Ao mestre, poeta e académico Vitoriano Taibo non o sancionaron
na primeira quenda depuradora do maxisterio, senón tras a autodepuración
decretada polos sublevados. Achegamos un resumo** do seu expediente conservado no Achivo General de la Adaministración de A. de
Henares.
Taibo depurado
Os alzados pronto comezaron
a recompilar datos para a depuración dos funcionarios,en especial do maxisterio. Segundo Porto Ucha e V. Ramil, na provincia de Pontevedra, 438 profesionais
do ensino primario (343 mestres e 95 mestras) foron destituídos. En ningunha
desas listaxes está incluído o poeta Victoriano Taibo que, na altura, exercía
en Morgadáns (Gondomar).Comezou pois don Victoriano o curso co corazón
encolleito polo que lles estaba a pasar a moitos amigos e polo que lle puidese acontecer a el mesmo.
Un día de agosto o inspector
de zona cobre un sintético cuestionario no que cualifica como boa a moral cristiá
e a conduta profesional do mestre de Morgadáns. No epígrafe de ideoloxía anotou
“Dereitas”, e engadiu, entre visuais signos de interrogación: “Galeguista”. É
probábel que os interrogantes lle permitisen a Taibo comezar o curso, pero a autodepuración
ordenada polo decreto 66/1936 remataría con Taibo e a súa familia no desterro
en Villalar de los Comuneros.
A depuración esixía, como
mínimo, o informe do cura, do alcalde, da garda civil e dun veciño. Con
frecuencia, como neste caso, os primeiros informes eran o do cura e o do veciño
“ben considerado”. Ambos redactados polo sacerdote. Eran determinantes por
valorar a actitude ante a relixión, fel
que inclinaba a balanza cara ao castigo
ou o perdón. Non sería este o caso de Taibo, home relixioso.
Informe manuscrito do párroco de Morgadáns |
O párroco de Morgadáns emite
un xuízo positivo sobre o mestre, porén non deixa de sinalar que“manifestouse
abertamente como galeguista”; quizais, di, “non figurase nas listas de socios”
o que non empecía que esas fosen as súas simpatías e traballase a favor do
“nefasto Centro” nas últimas eleccións. Da man e da cabeza do cura saíu tamén o
informe do pai, quen cuestiona a conduta profesional de Taibo ata o punto de
apreciar no seu fillo “síntomas de pouca relixión”.
O alcalde dos alzados, Latino Salgueiro, sintetiza: “simpatizou co
partido Galeguista”. Os informes coinciden na boa conduta do mestre e en que
non espallou “ideas disolventes” entre o alumnado, porén, o comandante de posto óllao como un
“entusiasta da autonomía rexional”. En base aos informes, a comisión acusouno (23/6/1937)
de conduta profesional deficiente, entusiasta da autonomía rexional,
simpatizante do partido galeguista e traballar para o partido de Centro.
A Taibo doeulle moito o
primeiro cargo, quizais máis que os outros cos que xa contaba apandar; tamén
porque a expresión tan pexorativa podía significar a separación do corpo. Preparou
a resposta centrado en retrucar esta acusación.
Visitou o cura e convidouno a
inspeccionar a escola. O crego aceptou o convite e examinou, con minuciosidade,
os cadernos e ficou “agradabelmente impresionado por esta inesperada visita”,
segundo manifesta por escrito.
Pode semellar contraditoria
a actuación do párroco. Non o é tanto, se entendemos por iso que era frecuente.
Os mestres tiñan que recorrer, para sustentar os escritos de descargo, ao aval
de párrocos, alcaldes, sinaturas da veciñanza… En moitas ocasións eses bos
créditos de conduta estaban asinados por quen antes emitira informes desfavorábeis.Tiña
agora Taibo un importante documento para engadir ao seu escrito de retruque.
Pregode descargos de Taibo |
Dos sete folios, cinco están
dedicados a resaltar o seu labor docente, os logros dos seus alumnos e a analizar
a situación escolar, marcada por un elevado absentismo por ser a axuda dos
rapaces maiores imprescindíbel nunha parroquia pobre e moi poboada, na que a
maior parte dos homes están emigrados e na que se carece de carros e arados, e,
por outra banda, pouco útiles para traballar a terra disposta en socalcos. A
situación agravouse tras o peche da escola “americana”, polo que houbo que desdobrar;
pola mañá, os maiores; pola tarde, os máis cativos.
Socalcos en Morgadáns. Tomado de Morgadáns, o andar da pedra (IEM) |
Conclúe o mestre que unha visita da inspección
convocando os nenos a un exame sería o mellor xeito de comprobar a súa
capacidade profesional.
Os outros cargos eludiunos,
non negándoos, senón orientándoos para que puidesen ser desculpábeis dentro da
lóxica da “Nova España”. Sabía ben que a físgoa de esperanza para evitar o
desterro era vincularse a un autonomismo de querenza “jaimista” ou
“vazquezmellista” como o da súa mocidade, cando, di, “aprendín a amar a
autonomía rexional que o tradicionalismo propugnaba”.
Taibo intuía que o libro de
socios do PG estaba en mans dos sublevados, polo que os depuradores ben poderían
comprobar que non mentía ao afirmar que nin estivera afiliado, nin colaboraba n´A Nosa Terra. Poderían comprobar tamén,
di o mestre, que nos anos que levaba neste destino non participara da acción
política; seguramente por mor da escasa saúde
e o illamento en Morgadáns pero
tamén por un certo escepticismo e distanciamento coa política do PG, o que non
empeceu que arrimase o ombreiro nas decisivas eleccións de 1936 para axudar o seu amigo, candidato do partido centrista de
Portela, V. Paz Andrade.
