xoves, novembro 03, 2016

Branco granito azul


Casa doi Raio. Braga
Baixo polo bulevar inzado de cor. Viro á esquerda, de súpeto un raio azul clausura a ancha e curta rúa. Granito reviricocado, rocaille, enmarcando o azul cerúleo dos azulexos que recobren a cachotería, en contraste co purpúreo da balconada e portas de acceso, e o branco das dez fiestras que abren o edificio á luz. Construída en 1754 pola imaxinación barroco-miñota de André Soares para un comerciante  enriquecido en México. Brillante a recente restauración.

     Apampado polo azul lostregazo, camiño pola ampla e curta rúa. Á esquerda unha caixa de aceiro corten agocha a Fonte do Ídolo, seguramente dedicada á deusa Navia, a das augas que corren. Á dereita unha moderna librería co cuño da Bertrand. A rúa do Raio sintetiza Braga.

luns, outubro 03, 2016

O éxito do fracaso e o fracaso do éxito *

O empacho foi moito. Mesmo algunhas convidadas contiveron, con dificultade, as arcadas; outras non foron quen e arroxaron o viño acedo e excesivo. A saturación foi tanta que ata os pragmáticos renegaron  do “que haxa eleccións para ver se invitan a algo”.

Entre maio de 2015 e setembro de 2016, houbo catro enchentes de papeletas, sobres e urnas. A fartura, e as présas, deixaron a uns con arrebatadores momentos de triunfo, virados, de súpeto, en depresoras frustracións; outros pasaron de que lle rexeitasen o convite a sentirse únicos pretendentes; os de máis alá, no seu intento de saír do pozo no que caeran, fóronse agarrado aos ramallos que puideron pero todos lle foron partindo e afundíronse a si mesmos; os de máis acó remataron ledos  por pasar do estado de coma ao de respiración asistida. O que ficou evidente, para desgusto de moitos, é que as cousas xa non son como eran.

martes, agosto 30, 2016

O Nilismo e a permanencia das elites*

Estudante nihilista (1883)
Ilya Yefimovich Repin
Óleo/lenzo. 35x27 cm.
     Meu tío-avó Nilo argüía unha teoría baseada tanto nunha visión negativa, pesimista e insatisfactoria da condición humana como na percepción de que os grupos sociais, incluso os máis complexos, son naturalmente conservadores, isto é pretenden evitar as incertezas, as dúbidas, disimular os pesares e os sufrimentos que trae aparellado calquera cambio, aínda aquel  ben cativeiro.

     Denominábaa “Nilismo filosófico”, co cal entraba de cheo na Historia da Filosofía, e sinalaba, con rotundas  advertencias, brazos arremuiñados, ollares tensos e xestos non moi ben encarados que ninguén ousase confundir a súa teoría co “Nihilismo”; esa trapallada rusa. Na altura descoñecía o meu parente a revisión que logo realizarían os Sex Pistols e Margaret Thatcher; os primeiros co de non hai futuro e ela co de non hai alternativa.

     El, rutineiro e pesado, coidaba que o nihilismo existencialista  situábase nas antípodas dos seus paradigmas e só coincidían na funesta perversión da similitude  nominalista. Considerábaas  as grandes correntes, antagónicas, do pensamento contemporáneo. A súa elaborada e razoada proposta de pensamento prendera con éxito nas parroquias de Val e Camposancos. Pola contra, na parroquia de Bermés, o labor dun barbeiro que durmía coas memorias de Kropotkin nas mans estendera a critica ás supersticións, os prexuízos e os costumes.

     O nilismo de meu tío-avó era profundamente cínico e escéptico (nos dous casos no peor sentido das palabras) e baseábase en que facer o que é de costume é o mellor; e en que os cambios non serven para nada. Así razoaba: para que queremos cambiar de goberno... que total... os que estaban ían mantidos e se viñan uns novos primeiro cumpría mantelos. Cando alguén comentaba sobre os asuntos públicos, nomeadamente pensións e impostos, sempre remataba cun aceno de indiferenza e sentenciaba: “boh... que fagan o que queiran... que xa o fan!”, expresión elaborada durante anos de experiencia para indicar que xa estaba canso do asunto e había que cambiar de tema.


