Contan que,
en 1908, cando tiña mercadas as pasaxes para a outra beira, ofrecéronlle un
traballo que lle atallou o impulso de facer as Américas e asentouno para sempre
no Val de Miñor. Nacera en Ourense; a súa dona procedía dunha abastada familia
fidalga de Eiras (San Amaro), os Tizón.
A encarga
era poñer en marcha as Escolas que promovía a Unión Hispano Americana Valle
Miñor. Fíxoo con brillantez, atrevemento e innovación, creando un dos centros
educativos mellor dotados e organizados entre as moitas e salientábeis escolas
americanas. Dirixiuna entre 1909 e 1923. Cumpriu o mandado, preparar rapaces
para a emigración, con entusiasmo. Adecuou as materias para formar os cativos
miñoráns en contabilidade, mecanografía, hixiene e pulcritude, ademais de
xeografía e historia de Arxentina e do Uruguai. As bandeiras destes dous países
enfeitaban a fachada do modélico edificio escolar deseñado polo arquitecto
vigués Esténs Romero atendendo as indicacións hixienistas do momento e erguido
baixo a permanente e atenta mirada do seu director. Ducias de mozos se
preparaban para emular os éxitos americanos dos promotores da UH-AVM.
En 1923, cesárano
tras un intenso conflito entre as dúas gallas ideolóxicas coexistentes na
sociedade miñorá asentada en B. Aires, ou mellor entre os dous afectos
liderados por cadanseu cabezaleiro. Unha póla, máis liberal, encabezada polo
nigranés M. Lemos; a outra, máis conservadora, segundo as directrices do gondomarés
M. Losada[1]. Ambos de inspiración
rexeneracionista e con distintos graos de entusiasmo españolista. Daquela, Eladio
Ferreiro mantívose fiel á súa vocación, retornou ao ensino público e exerceu na
escola de Borreiros ata a súa xubilación en 1947.
Tratábase
de preparar os mozos para defenderse nos países de acollida ou de educalos para
desenvolver iniciativas no propio país e minguar a enxurrada migratoria? O
proxecto da escola miñorá partía dunha visión da emigración non tanto positiva,
aínda que tamén, senón, sobre todo, inevitábel. Ferreiro salientaba, en 1910, a
“patriótica e proveitosa iniciativa” que predicaba co exemplo poñendo en
práctica “o verdadeiro remedio para salvar os nosos emigrantes desa ignorancia
que os imposibilitaba na loita pola vida”. Dentro destes parámetros debemos
entender que na “Escuela” no só se impartisen as materias citadas, senón que se
seguisen os programas educativos do goberno arxentino sobre os que influíu o
pedagogo ourensán asentado na Arxentina, Ares de Parga[2], inspirador do proxecto
pedagóxico das “Escolas”. Ferreiro sostiña que o costume de emigrar xa existía
e que “ xa que os fillos do Val emigran, que o fagan sequera en condicións de
defenderse”.
As Escolas co tranvía; segunda metade dos anos 20 |
Tantos anos
preparando rapaces para a emigración para rematar magoado por non poder impedir
que tres dos fillos collesen o camiño da outra beira. O máis cativo deles,
Eustaquio, dicíanos que para o pai fora un horror que os seus tres irmáns
maiores marchasen e colleulle tal zuna á “ensinanza comercial”, que a todos os
demais, incluído el, mandounos ao instituto. Aínda así, Ferreiro non puido
evitar que o noso comunicante exercese a súa vida profesional en Nova York.
Unha vez xubilado regresou a Vigo[3].
Era como un
castigo por ter escrito no “Regulamento Xeral”[4] das Escolas que estas tiñan
como propósito inculcar e difundir a instrución e cultura popular nos seus
graos elemental e secundario, lograr un desenvolvemento harmónico das
facultades dos alumnos e espertar neles sentimentos afectivos cara a Arxentina
e o Uruguai.
Se ben
podemos entender esta primeira contradición entre a práctica pedagóxica e os
afectos paterno-filiais, e mesmo abesullar un grao de frustración no noso
mestre, pode sorprender, visto con ollos de hoxe, a contradición entre o
Ferreiro renovador pedagóxico e o Ferreiro social e politicamente conservador.
Mais a perspectiva actual pode ser unha densa tea que dificulta a comprensión dos
tempos idos, en especial cando queremos profundar en traxectorias individuais,
afastándonos de análises xenéricas.
Temos que
situar a acción e o pensamento de Ferreiro na Galicia e no Miñor do arrinque do
pasado século. Unha sociedade que pretendía modernizarse pero, ao tempo, tiña
enormes limitacións para facelo, e a escola, que xunta a reforma agraria eran
as pancas de cambio que reclamaba Joaquín Costa, precisaba de medios e, ausente
o Estado, só os emigrantes podían achegalos.
O ditador Primo de Rivera, con abrigo e bastón, no patio das escolas da UHAVM. Arquivo do IEM |
Neste
contexto temos que explicarnos a contradición entre as anovadoras ideas
pedagóxicas do tecnicamente avanzado mestre, influído pola ILE e Ares de Parga,
e o cidadán conservador, “upetista”, cabo de somatén, concelleiro con Primo,
dirixente do “lerruxismo-emilianista”, ao que lle chiscaran o ollo os mozos
falanxistas, cos que non colaborou. Só é comprensíbel tal contradición no marco
temporal do primeiro terzo do século pasado e condicionada pola propia “ego
historia” dunha familia tradicional, vinculada á fidalguía en declive, que
precisa axeitarse a novos destinos profesionais e preocupada por que a orde
social non se altere en momentos de gran convulsión política, económica e
militar.
Publicado
no suplemento “Coñecer” de Nós-diario 4/12/2021
[1] Losada Carrera, (1927): Vigo y
su comarca: un puñado de verdades. Almería: Lucentum
[2] Malheiro Gutiérrez, (2006): As
escolas de emigrantes e o Pensamento Pedagóxico : Ignacio Ares de Parga e Antón
Alonso Ríos. Sada: Castro.
[3] Entrevista realizada en novembro de 2003. Tiña na altura 81 anos,
faleceu dous anos máis tarde.
[4] Reglamento General a regir en las escuelas de la Unión Hispano Americana
Valle Miñor (1920). Vigo: Tip.
Heraldo-J. Varela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario