martes, xaneiro 29, 2019

Particular relato dunha aparente frustración

Non lle poñades chatas á obra namentras no se remata.
O que pense que vai mal que traballe n´ela; hay sitio para todos.

Poucos foron os que intuíron que a quebra financeira de 2008 anunciaba non unha crise cíclica da economía, senón o inicio dun cambio no modelo de desenvolvemento capitalista. O paso dos anos, vai alá unha década, revelounos que a mudanza cuestionaba non só a gabada globalización, limitándoa aos intensos efectos da revolución tecnolóxica das comunicacións, senón que o ideal de mercado global, xeopolítica de potencia única e modelo estable, alternante e concordante de representación, ou, o que é o mesmo, “éche o que hai”, no que coincidían Thatcher e Blair, chegaba ao seu fin.

O 15-M foi a supuración dos temores intuídos. Exteriorizou o malestar para acomodarse. 
Xa ven vostedes: brexit, Rusia potencia, China superpotencia, Tump atendendo a casa e dando voltas como unha estornela, a bipolaridade conservadora/progresista esnaquizada por toda Europa e o monstro asomando polas regañas da porta...

Mais eu do que quería falar era de nós. Da nación-política. Para nós o estoupido foi Amio. Alí concentráronse as transformacións do modelo capitalista e o seu corolario na forma de representación política; alí intuíuse a necesidade de mudar o modelo organizativo do ciclo anterior construído sobre un insólito e libresco traslado das experiencias anticolonialistas dos sesenta, do atemporal emprego do concepto leninista de vangarda sempre atinada na alianza nacional de clases, e exceso de pedagoxismo dirixido a unha sociedade moito máis complexa do que os seus pretendidos transformadores coidaban. O disparate prolongouse na mitificación da loita clandestina contra a ditadura  e dos momentos iniciáticos que xeraron liderados fortísimos que mesmo chegan ata hoxe, evidentemente limitados por razóns biolóxicas.

Mais o que estourou en Amio só supuxo, por unha banda a consolidación da resistencia ante o novo e da nostalxia do pasado; iso si, con caras novas. Pola outra o modelo de fronte ficou inmutable, só que agora sen partido-vangarda, en forma de coalición permanente que  actúa cara a fóra como o que non é, un partido. Pero, ao non selo, non podía ir máis alá dunha insegura e inestable conxunción temporal de intereses, ou, o que é o mesmo, dun oportuno, e oportunista, tacticismo electoral.

Dous factores agravaron a particular sensación de frustración; ao mellor non son máis que faces da moeda. A inseguridade subxectiva na fortaleza dunha nova proposta da nación-política atemorizaba, o medo á soidade, provocou unha fantasmal procura de acumulación de forzas, ningunha das cales tiña forza. Por outro lado as dificultades inherentes a conxugar de forma non contraditoria  un proxecto soberano galego finalista coa indiferenza a respecto do exercicio desa soberanía ou, mesmo coa reticencia a cuestionarse, máis alá do plano propagandístico, a actual estrutura do estado español, é un labor mais propio de xenerosos heroes mitolóxicos que de cidadáns do común.

Agravouse  a percepción de frustración cando se actuou cos xeitos conservadores que se criticaban en Amio e optouse por asegurar o que había, unha incerta coalición, socialmente descompensada, na vez de arriscarse en mar aberto e botar pola borda certas incertezas, cando menos para contrastalas. Niso chegou Podemos. O asesor de campaña converteuse en florecente líder. O mundo político semellaba mudar a grandes alancadas; mais, ao non ser o 15M a exteriorización dun malestar, non foi quen de agochar as ansias por ficar  cómodos.

A “acumulación de forzas” variou, envorcouse da banda da reticencia a cuestionar a estrutura estatal e o “algodón” ficou luxado en Cataluña, e nun precipitado retorno ao pasado recuperaron, no trato interno, as peores pulsións leninistas.
Cando todo semellaba rodar cara ao precipicio da inutilidade ou da conversión nunha reserva “cunera” de votos houbo reacción.  E alguén postulou unha nova ilusión porque o desencanto é inútil. É o que acontece ao andar a falar de cidadanía, crise de representación, participación horizontal.... cando, na verdade, só se pretenden empregar estes argumentos como argucia para reproducir os círculos autoproclamados de vangarda. Acábase por descubrir. Pode tardar máis ou menos tempo; pode ser máis ou menos eficaz entre os líquidos activistas de sofá, pero acaba batendo cos sólidos activistas sociais. Entón prodúcese o vorcallón, e aínda que “no se le espere”, chega.

A nación-política precisa un  re-encanto. Non pode ficar reducida a súa representación a un 10% . Será posíbel erguer un instrumento político que supere as eivas da cultura frontista, ou de coalición interna, para converterse nun partido de afiliación individual que concite esa ampla franxa de apoios necesarios para a construción da nación-política? Os vimbios tecéronse neste axitado fin de ano temporal. Agora haberá que camiñar con tino pero con decisión e evitar as falcatruadas en cada revirada do camiño.

Sempre haberá xogo de pareceres ou intereses, pero deben ficar limitados por liderados políticos  e non ideolóxicos, renovábeis en pautas temporais establecidas, nunha organización con costuras ideolóxicas laxas, moi plurais, situada na esquerda social, que é a que ata hoxe amosou algún interese en construír a nación-política, afastada de tremendismos revolucionaristas  sen perder o horizonte da utopía transformadora. Unha organización esponxa que sexa quen de absorber as ideas que emerxen da sociedade actual, dende as diversas formas de ecoloxismo, do feminismo, da sexualidade, as novas formas de expresión cultural ou de trato animal, do cooperativismo no traballo, da percepción do municipalismo como proposta das esquerdas locais e, ao tempo, evitar o fraccionamento ou, o que é peor, a confrontación, entre estas propostas para enxertalas de xeito decidido no proceso de construción da nación-cultura e da nación-política.

