mércores, xullo 17, 2019

A unha e outra beira: o atlántico


Atinou Castelao ao empregar as figuras, tráxicas diría el, das irmás Castro como símiles do corpo colectivo da nación, en reiterada frustración,  encastada nun recanto entre Portugal e Castela. Lembremos. Dona Xoana (?-1374), a raíña por unha noite, soterrada no Panteón Real de Compostela, repudiada polo inestábel Pedro de Castela. Aquel que bandeaba de Cruel a Xusto segundo amañecese, mesmo á  custa de que quen, segundo certa historiografía con excesivo cheiro a invención  decimonónica, puxo no seu epitafio: “Aquí xace Fernán Ruiz de Castro, toda a lealdade de España” se enrabiase. Así foi, o Conde de Lemos, encabuxado polo trato real á súa irmá, cruzou o Miño,  asentouse en Monçao e desvinculouse, ante notario, da coroa de Castela. Despois Pedro pediría papas e o de Castro decataríase de que os seus intereses, e os da nobreza laica galega, defendíanse mellor apoiando a Pedro na disputa dinástica con Henrique, aínda que este último portase o título galego de Trastámara.

A media irmá Inés (1320 ou 1325- 1355), engaiolou outro don Pedro, o de Portugal, mais, poetiza Camões: “O velho pai sesudo, que respeita/ o murmurar do povo e a fantasia/ Do filho, que casar-se não queria/ Tirar Inês ao mundo determina,/ Por lhe tirar o filho que tem preso,/ Crendo co´o sangue só da morte indina/Matar do firme amor o fogo  aceso”. Ben saben a historia. Inés asasinada polos temores do rei e a nobreza portuguesa á  influencia perversa dos Castro e do “partido galego”. Rememora Camões, tamén de ascendencia norteña: “O caso triste, e digno de memória/Que do sepulcro os homens desenterra,/ Aconteceu da mísera e  mesquinha/que depois de ser morta foi Rainha”.  O engaiolado Pedro, xa rei, obrigou os nobres conspiradores a bicar o anel da raíña na man esquelética de quen reinou de morta. Prosegue Camões: “Do justo e duro Pedro nasce brando/ (Vede da natureza o desconcerto)/ Remisso e sem cuidado algum, Fernando,/ Que todo o reino pôs  em muito aperto;/ Que, vindo o Castelhano  devastando/ As terras sem defesa, esteve perto/ De destruir-se o reino totalmente;/ Que  um fraco Rei faz fraca a forte gente”. O fraco Fernando reinou en Galicia por aclamación nobiliaria durante tres anos. Quen devastaba era Henrique, o Trastámara. O “inconstante” Fernando e o magro irredentismo portugués, por temor a Castela, abandonounos. Dona Xoana,  aldraxada. Dona Inés, amada, despois de morta.

Mais Portugal aseguraría a súa independencia converténdose nun “azar inexplicado e inexplicable” en palabras de Sánchez Albornoz  no seu intento de desentrañar o “enigma” de España. As verbas de don Claudio incítanme a dúas reflexións. Primeira, semella que o nacionalismo español liberal-progresista (sempre subalterno a respecto do nacionalismo conservador, católico e autoritario) ten serias dificultades para esgazarse da matriz imperialista e castelanista; as dúas veces que o intentou (1873, 1931) fracasou. Estaremos nunha terceira tentativa ou só nun amago?.

Segunda, o simplismo da visión xeografía como base dun iberismo galante e natural, aínda que só ben visto se é condescendente co que se considera maioría territorial, poboacional e cultural. Portugal non é un absurdo político porque a aparencia de “continuidade” xeográfica non determina a historia, nin a xustifica, como, por poñer un exemplo, non explica que as chairas centrais europeas teñan que formar parte dun espazo político unificado, por moito que o pretendan as teorías dun “espazo vital” (Lebensraum) alemán.

Pola contra, no caso portugués, parece que a “situación” xeográfica pode servirnos para explicar a continuidade da nación política e, ao mellor, no noso caso, a redución a unha simple cultura e lingua primixenia, amada pero “mísera e mesquiña”. Somos unha terra de termo, dicía Otero, unha marca fronte ao  océano, unha fisterra europea. Volvendo a Camões: “Onde a terra se acaba e o mar começa”. Certo, como o é toda a franxa atlántica peninsular, con resultados ben diferentes a unha e outra beira da fronteira do Miño, esa puñalada psicolóxica persistente.