     Meu tío-avó veu pasar os días cos mesmos a mandar. Tivera unha breve raiola de esperanza, sendo moi mozo. Logo o negror de catro décadas e a insatisfacción doutros case corenta anos. Eu non quero que me pase o mesmo, así que non vou seguir o seu nilismo e apostarei por cambiar, por mudar, por sacar os de sempre, por xente nova, por Luís Villares... capaz de engaiolarme coa esperanza como lle acontecera a un mociño chamado Nilo co alcalde Manuel Ferreiro Panadeiro*, de quen, o outro día ollei o retrato pendurado no salón de plenos de Lalín.

* Publicado en Novas do Eixo Atlántico, setembro, 2016
*Alcalde de Lalín. Fusilado en Pontevedra o 23 de agosto de 1936. Tiña 33 anos.

luns, agosto 15, 2016

É preciso, necesario e urxente

   É preciso, necesario e urxente termar dun pais que se esfarela avellentado, coa mocidade procurando polo mundo adiante as oportunidades que aquí non se lle ofrecen,  cos seus sectores produtivos boqueando, ca súa cultura
Carlos Méixome
esmorecendo, cun réxime carente do mínimo respecto polos máis básicos principios democráticos, cunhas xentes sometidas á perda de dereitos sociais e niveis de benestar que hai anos considerabamos imprescindíbeis.



 Para colaborar, para tender pontes, para facilitar e ampliar as comprensións, presentamos unha candidatura para un novo ciclo, para recuperar os dereitos usurpados á maioría social durante esta longa crise, rescatar a política da lama da corrupción e construír un novo suxeito político galego como expresión da nación cidadá.


   Podemos ter un gran presidente e un eficaz goberno resultado dunha colaboradora  coalición pero precisamos tamén un grupo parlamentar da Marea Galega experimentado,  capacitado, formado e rigoroso para controlar ao goberno e axudarlle a desenvolver as directrices políticas que acordemos.


   Por iso xunto con outras compañeiras e compañeiros figuro no segundo lugar da lista encabezada por Consuelo Martínez e pidovos o voso apoio á candidatura "Tecendo Pontes", integrada por:



1 MARIA CONSUELO MARTINEZ GARCIA - Vigo

2 CARLOS MEIXOME QUINTEIRO  -Gondomar- Val Miñor.
3 LAURA OGANDO MUÑIZ -Bueu
4 RAMÓN MOURIÑO ALFONSO -Ribadumia- O Salnés
5 HELENA AMOEDO BARROS  -Redondela
6 PABLO ESCOBERO CELA -Ponteareas- O Condado
7 MARIA JESÚS FATIMA NEIRA PICON -Tui
8 XOSE LUCIANO OTERO CAMIÑA  -Pazos de Borbén.
9 CARME COUTO TOURÓN- Pontevedra
10 GASPAR ANTONIO GONZALEZ SOMOZA  -Vilagarcía da Arousa
11 MARIA DO TRANSITO FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ -Vigo  
12 JOSE LUIS VIDAL LAIÑO - Pontevedra


             Carlos Méixome Quinteiro
Nacionalista dende estudante (ERGA). Membro do CN do BNG electo en Riazor; abandonou este en Amio.  Colaborou durante anos co IGADI . En 1999 fundou o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) que dirixiu durante 15 anos. Ten publicado sobre nacionalismo político e historia de Galicia contemporánea, sobre relación internacionais e a represión franquista. Colabora en múltiples medios de comunicación. Exerceu durante 35 anos como profesor de secundaria.


"Tender pontes 
entre a cidadanía nacionalista 
e de esquerdas 
é o meu obxectivo."











xoves, agosto 04, 2016

Tempo de mudanza, tempo arriscado*

Marea de octubre (2014)
Joaquín Martínez Cano
Óleo s/ lenzo, 81x81
     Descoñezo, é evidente, a opinión do Papa Francisco sobre a máxima ignaciana de “en tiempos de tribulación no hacer  mudanza”; tampouco sei se considera que a Igrexa está en momentos aflixidos. A sentenza, dirixida aos soldados de Xesús e non ao conxunto da Igrexa, emitida polo fundador da orde na que milita o líder católico, inspirou, con éxito, a persistente influencia da súa facción, durante case cinco séculos, nos círculos de poder da curia romana. Nestes meses últimos na esquerda galega, na nacionalista ou non, seguiu a estar ben presente o espírito xesuíta de non moverse para non arriscar. Todo o contrario do que, ao meu parecer, a cidadanía demanda.