*Publicado en Novas do Eixo Atlántico, febreiro 2019



xoves, xaneiro 24, 2019

Agradecido


Déixovos a pequena montaxe fotográfica coa que me agasallaron os amigos e amigas de A Nova Peneira o pasado sábado no Porriño na III Gala de Comunicación d´A Nova Peneira. Moitas grazas


martes, xaneiro 22, 2019

Agradecido polo recoñecemento


Recollendo de Tino Lago, director, o premio ao colaborador na III Gala de Comunicación d´A Nova Peneira.

Un pracer colaborar durante anos, todos os meses, coa Peneira que realiza ese pequeno milagre de manter un xornal en galego coa axuda de centos e centos de pequenos anunciantes, manter unha evidente calidade en información e opinión e absoluta lealdade ao proxecto común de nación.



luns, xaneiro 21, 2019

A estraña derrota


Deste xeito, L'Étrange Défaite. Témoignage écrit en 1940, titulou Marc Bloch o seu libriño testemuñal sobre a invasión nazi do seu pais. “Sen contemplar o presente é imposíbel comprender o pasado”, escribiu na presentación o historiador, cidadán, soldado e partisano; detido, torturado e asasinado pola Gestapo, en 1944, dez días despois do desembarco de Normandía.

Acordei o título cando tentei contemplar e comprender o que aconteceu en Westminster,  santuario do parlamentarismo, eses días pasados. A derrota da Sra. May, ou mellor as sucesivas  derrotas, e o rexeitamento da censura do Sr. Corbyn. Mentres se agarda polo remate da prórroga temporal da resolución definitiva do Brexit, para os restos de marzo.

Teño a impresión de que estamos ante un novo, e estraño, ciclo longo tras o fracaso da fantasmal globalización neoliberal. Aquela nacida na mesma Gran Bretaña da ferreña Sra. Thatcher que confirmaba, certa e fatua, que non había alternativa, “There is no alternative”. Sentenza  que confirmou Tony Blair subliñando a diferenza entre laboristas e conservadores, isto é, entre esquerda e dereita, uns matices sobre a comprensión dos dereitos individuais.  Zapatero confirmouno no seu primeiro mandato.
Así que o neoliberalismo cheo de si, como un rato riba dun queixo, paseou polo mundo, sen que ninguén lle tusise, entre a caída do muro de Berlín (1989) e o estoupido da crise financeira (2008). Xa o advertira Rodrik no seu paradoxo da globalización, con aquel seu trilema. Lembren, de entre globalización, democracia e autodeterminación, só se poden coller dúas. Así que se se quere  globalización e democracia hai que reducir a autodeterminación e se se queren estas últimas, hai que limitar a globalización. E así nas posíbeis combinacións.

Optouse por salvar o dogma e os dogmáticos. Entre 2008 e 2009, os gobernos gastaron 120 billóns de dólares en salvar bancos. Por suposto non se lle ocorreu repartir eses cartos entre a xente, aumentar o consumo e a produción manufactureira, e dedicar fondos á educación, hospitais ou investigación.

E todo estourou. Dende aquela, por Europa e polo mundo, comezaron a xurdir partidos populistas, de dereita extrema, xenófobos e aos poucos o sistema político tradicional saltou esnaquizado. Os novos partidos atraían os perdedores da globalización: os obreiros que ficaran sen fábricas que fuxían tras a man de obra barata; os tendeiros abafados polas grandes superficies; as secretarias e oficinistas borrados polas novas tecnoloxías; os xubilados coas pensións conxeladas... Mentres os orzamentos primaban os centros urbanos e esquecíanse do mundo rural, gastábanse millóns en autoestradas e circunvalacións e pechábanse estacións de tren nas vilas que quedaban sen escolas, médicos e bancos. Iso si, deixábanlles tanatorios.

 Abríase unha fenda entre globalización e vítimas da mesma (de clase ou por lugar de residencia) e por ela coábase a nostalxia do mito. Portugal e España resistíranse. Agora fica só Portugal.

A fenda da globalización e a nostalxia do pasado empurraron o voto contra o sistema tradicional de partidos. Iso é Trump e a vitoria do Brexit; coas súas nostalxias de Imperio e de “América, primeiro”. Non é agora a dereita ideolóxica da TINA da Sra. Thatcher senón unha dereita visceral de xenofobia, nacionalismo estatalista e populismo demagóxico. Macron pretende recuperar Francia sen contar coas vítimas da globalizacións e estóupanlle nos morros os chalecos amarelos. O Reino Unido quere o Brexit, ata duro, sen impórtalle sufrir un duro castigo económico. A estridencia italiana manifestase no pos fascismo da “Lega” de Salvini e no bepegrilismo, versión italiana do noso orixinal Jácome  ourensán. Trump soña con reabrir as minas de carbón e construír un muro de contención, sen saber que polo “limex” romano filtrábanse os “bárbaros” cando lle daba a gana ata que decidiron ficar dentro das fronteira e desfacer o imperio. A nostalxia de Franco con quen non se pagaban impostos, a vida era máis barata, as mulleres estaban no seu sitio e España era unha, manifestase agora sen anteriores disimulos. Bolsonaro emerxe sobre a onda da corrupción retratada nos Papeis de Panamá e nos gobernos do mundo que rebaixaban os impostos aos que envían 600 mil millóns de dólares por ano aos paraísos fiscais, mentres gaba a ditadura militar porque nela a violencia era limitada...

Contemplar o presente para comprender o pasado, cando o futuro é o pasado.

