venres, xuño 09, 2017

Sala de espera

Entra como o galáctico R2-D2. Cabeza para a esquerda,  cabeza para a dereita, mirada para diante, reviravolta para atrás, ollada ao ceo. Repetición. Planta dúas, sección tres, área C. Cara de sorpresa, despiste. Retrouso: esquerda, dereita, adiante, atrás, teito.

Outro, entreabre a porta e acorda. Deixa pechar a folla. Uns segundos. Volve abrir e entra con cara de despiste. Repaso visual. Decátase de que si, é alí.

Diríxese á maquina expendedora de quendas. Cando está preto unha voz metálica axita o seu corazón: N-9, mesa 48. A cabeciña de R2-D2 da voltas para todos os lados. Acouga. Introduce o carné, oito números e unha letra. A maquiniña expulsa un papel. Cólleo, mírao, entra na sala, senta, enfronte unha muller embarazada de rostro asiático que teclea no móbil, saca o seu, o móbil,  acéndeo e acalma.

Mozo con mochila. Decidido. Oito números, unha letra. Senta. Acorda,  érguese, pilla a mochila e sae. Ao pouco volve. Fai os movementos dos demais que antes aforrara. Retorna á  cadeira, segue nervioso, agora indeciso,  érguese, pasea, senta. Repite xogada. Voz metálica: P-10, mesa 45.

Entreabre a porta. Rostro de muller. Destra, sinistra, diante, detrás, enriba. Meneo afirmativo e abaneo de paso a un home dubitativo que repite movementos. A muller empúrrao con disimulo cara ao  aparello expedidor de roldas. Oito números, unha letra...nada. Oito números, unha letra, nada... A cara masculina engurra o  cello. Outra vez. Máis engurras. A muller empurra. Manolo, falo mal. Non funciona. Falo mal. Non funciona. Enérxica diríxese ao mostrador do conserxe. No seu frenético taconeo, cruza con tres homes grandes, barrigudos, satisfeitos. Voz metálica: D-24, mesa 46.

Peiteado no que non se move un cabelo, ollos encovados, gafas de “easy rider”, un tic en movemento,  achégase, ladea a cabeza, chisca os ollos, estira o brazo, tócase no cu, outra vez, ladea a cabeza... Chega ao trebello. Teclea. Non vai. Desenchúfao, enchúfao. Xa está.

Voz metálica: L-37, mesa 33. Vou.

Xoves, 8 de xuño de 2017




Titulares dun latrocinio

Sede do Banco Popular-Pastor, antes do Pastor e primeiro do Banco de Vigo. Obra de M. Gómez Román.
Miña nai perdeu cen euros onte. Seica había moitos anos meu pai mercara 100.000 pts en accións do Pastor, por consello dunha boa amizade que traballaba naquel banco que un día fora de obediencia galega. Pasaron os anos, meu pai faleceu, xa hai moito, e miña nai mantivo a confianza no seu banco. Xa non estaban ningún dos coñecidos, uns morreran, outros xubiláranse, pero ela mantívose fiel ao seu banco. As accións hai tempo que deveceran. Ela ben o sabía que para contas e moitas outras cousas é ben  espelida. Ficaban 100 euros. Agora aos seus 87 anos deixounos ir, que o demo os leve! O malo é que quedou sen banco e non quere levar os cartos da máis que escasa pensión dunha viúva para un deses poucos tiburóns que devoran os pequenos. Así rebenten, que canto máis teñen, máis queren.

Coñecida a desfeita, ou refeita, bancaria, merco a prensa de realidades paralelas. Para a do norte, todo é ledicia, felicidade. Leo asombrado “Las consecuencias de la compra del Popular. EL SANTANDER SE CONVIERTE EN EL SEGUNDO BANCO DE GALICA. La entidad tiene ahora 1.900 empleados en la comunidad al sumar los del Pastor. Los depósitos están garantizados, pero los accionistas del Popular pierden su inversión”.

Para a do sur os titulares van pola banda dramática: “LA ENTREGA DEL POPULAR AL SANTANDER POR 1 EURO LIQUIDA AL PASTOR Y DEJA EN EL AIRE LA BARRIÉ. Europa interviene para evitar su quiebra: los 305.000 accionistas pierden su dinero. Inquietud en la plantilla gallega: 1.100 trabajadores… La Barrié se queda sin financiación para la obra social al diluirse a cero su capital”.

