Na capital
arxentina, con “colectivo” refírense a unha entrambilicada rede de liñas de
autobús que percorren a extensa área metropolitana. A súa orixe remontase a 1928,
cando un grupo de taxistas con Pepe Pérez Luís “Saluto”, nacido en Sabarís (Baiona),
á fronte, decidiron realizar un percorrido fixo, anuncialo nun cartel e deixar
subir a máis dun pasaxeiro.
Un dos ideólogos mais
senlleiros do anarquismo, tanto na Arxentina como en Cataluña (foi conselleiro
de economía na Generalitat de Companys)
Diego Abad de Santillán, recorda nas súas Memorias
(1977) a un galego e esperantista “que asinaba as súas colaboracións na nosa
prensa co pseudónimo de “Saluto”. Refírese Abad ao xornal La protesta, portavoz oficioso da Federación Obreira Rexional
Arxentina (FORA), que el mesmo dirixiu na década dos 20 do pasado século. Non
tanta precisión amosa a respecto do nome do, na altura, taxista que lle
achegaba informacións de países orientais como China, Xapón ou A India,
apañadas de publicacións en esperanto, pois chámalle Xoán cando na realidade
era Xosé. Pérez Luís de apelidos. Nacera en Sabarís e, seguramente na compaña
do seu irmán Luís, emigrara, como tantos e tantas, engaiolado polas farturentas
promesas que chegaban da beira do Plata.
Abad recorda a aquel taxista
“de aparencia quixotesca, ao volante do seu vehículo, vello e estartelado, que
lle lembraba ao cabaleiro da Mancha e ao seu Rocinante”, tras describirnos a
agoniante situación do gremio do taxi no B. Aires de 1928, que obrigaba a uns a
aparcar os seus coches e a outros a cambiar de actividade, arruinados pola competencia do tranvía que reducía
prezos e rebordaba de viaxeiros.
Descartadas diversas
alternativas, di Santillán que se lle ocorreu que se os taxis, na vez de andar a dar voltas na
procura de pasaxeiros, se poñían en fila e facían un percorrido fixo, dun lugar
a outro, ambos determinados, como os tranvías eléctricos que os levaran a
ruína, e poñían unha tarifa baixa poderían competir con estes. Continúa o
dirixente anarcosindicalista: “O amigo Xoan (xa comentamos o erro) López,
entusiasmouse coa idea, que lle pareceu excelente e acordamos que a exporía na
primeira asemblea do gremio, como así fixo”. Na masiva reunión algúns tomaron a
proposta con sorna, pero outros moi en serio. A Abad doeulle que algúns
dirixentes quixesen deixala en ridículo.
O caso é que aos dous días
comezaron a formarse liñas de taxis con percorridos fixos sinalados en
taboleiros nos teitos dos automóbiles. Eran coches grandes que podían levar ata
seis pasaxeiros; movíanse con rapidez e competían cos tranvías. Os cidadáns
colléronlle cariño aos “colectivos” e aos “colectiveros”. En poucas semanas non
había taxis para cubrir todas as liñas establecidas espontaneamente. Foi un
éxito, o taxi colectivo converteuse no sistema de transporte favorito da
cidade, os tranvías comezaron a circular case baleiros e o capital inglés
propietario da concesión comezou a premer sobre o goberno Irigoyen, pero este
apoiou os “colectiveros”. En poucos anos
os tranvías desapareceron. O primitivo taxi converteuse, di Abad, en
micrómnibus pero seguiron a chamarse
“colectivos” e uniron o conglomerado urbano do gran Buenos Aires.
Ante tal éxito Abad suxeriu
constituír un gran consorcio que abarcase o transporte urbano e suburbano de
pasaxeiros e de longa distancia. Pero, continua Abad, “o movemento obreiro e
a mentalidade difundida á sombra dun
revolucionarismo dialéctico non estaban preparados para tanto, (…) no lugar
dunha grande empresa socializada, xestionada polos mesmos traballadores,
formáronse varios centos de pequenas empresas independentes, unha por cada liña
establecida”. E conclúe: “e faltoume o
“Saluto”, para interpretar ese paso construtivo de incalculábeis
consecuencias”.
Non sei se “Saluto” sería só
interprete, que seguramente si, pero tamén debeu ser compositor; só que o que
escribe deixa a súa verdade impresa. Catro anos antes da eclosión dos
“colectivos”, infórmanos o estudoso do anarquismo bonaerense Juan Manuel
Ferrario, en 1924, constituírase a “Unión de Chauffeurs”, dentro da FORA, e
Pepe “Saluto” foi un dos fundadores e estaba presente na primeira comisión
administrativa. Historiadores arxentinos sinalan a data como a de comezo dos
“colectivos”, aínda que non fose dun xeito xeneralizado senón para momentos
puntuais como a asistencia a “canchas” de fútbol ou outros acontecementos.
Abad, ademais de lamentar a
ausencia de “Saluto” no segundo paso que imaxinaba de inmensas repercusións,
infórmanos que logo da gran mobilización dos taxis, “Saluto”, “vendeu o seu
estartelado coche e regresou a súa terra”, “ergueu unha modesta vivenda”, e
formou “unha colectividade de amigos que cultivaban a terra”. Remata: “ese
soñador inofensivo foi executado, (…). Non merecía ese destino”.