*Publicado en A Nova Peneira, xaneiro 2019


mércores, xaneiro 09, 2019

Vendo quebrar as ondas

Foto:Vigoé/Selika
As ondiñas que ían e viñan amansadas, foron virando primeiro en temporal e logo remataron transformándose nunha galerna que ameaza con escachar  o racú (ou gamela?) contra as rochas do creba-ondas. A suma de despropósitos, intereses partidarios e necesidades persoais arrastraron a motora, transformada, por percepcións alteradas da realidade e a persistente  impericia dos temoeiros, nun fantasmagórico   transatlántico, ata que a rebelión da tripulación, como no motín de da Bounty, fixo mudar o rumbo, sempre coas incertezas de que os inexpertos temoeiros comandados por Christian-Brando sexan quen de levar a gamela a porto e  de non amedrentarse ante as sabotaxes de Bligh-Howard.

Máis ou menos isto foi o que pasou. Unha En Marea, comandada por dereito divino polo tripartito de Mazarelos, despois de boicotear a desexable “unidade popular”, a de verdade, en comandita coa outra parte, a que prefire a pureza incontaminada, coidou que o trebello era unha sociedade limitada a tres.

Mais veu ser que a tripulación creu que as promesas de adscrición individual ao partido instrumental eran certas, pensouno con tanta forza que rematou por impoñela. E resulta que o exercito dos sen partido remataron por dobrarlle o pulso ao tripartito que entendía En Marea, diría Voltaire, como un “conto asiático” para espíritos crédulos.

Pois aconteceu. Van e, os sen partidos, sácanlle 20 puntos de diferenza ao tripartito triurbanita. Manda truco! E manteñen o maxistrado á fronte. A supervivencia política de Villares está en relación directa á súa non actuación como maxistrado e a asunción de que a política non ten nada que ver con estilos togados nin cálculos numéricos. Así que Bligh-Howard volverá de novo e Christian-Brando corre o perigo de ficar engaiolado polas fermosas  grilandas florais e os praceres tahitianos.

Así que entre o esforzo dos “sen partido”, a valentía de Villares, a dilución de Anova e o silencio de Beiras, a posibilidade dunha Marea galega, soberana, propia, non sometida ao ditado de partido ni a chíos madrileños é factible. Agora queda fica facela realidade.

*Publicado en Novas do Eixo Atlántico, xaneiro, 2019


domingo, decembro 30, 2018

Entre memoria, poesía e historia. O 1968[1] de Vaqueiro.

Foto da capa: V. Vaquiero
Un paseo pola educación sentimental dunha fracción de xeración é o que nos ofrece Vaqueiro na súa última achega. Non resulta doado transitar por un memorial e non ficar preso da señardade, engaiolado nun baleiro morriñento, impedido para a acción comunitaria transformadora ou inhibido pola nostalxia.

Señardade, morriña, nostalxia, sentimento lexítimo no individual, paralizante no colectivo, ou aínda peor se se quere engrandecer, con pretensións filosóficas, na “saudade” conservadora dunhas poucas persoas que se ollan mutuamente mentres lle dan as costas ao mundo coidando que só eles están a velo todo.

No individual a señardade pode afundirnos na escuridade suicida. Basta con  lembrarnos de Zweig, morto ao día seguinte de rematar o “seu” queixoso, e extraordinario, retrato da “súa” gloriosa e esluída  Mitteleuropa, agoniado pola perda da seguridade previa á gran guerra e a brevidade do tránsito interbélico, “aquela sombra, pairando, dia e noite, sobre cada um dos meus pensamentos [2]. Outra exaltada morriña individual, a da tradición perdida e arrasada polo materialismo dos novos tempos, a da ausencia dun pasado glorioso, é inimiga de calquera pretensión transformadora, un valado que impide transitar cara ao futuro. Por iso o tradicionalismo é tan traizoeiro que pode mesmo arrastrar pretendidos espíritos requintados  cara as gadoupas do nazi-fascismo, como no caso de Risco.[3] Non é cousa de andar tentando a bicha que asoma.

No colectivo de todas estas acepcións, con maior ou menor intensidade, andamos sobrados, por iso gusto de recordar as palabras de Harvey: “Para que os movementos políticos poidan ter un efecto significativo a longo prazo,  deben deixar a un lado a nostalxia do que se perdeu...”[4].

Fai ben o autor en titular 1968 e non limitalo ao simbólico mes xa que  do que nos está a falar no é dun florecer  primaveral das ideas, senón dunha manchea de conflitos político-sociais ensarillados arredor deste ano que concentrou e expandiu unha profunda transformación nos comportamentos sociais, e non só, nin moito menos, no denominado primeiro mundo, senón tamén no socialista, chinés ou soviético, e no chamado, na altura, “tiers-monde”, ou, en propiedade, territorios coloniais, aínda que estes fosen máis dos que se sobreentendía na expresión. Fai ben en recordárnolo de comezo porque aquilo foi moito máis alá que unha fonda e intensa mudanza da  cotianeidade.

“Son tempos de revolución. En todo o mundo os homes sublévanse contra os vellos sistemas de explotación e opresión, e da matriz dun mundo precario nacen novos sistemas de xustiza e igualdade. Os descalzos e descamisados da terra levántanse como nunca antes o fixeran” dixo Martin Luther King nunha igrexa do Riverside newyorkino xusto un ano antes de que  Earl Ray puxese “em linha reta o seu  olho, a mira telescópica e um ponto da cabeça de Martin Luther King Jr” mentres a sombra de Vo  Nguyen Giap, “o vulcão baixo a neve”, augura un novo Dien Bien Phu porque “o rancor é  um fardo muito grande que fere mais a quem odeia do que quem é odiado” (p.59-60).

1.- As dúas medias irmás.-

É de agradecer o exercicio de memoria poética de Vaqueiro nunha nación-cultura, e tamén nunha nación-política, moi dada a esquecerse de que no Hades había outro río, o Mnemósine, en oposición ao Lethes. As almas dos mortos bebían das augas deste para esquecer as vidas anteriores cando se reencarnasen. Ao chegar ao noso Lethes,  Lima ou Limia, os que o vadeaban desacordaban as súas orixes. Pola contra os escolleitos, os iniciados nos misterios órficos, bebían nas augas do primeiro para lembrar o pasado e transitar polo campo do Esquecemento “a través dunha terríbel e asfixiante calor por estar nu de árbores e de todo canto produce a Terra”, recórdanos Platón no mito de Er, panfilio de nación, no remate da súa República.[5] Decimo Xuño Bruto desbotou o medo a exercer a memoria, atravesou o Lima, Limia dinlle desta banda, alcumounos para sempre ás xentes que habitamos as terras máis occidentais da Hispania e conquistounas para o seu imperio. Ao xeito dos seguidores do poeta Orfeo, Vaqueiro exerce a memoria aínda que isto supoña percorrer camiños descarnados.

Pode ser útil relembrar o simil de T. Judt[6]. Historia e memoria son como dúas medias irmás. Esta, nova, fermosa e fachendosa, pándega, faladora e sedutora, con tendencia a deixarse engaiolar ata pola traxedia. A outra, madura en exceso, eslamiada, discreta e pouco comunicadora, máis gustosa do andel que do baile. Ambas inseparábeis, a pesar da súa eterna disputa. Condenadas irremediablemente a odiarse pero sen poder existir a unha sen a outra. Sendo tan distintas, sen embargo, as persoas, os pequenos colectivos e ata as grandes comunidades, tenden a confundilas. Iso si, coa mellor das intencións. Sen moito tino riscan, eslúen, agochan os matices e ata deixan de ser quen de distinguilas. No impreciso desconcerto, confunden o deber de recordar o pasado co mesmo pasado. Esquecen que a memoria é sempre subxectiva.

Tan impropia como esa nebulosa, esa imprecisión, esa perda de tons, de matices entre memoria e historia, é, advírtenos Traverso[7], contrapoñelas de xeito irreconciliábel. As dúas medias irmás comparten herdanza: a elaboración do pasado; aínda que sometida a xuvenil e leda á xerarquía do maduro e aburrido oficio regrado. A historia nace da memoria e toma distancia converténdoa nun “pasado en si”, adoptando necesariamente a forma ardua do dato, da permanente revisión, da constante reinterpretación e incesante reavaliación. Pola contra a memoria asóciase a propósitos públicos inevitabelmente parciais e premidos pola circunstancia política e o momento social.

Na historia do século pasado movémonos entre un exceso de información, imposíbel de dominar e coñecer, mesmo de referenciar, ante a dimensión inabarcábel de documentación (Fontana meteu nun pdf as 200 páxinas de notas do seu Por el bien del imperio[8] e incorporou cen de bibliografía a El siglo de la Revolución[9]). A historia do século XX, consciente  da enorme diversidade de fontes, incorpora o relato poético como outro máis dos innumerábeis documentos. Entre esa fartura de fontes e o perigo de encerellarse no inmediato, na opinión xornalística e na subxectividade da memoria viva, arrandéase a “historia do tempo presente”. A marxe de seguridade de 25 anos está ben superada; a medio século daqueles “tempos revoltos” podemos analizalos cunha certa distensión dende estes novos “tempos revoltos” que semellan non acougar, quizais para advertirnos de que o que está en cuestión non é o remate-comezo dun ciclo máis ou menos longo senón a adecuación de todo o sistema económico, político e cultural. Isto sería fariña doutra muiñada.

Mais,  acaso non é o poético o máis verdadeiro dos posíbeis relatos?

2.- 1968. As revolucións dos fillos e fillas da guerra.-

“Tempos revoltos”, denominounos Fontana nese ciclo curto que argallou entre 1968 e 1974; noutra ocasión cualificounos como “revolución frustrada”, máis na liña de Tony Judt  e o seu alcume do 68 como “espectro da revolución”[10].
 
O que realmente anunciaba 1968 era o final da idade de ouro, Hobsbawn dixit,  non do capitalismo, senón do período de maior crecemento económico da historia da humanidade. Nunca antes se dera, nin  se volveu dar con tal intensidade e de forma tan xeral. Eisenhower, ao remate dos seus dous mandatos presidenciais (1953-1961) deixou a economía US un 25% máis forte; Europa occidental medraba entre o 8 e o 10% anual; a do Leste sempre por riba do 5% anual; un crecemento similar dábase en América Latina e en África.

Aquel mundo achegábase ao final da “grande ilusión”, xurdida tras o desastre da II Guerra Mundial, de construír unha nova orde  mundial guiada polo tenso entendemento equilibrado entre bloques e o progreso colectivo.  O que parecía camiño cara ao benestar e a democracia comeza a frustrarse. A socialdemocracia non foi quen de ir máis alá de postularse como unha eficiente xestora do capitalismo pero sen capacidade  transformadora do mesmo, ata, despois veriámolo, amosarse como incapaz de conservar moitas das conquistas sociais dos anos de posguerra. O capitalismo afundíase nunha nova crise cíclica e achegábase lostregante cara ao precipicio de 1972. O socialismo soviético ficaba frustrado como alternativa ao amosarse incompatíbel coa democracia,  enlamarse no aburrimento ideal do “homo sovieticus” brezneviano e no neostalisnismo de gran potencia. Hungría primeiro, e despois, xa no ano mítico, a Checoslovaquia de Dubček, foron a proba.

A igrexa católica tamén quixo facer a súa achega á “grande ilusión” co Vaticano II (1962-1965) de Xoán XXIII (1965-1978), espertando sentimentos de cambio entre a mocidade[11]. O globo do concilio nin o deixou inflar Pablo VI e pinchouno definitivamente Wojtila.

Mesmo  a revolución cultural chinesa pode interpretarse como consecuencia do fracaso do “gran salto adiante”, da “grande ilusión” chinesa, ao tempo que como o canto final da decadencia intelectual e física do Gran Temoeiro que quixo provocar unha “gran desorde baixo o ceo” para xerar a nova orde e o resultado foi caos, sufrimento e millóns de mortos.