Dous mundos, dúas verdades, dous intereses...; mesmo contrasta que o medio do norte nin solte un laio polo que quedaba dun Banco que o foi todo na cidade, nin do apelido, referencia do poder local durante case dous séculos.

A pesar de que o meu pai sempre deveceu pola miña carreira bancaria,  daquela ser empregado de banca era o cumio de quen pretendía chegar a ser clase media baixiña, esta nunca se realizou. Intentouno. Ao rematar COU mandoume a unha entrevista co director da oficina viguesa do Banco Hijos de Olimpio Pérez que seica me ía contratar como “botones”. Se o fondo dos espellos non me atorda a oficina debería estar na Praza da Constitución. A banca dos Pérez Sáenz debía andar nas últimas e do “asunto”; por fortuna, nunca máis se soubo.

Moitos anos mais tarde, por mor de abrir unha conta para cobrar a miña primeira nómina seria, díxome que fose falar cun seu amigo que traballaba no Pastor. Entrei no  maxestoso edificio que deseñara Manuel Gómez Román, o secretario xeral galeguista, para o Banco de Vigo e preguntei polo seu amigo que saíu dunha enorme sala onde, cando menos, duascentas persoas ordenaban letras de cambio. Mandoume que fose a unha das ventaíñas.

Dicía que a pesar da miña frustrada carreira bancaria un non necesita demasiadas luces para decatase de certas cousas. Por exemplo, hai un ano o Banco Popular superou a proba de “stress” que as  serias, sensatas e modernas institucións europeas establecen para o control bancario. A resultas da proba esa eminencia económica que é o Sr. De Guindos anunciou que o Banco Popular, como o sistema bancario español, era solvente. Queda alguén solvente por aí?.

Como  meterse nun rescate público, despois dos 41 mil millóns de euros que nos “sisaron” eses anos atrás e das continuas mostras de confusión entre os petos públicos e os privados da que dan mostras os membros do Partido Popular, colléronlle medo e non se atreveron máis que a roubarllos aos pequenos accionistas que non “tiñan información”, os que sempre perden. Todo coa aquiescencia do Mecanismo Europeo de Resolución, da cova de Ali Babá renomeada como Banco Central Europeo e dos seus delegados territoriais.

Todo para roubarlle cen euros a miña nai.

Ando a ver se dou pirateado Le capital, o filme de Costa Gravas, para que o entenda.

Mércores, 7 de xuño de 2017




mércores, xuño 07, 2017

Murais nas medianeiras

Lula Goce. Terracina, Italia
Medrei no Carballiño das décadas dos sesenta e setenta que acadou, por méritos propios, o alcuño irónico e ridículo de “niuiorciño”. Era o inflado da burbulla inmobiliaria; dáme máis por non ter outra cousa que por previsión inversora.

Fuxir da miseria franquista, que moitos, uns por mala fe, outros por simple ignorancia, consideraban cousa eterna; como se o crac do 29 e a penuria derivada da guerra de España-Europa e da autarquía existisen de sempre. Fuxir da laceira era o obxectivo das primeiras quendas de emigrantes postbélicos que ao abeiro da apertura da emigración de 1956 colleron o camiño de América.

Dende as terras do Orcellón  andaron en dirección de México e Panamá, onde tiñan bases asentadas; outros arroiados pola masiva enxurrada asentaron en Venezuela. Foron os primeiros. Emigración con carácter definitivo ou case. Con regreso para casar, como moito, se ía ben as cousas. Como mínimo ata ser vellos ou ter bastante para investir en torres no Carballiño ou en calquera das rúas viguesas de nome suramericano e moito máis cando se soubo de que o Corte Inglés ía ir para alí. O Carballiño inzouse de medianeiras e no verán de cachorros enxertados e sotaques mexicanos ou panameños con espectaculares fords na procura de pasalo ben ou de moza casadeira. Uns con máis fortuna que outros.

A nova lei de 1960, aínda máis a de 1971, coas súas proteccións familiares promoveron unha emigración temporeira, mesmo andoriña, a curta distancia. Europa precisaba man de obra barata e alá se ía por uns anos, ou por uns meses cada ano, ida por volta, para gañar para a casa, que se ía facendo aos poucos, ou mercar un piso no Carballiño aínda que se seguise a vivir na aldea, na casa dos pais ou dos avós.

