martes, decembro 01, 2015

Non foi posíbel



     Rousar o carro, cargado de húmido estrume ou de livián centeo, non é cousa doada. Facelo ás presas moito menos. Non é explicable o fracasado proceso de xestación dunha única candidatura galega para as Cortes españolas a elixir o vindeiro 20 de decembro, se non recuamos, cando menos, ata os tempos inmediatamente anteriores ás municipais do pasado maio. 


As municipais

     Naquela altura houbo xeitos ben diversos de afrontar as eleccións locais: por unha banda un BNG que seguía, dende Amio, dando voltas arredor de si, coma can tras o rabo, e no que algúns comezaban a percibir que o problema non era o rabo senón as moscas que inzan na paisaxe desolada, nas rúas baleiras e na xente dominada por complexos de culpa tal como arremedando a obra de Sartre. Alguén tenta espantalas pero cun xesto de fastío en vez de procurar un exterminador de insectos voadores, e argallaron o de BNG - Asembleas Abertas que non serviu para coutar a desfeita urbana que era a ameaza. O BNG foi quen de defender con éxito o seu, limitado, poder municipal e manterse como forza opositora naqueles lugares nos que non tivo que competir con candidaturas da súa mesma matriz e fracasou onde isto aconteceu (Salceda, Mondariz, Arbo...) e en calquera caso viu diminuída a súa representación e apoio en beneficio dunha gran variedade de candidaturas nacionalistas e de esquerdas.

     Pola outra, tras o fulgor de AGE veu o precipicio e o “espazo” tivo que reconverterse como puido, sabendo que a idea de “unidade” era a tecla que cumpría pulsar. O efecto sonoro ía depender doutras variables. Funcionou na Coruña, onde sorprendeu por ser unha praza forte do PP; resultou en Santiago, empurrado polo abafante cheiro do esterco podre, e en Ferrol, onde nin se tocou a tecla, soou por casualidade nunha cidade inestable politicamente. Onde a “unidade ampla” non pasou do xogo de palabras fracasou, con maior ou menor estrépito (Vigo, Ourense, Lugo) e en xeral para beneficio do PSOE.

O 25 de xullo

     O segundo antecedente que cómpre rememorar é a manifestación unitaria do 25 de xullo.
Sen dúbida o éxito da manifestación debeuse a que persoas diversas se atreveron a impulsar unha demanda sentida e ansiada por moitos e moitas nacionalistas, e mesmo non nacionalistas, de esquerda, poder acudir a Santiago, o vinte e cinco, nun espazo de amabilidade, de entendemento, de afirmación común dentro da diversidade. Foi esa aposta valente o que obrigou á “xenerosidade” do BNG que renunciou á súa convocatoria e ao tradicional discurso do seu portavoz nacional ao tempo que “tarde, mal e arrastro” Anova e EU tiveran que participar na manifestación. Pero tamén porque sobre o 25 de xullo pairaba a convocatoria electoral.

A Candidatura Galega

     Uns, porque temos anos para lembrar, outras persoas porque están ben informadas, o caso é que na historia recente, hai 37 anos, en 1978, a expresión política de Galicia como suxeito ficou fóra do proceso constituínte. Os franquistas revestíronse de demócratas e as elites locais, asentadas dende o golpe de estado, ficaron intactas como en ningunha outra das nacións do estado.

     A crise do bipartidismo monárquico auguraba esperanzas de ruptura co réxime do 78 ou, cando menos, que o “desafío” (como din en Madrid-España) catalán provocase unha ampla reforma constitucional. A día de hoxe os augurios vense escurecidos por negras nubes.

     Había un obxectivo real, non un horizonte utópico. Era evidente que unha candidatura unitaria ía ter éxito, pola suma e sobre todo pola ilusión, e disputaríalle a primacía ao PP. Poderíase pegar un chimpo no sistema de representación en Galicia que fose quen de situar a esquerda da nación cidadá na disputa de maiorías relativas, agora e dentro dun ano.

     Ao longo do mes de agosto puxéronse en marcha dúas iniciativas co alcuño de cidadás. A primeira nacera nunha reunión de persoas vinculadas ás candidaturas Ames Novo e Compostela Aberta que, de xeito ben oportuno, denomináronse como Marea ao acubillo da denominación popularizada nas municipais. Convocaron unha reunión en Santiago o 22 de agosto na que entre outras conclusións se aproba camiñar cara á confluencia con iniciativas semellantes. Ao día seguinte tivo lugar o banquete de Conxo 2.0 e non sen tensións púxose en marcha o que se chamou Iniciativa pola Unión cun programa de acción que se resumía en procurar a confluencia coa marea.gal para construír unha candidatura de nacionalistas e non nacionalistas, con personalidade xurídica propia para constituír un grupo parlamentario nas Cortes españolas e defender alí tanto o dereito a decidir como políticas de carácter social contrarias ás da troika. 

     A marea.gal tomou a IxU como unha especie de competencia ilexítima, produto do pavor ao “desembarco” do bloque, en vez de comprender que o que tiñamos era que colaborar para acadar a candidatura e aínda axudándonos a cousa non ía ser doada. Ao longo do mes de setembro produciuse unha especie de competencia a ver quen era máis “cidadanista”, quen tiña a “metodoloxía” máis acaída, etc, etc... A finais deste mes, no denominado Acto de apertura de Iniciativa pola Unión, percibíronse evidentes signos de tensión ao pretender o BNG incorporar representación directa de partidos e xa que logo anular o carácter cidadán de IxU pero sobre todo ao reafirmarse nunha alianza exclusivamente nacionalista facendo causa da presenza do Partido Galeguista, Coalición Galega e Terra Galega.

     Os resultados das “autonómicas” ou “plebiscitarias”, segundo cada quen, catalás foron mal interpretados polos actores da candidatura unitaria. Por unha banda o BNG, ou sectores preeminentes do mesmo, interpretaron que o nacionalismo estaba á alza, polo, aínda que discreto, resultado de Junts pel Si e polo éxito das CUP. Esquecían, como en moitas outras ocasións, que Cataluña pouco ten que ver co noso país e dende logo o BNG non son as CUP. Na outra banda, a covardía política de Anova non lle permitiu romper con Podemos, cando era evidente o devalo deste cara ao bipartidismo corrixido (PP-Cidadáns; PSOE-Podemos) mentres que o tartufismo de EU permitíalle tragar o maltrato, de obra e palabra, a que someten os seus socios en Galicia aos seus compañeiros en España.

     A presentación do preacordo de Mazarelos (Anova, Podemos e Esquerda Unida) deixaba dúas cousas claras; primeiro que para o trío de partidos o Encontro pola Marea era un convidado de pedra e que o acordo ía rematar nunha chambonada para os que afirmaban a vontade política do suxeito galego. Ao tempo provocou, no BNG, a reacción das estruturas burocráticas ante a indefinición, as présas, o pánico, o medo a quedar fóra...

     O que sucedeu nos días seguintes só foi parte dunha mala representación teatral cun pésimo elenco actoral, do que eu mesmo formaba parte.

     Non houbo candidatura galega non por imposibilidade conxénita, senón porque os actores non quixeron. Con todo, fronte aos “conspiranoicos” de sempre (había meses que estaba decidido!!!), estou seguro de que houbo moitas persoas, dun lado e do outro que arriscaron, e moito, para que se chegara ao acordo. Non foi posible. Haberá que seguir intentándoo.


* Publicado en Novas do Eixo Atlántico. Decembro, 2015


2 comentarios:

  1. Querido Meixo,, Son Manolo G-Valverde vello coñecido teu, teño 72 anos e militei no PCE, PSG e do 1991 ao 93 no BNG (actualmente en nada)e quero facerte chegar algunhas reflexions sobre o teu artigo.Na Galiza sempre estamos no mesmo ponto de desunión levamos toda a vida no mesmo punto, cando a constitución era vital a unión ,, pois non ,,despois fun dos que dentro do noso autoxestionario PSG quixo facer unha fronte co BNPG e fomos traizoados polo xa daquela mediatico Beiras e a sua egolatria e polo oportunismo noxento da UPG (entre eles pactaron a Fronte) ,praticantes dun comunismo ramplon que nos anulou,, o BNG de Riazor foi unha frustración,, os coroneis seguian mandando co mediatico Beiras, e mentras Beiras estivera na cupula non habia problemas ,, tanto e asi que probeia miña militancia 3 anos no BNG no que vin sempre o mesmo sectarismo, exclusion, que funcionaba mentras Beiras o seu ego e o comunismo oportunista se levaran ben,, despois viñeron os bandazos politicos de todo tipo e a ruptura do que nunca funcionou ben, e chegou a desbandada, a venganza de Beiras farto e frustrado no seu ego e a UPG coma si nada,o beirismo pasou a abrazar a IU e logo a Podemos nunha alianza mediatica a mais non poder, facendo politica de postureo ,, simplemente , estan de moda e van triunfar,, pero son unha moda e postureo o fondo valeiro.O teu artigo parezme ben.. eu seguin o proceso intensamente e estou bastante dacordo contigo,, pero che vou facer algunha consideración.....,,,,vexo por primeira vez na historia un BNG cambiado dirixido por un Vence que é sensatez e coherencia abandonando o sectarismo por primeira vez na historia do BNG quizais sexa por que ven que van ser laminados e quedar sen representacion pero teño que ser obxectivo e vexo que por primeira vez gustame o seu comportamento e vexo que ainda que sigan a ter culpa na desunión, pra miña maneira de ver son mais culpables os do outro lado os das mareas os que incumplen todo o que decian de horizontalidade,primarias, non as cupulas e colocar figuras antidemocraticamente,,, e o teño claro ainda que vou perder o meu voto vou votar NOS,, xa sei que voto perdedor pero creo que Vence e o novo BNG abren un camiño a esperanza.Meixome ,,, unha forte aperta.

    ResponderEliminar
  2. Prezado Manolo
    Ben que me alegrou saudarte, non hai moito na oficina viguesa da Muface. Deixando aparte as valoracións de tempos pasados. A cuestión central, na miña opinión, é que estamos no inicio dun novo ciclo político, que non sei, é evidente, canto vai durar; mesmo pode ser tan longo como o presente, e paréceme que acabamos de cometer un grave erro, moi grave, e cando digo “acabamos” é que falo de nós, das persoas que coidamos que formamos parte dunha nación que temos que construír con forzas sociais e políticas propias pero sobre todo con ideas propias: pero infortunadamente non fomos quen de atinar nestes anos, nin os que abandonamos o BNG en Amio e puxemos en marcha unha Anova que rematou en mans dos que coidan que chegou o momento da súa vinganza histórica sobre o BNG aínda que para iso teñan que entregarse ao españolismo de esquerdas que nunca, agora tampouco, foi quen de entender a cuestión nacional no estado; nin os que coidaron que o “aparato” é capaz de resistir o embate do tempo e que a cuestión é resistir, sen decatarse que ían, e levaban o nacionalismo cara o precipicio. A cuestión estaba en que unha candidatura galega, con todos os nacionalistas e co españolismo que admite falar da cuestión nacional galega tiñamos oito ou nove deputados, minimizabamos ao Psoe e tiñamos a presidencia da xunta a tiro. E certo que dese xeito teriamos deputados/as que se ían pasar ao grupos estatais, certo, pero tamén aseguraríamos unha presenza de deputados/as nacionalistas importante, mesmo maioritaria nunha primarias que terían que ser pactadas. Non foi posíbel. Estiven no ollo do furacán nestes meses e sei que o BNG mudou cousas pero non o suficiente para facerse crer. Sabes que formei parte da coordinadora de IxU elixida no Banquete de Conxo así como na elixida o 27 de setembro, digamos que en representación de Cerna, ata que tiven que dimitir cando unha parte do BNG? Impuxo que a candidatura só poda ser de nacionalistas, que era máis importante chegar a acordos con Terra Galega ou o Partido galeguista que coas Mareas da Coruña, Santiago etc... Non sei de que foi a culpa, ou entre todos a mataron, coido que houbo dos diversos lados, non houbo dous, a cousa é máis complexa, xentes que apostaron con sinceridade pola candidatura unitaria; máis tamén sei que nos diversos lados houbo xentes que fixeron imposible o acordo. Con esta idea remata o meu artigo. Eu non sei como vou votar o 20. Si sei que polas oportunidades que se estragan hai que pagar un prezo, e vai ser moi elevado sexa cala sexa o resultado para a idea da nación e da esquerda democrática. Dame tamén que as dúas persoas das que me falas van ter que pagar o prezo por non ser capaces de impoñerse
    Prezado Manolo, unha forte aperta sen renunciar a esperanza que o 21 teremos que manter viva.

    ResponderEliminar