Coidamos que o regreso de
“Saluto” non foi tan voluntario como afirma Abad, senón, cando menos segundo
informacións orais e dalgúns investigadores, retornou obrigado. Non sabemos o
ano exacto da súa volta, en todo caso debeu ser en torno ao ano da proclamación
da II República. O máis probábel é que fose deportado na feroz persecución
contra a esquerda e o sindicalismo decretada pola ditadura militar de Uriburu
(1930-1932), no marco da Gran Depresión. O caso de “Saluto” non sería
extraordinario, pois foron moitos os desterrados da Arxentina e doutros países
americanos ata o punto de que en Vigo había un Comité Pro-Presos e Perseguidos
Internacional que se ocupaba da reinserción dos expulsados, representado polo
dirixente anarcosindicalista vigués Dalmacio Bragado Ruíz (1893-1986), que mantiña
contacto con Abad de Santillán, e o “polémico” Jesús Lago Barbeito, delegado da
“Unión de Chauffeurs” da FORA e encargado de xestionar os fondos que enviaban
desde B. Aires.
Tras asentarse en Santa
Cristina da Ramallosa, parroquia á que pertence Sabarís, centrou a súa atención
no desenvolvemento agrario e na innovadora granxa ecoloxista denominada “O esperanto”, que
traballaba xunto co seu irmán Luís e converteron nun moderno e produtivo verxel,
segundo testemuños orais. Ao tempo, continuou coa súa actividade como dirixente
da CNT e difusor cultural a través da asociación Francisco Ferrer i Guardia que
tiña a súa sede, compartida coa UGT da que era dirixente o seu irmán, na casa familiar de Sabarís. Pepe “Saluto”,
serio, alto e delgado, con fama de gran orador e aureola de bondadosa
santidade, seguía a colaborar na prensa anarquista, agora en Solidaridad Obrera, órgano da CRG, editado na Coruña.
Sempre na procura de
alternativas sociais reflexiona sobre as súas preocupacións agrícolas e as
condicións da vida labrega. Nunha das súas colaboracións, escribe: “Observo a
vida campesiña e recoñezo que carecen de tempo libre para instruírse. Nin un
periódico lee a maioría (…). Sempre hai algo que facer! Son escravos por
rutina, son tan amigos de las herdanzas que ata herdan a escravitude dos pais e
avós”.
Noutra ocasión bota contas
sobre as leiteiras, como antes fixera sobre os taxistas. Matina agora na
parroquia de Belesar, en Baiona, que conta con 60 leiteiras que todos os días
fan a pé 10 quilómetros para vender seis ou sete litros de leite cada unha.
Isto é percorren 600km. para vender 360 l. de leite; case dous quilómetros por
litro. Chova ou trone. Media mañá fora do fogar e cansazo ao mediodía. Son
veciñas e van xuntas, mais nunca matinaron e evitar tanta molestia. Por exemplo
cun carriño e un cabalo, xuntando todo o leite e encargándolle a unha ou dúas,
por quendas, o reparto. Terían unha cooperativa de venda e sen empregados. De regreso
poderían mercar azucre, o café, o peixe… e terían unha cooperativa de compra,
que podería esixir e obter rebaixas en tendas ou almacéns, pois serán 60
clientes. Un caderno e un lapis era o que precisarían para levar as contas e,
por riba “darían o primeiro paso cara o Comunismo Libre”.
Eran os matinares de
“Saluto” cando espertaron á besta.
Morrer en
Sabarís
Pepe “Saluto” era o
principal ideólogo do anarquismo baionés enraizado a través do sindicato de
“industrias pesqueiras” que presidía Joaquín Mandado Marcote e do sindicato
obreiro no que interviña decidido Pepe Villafines.
Nesta casa agocharonse os Ineses |
Faísta, esperantista,
ecoloxista, persuasor de vontades. Á vista da veciñanza arrodeado dunha aura de
bondade case mística. Tras o golpe de xullo do 36, encabezou ás xentes máis
decididas a facerlle fronte aos sublevados. Nas causas militares a súa presenza
é constante, en todos os lugares aparece Pepe “Saluto”, todos os inculpados o
coñecen e saben describir. O seu irmán Luís, uxetista, era concelleiro
socialista en Baiona.
Convertéronse en pezas
cobizadas polos “limpadores da retagarda”, en especial do cabo Manuel González
Pena, e dos xefes falanxistas da Ramallosa, Gerardo “Fandiño”, e Baiona, Emilio
Vázquez.
Tumba dos irmáns Ineses |
Tras a entrada das tropas no
Miñor, os Ineses agocháronse. As 11 da mañá do 13 de outubro de 1936 o cabo Pena
e os falanxistas Carrera González e Refojo Mariño entraron nunha casa de
Sabarís por sospeitar que se ocultaban nela. A desconfianza viña porque a vella criada que coidaba do cego propietario
da vivenda mercaba demasiado pan e de cando en vez o xornal. Sorprenderon aos
dous irmáns. Un deles respondeu coa pistola e feriu de morte a Refojo. Guindáronse
pola fiestra para fuxir. A un matárono na viña de tras da casa. Ao outro contra
a tapia do cemiterio. En vinganza mataron á vella criada. Soterraron aos tres
nunha foxa común.
A morte de Refojo desatou as
angueiras vingativas dos limpadores da retagarda. Comandados polo cabo baionés
foron na procurara de vítimas propiciatorias. Apañaron a nove veciños do Miñor
presos en Vigo. Na madrugada do 16 de outubro mataranos na hoxe coñecida como “Volta
dos Nove”.
Publicado
en Nós- diario,cuarta feira,
12/8/2020
Ningún comentario:
Publicar un comentario