Seis, sete, oito... alturas e veña para arriba. Algún retornado puxo unha carpintería de aluminio e aos poucos anos era alcalde. Ladrillo, aluminio e plaqueta foron eliminando a madeira e a pedra, ata das fachadas, mentres as medianeiras desamparadas non facían máis que meter  humidade para dentro das casa e, ala!, tela asfáltica... un anaco por aquí, un pouco polo outro, remenda aquí, remenda alá... coa súa teíña prateada e despois  aparafusar uralita, a marca comercial do fibrocemento, anos despois sóubose que o amianto era un risco para a saúde. Había que tirar para adiante, seguir facendo pisos para recoller a  xente maior que abandona as aldeas porque os abandonaron a eles. Ata que estourou.

Lula Goce. Vigo
Agora ándase nalgunhas cidades europeas, entre elas, e de xeito destacado, Vigo, decorando as medianeiras. Ben sei que é asunto complexo. Xa escoitei a amigos sabidos nestas leas descualificar o que consideran meros intentos de facer amable o horrible, de disimular o feo, de facer agradable o desagradable, tamén de vulgarizar e sobre todo de confundir arte con decoración...

Andei a visitar esta fin de semana “as paredes soñadas” de Lugrís, traballos de decoración e supervivencia. Mais non é tamén decoración o que fixo Buonarroti na  Capela Sixtina ou Raffaelo Sanzio na Stanza della Segnatura e outras do Vaticano, ou os muralistas  mexicanos ou mesmo Leopoldo Nóvoa, ou...?

En fin, si se fai con tino esta explosión do que se anda a denominar xa “arte urbano” pode dulcificar o impacto, iluminar o ollo, de cando en vez observar unha obra de arte, e darlle algunha oportunidade a xente nova aínda que abusen dos colorinchos.

Lula Goce. A-mar. Aula de Cultura "Ponte de Rosas",  (IEM) Gondomar
E entre esa xente que irrompe con forza encántame ollar os seus rostros infantís e as controladas explosións de cor que argalla a nosa conveciña Lula Goce polas cidades de Europa. Aínda conservo un daqueles barquiños de papel que puxo a navegar no aire da Aula de Cultura Ponte de Rosas.


Martes 6 de xuño de 2017

O tal Schmitt

Pablo Iglesias amosa un exemplar de Teoría del partisano de Carl Schmitt
En varias entrevistas Casares afirmara que precisaba momentos, circunstancias, feitos, persoas que dalgunha forma coñecera para construír os seus relatos. Hai uns días comentamos o que nos dixera en referencia a Deus sentado nun sillón azul (Galaxia, 1996) e prometiamos volver sobre o personaxe inspirador, Carl Schmitt, a quen Casares tratara, aínda que pouco, e lle caía moi antipático.

Unha amiga pregúntanos como coñecía Casares o xurista alemán. Pois por dúas sinxelas razóns. Primeira porque o Kronjurits do III Reich, tras saír “ben parado” do xuízo de Nuremberg, reconverteuse en lexitimador-apoloxeta do  franquismo e, en segundo lugar, porque a súa filla Ánima Schmitt casara cun profesor compostelán de Historia do Dereito, Alfonso Otero Varela, entre os universitarios da altura coñecido como Margarito. Tras os xuízos anti-nazis Schmitt foi expulsado da universidade e durante os anos cincuenta a presenza do xurista nas terras de A Maía foi constante ata o punto de que a versión en español das súas memorias da catividade (entre 1945-1947) Ex captivitate salus publicouse na libraría-editora compostelá Porto, en 1960, traducida pola súa filla e cun prólogo do propio autor asinado en Casalonga, á  beira de Compostela, en 1958.

Será en Santiago onde entrará  en contacto co tamén xurista, na altura catedrático na universidade compostelá, Álvaro D´Ors, un carlista tradicionalista sobre o que exercerá unha forte influencia. Máis será Manuel Fraga, director na altura do Instituto de Estudos Políticos,  quen lle argallou a célebre conferencia tras o recoñecemento como membro de honra do amentado instituto, pronunciada na sede central madrileña do partido único “Movimiento Nacional” o 21 de marzo de 1962, e que Manolo Rivas re-novela no capitulo “Unha festa sagrada”, en Os libros arden mal (Xerais, 2006).

