domingo, xullo 19, 2020

Viaxe, delación e morte do cabo Francisco Lores


Un capítulo da represión sobre os militares leais

Paco Lores López
En 1910 naceu en Vigo Francisco Lores López. Estudou en “Artes e oficios”, gañou praza na garda de asalto. Pouco viviu. Fusilárono na Coruña en 1937, por traidor, isto é por fidelidade ao goberno lexítimo. Deixaba viúva e dous fillos; ao máis cativo non chegou a coñecelo.


Cando, o 18 de xullo de 1936, o cabo Lores  acudiu ao cuartel pouco podía imaxinar que nunca regresaría ao seu fogar. Estábase a desencadear un furacán que arrasaría vidas, facendas e proxectos de futuro. “Da nosa casa nada queda, todo foi arrasado pola guerra” escribiralle, meses despois, a súa  esposa, en carta redactada mentres velaba a súa propia morte. Sinala a historiadora H.Graham “o efecto máis devastador da rebelión militar (…) foi a aniquilación do fogar como espazo seguro”.

Felicidad Santacecilia
Ao se ter coñecemento da sublevación militar, ao cabo mandárono desprazarse ao goberno civil. Unha vez alí, o seu mando inmediato superior ordenoulle que, con tres gardas, se preparase para facerlle escolta ata Madrid. Fronte ao goberno civil estábanse a arrexuntar autocares, camións e vehículos particulares para organizar unha columna motorizada e saír en defensa do goberno. Ao cabo ordenáronlle labores de intendencia: cargar mosquetóns, revisar automóbiles, pasar lista aos voluntarios.

Irmáns Lores Santacecilia
A concentración e os preparativos realizáronse en presenza das autoridades civís e militares, incluído o coronel Aranda á fronte do seu estado maior, o coronel da garda civil e o comandante das forzas de asalto, ás que pertencía o cabo. Uns 15 vehículos e uns 500 homes partiron ás 12 da noite; en dous camións levaban a dinamita, principal arma dos 4.000 mineiros que partirían unha hora máis tarde en tren. Detivéronse en  Mieres, onde se lles sumaron máis mineiros e o cabo repartiu os vellos mosquetóns. Ás 10 da mañá chegaron a León, onde militares e forzas de asalto repartiron 200 fusís e algunha metralladora entre os paisanos. De noite chegaron a Benavente, onde lles deron a orde de regresar pois sóubose que se rebelaran máis guarnicións ademais da de Valladolid a onde se dirixían para sometela, camiño de Madrid. Ante o temor de que León se alzase, como así acontecería, regresaron por Ponferrada onde souberon que Aranda se pronunciara en Oviedo e unha parte dos seus compañeiros de armas fixera causa cos rebeldes.

En Ponferrada

Non somos quen de reconstruír con exactitude os acontecementos na capital do Bierzo; agás a detención, no seu interior, do tenente, despois fusilado, que mandaba a columna ferroviaria de regreso e do enfrontamento entre os mineiros e os gardas acantonados no cuartel, que rematará antes da chegada dunha columna de soldados de Lugo, precedida de aeroplanos e metralladoras. Foi entón cando o cabo e o garda Antonio Sánchez Rodríguez decidiron abandonar a columna, segundo a declaración de ambos, para non enfrontarse, sendo militares, co exército.

Mentres as columnas de mineiros, a motorizada e a ferroviaria, regresan a Oviedo para sitialo,  o cabo e o seu compañeiro agochan as armas e arrincan as insignias. Tras unha semana dando voltas polos montes chegan a Vilamartín de Valdeorras, onde deciden presentarse ao comandante do posto da garda civil quen ordena a súa detención, que recollan as armas abandonadas e se presenten ante o comandante militar de Ourense. Este suspendeunos do servizo de armas e púxoos en estado de prevención.

O xuíz instrutor, tras realizar minuciosas investigacións, resolveu que, como non se enfrontaran ao exercito, recuperasen o servizo de armas. Estamos a finais de agosto. Na cidade das Burgas permanecerán en activo ata o remate de novembro, cando os autorizaron a regresar a Oviedo para incorporarse ao seu destacamento.

Regreso a Oviedo

Catro meses despois do inicio da inesperada viaxe, o cabo Lores chega á capital asturiana consciente de non regresar á vida anterior, alterada pola sublevación militar, pero coa ilusión de ter salvado a vida e, un día, poder achegarse á valgada cántabra de Guardamino para recoller a súa muller, a nena e o segundo fillo, que xa debía ser nado, e poder restaurar un fogar. A violencia desatada polo golpe de estado non lle permitiría cumprir ningunha destas ilusións.

Ao cabo tocaríalle ser o exemplo negativo, a vítima propiciatoria, o tétrico modelo no que se ollasen aqueles que ousasen dubidar da ética e moralidade do terror desatado polos sublevados, dos que tivesen unha actitude republicana que agochar e non fosen quen de soterrala tras amizades protectoras, ignorancias salvadoras ou afortunados destinos.

Aos catro días de incorporarse ao destacamento delatárono por ler xornais esquerdistas e aledarse da morte de Calvo Sotelo. Segundo o primeiro delator, o cabo Lores afirmou que ollaba ben o asasinato deste, xa que, se non,“ese home levaríanos a unha guerra civil”. Os sublevados comezaron de contado a elaborar un relato para xustificar o golpe, e parte substancial do mesmo é a pretendida vinculación entre  o asasinato do político de Tui e a sublevación. Outro dos mitos franquistas, como o de Aranda, desmontados por H. Southworth.