Ben se sabía que os os gardas vermellos non ían dar cabo da burocracia do PCCh. Ben se sabía que os universitarios de Praga non ían derrotar os tanques soviéticos. Ben se sabía que baixo as lastras de París, “sous le pavé”, non estaba “la plage”. Todo o mundo sabía que os “hippies” ou os “black panthers” non eran unha ameaza real para o sistema norteamericano. Ben se sabía que cando Rudi Dutschke e os seus berraban polas rúas de Berlín “non estamos con Dubcek estamos con Mao” non percibían acaidamente a realidade. Ben se sabía que Franco ía morrer no leito do Pardo. Ás veces, di Hobsbawn, contra Marx, dándolle a volta á decimoprimeira tese sobre Feuerbach, “non se trata tanto de cambiar o mundo como de comprendelo”.

Así que non houbo revolución como anunciaba Martin L. King, ou si? Ou é que a revolución era, é, imposíbel? Cando menos así o semellaba no primeiro e segundo mundo, onde o home, especie soviética ou capitalista, era un ser unidimensional, como nos advertía, en 1964, Marcuse[12], e o seu potencial revolucionario estaba domesticado polo consumo. “Goods and not gods”, “mercadorías e non deuses era o que o pobo pretendía”, escribiu Mazower, en referencia a eses tempos, moitos anos despois[13]. Certos bens e servizos da clase alta foránse estendendo ás clases medias e as elites traballadoras ao tempo que o control social se propagaba ao ritmo no que a palabra “tolerancia” saturaba a linguaxe; en España o mesmo concepto elevaríase, pouco despois, aos altares da deusa da polis, gravándoo nos papiros constitucionais, en forma de “consenso”.

A revolución frustrouse, e frustrados ficaron os seus protagonistas, os fillos e fillas da guerra, que inzaban unha Europa abondosa en rapaces, suficiente en alimentos e con traballo para todos, pero con graves problemas educativos. Meu avó preguntoulle fociñudo aos meus pais para que querían que seguise estudando, que con 12 anos ben me podía poñer a traballar; meu pai ignorou, non sen certa ofensa, a advertencia, mais cando chegou o momento de ir á  universidade entráronlle as dúbidas, non se estaría a exceder? Ata daquela a secundaria fora un privilexio de clase alta e media e a universidade asunto das  elites.

As universidades europeas eran escasas, estaban mal dotadas e  amosábanse incapaces de recoller o exceso de rapaces do “baby boom” posbélico, criados na percepción dunha permanente mellora do benestar que os seus pais nunca percibiran, cando menos con intensidade duradeira. As universidades, con timidez, comezaban a deixar de ser, en exclusiva, o lugar de formación dos dirixentes, agás no Reino Unido, e comezaban a masificarse. A escena, aos poucos, convértese en cotiá:  catedráticos (chamásense Ocón, Garrido ou similar) arrogantes, inaccesíbeis, altivos, impenetrábeis e soberbios, pronunciando conferencias en aulas inzadas de estudantes anónimos (Nanterre sería o prototipo), que, en ocasións, ían botar unha ollada para coñecer outra experiencia pero sen sentir a presión dos fillos das elites (que se formaban nalgunha universidades británicas ou en centros especiais, como a Politécnica ou a Normal Supérieure de París), senón a ilusión, a expectativa dunha mellora cultural e económica que nunca estivera ao alcance dos seus proxenitores. Novas universidades tentan acoller esa demanda, ás veces de forma precipitada con instalacións inadecuadas ou precipitadas; neste ano póñense en funcionamento as Autónomas de Madrid, Barcelona e Bilbao.

Dúas xeracións ben diferentes. Unha acelerada, próspera, numerosa, mimada, segura de si, autónoma culturalmente da xeración paterna, avantaba por riba de calquera valado. A outra insolitamente pouco numerosa, insegura, deprimida, marcada pola guerra, polo sacrificio persoal e o fracaso xeracional. A distancia entre ambas era moito maior do normal entre xeracións. Cada unha ve o mundo como algo novo. A dos sesenta viuno como algo que lle pertencía,  que tiñan que rexuvenecer, aledar e arrincar das tristuras bélicas que tan lonxe lle quedaban. “I hope I die before I get old /Talking about my generation/This is my generation”, berraban Roger Daltrey e Pete Townshend.

Unha década antes, 1957,  e sen establecer a tensión dialéctica entre xeracións non directas senón simbólicas,  avó-neta, unha adiantada María Xosé Queizán expresábao en carta familiar:

“Según tú toda la juventud actual está loca. Solo vosotros, los viejos, estáis cuerdos, y yo pienso que es una pena que con vuestra cordura os sentéis pacíficamente en un café para criticar a la generación actual, mientras esa loca generación vive trabaja, transforma las naciones, progresa y envía al espacio satélites artificiales. Seguramente esto también te parecerá una locura, pero no olvides que los más grandes sabios de la historia, los inventores e investigadores, fueron calificados de locos e incluso maltratados por sus contemporáneos, mientras que ahora los alabamos y gracias a ellos hay menos muertes, podemos oír las voces de nuestros familiares a distancia, escuchamos la radio, tenemos luz eléctrica y yo puedo estar contigo en tres horas. De estas y otras locuras disfrutamos en la actualidad y en un futuro próximo podremos disfrutar de muchas más... gracias al esfuerzo y las extravagantes ideas de una generación a la que me siento orgullosa de pertenecer. (...)”

