venres, xullo 17, 2020

De curas



Restos da reitoral de Xuvencos (Boborás)
Xuvencos é una pequena parroquia do concello ourensán de Boborás. Nela viven algo menos de 400 persoas, das 2.500 do termo municipal. O curioso é que Boborás é un lugar ou aldea da parroquia de Xuvencos, da  que tomou a denominación a entidade administrativa por ser nela onde se construíu a casa consistorial, e por iso apélanlle a toda a veciñanza de boboraos ou boboréses.

O noutrora farturento concello, con lugares de sona ribeirá, como Pazos de Arenteiro, inzado de casas de ordes relixiosas; ou Moldes, lugar do Losada tradicionalista e espallador de galeguismo; ou de Astureses, onde os Templarios ergueron o seu románico; ou, en tempos aínda mais recuados, os construtores de castros, como o de Cameixa, onde suaron Cuevillas e X. Lourenzo. Noutro tempo, a remates do s. XIX, as sobras da abundancia achegada a casas grandes e reitorais bastaban para acollercase oito mil habitantes.

Boa mostra desa fartura fica tamén no patrimonio inmaterial, como na danza que Milladoiro soubo aquelar con doses precisas de tradición e pingas axeitadas de modernidade en  A Galicia de Maeloc (1980). Corenta anos van alá. Máis a danza é de Xuvencos, e non de Astureses como a denominou Bal y Gay de quen a apañaron os músicos contemporáneos; así nos informa o estudoso Xosé Luís Sobrado.  Bailase cada catro anos; este non se danzou por mor da pandemia que nos aflixe. Mais iso é fariña doutra muiñada. O que eu quería era volver falar de bandidos.

O caso é que unha noite dos primeiros días de abril de 1885 unha gavela de ladróns, nove en total, asaltaron a reitoral de Xuvencos. O cura debía ser tamén bravo, ou moi mirado polo seu, xa que os ladróns tiveron que voar con dinamita unha parede e queimar catro portas ata chegar ao cuarto no que se fixera forte o abade. Os bandidos non se deron por conformes coas 12.000 pts que lle entregou. Tratárono de mala forma, metéronlle un ferro ardendo na boca e, tras  encherlle as roupas de follatos de millo, prendéronlle lume.Como despois da brutal tortura non lle deu máis cartos, os asaltantes convencéronse de que non tiña máis e déronse á fuga. O párroco “estimulado sen dúbida polo  terror”, en estado “gravísimo”, indícanos o cronista, tivo forzas para achegarse ata a veciña parroquia de Brués na procura de auxilio.

De contado, a sempre eficaz garda civil do Carballiño, que “amosou nesta ocasión un celo e actividade digno de recompensa”, emprendeu a persecución dos criminais e detivo sete homes do Carballiño, dous deles recoñecidos polo cura.

   
Pousadoiro no cruceiro procesional en Banga
Ata aquí un caso máis de roubo en grupo para redistribuír un chisco a riqueza, aínda que fose de xeito brutal. Mais o que chama a atención, tamén do redactor da noticia, é que nin o estoupido da dinamita, nin os machadazos nas portas, nin o lume que prenderon,  nin os trabucazos que pegaron  “aqueles cafres”, foron quen de alarmar os  fregueses que vivían á beira da reitoral. Nin un só acudiu no socorro do “infeliz cura de almas”[1].

É preciso recorrer á perspectiva social que nos achega Hobsbawm na súa interpretación do bandoleirismo, como sinalamos na anterior colaboración, para explicar a actitude dos parroquiáns, xa que non parece sustentarse só no medo, pois nin acudiron en axuda do cura cando a gavela xa se  retirara.

De fartura e sona ribeirá era tamén a parroquia de Santa Baia de Banga, no veciño concello do Carballiño. Dez anos despois do asalto á reitoral de Xuvencos, nesta  parroquia ocorreu un sucedido que chamou a atención da prensa. O párroco, Pablo Freijenedo Corral, despois de celebrar a santa misa, retirouse á casa reitoral para almorzar en compaña do veciño, estudante no seminario e seguramente familiar, Vicente Corral. Era o 2 de novembro de 1895. De súpeto o sacerdote ficou preso dunhas terríbeis dores e, a pesar das axudas da ciencia, contra a unha do mediodía faleceu. O seminarista tamén se sentiu mal, pero tras os auxilios que lle prestaron deu salvado a vida. Ademais da ciencia, debeulle axudar  tanto a idade como non ser tan lambón como o abade, pois segundo o seminarista declara, ao notarlle un sabor raro ao chocolate non o tomou, mentres que o cura zapouno dunha asentada. Como a “opinión”, di o cronista, coidou que aquilo era un pouco raro, ordenouse a análise das entrañas do defunto, e ao tempo o xuíz ordenou a detención da “domestica do respectable sacerdote”. A análise química detectou a presenza de substancias velenosas, en concreto de arsénico.

A nova espallouse polos xornais e mesmo  La correspondencia  tivo que incluír un breve aclarando que “Pablo Freijenedo Corral era un sacerdote exemplar, moi respectado polos seus fregueses”.[2]

Nada sabemos, pois cumpriría investigar con acougo, da “domestica”, que foi xulgada un ano despois, pero, ao mellor,poderiamos encadrar o caso dentro da categoría que Hobsbawm denominou bandidismo vingativo; aínda que non saibamos o motivo da brutal vinganza da criada.


Publicado en Nós diario Terza Feira,14/7/2020






[1] Aínda que a fonte é El eco de Orense a nova reprodúcese en La correspondencia española do 4, 6 e 7 de abril de 1885; tamén El Correo Gallego,8/4/1885; Diario de avisos de La Coruña 5/4/1885 eGaceta de Galicia, 4/4/1885.

[2]La correspondencia, 6,7e 8 /11/1895. El regional e Diario de Galicia, do 9/11/1895

Ningún comentario:

Publicar un comentario