O 13 de xullo de 1934 Hitler, nun discurso radiado, xustificaba a matanza (sobre cen persoas) e a máis de mil detencións na chamada “Noite dos coitelo longos” dicindo: “Nesa hora eu era o responsábel da sorte da nación alemá, así que me convertín no xuíz supremo do pobo alemán”. Estaba a aplicar a teoría do Kronjurist Schmitt, do “decisionismo”, do exercicio da soberanía como a capacidade de decidir no estado de excepción, da competencia de suspender a constitución en caso de emerxencia, de conculcar as leis para salvar o ben común, de exercer a ditadura para librarnos do perigo, da ameaza, do caos.

Schmitt foi “xurista oficial” entre 1933 e 1936, xusto cando Hitler distinguiu, en aplicación das ideas schmittianas, quen era “amigo” e quen “inimigo” e converteu a inimizade no centro da acción política, da loita, da polémica, que exclúe toda caste de colaboración, de debate, de critica e de acordo, porque a guerra é a única verdade incontrovertíbel da realidade social.  Hitler non só eliminou os seus contrincantes dentro do Partido Nazi, entre outros a Rohm  o líder das SA, senón que aproveitou para desfacerse dos conservadores que lle deran o seu apoio como chanceler.

Escribiu Zweig no seu O mundo de ontem: “Hitler que, em si, era um pouco avesso as ideias alheias, possuía no entanto, desde o início, o instinto de se apropriar de tudo o que poderia vir a ser útil aos seus objetivos pessoais” e engadía “A técnica utilizada pelo nacional-socialismo foi sempre a de conferir um fundamento ideológico e pseudomoral aos seus instintos claramente egoístas de poder”.

Na súa etapa compostelá Schmitt substituíra o caos da república de Weimar polo caos da II República e a orde imposta por Hitler pola acción salvadora de Franco, que aínda que máis humilde sobrevivía.

    Este era o tal Schmitt. Para Casares, un ser inhumano que non podía ver reflectido en Risco.

Por certo tamén, previa peneira de Chantal Mouffe, algúns ditos da esquerda ándanse a propagar, mesmo portando os seus libros nun Congreso dos Deputados que aínda, por fortuna,  non é o Reichtang de 1934. Tamén no parlamentiño do Hórreo, o presidente Feijoo recorre, con reiteración, a afirmar que o acto político por excelencia é a decisión. Lonxe quedan conceptos como convenio, concertación, lei, control do executivo, predominio do lexislativo...


Luns, 5 de xuño de 2017

luns, xuño 05, 2017

Entre un farfallán e un caguiñas

É ben sabido que os estereotipos non son a realidade aínda que, ás veces, sirvan para explicala. Sempre me chamou a atención a descualificación, entre os meus familiares maiores, e os seus amigos, sobre os italianos aos que alcumaban por sistema como covardes. Falaban da guerra de España na que foron compañeiros de bando; esa idea tamén a difundía o discurso oficial franquista e probablemente tiña a súa orixe no cambio de bando en 1915, na Gran Guerra. E digo que me chamaba a atención porque despois nos partidos de fútbol eran moi leñeiros e polo tanto valentes ou cando menos non parecían ter moito medo a mancarse. Non sei se seguen tendo ese xogo viril dos tempos do “catenaccio”.

Dicían tamén que eran uns presumidos, que ían feitos uns pinceis, cos seus uniformes cheos de medallas, aínda que a primeira vez que entrei en Italia, nun bar, o que me topei foi un barrigón galdrumeiro en camiseta de asas con manchas de tomate. Outro estereotipo.

É evidente que os cataláns non son, cando menos todos, uns “fenicios”. Pero a acepción pode servir para argumentar o seu carácter comercial e emprendedor, por outra banda xeneralizado entre todos os pobos que beirean o Mediterráneo.. Estereotipo que tampouco casa moi ben coa decisión coa que unha gran parte da sociedade catalá afrontou o proceso de reivindicación pola parte da súa soberanía exercida polo Estado español a pesar das catastróficas consecuencias económicas que anuncian, un día si e outro tamén, os medios de comunicación, tanto os mal chamados “nacionais” como aqueles acomplexados  “de provincias” como os principais lideres políticos e económicos que non teñen problema en ceder amplas cotas de soberanía á  Unión Europea ou á  OTAN.

