Mondariz
segue a conservar o seu encanto. Perdeu, é evidente, aquel feitizo, aquel
“charmé” romántico da obra humana devorada polas lapas ou do proxecto
fracasado, do feito inacabado. Estragado o seu engado espiritual, loce agora no
seu esplendor material que tanto gusta nunha sociedade prendida pola aparencia
repetitiva da imaxe, na que o “hixienismo” decimonónico, que empurrou a grande obra
dos Peinador e trouxo, con asiduidade, a condesa de Pardo Bazán ata Mondariz, ficou
substituído polo “esteticismo físico” das aparencias posmodernas. Hoxe xa non
se beben as augas para coutar ou mitigar as doenzas dixestivas senón que se
empregan para somerxerse en permanentes lavativas na procura do magro que engraxou.
Dona Emilia pouco tiña de romántica, polo que de seguro lle agradaría volver ao
Mondariz real, ao actual.
A primeira
visita da condesa a Mondariz entendemos que foi en 1887, ou cando menos así se
desprende da nota manuscrita que ela mesma incorporou ao “Álbum de Honor” do
balneario e reproduciron no Suplemento
nº 43 de La temporada correspondente
ao 20/7/1921, con motivo do falecemento de dona Emilia, que se pode consultar
en hemerotecadigital.bne.es.
La temporada
foi un dominical gratuíto que publicaba o balneario durante a tempada de verán,
uns 17 por ano, que debeu iniciar a súa andaina arredor de 1879, pouco despois de recoñecérense
as augas como de utilidade pública (1873). O semanario veraneante mantívose, cando
menos, ata 1931 segundo os exemplares que se poden consultar en galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/.
O Suplemento foi unha revista mensual
ilustrada que se publicou entre 1915 e
1922, durante 46 números, como un excelente complemento a La temporada. Ambas trataban asuntos relacionados coa saúde e a
hidroloxía, así como coa literatura e en especial a divulgación do contorno natural,
monumental e cultural do balneario e de Galicia para promover o turismo e
“facer patria”.
O dominical
estampábase na imprenta do balneario de onde saían tamén as célebres etiquetas
das botellas de auga. A revista mensual, a dúas columnas, papel couché e capa a
varias tintas, imprentábase en Madrid e distribuíase gratuitamente entre os
clientes, excedendo con moito a simple concepción dun folleto propagandístico
para se converter, tanto pola calidade de impresión como polas colaboracións e
o galeguismo que a impregnaba, baixo a ollada atenta dos seus promotores, nunha
das grandes revistas galegas do momento. Galeguismo, o dos Peinador, que dona
Emilia nin tiña en consideración, nin entendía, formada como estaba no seu
xacobinismo francés de raiceiras tradicionalistas .
No número
ao que nos referimos realízase unha rendida homenaxe, asinada por Miguel
Martínez de la Riva, dende a revista “que con el nombre de Mondariz hace en el
mundo entero una gran propaganda regionalista” á “colosal polígrafa” con motivo
do seu falecemento dous meses antes (12/5/1921), e reprodúcense dúas notas
autógrafas que entendemos se corresponden coa primeira e última estancia de
dona Emilia en Mondariz. Teñen a curiosidade de estar asinadas nun mesmo día e
mes, aínda que, como é evidente de anos ben distantes.
No primeiro
apuntamento (24/9/1887) escribe a autora de La
madre naturaleza: “Fatigados del recio combate,
venimos pedir a la Naturaleza madre y reparadora que nos dé alivio”.
Trinta e un anos despois a condesa anota da súa man:
En otro tiempo los extranjeros afluían a Santiago de
Compostela, buscando la salud del alma. Ahora, la misma pintoresca confusión de
lenguas, que en las naves dela Catedral de Mateo y Gelmírez resonaba, puede
encontrarse en este Álbum, donde brilla un reflejo de Europa, entre la sombra
verde azul de los pinares gallegos. Acuden de todas partes, pidiendo al agua
maravillosa un poco de vida, un poco de bienestar, el alivio de los males
tenaces e insidiosos.
Era o vinte
e catro de setembro de 1919. “Europa está enferma”, anota un pouco despois dona
Emilia. Quizais se decatase de que ela
tamén.
Publicado en Cousas
de... outono 2021
Ningún comentario:
Publicar un comentario