“tiene su entrada por dos escalinatas de sillería” |
Resoltos os pasos previos á
convocatoria da poxa e a fin da execución da mesma o boletín provincial
incorpora (4/3/1897) unha detallada descrición tanto da predio “Baños de Carballino” como da propia vila:
... atravesada
en toda su extensión por la carretera que une Orense con Pontevedra, con buenas
calles, magnifico casino, plaza espaciosa, trescientas cincuenta casas de
elegante edificación y una iglesia recién construida (…) además de la carretera
dicha hay otras directas a Santiago, Ribadavia y Barbantes, estaciones las dos
últimas sobre la línea férrea de Orense a Vigo.
Na actualidade, non resulta doado
imaxinarse a vila, que se lle ten alcumado con sorna como “niuiorciño”, con 350
casas; por suposto que a igrexa “recién construída” é a que hoxe chamamos
“vella”, no centro da vila. Semella, emporiso, ben recuada a base argumental da
famosa lenda de “Pra carne, pan e viño o Carballiño”:
El país
situado a 1.842 pies sobre el nivel del mar, es en extremo pintoresco por los
extensos robledales, sotos y pinares que cubren las faldas de la montaña, entre
cuyo verde oscuro se destacan innumerables caseríos rodeados de frondosas
huertas. Los alimentos son excelentes, siendo proverbial en Galicia la fama de
las aguas, del pan, de las carnes y del vino de Carballino.
Despois de exaltar a
temperatura media, entre xullo e setembro, o aire purísimo e a fertilidade do
solo, grazas aos ríos Arenteiro e Barón, pasa a describir o predio urbano
“Baños de Carballino”, relato que nos permite percibir como eran as
instalacións antes da construción da actual casa de baños.
A cuberta, a tres augas, sostíñase, dende o remate de muro, por pilastras de perpiaño nas que se intercalaba un enreixado de madeira de castiñeiro (hoxe substituído por un peche acristalado) |
En substancia limitábase ao
edificio que hoxe acolle a fonte. Á leira, situada a uns 200m. da vila, chegábase
por “el camino del baño” y “tiene su entrada por dos escalinatas de sillería”.
Cada escaleira tiña 14 chanzos, pechando o espazo entre ambas un muro circular de
cachotería pero con asento de cantería, tanto pola parte alta como pola baixa,
e un banco corrido ao longo da curva do muro, tal e como se conserva na actualidade.
Polas escaleiras descendíase, e descéndese, a un patio, unha especie de
vestíbulo do edificio, onde había dúas portas de acceso ao salón e un oco, sen
porta, polo que se chegaba ao lavadoiro. Formaban os dous departamentos un
rectángulo de 19,90m x 7´60m, pechado con perpiaño ata os 2,75m de alto. A
cuberta, a tres augas, sostíñase, dende o remate de muro, por pilastras de
perpiaño nas que se intercalaba un enreixado de madeira de castiñeiro (hoxe substituído
por un peche acristalado) agás na fachada norte na que a parede se eleva ata a
teito.
pechando o espazo entre ambas un muro circular de cachotería pero con asento de cantería, |
No salón está a arqueta do
manancial, á que se chega por catro chanzos onde, por tres canos, se verten as
augas sulfuroso-sódicas. En fronte, seis baños de pedra, que,cando se puxo o
balneario a poxa, estaban inutilizados por decisión do daquela director do
balneario, Lope Valcárcel. Na parte norte había outros catro gabinetes, tres
recubertos de azulexos e o outro de cantería revocado con cemento; tiña cada un
2,15m de fondo por 1,50 de ancho e portas independentes.
No muro oeste hai catro
metros de parede de cachotería cunha porta que dá acceso a un departamento
exterior, situado nunha leira privada, en estado ruinoso e en forma de trapecio,
no que se quentaba a auga nunha caldeira de folla de lata.
O lavadoiro, na parte sur do
edificio,separábase de este por un muro de cachotería. Tiña unha superficie de
7,47x7 e un pío de pedra de 6,08x3,40. Tras a privatización o lavadoiro
desapareceu e con el as vantaxes das lavandeiras que dende aquela tiveron que realizar
as súas tarefas nas frías augas do Arenteiro na vez das mornas, gustosas e
eficaces, tamén para lle tirar a roña ás roupas, cheirentas augas da fonte. Da
outra banda do río, en Toscaña, fixeron un lavadoiro substituto.
O terreo ocupaba unha
superficie de 232,61m dos que 165,40 estaban cubertos e lindaba, polo leste, con outra propiedade municipal. As
outras tres lindantes eran privadas. Os peritos taxaron, sen considerar o valor
das augas, en dúas pesetas o metro e o conxunto en 465,22pts. O valor do
edificio, en atención ao seu mal estado, ficou reducido só ao dos seus
materiais e ao non haber apeiros propiedade do concello, valorouse en
1.327,85pts.
O único manancial deitaba 61
l/m o que dá 87.840 l/día de auga transparente, de marcado sabor hepático e
característico cheiro a ovos podres, a unha temperatura de 28º. O seu uso
sanitario, polo xeral, era en forma de bebida, por mor das deficientes
instalacións de balneoterapia. As augas valorábanse como eficaces para o
tratamento dos trastornos gástricos e intestinais nos que interviñese o fígado,
pero tamén para outras enfermidade da pel, trastornos nerviosos e catarros
bronquiais. O valor das mesmas fixouno o “Real Consejo de Sanidad” (19/12/1894)
en 30.000 pts, empregando como criterio para a taxación o gasto medio realizado
polos bañistas durante os últimos cinco anos, polo tanto entre 1888 e 1893,
descontándolle os gastos de contribución, reposición de aparatos, pago de
braceiros, etc.
Na almoeda incluíuse tamén o
terreo municipal lindeiro, arborado (45 castiñeiros, 23 de adorno aínda
cativos, 8 deteriorados e un vigoroso castiñeiro de Indias) e con servidume á leira
contigua, e mais á presa de Eladio Fernández. O predio, de forma irregular, tiña
unha extensión de 29 áreas, 28 centiáreas e 50 decímetros
cadrados, incluído o soar
do balneario, e lindaba, polo oeste, co río Arenteiro; polo norte, coa
propiedade dos herdeiros de Tomás Mosquera, o ministro e deputado que falecera
non había moito; polo sur con monte e labradío particulares e polo leste co camiño público coñecido como dos
Fidalgos. Ao remate do paseo arborado, no lado oeste, sobre o río e a presa, había,
e hai, un dique elevado sobre un muro de
cachotería, cun asento corrido, xerando unha superficie dun chisco máis de 51 metros cadrados.
... sobre o río e a presa, había, e hai, un dique elevado... |
O predio rústico valórase en 827,51 pts. que sumadas á
taxación do solar e ao valor do manancial dan un total de 32.620,58pts. Ese
será o tipo-base da poxa sinalando as seguintes obrigas para o gañador:
construción dun edificio, a realizar no prazo dun ano, para a instalación de
baños en cinco pías de mármore ou porcelana, sala de pulverizacións con catro
pulverizadores niquelados e sala de inhalacións. De non cumprirse esta
condición a administración podería declarar nula a venda, perdendo o comprador
os prazos liquidados e as obras verificadas. De darse ese caso o complexo sairía de novo a poxa.
Publicado en Badal Novas 22/8/2020
Ningún comentario:
Publicar un comentario