Xa tiña as miñas dúbidas ao respecto de interpretar os estereotipos moi ao pé da letra. Confirmeino o outro día, cando un coñecido, home forte, poderoso, grande, de pescozo de buldog, camisa arremangada e aires enérxicos, que ademais é un boca aberta, un barallocas, un pouco tolitates pero tamén garatuxeiro e falangueiro; en fin un galo botado para diante que quería falar con alguén da casa de enfronte. Bateu nunha campaíña que teñen ben visible no portón. Saltoulle un can deses que teñen cara de can. O rufo baralleiro saíu a  escape, tremendo como unha vara verde, meteuse dentro do coche e bloqueou as portas. Por suposto que o can o único que fixo foi achegarse ao  portón, iso si, ensinado os dentes. A cousa resolveuse a berros. A señora da casa, dende a terraza da casa, que o can non facía nada e que xa baixaba abrirlle e o aguantaba. O palabreiro dende o coche, coa ventaíña un chisco aberta, que ou o ataba cunha cadea ou  el non entraba. Ao final “pirouse” pois o can canto el máis berraba, máis ladraba.

Cando ollei a escena acordeime dunha anécdota que contaba Casares sobre Risco. Como ben saben entre as xentes do círculo de Galaxia, difundiuse a idea de que a actitude de Risco, durante a guerra e no franquismo, explicábase por ser un home moi medroso, vamos, un caguiñas; reforzaban a súa benevolente tese con referencias ao seu aspecto físico apoucado, de pouca cousa, de non ter nin onde levar media hostia, en fin un xirico, e a ser unha persoa delicada, fina, un xirifeiro e falto de carácter ou xirigaito. Xa o outro día comentei que esta non era a visión de Casares, nin de moitos dos galeguistas máis novos, e hoxe supoño que ninguén pensará que se chega ao fascismo ou ao protofascismo, unha ideoloxía propia de valorosos servidores da patrias e culturas, pola vía do temor.

Pois ben, seica un día Risco e algúns dos artistiñas foron dar un paseo despois do café. Pillaron pola estrada de Celanova e cando xa levaba un bo anaco pateado saltoulle un can ameazante, “con cara de can” e ouveos lobeznos. Os novos artistiñas, uns máis e outros menos, botaron a correr mentres erguían a perna, baixaban as mans e viraban as costas para protexer as súas partes varonís. O apouvigado Risco ficou quieto mirando o can, ata que acougou. A ausencia de movemento non semellaba que fose por unha parálise medorenta, pois ao pouco pasoulle a man pola cachola e o can apartouse movendo o rabo.

Domingo, 4 de xuño de 2017


venres, xuño 02, 2017

Gafe, gafe

Os gafes de onte non o eran tanto en comparanza con Stefan Zweig, segundo el mesmo nos conta no seu O mundo de ontem. Cando o nostálxico autor se decidiu por dar ao lume o seu primeiro texto “serio”, segundo el mesmo, para publicar, foi un drama en verso, do xénero clásico, intitulado Tersites, que nunca máis volveu reeditar. Era o verán de 1906.

O drama respondía á idea literaria de Zweig de non tomar partido polos heroes e ver a traxedia entre os derrotados. A Tersites, guerreiro en Troia, de segundo nivel,  descríbeo Homero como o máis feo dos aqueos, trenco, cos ombros cara a dentro, peludo, de cabeza apirolada, vulgar, ridículo e impertinente ata o punto de chamarlle polo seu nome a Agamenón, cobizoso e envexoso, ou mesmo de ser quen de propoñerlle aos aqueos deixar a guerra e regresar á casa. Moitos leron o seu rol como o dun opositor. Zweig contrapono, como discreto adversario, ao heroico Aquiles.