Para xustificar a súa
participación nos mitins da campaña pro autonomía posta en marcha tras a
proclamación da república e como os depuradores só se refiren ao de Gondomar (11/6/1931) alegará que se lle
presentaron na casa (sentiuse premido) dous vellos amigos (o compromiso da
amizade) particulares (nada que ver con organizacións políticas) que lle rogaron
encarecidamente que, ao non ter quen os presentase, o fixese el. Aclara Taibo
que daquela non existía o PG, polo tanto o mitin era só autonomista e a súa
intervención limitouse a lembrar a vella amizade, gabar as dotes oratorias e
expoñer a conveniencia dunha autonomía administrativa. Entende Taibo que como
eses dous señores, aos que nunca cita polo seu nome, se relacionaron co PG, haxa quen confunda o
seu ideal autonomista co galeguismo militante. Os innominados son Castelao e
Paz Andrade.
A comisión, “por
unanimidade” (29/7/1937), acordou propoñer o traslado “fóra da rexión” e tres
meses a medio soldo. En decembro confírmanlle a sanción de desterro a
Valladolid e de suspensión por un mes. O 20 de xaneiro de 1938, Taibo toma
posesión da escola de Villalar de los Comuneros, onde permanecerá na compaña da
súa muller Carmen Rebollar e dos seus fillos Fuco e Gloria ata xaneiro de 1942.
Taibo espeliuse para lograr
a redución do tempo de desterro. Recorreu ao alcalde dos sublevados que
solicitou o seu retorno porque a veciñanza sentía “a súa ausencia” e porque “o seu amor polas cousas da terra”
foron sempre “de carácter sentimental”. O escrito foi ineficaz. Os veciños solicitaron
ao alcalde que demandase, de novo, a
reposición do mestre por acordo plenario, que foi unánime. A resposta non se
fixo agardar, das novas medidas de perdón ficaban excluídos os castigos por
“ideoloxía separatista”.
Os ánimos foron decaendo. Taibo
deixou de insistir. Pasaran tres anos. Daquela arrexuntou papeis para pedir
unha revisión. Comezou polo novo alcalde e o mando da garda civil; cos seus
informes consegue que a autoridade educativa de Valladolid (2/6/1940) traslade ao
ministro a petición de revisión por observar unha incongruencia entre o
testemuño do pai e os demais informes. A solicitude vai acompañada dunha
certificación médica sobre a súa doenza e un escrito do mestre, cun aire de
desesperada incapacidade, no que solicita o trasladen “á rexión galega”, aínda
que sexa a outra provincia.
A burocracia kafkiana da Nova
España inicia o seu lento percorrido. Houbo que agardar a que o BOE
publicase a resolución. Era o 28 de
xaneiro de 1942. Don Victoriano e os seus regresaban a Morgadáns.
Seis anos despois Taibo
recibiría un cariño cando a Academia o acolleu como numerario. Falou sobre “Rosalía
precursora da fala”. Recibiuno Otero que o gabou lembrando como soubera definir
os dignos de participar no amor de Rosalía:
O galego que non fala
Na lingua da súa terra
Non sabe o que ten de seu
Nin é merecente dela.
A comisión pontevedresa de depuración do maxisterio
No decreto
66, emitido en Salamanca (8/11/1936), basearán
o seu fundamento “legal” as comisións depuradoras da ensinanza. A do maxisterio
sería tarefa da comisión “D”. De ámbito provincial, formada por cinco persoas:
o director do instituto, un inspector de primaria, un representante dos pais e
dúas persoas de “solvencia moral”, nomeadas polo gobernador civil. Tiña que
considerar, por obriga, catro informes: do alcalde, párroco, garda civil e un
pai.
A sanción administrativa
máis grave era a separación definitiva do corpo; seguida do traslado dentro da
provincia, fóra dela ou fóra da “rexión”. Esta modalidade era a que se lle
aplicaba ás persoas sospeitosas de galeguismo.
A comisión
pontevedresa, presidida polo director do instituto, Secundino Vilanova Rivas,
estaba formada polo inspector Juan Novás Guillán, substituído, en 1937, polo
tamén inspector, garda cívico e
falanxista, Olimpio Liste Naveira, e os
mestres Luís Pintos Fonseca e José Vázquez Fernández, tamén garda cívico e
falanxista, e o presidente da patronal, Ricardo Melero Pereira.
Pintos Fonseca (o máis novo) e Juan Novás, sinalados cunha frecha, nunha reunión do SEG en Pontevedra |
Juan Novás
e o pintor e gravador Pintos Fonseca coincidiran con Victoriano Taibo no
Seminario de Estudos Galegos. Pintos, fervoroso católico, participou, como Taibo,
na campaña de 1931 a prol da autonomía, pertenceu ao PG que abandonaríapara
presidir a asociación católica de mestres e afiliarse, tras o golpe, á
Falanxe. Rematou por facerse sacerdote.
Taibo (sinalado cunha frecha) nunha reunión do SEG |
O inspector
Novás, estudoso da historia e da arte, abandonaría o PG xunto ao seu amigo
Filgueira Valverde; remataría tamén afiliándose a FET. Abandonou a comisión antes
da resolución do expediente de Taibo. O poeta dedicaralle (1947) o longo poema
“Lembranza da tecedeira”.
*Publicado en Nós
nº 136; 10/07/2020
**Trátese
dun adianto dun estudo máis polo míudo do expediente de depuración de Victoriano Taibo García, AGA 327-19.
Ningún comentario:
Publicar un comentario