dixen con
certa incredulidade.
* Publicado en Novas do
Eixo Atlántivo, novembro, 2015
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