Non contaba o noso autor, en eterna dúbida, con que aquela primeira obra teatral fose ter gran acollida. Era novo, 25 anos,  pero xa tiña publicados dous libros de poesía e algunhas novelas breve. Ante a súa sorpresa recibiu unha cata do director do teatro estatal de Prusia, Ludwig Barnay, comunicándolle que gustara moito do seu drama e que nel atopaba un papel, o de Aquiles, moi aquelado para a grande estrela do teatro prusiano, Adalbert Matkovski, un actor de “paixão arrebatadora”, di Zweig. Comezaron os ensaios; as novas que lle chegaban do seus amigos era que Matkovski estaba xenial como o viril Aquiles; xa tiña a reserva feita para a viaxe para a estrea en Berlín cando recibe un telegrama no que lle comunican o adiamento da mesma por mor dunha doenza do actor. Matinou que ben podería ser unha desculpa, moi empregada no teatro, para suspender a representación. Mais, infortunadamente, pasados sete días o xornais anunciaron o falecemento de Matkovski. Asunto fechado. Só lle ficaba o consolo de que os seus versos foron os últimos ditos polo gran actor.

Houbo intentos  doutros teatros mais desbotounos ata que, nova sorpresa, chegoulle a través dun amigo que o gran actor vienés, Josef Kainz, á altura do prusiano falecido, ambos moi por riba de todos os demais, pretendía representar a obra, pero el escollía o papel de Tersites. A idea entusiasmou a Zweig que imaxinaba o seu texto dito co seu dominio da palabra e a capacidade declamatoria de Kainz, mais non prosperou porque o novo director do teatro vienés, que viña de Berlín, era máis partidario do realismo.

O grande actor vienés convidouno a súa casa, pediulle desculpas e por riba pediulle unha peza curta, nun acto, para pechar unha representación que andaba a preparar xunto con outras dúas pezas tamén nun só acto. O mitómano Zweig púxose a escribir, pensando no actor,  unha composición con dous extensos monólogos lírico-dramáticos que intitulou O comediante metamorfoseado (Der verwandele Komödiant). Presentoullas a Kainz quen se amosou entusiasmado. Pediulle que corrixise a obra e nun mes, cando regresase de Alemaña, comezarían os ensaios. O actor deixara todo en marcha, o director e o o cadro de actores puxéronse a traballar na agarda de Kainz.  Parecía que todo ía ben e que Zweig vería a súa pequena obra representada no Burgtheater vienés.

Soubo pola prensa do regreso de Kainz. Agardou dous días; ao terceiro achegouse ata o seu hotel. O porteiro informouno de que o levaran pola mañá cedo ao sanatorio. Kainz regresara grave; ao día seguinte operárono de cancro. Houbo unha breve recuperación, tamén da ilusión da estrea, pero ás poucas semanas Viena choraba o seu grande actor.

Escribe Zweig: “Que os dois maiores atores alemães tivessem morrido depois de terem sido os últimos a ensaiar os meus versos tornou-me –não me envergonho de confessá-lo- supersticioso”.

Tardou tempo en volver a escribir teatro. O novo director do Teatro da Cidade de Viena, Alfred Baron Berger, aceptou de inmediato o seu texto. Zweig repasou a lista de actores escollidos e suspirou aliviado ao observar que no medio deles non estaba ningunha das grandes estrelas que puideran facer que o destino se virase de novo. Mais el matinara nos actores e non no director do Burgtheater que reservara para si mesmo a dirección de A casa á beira do mar (Das Haus am Meer). Quince días antes do comezo dos ensaios morreu. A maldición sobre as súas obras dramáticas continuaba.

Anos despois da Gran Guerra, cando xa se tiñan representado dúas das súas obras, rematou O cordeiro do pobre (Das Lamm des Armen). De seguido recibiu un telegrama do seu amigo o grande actor austríaco (o sucesor de Kainz, segundo Zweig) de orixe albanesa-italiana Alexander Moissi pedíndolle que lle reservase o papel principal na estrea. Deulle voltas e máis voltas na procura de pretexto para rexeitar a súa oferta sen desvelarlle o verdadeiro motivo. Así o fixo.

Mais di Zweig “posso ser suspeito a estar contando uma história de fantasmas”. Catro anos despois, recibiu un telegrama de Moissi solicitándolle un encontro. Concertárono en Zürich. O actor traíalle un gran pedido. Pirandello concedéralle a extraordinaria honra de escribir un texto para el e ademais confiarlle a estrea da súa nova obra, non só en Italia, senón tamén a nivel mundial,  en Viena e en alemán, mais o autor italiano a quen lle viñan de conceder o Nobel estaba moi preocupado porque a tradución ao alemán non perdese a cadencia e o ritmo. O actor transmitíalle o encargo de verter Non si sà come á lingua tedesca. Non se podía negar.