E insiste a neta Queizán, 18 anos, ante os reproches do avó por non aprobar o acceso á escola de xornalismo:

“Bueno, ahora voy hablar de la segunda extravagancia, la de ir a Inglaterra.... Hay cosas positivas como aprender un idioma, adquirir experiencia... apreciar sus costumbres, pensamientos, aficiones... Todo eso en compensación con perder el tiempo que es lo que estoy haciendo en la actualidad... El consentimiento me lo tienes que dar tú. Espero tu rápida respuesta para hacer el pasaporte, pues tarda bastante y no estoy dispuesta a seguir perdiendo el tiempo. La generación actual, como tú dices, vamos sobre ruedas, nos gusta la rapidez, pero también pensamos las cosas...”[14]

Esa aceleración constante da xeración emerxente chegaría a un punto culminante ás 20:17:40 UTC do 20 de xullo de 1969 cando o Apolo 11 aluaba ao tempo no que na pensión de dona Mina a xeración anterior coutaba os impulsos comunicacionais da nova “... o telefone prisioneiro constituía o limite superior do pasmo. Com efeito, numa caixa de madeira de avoengo notável, fechada por um sólido cadeado, ficava encarcerado o aparelho telefônico de cor preta...”(p.49)

Unha revolución frustrada: un espectro? ou ao mellor non tanto?  E non pode ser que o que realmente cambia o mundo son as vagas de fondo, as que non estouran nun “punch” de fulgor, as que non acadan a gloria da exaltación, senón as que como a toupa ou a couza transforman o obxecto, roen a estrutura, acumulando reformas que veñen e van?. Ben se pode interpretar a revolta feminina do século XX como a maior transformación que nel se produciu, tras a decisión das mulleres, en 1945, de non regresar aos fogares e non caer na celada que lle tenderan en 1918 e tras a, con eufonía, denominada  “revolución sexual” que tamén podemos identificar simbolicamente con 1968, coa pílula, con poder ler O amante de Lady Chatterley e o Monte da Condesa “o cerne do Universo e as origens do mundo”(p. 31)

Do mesmo xeito, ao mellor, a revolución fracasada, espectral, de 1968 simplemente mudou o que pretendía: “os protocolos prévios da dominação política” como di Badiou e nos lembra Vaqueiro, e a axenda política, non a económica.

Ao espectro empurrábao subsidiariamente o descontento polas duras condicións de traballo, polo esforzo de máis de dúas décadas de sacrificio produtivista, o desacougo, a frustración, que os fillos e fillas dos que reconstruíran a Europa destruída, non polos nacionalismos, senón polas disputas imperiais, poñían de manifesto. A nova xeración que chegaba ás universidades expresaba as súas incertezas cara ao futuro pero tamén a frustración paterna, a das clases medias baixas, funcionariais ou de traballadores industriais das que procedía e que podemos rastrexar ata nas folgas de setembro do 72 vigués, que, amais de agochadas motivacións políticas na loita contra a ditadura, desencadeáronse pola libranza do sábado pola tarde en Citroën, polo “sábado inglés”, como se dicía na altura, por unha mellora nas condicións de vida. A de marzo, en solidariedade con Ferrol. Ambas, é o que pretendemos resaltar, non unidas a conflitos salariais, en sentido estrito.

Entender as revoltas do 68 como unha mera expresión do descontento dos fillos das elites burguesas é unha visión tan limitada como explicalas en función dun hipotético momento revolucionario previo ao triunfo mundial do socialismo. Tan fóra da realidade estaban os que pretendían tomar a cidade dende o campo, axitando o libro de citas de Mao, como o Passolini máis iconoclasta que centraba o seu odio ás elites nos mozos petit-bourgeois protagonistas das revoltas: “Agora todos os xornalistas do mundo lámbenvos o cu (...) pois eu non queridos. Tendes cara de mocosos malcriados e ódiovos, como odio os vosos pais (...). Cando golpeabades a policía, eu simpatizaba coa policía porque eles son fillos dos pobres”.[15]

Aqueles feitos convulsos do 68 tiveron expresión diferente en Europa, onde todos estaban contra a guerra de Vietnam,  que nos EE UU. Nos dous casos, ao mellor, cun impacto desproporcionado a respecto da súa verdadeira transcendencia, agás nos casos de Francia e Checoslovaquia, nos que os seus lideres tiveron que “coller o portante”, aínda que de forma ben diferente. De Gaulle tras perder un referendo e Dubček, logo de ver Praga ocupada polos carros de combate do Pacto de Varsovia, “entrando en razón”, despois do amable convite a unhas merecidas vacacións nas beiras do Moscova.

Podemos valorar dun xeito ou doutro aqueles feitos, podemos destacar tal ou cal aspecto, podemos agrandar ou minimizar a súa influencia pero é evidente, e ocorre sempre, que os intres de gran impacto, de verdadeira transcendencia cultural e política, só os podemos percibir cunha ollada en retrospectiva. Aqueles tempos e feitos que dan pé á  creación literaria de Vaqueiro, tiveron a importancia de atinxir non só á  xeración protagonista, senón ás que ata hoxe viñeron tras dela.

3.- Há uma lua ruim

Foto: M. Caeiro
Coa referencia á “bad moon rising” dos Creedence arrinca Vaqueiro a súa memoria poética. “Que eu me lembre...”, arremeda Vaqueiro a Funes o “memorioso”. E lémbrase sen nostalxia. Lembra e lémbranos a súa educación sentimental que é tamén a dunha parte da súa xeración. Pero esas lembranzas fanse dende a altura de medio século, a distancia de quen vive con intensidade, matina con mente espelida, mira con ollos abertos e sente unha permanente curiosidade einsteniana.

E ofrécenos un libro rompedor, que combina, en harmoniosa superación de xéneros, a poesía, medida ou libre, o prosa poética ou a poesía prosizada, ou como se lle queira chamar, o ensaio breve..., nunha variedade formal que empata cunha visión da literatura superadora de tipoloxías máis funcionais para a critica que para a creación.

