Tras da fiestra entreaberta pasaron moitos días de verán |
É manida a frase atribuída a
Rilke sobre o home e a súa patria infantil. Non vou ser eu quen desminta ao
poeta alemán que tan ben coñecía o profesor carballiñés, de Cabanelas en
precisión, ao que, tamén, xa temos citado, Jaime Ferreiro Alemparte. Mais coido
que se podería completar a expresión engadindo que a patria dos afectos é a
adolescencia e a primeira mocidade, o tempo das “primeiras veces”. Nin pasei a
infancia no Carballiño, nin a inmensa maior parte da miña vida, porén é aquí
onde está a patria dos meus afectos, os familiares como é lóxico, aí vive a miña nai e a miña irmá, está soterrado o meu
pai e hai unha lembranza do meu fillo morto; pero tamén o das amizades
descoidadas polo paso dos anos e esparexidas polos recunchos, que abrollan de
súpeto ante a máis mínima necesidade. Ese espazo dos afectos é amplo e variado
en lugares, persoas, colectivos, días e infelizmente ausencias. Non é o caso de
trasfegalas nestas páxinas.
... entre tileiros, polo noso particular “Unter den Linden” |
Un deses sitios, un dos meus
“lieux de mémoire” é, sen caste de dúbida, o Balneario. Foron moitos os días
daqueles longos veráns dos setenta, do xa pasado século, nos que baixei entre tileiros,
polo noso particular “Unter den Linden”, arrodeado de mulleres enloitadas
apañando folliñas secas para gardalas en saquetiñas de basta tea branca; de
mulleres elegantes cun vaso graduado de fino vidro envolvido en encaixe de
Camariñas; entre paisanos de pucha revirada e engravatados homes de comercio;
entre rapaces barulleiros salpicando a auga medio podre do estanque de San Roque,
despois de amolecer nela os pés ou de guindarlle uns patacos á nosa “Fontana de
Trevi”; entre xentes de parroquias afastadas botando contos de cadanseu lugar,
ao acougo dos carballos ou excitados polo cinquillo derredor das redondas e
pétreas mesas. Uns e outras, antes ou despois, menos os cativos, camiño da
fonte da saúde de fedorento cheiro a ovos podres, onde a señora Aurora de
Longoseiros espreitaba, con felina ollada, para discriminar entre os que tiñan
carné e pagaran o correspondente trabuco, daqueles outros, ou daquelas outras,
que agudos de máis procuraban un aforro nos escasos orzamentos de verán. Uns e
outras con ritmo apresurado na toma de antes de almorzar, a ritmo máis livián
na previa ao xantar.
... guindarlle uns patacos á nosa “Fontana de Trevi” |
Pasaban os meus días entre as
“pouvanas” acochadas nas casas particulares derredor do balneario, as máis
delas con estancias que non excedían a decena de días pero que aos tres xa
recuperaran as rubicundas meixelas apagadas nun ano de angueiras, e entre aquelas
outras con recursos suficientes para alugar habitación “a pensión completa” nos
arredores da praza de abastos e mesmo agardar a visita de fin de semana dos
seus “maridos” empregados en oficinas ou empresas viguesas.
Pola tardiña, pola fresca,
os matrimonios de fin de semana, ou os grupos formados derredor das augas
sandadoras de males hepáticos, por proximidade de veciñanza ou por simple
casualidade, paseaban ben amodo pola
beira do vagaroso Arenteiro, freado no seu impulso orixinario por sucesivas
presas nas que se chimpaban atrevidos mozotes, camiño do bosque inzado de
agudas e diversas coníferas e grandes eucaliptos de penetrantes ulidos, para
retornar, por entre os chalés dos ricos e asombrarse ante a abandonada maxestosidade
do Coll, que seica construíran para un dignitario cubano e nunca se habitara,
ata a rúa principal e acougar un anaco nun dos bancos da praza maior ata que a
noite emerxía.
Entre toda esta xente
pasaron os meus veráns, antes de Franco morrer e con el soterrado. Fronte á consulta
médica, tras a fiestra, que se pode ver na imaxe, á esquerda da porta
principal, pasei as miñas horas entre apurados manuscritos burocráticos,
contabilidades primarias e acougadas lecturas de libros disimulados no caixón
do escritorio.
Un vese mozo subindo cara á “calle
principal” tras rematar o labor de tarde, na procura dos amigos, e botar unhas
paseatas entre os dous cruces, arriba e abaixo, ás veces en liña como no póster
cinematográfico dos sete magníficos, ás veces en pequenos grupellos, un tras
doutro, en divertidas conversas ou en razoadas reflexións socio-políticas
naquela peripatética escola de formación esquerdista e nacionalista; facer un
alto na praza, agardar por alguén e retomar o ir e vir polo “paseo vilego”
antes de tomar unhas “chiquitas” ou tras apurar un café.
Publicado en https://badalnovas.com/2020/08/08/33725/
Ningún comentario:
Publicar un comentario