Xa estaba todo decidido. A obra ía estrearse a nivel internacional, en Viena, en alemán, na versión de Zweig. Pirandello confirmara a súa presenza, falábase tamén de que estaría Mussolini, na altura protector de Austria,  e o chanceler Kurt Schuschnigg.

Zweig coñece pola prensa que Moissi regresara de Suíza cunha gripe grave. Vaino visitar ao hotel mentres rememora a Josef Kainz. Xa non lle deixaron velo. Dous días despois na vez de no ensaio Moissi estaba no cadaleito.

Sábado 3 de xuño de 2017


Gafes

Din que a palabra garda relación coas persoas que padecerían unha enfermidade chamada gafea, gafedade ou gafeira e que coñecemos comunmente como lepra. Como era contaxiosa a xente fuxía espantada da proximidade dos doentes do mesmo xeito que cómpre escapar das persoas que consideramos portadoras da mala sorte.

Ser gafe é unha desgraza para quen tal se considera, para quen coida que a mala sorte o persegue, que lle cae mal ao xefe, que os noivos ou noivas o enganan, que faga o que faga vai suspender o exame de conducir, que sempre lle pasan cousas que o deixan en ridículo, por tropezar, caer, por ser un patoso, porque só a el se lle rompe a cadeira na cafetería e todos quedan mirándoo...  Como aquela moza, hai disto moitos anos, que foi ao baño, na outra punta da cafetería, levaba unha faldra plisada de cadros escoceses, cando rematou de facer o que precisaba, un anaco grande da saia quedou enganchado dentro da braga; así paseou polo alongado local, coa barra dunha beira e as mesas inzadas de clientes da outra; segundo ía avanzando as gargalladas eran cada vez máis sonoras, ela viraba a cabeza para un lado, para outro, pero non caía na conta da causa de tan estrondosas risadas; por riba a rapaza era un algo trenca e cada paso que daba coa saia arremangada daquel xeito aumentaba o barullo; así ata que chegou ao outro extremo onde as súas amigas se decataron do que lle pasaba. Supoño que nunca esqueceu a sensación de ridículo como a min me quedou gravada a escena que rememoro tantos anos despois.

Os gafes coidan que todo se lle vira no último momento, estragáselle a impresora cando teñen que entregar o traballo, pártelle un tacón ou un golpe de cotobelo guíndalle o café por riba do xersei  cando vai entrar a unha entrevista de traballo.  Estes gafes autoconsiderados, sofren coa súa mala sombra.

Hai casos ben estraños de mala sorte. En 1954 un meteorito estourou sobre os Estados Unidos, un fragmento do mesmo caeu sobre o tellado dunha casa, furouno e foille dar na cadeira á súa propietaria. É o único caso documentado na historia. Caso extraordinario é tamén o de Roy Sullivan, un garda forestal de Virxinia, ao que lle foron caer enriba ata sete raios ao longo da súa vida; o máis extraordinario foi que sobreviviu aos sete.

A Casares gustáballe moito falar de gafes e toliños. Sobre uns e outros escribiu algunha das súas tiriñas. Nunha ocasión falou de Xosé de Cupertino que era tan patoso que nunha tarde escachou setenta e sete vasos, un por un, asegundo os ía lavando. Nunca deu topado traballo. A Igrexa Católica converteuno en santo, polo que recomendaba Casares rezarlle de cando en vez; aínda que isto non debe ser moi seguro pois dise que Pío IX botoulle a bendición papal, non unha pedra, e un obreiro caeu dunha estada e faleceu.

Ora, os peores gafes son os que lle traen a mala sorte a outros, en especial cando a ración de infortunio é considerable. Conta Casares que Billy Wilder era un deles. Cando estaba rodando O apartamento faleceu dun infarto un dos actores; catro anos despois foi Peter Sellers quen sufriu o ataque cardíaco cando estaba a traballar baixo as ordes de Wilder, tivo sorte e sobreviviu; dous anos despois outro infarto estivo a piques de rematar coa vida doutros dos actores e Walter Mathau sufriu un gravísimo accidente na rodaxe de Aquí un amigo. Outra serie de desastres, menos dramáticos en vidas humanas, acompañaron ao gran Billy Wilder, quen sempre soubo tomar a cousa con humor.

É mellor non sufrir por mor de escadas, gatos negros, martes ou trece.

Venres 2 de xuño de 2017