Vitor é un renacentista, en tempos de saberes inabarcábeis, que é quen de sentir a mesma paixón por Borges que por Badiou, por sinalar estremas ideolóxicas. Poeta, narrador, home de ciencia, fotógrafo, etnógrafo, profesor, filólogo, sociolingüista, axitador político, activista cultural, cociñeiro (podedes sorrir relaxados co seu breve ensaio sobre a arte de cociñar, p. 100) e falador, un ameno conversador que gusta de partillar horas arredor dun café. Rexo, non fai, nin se fai, concesións, e valente. Cando levaba a maior parte da súa obra, en dimensión e tempo, publicada, decidiu, por convicción política, cultural e lingüística,  empregar o portugués como norma ortográfica, sabendo ao que se arriscaba, que editoras de sona lle desen as costas,  e afastándose dunha “lusadicción” impostada. Na altura de que falamos Portugal estaba de costas viradas, aínda que os ditadores se entendesen na indiferenza; naquel ano Caetano ocupou o lugar de Salazar e prolongou a guerra colonial nun quinquenio de morte.

Un amigo escritor díxome: “Vaqueiro ten razón, pero eu non me atrevo, a min gústame que a xente me lea”. Vitor, un gran lector de Weis, recolle do seu Marat-Sade: “Ao silêncio da natureza, eu aponho a minha ação. Na indiferença universal, eu descubro um sentido. Não sou uma testemunha passiva!. Eu intervenho, aponto o que é falso e luto para mudar e corrigir.” (p.55)

Vaqueiro é o autor-testemuña cuxo relato-memorial ten un valor histórico e poético, porque a memoria, eminentemente subxectiva, fica ancorada nos feitos que presenciamos, dos que somos protagonistas, daqueles que nos lembramos, dos que deixaron pegada en nós..., e a narración máis subxectiva, máis filla das impresións, é o relato poético. A memoria é sempre unha visión do pasado matizada polo presente, a “presentificación” á que se refería W. Benjamin. A visión de Vaqueiro probablemente non coincida coa doutras persoas daquela minoría estudantil da Compostela de 1968 ou daquela outra non universitaria enxertada na cultura do momento; quizais mesmo a contraposición sexa intensa con algunhas  das que “renunciaron” ao “ideal” que nalgún momento, máis ou menos, compartiron.

Quen escoite aos Credence ou a Joplin hoxe, quen lea a Lezama ou a Borges, quen pouse as mans sobre as obras escollidas de Mao ou Lenin, quen contemple as imaxes do peche de Filosofía, dos grises pola rúa ou do concerto de Medicina non terá nin unha visión, nin unha sensación similar á  que nos transmite Vaqueiro. As persoas que carecen da condición de testemuñas, de actores, de protagonistas, non perciben as emocións, os temores, a  suor nas mans, as agoniadas gorxas, as linguas resecas, os olores da tensión, os ollares de alerta...; a memoria sempre vai cargada de subxectividade porque lembra o vivido ou como foron vividos os acontecementos por máis externos, sociais ou afastados da testemuña que poidan parecer, e instálase na memoria colectiva tras un proceso de amplificación polos medios de comunicación e, ás veces, pola xestión interesada dos poderes públicos que a seleccionan e reinterpretan en función da sensibilidade cultural, da conxuntura social, de debates éticos ou conveniencias políticas momentáneas. Este proceso de usurpación da memoria polos poderes políticos é manifesto no caso das revoltas do sesenta e oito e nos anos de remate do franquismo e de tránsito á monarquía  pos franquista. W. Benjamin denominaba “experiencia transmitida” a que forxa identidades, crea, en sentido hegeliano, o Estado, que é quen de converter en Historia todo o que a deusa da memoria (Mnemósine) pode recoller entre as faragullas que deixa o paso do tempo. Mentres que a “experiencia vivida” resulta individual, fráxil, volátil, efémera.

O 68 como “momento glorioso” do que participaron todos os que naquel momento estaban na topoloxía da memoria, París, Berlín, Berkeley ou Compostela, do mesmo xeito que “todos corrían diante dos grises”, nos anos que os poderes públicos denominaron “transición” e que por arte de birlibirloque fixo desaparecer os franquistas. O rei deixou de selo por decisión do Xeneralísimo e ficou lexitimado polo pobo soberano tal e como Suárez deixou de ser Secretario Xeral do “Movimiento”, isto é, do partido único do franquismo denominado dende abril de 1937 “Falange Española Tradicionalista y de las JONS”, e pasou a ser o mago que sacou da chistera o “consenso constitucional” que nos librou do franquismo do que todos eramos “vítimas”. Tanto o relato do 68 como o da “transición” ficaron socialmente asumidos polo que W. Benjamin denominaba “empatía historicista cos vencedores”.

Esa educación sentimental, a de Vaqueiro, ocorre nunha cidade ecuménica, nunha cidade-mundo, nunha cidade-universal, síntese de todas as topoloxías (“Nas escadas avança vagarosa/a Hoste armada. A textura sebenta/e a silhueta vil, facinorosa, / delineiam a epiderme cinzenta, apavorantemente lutuosa/de czares de mirada peçonhenta,/ Compostela é Odessa ao meio-dia/alagada no fel que a vozearia p. 53), de todas as cidades “Há uma lua ruim nos arrozais do norte/e, entre os carvalhos de Santa Susana” (p.31) e nas súas lembranzas “... a música/agatinha na praça da Quintana” (p.131) e constrúe a particular banda sonora que é  tamén a dunha parte desa xeración: Credence, Joplin (procriava o extermínio e o tempo continua/ a se mover, ó Janis! Em Saigon e Alabama”, p 98), Dylan, Hendrix (“e essa chave, Jimi, não desbloqueia a porta/ dessa casa vermelha” p. 98), John Lee Hooker (Ó caro John que moras na prega do horizonte” p.130) Chuck Berry, Nina Simone, José Afonso, Baez (“Joan, duma janela, mas o teu pranto voa/além de Pedrafita, numa viagem sólida” p.98),Woodstock (“era a fase de aquário”p.98), radio Pirenaica e unha sucesión de imaxes prendidas na retina: Kubrick, Coppola, Glauber Rocha, a faixa pendurada na entrada da Alameda, as rúas de Santiago sen esaxerados carros de combate e as rúas de Santiago esmagadas por reais carros de combate similares aos de Praga con catro anos de distancia e a brutalidade asasina como diferenza.