     O que si sei é que cando a xente sobrevive como pode, nestes “tempos de desolación”, e contra San Ignacio, a unha sociedade, calquera, ténselle que ofrecer algo máis que remoer a súa aflición. Precisa coller folgos, decidir, afrontar, arriscar, sen medo a errar por desprenderse do pasado e mudar, non porque “Se vogliamo che tutto rimanga como é, bisogna che tutto cambi” senón porque é preciso, necesario e urxente termar dun pais que se esfarela avellentado, coa mocidade procurando polo mundo adiante as oportunidades que aquí non se lle ofrecen,  cos seus sectores produtivos boqueando, coa súa cultura esmorecendo, cun réxime carente do mínimo respecto polos máis básicos principios democráticos, cunhas xentes sometidas á perda de dereitos sociais e niveis de benestar que hai anos considerabamos imprescindíbeis.

     Nin a inmobilista frase xesuítica, nin a cínica expresión lampedusiana, nin a idealizante aseveración de “para mudalo todo” semellan aqueladas para estes tempos de incertezas.

     O 25 de setembro a cidadanía está convocada a escoller un novo parlamento. Menos dun mes despois será o 35 aniversario das primeiras eleccións ao  órgano lexislativo. Neses seis quinquenios non chegou nin a un o tempo no que a dereita postfranquista deixou agromar novos xeitos e formas de gobernar. Será un mes de infarto político nun estado que é probable siga sen goberno, con eleccións entre nós e no País Vasco e coa moción de confianza nunha Cataluña na que as forzas soberanistas semellan querer seguir mantendo o pulso. Máis suspense imposible.

     Precisamos mudar, con dúbidas, incertezas, remoendo, aflixidos, magoentos... pero precisamos xuntar todas as forzas para demoler a brigada de demolición, para desinfectar San Caetano. Cómpre concentrar todas as vontades da nación cidadá nunha grande enxurrada popular.

 * Publicado en Novas do Eixo Atlántico




xoves, xullo 21, 2016

A aventura da diferenza*


     Nun mundo dominado pola pulsión homoxeneizadora, pola uniformación cultural de centro comercial, pola globalización desbocada, só se persegue a repetición de persoas e culturas consumidoras e a concentración monopolística. Para este sistema-mundo a diferenza na fala, no vestido, na cultura, nas ideas... é sempre unha ameaza.

     A mesma pulsión uniformadora está presente nas chamadas sociedades tradicionais, e o individualismo implantado pola ideoloxía neoliberal non só non apaga a persecución da diferenza senón que a agrava, como se desprende da ameaza neofascista que se expande polo centro e norte de Europa que infortunadamente pode non tardar moito en abranguer todo o continente. A chamada crise dos refuxiados ou os barcos á deriva polo Mediterráneo son expresión, en gran medida, deste rexeitamento do diferente.

     Szymo é dili, é negocio, é branco nun continente negro, é albino. Cos seus osos pulverizados, con anacos dos seus membros pódense fabricar beberaxes que atraerán a boa fortuna. O seu corpo é obxecto de asasinas cobizas. Dese horror, da persecución pola súa pel diferente, fuxirá o mozo protagonista. En dirección oeste, cara ao océano, a través do río Congo, nunha viaxe inversa á imaxinada por Josep Conrad. Unha viaxe odiseica e iniciática é a que nesta ocasión nos achega Manuel Núñez Singala en Camiños na auga (Galaxia, 2016).

     Na súa viaxe dende os grandes lagos ao océano, Szymo vai descubrindo a solidariedade, o amor, o sexo, a lealdade, o egoísmo... pero o camiño é longo e o protagonista colle dirección norte ao tempo que a novela abandona o exótico espazo da selva para introducirnos na infausta realidade do “combate” por acadar Ítaca-Europa, nesa pelexa mortal coas ondas do mar a bordo dun fráxil e rudimentario caiuco. Será a diferenza quen o salve. Como Odiseo, Szymo chegará só a Ítaca, os seus compañeiros de “combate” as autoridades europeas devolveranos ao punto de partida. Para intentar un novo “combate”?