Os posteriores delatores do cabo Lores foron engadindo acusacións. Pasou de ler prensa “roja” a instruír as milicias da mesma cor, de ser un extremista a entrevistarse co gobernador civil, de dispoñer os mineiros para que subisen aos camións a arengalos espertando o seu entusiasmo, ademais de ser un interesado farfantón que se despediu gabándose de marchar como cabo pero que regresaría cos “bordóns de xeneral”.

Os mandos aproveitaron as delacións para deslexitimar os informes absolutorios ourensáns e abrir causa contra Lores e, tras o seu fusilamento, tamén contra os outros catro militares que acompañaron as columnas de mineiros. O inicial expediente de investigación converteuse en causa numerada, a 178/1936, gardada no Arquivo Militar do Ferrol.

O encarceramento e o inicio da causa provocou malestar entre os seus compañeiros de armas, ata o punto de que os mandos acordaron trasladalo dende o cuartel de Santa Clara, onde estaba detido, ao cárcere. Mais a decisión estaba tomada. O fiscal carga con carraxe contra o cabo por calumniar “vilmente” o  exercito, polo seu “temperamento rebelde” e por presentarse, só despois da derrota das “forzas marxistas”, no posto da garda civil, e solicita, por tratarse dun delito de rebelión “co agravante de perversidade”, a pena de morte. Que os mandos sublevados con Aranda lle daban unha importancia especial á  resolución da causa fica demostrado no desenvolvemento da mesma, nas conclusións do fiscal  e nas reiteradas intervencións de membros do tribunal que confrontan coa decidida defensa que solicita a libre absolución. O contraste non é óbice para que o tribunal ditamine por unanimidade “expresando o seu estado de conciencia” a pena de morte, en función do “agravante de perversidade”.

As “especiais circunstancias” da praza de Oviedo levaron ao traslado do cabo á Coruña. As seis da mañá do 23 de marzo de 1937, xunto a outras tres persoas, roubáronlle a vida ao cabo Lores nas inmediacións da polvoreira das Durmideiras.

As cartas dende“capela”

O cabo Lores redacta, nas súas tres últimas horas de vida, dúas cartas. Unha dirixida á  súa esposa, na que lle conta que na súa desesperación chegou a atentar contra a súa vida e lle pide que reconstrúa un fogar para que os seus fillos sexan unhas persoas dignas pois el nada fixo de reprobábel, senón que só sentía “ un principio, unha idea”. A segunda das cartas, publicadas ambas por Alonso Montero en 2013, está dirixida aos pais e aos tres irmáns para que acollan a  muller e  os fillos. “Morro con plena conciencia do que fago”, dilles, e remata pedíndolle o que sabe doloroso para eles, que non fagan funeral de ningunha caste, “xa que non son católico”.

Aínda que as cousas non deixaban de empeorar, os dous irmáns varóns do cabo Lores faleceron na fronte de Teruel, cumpriron co que lle pediu. O avó foinos buscar a Cantabria e tróuxoos a vivir a Teis, dinos o seu fillo Francisco Lores Santacecilia, dirixente sindical, en 1972 traballaba en Citroën de onde foi despedido e non readmitido, e militante nacionalista. Lores fillo leu as cartas do pai, ao que non coñeceu, cando tiña 20 anos. Alí naceu o meu compromiso político, conclúe.

Aranda, heroe e traidor.

Dende a represión de outubro de 1934,o coronel Aranda mandaba unha comandancia exenta da VIII división. Do seu mando dependían todas as forzas armadas radicadas en Asturias. Uns considerábano pro-republicano; outros vían nel, como resultou ser, un ambicioso raposeiro.

Non argallou a sublevación, pero sabía dela e deixou facer. Aparentou apoiar a marcha dos mineiros cando xa ordenara  á garda civil abandonar os cuarteis, “co puño en alto se fose preciso”, e concentrarse en Oviedo. Na madrugada do 19 pactou con Mola. Cando o convocou o gobernador para que armase as milicias, reclamou unha orde directa do ministro; cando esta chegou, desobedeceuna.

No cuartel do cabo Lores resistiron parte dos de asalto e algúns milicianos, ata que o tomaron os sublevados dirixidos polo comandante Caballero. Aos resistentes fusiláronos contra as paredes do cuartel. Aranda ceibou os falanxistas para que limpasen a cidade.

Oviedo ficou sitiada. A mediados de outubro, forzas procedentes de Galicia, na súa maioría africanas, racharon o cerco. Aranda converteuse nun heroe, nun dos mitos do franquismo (H. Southworth). Recompensado co xeneralato e o mando da VIII división con sede na Coruña, dedicouse a coidar a súa imaxe heroica.

Ao remate da guerra acompañou a  división Cóndor a Alemaña.Tras visitar a Gran Bretaña, expresou a conveniencia de manter boas relacións con ela. As declaracións non foron do agrado do “xeneralísimo”.

Segundo Preston foi un enérxico conspirador contra Franco, pero este, escribiu Serrano Suñer,“conseguiu sumilo no seo das tebras”. Coñecemos as súas conspiracións polos papeis descualificados da CIA. O  hoxe alcumado “rei emérito” recompensou a súa fidelidade monárquica ascendéndoo a tenente xeneral, en 1976, cando tiña 88 anos.

Publicado en Nós diario, sexta feira,17/7/2020


Ningún comentario:

Publicar un comentario