O libro é un permanente metatexto, en constante referencia a sobreentendidos, que  o lector avisado tenderá a valorar en exceso polo que, para este tipo de lector, farase necesaria unha segunda lectura para capturar a obra na súa dimensión literaria. Un libro que precisa claves pero ten a grandeza da arte que é quen de superar os segredos para converterse en universal, en literatura, e deixa de ser preciso desentrañalo, agás pola curiosidade do descubrimento. Un libro, en principio de poesía, con notas ao  pé, ou mellor enlaces a youtube, e que leva o autor a cuestionarse sobre o plaxio ante as abondosas referencias (p. 33).

E entón que tiñamos en Compostela de orixinal? Pois tiñamos a Zabala, ao Zavalita peruano vestido como o almirante Nelson con uniforme de charreteiras douradas; tiñamos unha nación-cultura por descubrir no concerto de medicina que foi antes que Wodstock, como o peche de filosofía foi previo ao maio parisiense, aínda que estes xa quentaran motores un ano antes. Zabala, o bedel policía, marcaba a diferenza mentres a personalización do mal que o criou seguía a darlle ao zoco tralos salmóns na Estrada ou nos prados de Meirás.

Ao final non eramos tan diferentes. Escoitábase a música amentada máis arriba e descoñecíanse os Morenos de Lavadores ou os gaiteiros de Soutelo. Non estabamos tan “atrasados” e moito menos tan “colonizados” como argumentabamos no proceso de axitación de conciencias preciso na altura, necesariamente revisable nesta altura tan afastada. Mentres, íase “inventando unha tradición” (Hobsbawm/Ranger), imaxinándonos dunha comunidade (Benedict), a partir dunha faixa pendurada na entrada da Ferradura compostelá, dun xantar de despedida de C.E. Ferreiro, da “queima dun barracão de obra”[16], da paulatina descuberta da xeración derrotada tres décadas antes, da tradición da nación-cultura, da resistencia silenciosa dunha sociedade rural e da percepción entre os sectores máis conscientes do proletariado industrial desa comunidade que se construía ao mesmo tempo que a tradición.

Estamos a falar dunha parte da xeración do 68, dunha fracción minoritaria que rematou por facer valer, a posteriori, os seus valores de liberdade, imaxinación, creatividade,tamén de individualismo, e algunhas banalidades estéticas. Chega con  lembrar a ironía de Country Joe McDonald, que Vaqueiro emprega para encetar o seu libro: “Bom, imos, mães de todo o mundo/enviai os vossos moços a Vietnã (...) Sede os primeiros da vossa vizinhança/ em trazerdes o vosso filho numa caixa./ E um, dous, três, por que estamos a lutar? e contrastala con aquel monumento ao individualismo máis reaccionario e repugnante dun tal J. Iglesias: “Unos que ríen otros  llorarán/ Aguas sin cauce, ríos sin mar/ Penas y glorias, guerras y paz/(...)Al final las obras quedan las gentes se van/ otros que vienen las  continuarán, la vida sigue igual.” coa que vibraba unha parte considerábel da xuventude española que ao tempo cantaruxaba sen acougo o triunfante “La, la , la” co que Massiel nos situaba en Europa, aínda que só fose na eurovisiva, despois de chamar a rebato ante o “desafío catalán” que pretendía empregar o dialecto daquelas terras no transcendental concurso político-musical.

Ben merece a pena deambular por aquel ano que tantas vidas cambiou collidos da man de Vaqueiro.


Gondomar de Miñor, entre novembro e decembro de 2018





[1] Vaqueiro, V.: 1968. Laiovento, Santiago, 2018
[2] Zweig, S.: O mundo de ontem, Porto Editora, 2017, p.507-508
[3] Risco, V.: Mitteleuropa, Galaxia, Vigo, 1984.
[4] Harvey, D.: El nuevo imperialismo. Akal, Madrid, 2004.
[5] Platón: La república. Alianza, Madrid,  2010, 621a.
[6] Judt, T. e Snyder, T.: Pensar el siglo XX. Taurus, Madrid, 2012, p.266-267
[7] Traverso, E.: El pasado, instrucciones de uso. Historia, memoria, política. Marcial Pons, Madrid, 2007.
[8] Fontana, J.: Por el bien del imperio. Una historia del mundo desde 1945. Pasado &Presente, Barcelona, 2011
[9] Fontana, J.: El siglo de la revolución. Una historia del mundo desde 1914. Critica, 2017
[10] Judt, T: Postguerra. Una historia de Europa desde 1945. Taurus, Barcelona, 2006
[11] Var Campo Freire, X.: “Concilios, Galeguización e Compromiso”; Noia Campos, C.: “A fender o modelo patriarcal” en VV. AA.: Galiza 1968. A conciencia avivada. Monografías Sermos Galiza, Santiago, Outubro 2018
[12] Marcuse, H.: O home unidimensional. Universidade de Santiago, 2012
[13] Mazower, M.: La Europa negra. Balín Libros, Valencia, 2017
[14] Queizán, M.X.: Vivir a galope. Xerais, Vigo, 2018 pp. 201-202
[15] Passolini, xuño 1968; citado en Judt, T.: Postguerra p. 569
[16] Barxa Álvarez, N.: “A alegre (¿) década dos sesenta” en Galiza 1968. A conciencia activada. Monografías Sermos Galiza, Santiago, Outubro 2018