      As reflexións éticas entretecidas na sucesións de acontecementos que caracterizan unha boa novela de aventuras non converten Camiños na auga nunha disquisición filosófica sobre a bondade, a ética, a lealdade ou o valor da diferenza. Núñez Singala pretende, e acada, un relato de aventuras, de doada lectura, no que a acción prende a atención do lector e no que o desacougo deste vén producido pola ansia por coñecer o remate da historia e non pola dúbida de se debe ou non abandonar a lectura. A habilidade do autor para enganchar lectores é ben coñecida, mesmo en xéneros pouco dados a lecturas individuais como o teatro (O achado do castro, Galaxia, 2014) e sobre todo no relato breve no que nos instrúe ou nos ofrece un libro de contos revirados (Instrucións para tomar café, Galaxia, 2014). Os dous volumes aos que aquí nos referimos son auténticos éxitos editoriais e a ben seguro que tamén o será esta novela.

* Tempos , xullo, 2016.


martes, xullo 05, 2016

Breves retallos penitentes e impertinentes *

Van Gogh "De sterrennacht" (Noite estrelada)
Óleo s/ lenzo, 73,7x92,2. MOMA, NY
1.- A alianza Unidos-Podemos obtén no conxunto do estado o 21,10% dos votos. Ora ben, no que é España “a secas” quedou bastante por debaixo desta porcentaxe, agás no caso de Madrid (21,23) e Asturias (23,78). O “plus” de apoio recibiuno nos territorios onde existen reivindicacións nacionais; concorresen baixo estas siglas - Pais Vasco (29,05), Navarra (28,33, Baleares (25,38)- ou na forma das chamadas confluencias: Galicia (22,18), Cataluña (24,51) e Valencia (25,37).
2.- En Galicia o PP gañou 38.000 votos. O PSOE perdeu 2.500 e “Ciudadanos”,  14.000. Os nulos e “en branco” baixaron uns  4.000. Foron para o PP que tamén sacou votantes da anterior abstención.
3.- En Galicia a abstención aumentou en 81.642 persoas. En Marea perdeu 66.555, pasou do 25,01% ao 22,18% e de segunda a terceira forza. O BNG perdeu 25.961. Arredor dese número de abstencionistas foron os votantes de cada unha destas forzas que desertaron. Da primeira por incumprir as promesas; da segunda por ineficaz.
4.- Botar o carro diante dos bois, ten custos. Ir de sobrados tamén.
5.- O proceso de ruptura co réxime do 78 fica eivado pola impericia dos timoratos na procura de solucións á cuestión nacional. A esquerda española permanece na súa incapacidade conxénita para comprender que o nacionalismo español liberal-progresista foi sempre subalterno a respecto do nacionalismo conservador, católico e autoritario, e nunca comprendeu a necesidade de esgazarse da matriz monárquica para reformar a arquitectura do estado.
6.- Segundo a teoría do caos o bater das ás dunha bolboreta poden provocar un tornado na outra beira do mundo, ou, o que é o mesmo,  se nun sistema se produce una pequena perturbación inicial, mediante un proceso de amplificación, poderá xerar un efecto considerablemente grande a curto ou mediano prazo. Hai tempo que ao sistema lle andan a bater as ás moitas bolboretas; a última no mesmo corazón da pérfida Albión. As nacións emerxen, agora na banda occidental de Europa.
7.- Na Europa da periferia sureña reclámaselle á esquerda a solución da crise de sistema. Na Europa central e nórdica estánselle a dar perigosas oportunidades ao antihumanismo. Temos unha amarga sensación.
8.- Na España, a esquerda só poderá responder a esta reclamación se é quen de conxugar os dereitos das maiorías sociais e o dereito a decidir das nacións.
9.- Ese dobre espazo, social e nacional, en Galicia, precisa dunha dobre confluencia. Unha arredor das propostas antiausteridade e outra entre as persoas que se reclaman da nación.
10.- A gran creación do nacionalismo galego contemporáneo, e en particular do BNG, foi a creación dun amplo corpo social mobilizado que se está a estragar por impericia política e leas de familia. O pesimismo da razón imponse.


* Publicado en Novas do Eixo Atlántico, xullo, 2016