A medida que baixamos do Miño cara ao  cabo Roca, o punto máis occidental de Europa, e o Algarbe, temos unha costa aberta ao  océano, recta, sen aberturas, sen portos de abrigo nin illas, sen golfos, e aínda que o mar lle afecta a case todo Portugal, a vida económica dependente del amósase secundaria, cunha plataforma estreita, apenas 30km., e batida por fortes ventos; as condicións xeográficas non invitan a aventuras marítimas e pola contra “E se mais mundo houvera, lá chegara.  “Virou costas a Castela” e cando a revolución tecnolóxica do transporte llo permitiu botouse ao  impetuoso océano e asegurou a súa persistencia como nación. A poboación portuguesa atlantizouse.

No noso recanto fisterrán pola contra a liña costeira é unha permanente  reviravolta, unha constante e mansa, en gran parte, entrada do mar na terra, inzada de illas e magníficos portos de abrigo e unha extensísima plataforma mariña que augura toda caste da farturas. Mais as súas elites viráronlle as costas ao  océano liberador,  desatlantizáronse, e asumiron o estereotipo de ser a  fin do mundo, a  fin dun único camiño terrestre e non o principio de varios alternativos. Ollaron para León, para Castela, para o poder da monarquía e tras sucesivas alianzas erradas ficaron por converterse en nobreza cortesá para facer carreira política. Niso seguen.

Cando o desenvolvemento tecnolóxico o permitiu, as abundancias que auguraba o mar ficaron en mans adventicias que tardaron en diluírse no conxunto social e a aventura mariña virou de conquistar almas para Deus e tesouros para o rei a exportar man de obra para repoboar as Américas baleiras tras o exterminio indíxena.

Un deses nobres cortesáns foi don Diego Sarmiento de Acuña (1567-1626), Conde de Gondomar, que engadiu á  súa bibliofilia  a bendita teima  de gardar as cartas que recibía e copia, ou cando menos  apuntamento, das que enviaba. Hai entre as 40.000 cartas que conservou unha fonte de primeira man para  coñecer o devir político e social da monarquía católica no transito do XVI ao XVII. Nunha delas, dada a coñecer por Lois Tobío, don Diego Sarmiento de Sotomayor e Bazán (1535-1591), señor do Val de Achas e Petán [que non é o mesmo que o seu homónimo, parente e coetáneo, o señor de Salvaterra e Sobroso, Don Diego Sarmiento de Soutomaior (1570-1618), primeiro conde de Salvaterra], escríbelle ao  parente de ambos e futuro conde de Gondomar dúas cartas. Na primeira o señor das Achas dille a don Diego “e que fixese isto nesta lingoaxe pois e de v.m. tan estimada e por ela me trouse aquí que coela despertaría v.m. do sono de coRexidor.” Na segunda afirma de si mesmo: “saom Sarmento e criado a veira de Portugal”. Cando o señor das Achas lle escribía ao  de Gondomar, Portugal e Galicia pertencían á  monarquía católica dos Austrias.

Paseo polo lenzo da muralla da fortaleza de Salvaterra, erguida por militares portugueses, mesmo por riba das chamadas Covas de dona Urraca que reverberan, ao xeito popular, lendas dunha raíña argallando os ataques, coa asesoría do “pío ladrón”  Xelmírez, contra a súa media-irmá Tereixa, a condesa portucalense a quen tiña sitiada no castelo de Lanhoso. Imaxino a Pedro Madruga resistindo os mercenarios de Alonso II de Fonseca e, sitúome, menos de medio século despois da carta do señor das Achas, cando Rodrigo de Vasconcellos vadea o río para tomar a fortaleza, da que lle ía franquear as portas o mando militar que deixara o segundo conde de Salvaterra, Garcia Sarmiento de Soutomaior e Luna, que marchara había pouco para ser vicerrei no Perú.

Dende a altura da atalaia ollo para Monçao e lembro de novo a Castelao: “Na beira do Miño. O rapaz: ¿E logo os da beira de alá son máis estranxeiros que os de Madrid? (Non se soubo o que respondeu o vello)”.

*Publicado en Tempos Novos nº 226, xullo 2019

Ningún comentario:

Publicar un comentario